Mostrando entradas con la etiqueta El Roto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta El Roto. Mostrar todas las entradas

sábado, 12 de enero de 2019

Defender a Atención Primaria e a Sanidade Pública (I)

Nueva Tribuna
Galicia Confidencial



Nos últimos 35 anos o Estado español potenciou a Sanidade Pública dunha maneira espectacular ata convertela nun servizo exemplar, moi valorado polos cidadáns e modélico para o resto do mundo. Dende a Lei Xeral de Sanidade (1986) houbo un impulso político firme e continuado que permitiu o desenvolvemento dos novos e modernos hospitais públicos e a creación de centenares de Centros de Saúde, antes inexistentes. A mellora da formación pola vía MIR, a creación da especialidade de Medicina de Familia, a incorporación de novas tecnoloxías e a entrega entusiasta de numerosos profesionais permitiron a construcción dun dos mellores sistemas sanitarios existentes. O Sistema Nacional de Saúde (SNS),  sustentado en dous niveis asistenciais, Atención Primaria (AP) e Atención Hospitalaria (AH), demostrou ser moi eficiente e contribúe de forma importante á mellora da vida das persoas.

 Mais todo isto está en risco. Nos últimos tempos as políticas impulsadas dende o poder polo Partido Popular (PP) van encamiñadas a suspender a atención sanitaria como un dereito das persoas para convertela nun negocio. Este gravísimo proceso de extirpación dun dereito para transformar a saúde nunha mercadoría dase en todo o territorio estatal, pero aplícase dun xeito moi intenso e perseverante no noso país. Os severos recortes practicados están a provocar efectos moi prexudiciais.



Galicia incorporouse tarde ao desenvolvemento da AP (decreto de 1993), pois o PP estivo en contra desde os inicios e alineouse sempre cos sectores máis reaccionarios do sector. Pese a todo a sanidade galega e o nivel de AP melloraron de maneira notable nas últimas décadas. Hai 50 anos os médicos pasaban consulta no propio domicilio e a carencia de medios era absoluta. As primeiras promocións de médicos de familia tivemos unha profunda implicación e unha actitude de absoluta militancia que favoreceu a implantación do novo modelo da AP, en contra das resistencias de certos grupos profesionais e do propio goberno do PP.


O goberno progresista (2005-2009) impulsou de forma notable a Sanidade Pública e mellorou o primeiro nivel asistencial (con aumento de recursos, dotación de medios e incremento de persoal). Puxo en marcha un ambicioso plan de mellora da AP que non chegou a desenvolverse pois foi paralizado de inmediato polo PP cando ocupou de novo o poder da Xunta (tamén anulou o proxecto de hospital público de Vigo para impulsar un proxecto privado que provocou e provoca graves disfuncións nesa área sanitaria). Núñez Feijóo é un experto privatizador, coñecedor desde antiguo do negocio sanitario; a eso se dedicou desde o primeiro día: a desmantelar a sanidade pública e a crear espazos de negocio para grupos afíns e as grandes multinacionais do sector (aseguradoras privadas, empresas de tecnoloxía e industria farmacéutica).


En AP, ademáis de suspender a aplicación do plan de mellora tamén suprimiu as Xerencias de AP (que tiñan o seu orzamento e capacidade de decisión propia); foron fagocitadas por unha xerencia única hospitalaria (EOXI), de tal forma que o primeiro nivel asistencial perdeu autonomía de xestión e pasou a ser un apéndice menor dos grandes monstruos hospitalarios. A perda de orzamento, de medios e de persoal foi progresiva e continuada. Non houbo convocatorias de prazas para AP e outras foron amortizadas. Os contratos eventuais do persoal son cada vez máis precarios e degradantes; a Administración maltrata aos profesionais con ensañamento. 

A sobrecarga asistencial é cada vez maior. A aparición de problemas sanitarios pola dificultade de facer unha atención de calidade é evidente. O amoreamento de padiolas nos Servizos de Urxencia é cada día máis ofensivo para a dignidade humana. Hai uns meses morreu un paciente no PAC da Estrada e provocou unha grande alarma social. Hai unha denuncia na Fiscalía polo falecemento de dous pacientes na Urxencia do CHUS (dirixido por unha prima de Núñez Feijóo). A protesta social e profesional comeza a ser máis intensa: hai folga nos PACs e nos Servizos de Urxencias, e unha dimisión en masa dos xefes de servizo de AP en Vigo. Din que non hai persoal para mellorar os servizos. Tamén iso é falso: se convocasen unha oposición presentaríanse cen persoas para cada praza. Pero os profesionais, se poden, fuxen dunhas condicións laborais intolerables.


Nos últimos dez anos a calidade asistencial dos Centros de Saúde sustentouse no esforzo e na entrega de moitos profesionais que agora, no límite da súa resistencia, protestan e reclaman solucións. Ante a alarma social a Xunta responde coa creación de grupos de traballo, integrados por profesionais afíns, aos que encarga o deseño dun novo modelo de AP, dando a entender que o existente non é bó. Realmente non se precisa un modelo novo: o necesario é restaurar o dano causado coas decisións adoptadas por eles mesmos. O actual deterioro non é froito da manifesta incompetencia dos dirixentes. Pola contra, é o resultado dun plan trazado previamente e executado desde o poder político coa complicidade dalgúns profesionais, que colaboraron desde os seus postos de xestión no desmantelamento da AP. Pero aínda é posible recuperar a dignidade: só é preciso un cambio político.


jueves, 31 de marzo de 2016

Povisa tenta pescar nas augas revoltas


A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (II)




Novembro de 2015: A situación de caos provocada polo apresurado traslado dos hospitais públicos (Xeral e Meixoeiro) ao Álvaro Cunqueiro xerou un clima de gran preocupación na poboación de Vigo. O hospital privado Povisa aproveitou o momento para animar aos veciños de Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona, Cangas e Moaña -que viñan recibindo asistencia nos hospitais públicos da cidade-, para solicitar un cambio de hospital de referencia para que fosen atendidos nese centro. O concerto singular asinado entre Povisa e Sergas recoñece a posibilidade de que a poboación destes concellos escolla o seu hospital de referencia no mes de novembro de cada ano de vixencia do citado concerto. O certo é que, ata o momento, o tráfico de pacientes foi en sentido inverso: en 2014 uns cinco mil usuarios de Povisa solicitaron o cambio a un hospital público.



En novembro de 2015 a empresa propietaria de Povisa fixo unha intensa campaña de marketing nos medios para tentar aproveitar o clima de incerteza creado na poboación e recuperar os pacientes anteriormente perdidos. Povisa recibe cada ano case 75 millóns de euros e ten asignada unha poboación de preto de 140.000 persoas ( recibe 535 euros por cada tarxeta asignada); de aí o enorme interese por aumentar esta asignación, a pesar de ser un hospital denunciada en varias ocasións por presentar numerosas eivas na calidade asistencial. É, con moita diferenza, o campión de Galicia no que respecta ás listas de espera. Tamén cómpre destacar que a cantidade que recibe é superior ao canon do HAC (72 millóns anuais) aínda que o número de camas que ofrece Povisa (405) non chega á metade do novo centro (858). 

As plataformas da sanidade pública do Morrazo publicaron un manifesto para denunciar a campaña de Povisa no que afirmaban: "Dende o Morrazo, consideramos que este é un derroche de recursos materiais e humanos sen precedentes. Non recordamos unha campaña mediática e económica tan brutal, como a que estamos presenciando na Area Sanitaria de Vigo e sospeitamos que o seu obxectivo non é outro que puramente mercantil para recuperar as 5.000 cartillas que perdeu o pasado ano". Afirman que Povisa non ofrece a mesma calidade asistencial que os hospitais públicos e que o HAC ten moitas deficiencias por culpa do modelo imposto polo goberno de Núñez Feijoo, pero ese hospital ten que ser recuperado para o dominio público, cómpre reverter a situación e frear a campaña de Povisa, que pretende desprestixiar a sanidade pública para conseguir beneficio propio. 

SOS Sanidade Pública pronunciouse sobre o tema. Recorda que Povisa ofrece moitos menos servizos que o outro hospital. Carece dos servizos de obstetricia, de hemodinámica, de cirurxía cardíaca ou de psiquiatría, ten un 16% menos de camas  e un 30% menos de médicos por cama que o CHUVI. Ten, ademais, 157 días de espera cirúrxica media, fronte aos 65 da media dos hospitais públicos do Sergas, polo que sería unha insensatez que os cidadáns cambiasen a Povisa. Tamén os alcaldes do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña) fixeron unha declaración en defensa dunha sanidade 100% e de calidade e rexeitan que a veciñanza do Morrazo cambie o seu centro de referencia sanitario por Povisa.







jueves, 10 de diciembre de 2015

Desmontando a Sanidade pública: todo atado e ben atado

Nueva Tribuna



Nesta campaña electoral os candidatos non falan da saúde. E deberían. O PP para informar do que fixo cos servizos sanitarios e os demais para pedir explicacións. A sanidade pública é un elemento básico do Estado de benestar; desde que o PP accedeu ao poder sufriu o maior ataque da súa historia. Nestes catro anos aplicaron con rigor unha estratexia destinada a desmantelar o sistema sanitario público para crear espazos de negocio ás empresas afins e ás grandes multinacionais do sector.

A primeira medida nesa dirección adoptouna o PP nada máis chegar ao poder central. En abril de 2012 (tres meses despois da toma de posesión) publicou no BOE o funesto RDL 16/2012 -o que fai sospeitar que ese texto xa estaba escrito cando Rajoy prometía nos mitins que non tocaría a sanidade nin as pensións-. Esa norma introduciu copagos en sanidade, excluíu medicamentos do financiamento e excluíu persoas da sanidade pública: aos inmigrantes e ás persoas que teñen estancias no estranxeiro superiores a 90 días. Este apartheid sanitario é unha decisión inxusta, inhumana, perigosa e inútil: non produce ningún aforro económico e provoca un enorme sufrimento persoal e colectivo -ademais de significar un risco para a saúde pública-. Esta lei atopouse, desde o principio, coa oposición de moitos profesionais -que fixemos obxeción de conciencia-, e de todos os grupos políticos (excepto Cidadáns). O goberno central aplicouse con rigor neste retorno ao pasado. Levounos a un tempo preconstitucional: as persoas xa non temos dereito á atención sanitaria pola nosa condición de cidadáns senón en canto esteamos asegurados. O dereito á sanidade volve estar condicionado pola cotización previa. 



Mentres tanto as CCAA no seu poder continuaron coas políticas xa iniciadas anos atrás: recortes e privatizacións. A disminución do gasto sanitario nas CCAA chegou ao 21% e pasou do 6.8% do PIB en 2008 a representar o 5.9% en 2013. En 2015 o sistema sanitario público ten 55.000 traballadores menos (con menos salario, peores condicións laborais e maior precariedade -10.300 médicos/as e 6.500 enfermeiros/as fuxiron ao extrenjero-) mentres as empresas sanitarias conseguiron manter e ata aumentar os seus beneficios a costa dos orzamentos públicos. Numerosas áreas relacionadas coa sanidade (limpeza, cociña, mantemento, loxística, tecnoloxía, etc) pasaron a mans privadas (en concesións para anos, o que fai máis difícil o seu rescate) e, ademais, xa sabemos -por un informe da FADSP- que a construción de novos hospitais mediante a colaboración público-privada incrementou o custo, o nivel de endeudamento e favoreceu a corrupción; moitos deses centros teñen problemas legais e os novos gobernos das CCAA estudan fórmulas para rescatalos. 

Todas estas medidas non son consecuencia da crise, non son equivocacións nin decisións tomadas en contra da súa vontade: obedecen a unha estratexia deseñada polo PP (en connivencia cos grandes lobbys sanitarios) durante os anos de oposición e aplicada agora con todo rigor en busca dun obxectivo: conseguir que a saúde sexa un negocio e non un dereito dos cidadáns. Por iso, no seu último mes de mandato, o goberno de Rajoy aprobou (procurando pasar desapercibido) tres iniciativas de gran importancia na política sanitaria e que poden condicionar o futuro do sistema público. Aprobaron a desgravación fiscal para os seguros privados (unha medida moi demandada polo sector), asinaron un acordo con Farmaindustria para garantir o gasto farmacéutico ligándoo ao incremento do PIB e recorreron e paralizaron a decisión do novo goberno valenciano de devolver o dereito á atención sanitaria aos inmigrantes sen papeis. O que pretenden con estas decisións é deixar o futuro atado e ben atado -tal como fixo Franco-, para que os próximos gobernantes non teñan máis remedio que seguir o camiño trazado. Haberá que buscar fórmulas para evitar ese destino. A saúde dos nosos fillos e dos nosos netos depende diso. 

 





martes, 26 de mayo de 2015

Sanidade publica ou privatizacións: qué beneficia máis á sociedade?







Hoxe case ninguén discute as excelencias do noso sistema sanitario, nin se cuestionan os seus bos resultados. Pero hai unha salmodia, repetida ata a extenuación polos defensores da privatizacion, que reclama “melloras e modernización na xestión e flexibilización das organizacións sanitarias, para superar a suposta rixidez do sistema e aumentar a súa eficiencia. Nas últimas dúas décadas os centros de pensamento ultraliberal en sanidade (Idis, Bamberg, Sedisa, PwC) xeran argumentarios para reclamar a “reforma” do sistema como elemento necesario para garantir a súa sustentabilidade.

Pero, debaixo destes embustes, o lobo esconde os seus colmillos: o que en realidade buscan é o desprestixio e o desmantelamento dos centros públicos e da actual organizacion (eficaz, eficiente e de calidade aínda que teña zonas de sombra), para provocar unha situación de desorde e descontrol que permita xerar espazos de negocio ás empresas afíns a expensas dos orzamentos sanitarios (que representan o 40 por cento do diñeiro das CCAA). Tal como recordamos no libro “La salud como negocio” pódense definir dúas posicións básicas en relación á política sanitaria e a xestión dos servizos sanitarios públicos: 

Unha corrente progresista que entende a saúde como un dereito e a Sanidade pública como un dos alicerces esenciais do Estado de benestar, e un pensamento neoliberal que considera a sanidade como un negocio e defende que cada cal accederá aos servizos sanitarios que poida costear. Esta corrente sostense nun argumentario elemental baseado en varias falacias: a suposta insustentabilidade do actual sistema sanitario, a utilidade de separar o financiamento da prestación dos servizos, a necesidade de introducir medidas de copago no acceso aos servizos, e a afirmación (errónea) de que a xestión da sanidade privada é mellor e máis eficiente que a pública. 

Pero a realidade é que en política se sostén aquilo que se quere sustentar, e a nosa sanidade está, realmente, subfinanciada. O goberno, no canto de intentar unha maior recaudación -cunha fiscalidad progresiva, e perseguindo a fraude-, decide aplicar recortes severos que afectan ás capas máis débiles da poboación. As externalizaciones e privatizaciones realizadas polos gobernos autonómicos non melloran a calidade dos servizos pero si producen un encarecimiento dos mesmos. O obxectivo final das empresas é repartir beneficios; para realizar a mesma actividade utilizan menos traballadores, con retribuciones máis baixas e emprego máis precario. A calidade do servizo sempre se resente.
Os partidarios do copago defenden a súa aplicación en diversas áreas da actividade sanitaria pola súa capacidade recaudatoria e por considerar que ten un efecto disuasorio, que podería reducir a utilizacion inadecuada dos servizos. A realidade demostra que non conseguen ningún destes obxectivos, e que só serven para cartigar, aínda máis, as depauperadas economías familiares.
Finalmente debemos recordar que as experiencias privatizadoras realizadas (Reino Unido, Valencia, Madrid) demostran que non hai melloría na calidade da atención nin na xestión dos servizos. Ao contrario, as privatizacións supuxeron un enorme aumento do gasto sanitario que levou ás comunidades citadas á bancarrota. Hai numerosos estudos que reforzan a evidencia de que o afán de lucro en medicina entra en conflito coa calidade dos servizos sanitarios. A suposta eficiencia do sector privado baséase, segundo Vicenç Navarro, en medidas como o aforro en persoal -teñen menos persoal e con menor cualificación-, feito que claramente dana a calidade da atención médica.