Mostrando entradas con la etiqueta Galicia borrosa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia borrosa. Mostrar todas las entradas

jueves, 25 de febrero de 2016

O futuro será rural






Estes días estiven relendo as dúas novelas publicadas por Manuel Iglesias Turnes. Na primeira, As rapazas de Xan, recrea con acerto e emoción o mundo dos seus avós, as penurias da aldea e a busca dun futuro mellor nas Américas. No segundo, Que non te aten (Xerais 2016), relata a vida do rural nos tempos de hoxe, protagonizada pola xeración que corresponde á dos seus fillos. Esta lectura fíxome cavilar no moito que cambiou este mundo, que eu coñecín de neno. A mudanza realizada en Galicia nas últimas décadas é abismal. A vida dos mozos de hoxe, para ben e para mal, non ten nada que ver coa dos seus avós.

En Galicia o 60 por cento da poboación vive nas áreas urbanas das sete cidades. Desde 1985 ata hoxe máis de 350.000 persoas abandonaron o campo (0 85% da poboación activa daquel tempo). Houbo moitos que marcharon á emigración; outros foron vivir aos barrios periféricos das cidades. Os seus fillos foron criados no desprezo e rexeitamento do agro; algúns fixeron estudos universitarios, outros traballaron na construción ata que o estoupido da burbulla inmobiliaria os deixou sen traballo e sen futuro.


 Houbo sectores da economía rural que progresaron de xeito espectacular dedicando enormes esforzos a mellorar e modernizar a produción. O mundo do viño está hoxe á altura dos mellores, e a industria do leite tamén avanzou de forma impresionante. Se a mediados do século pasado había máis de 100.000 gandeiros agora quedan menos de 10.000, pero cunha capacidade de produción infinitamente superior e de gran calidade. Galicia produce leite para máis de quince millóns de persoas e sitúase entre as oito rexións produtoras máis importante de Europa. Este proceso, necesario e, se cadra, inevitable naquel tempo tamén provocou vítimas: xente que deixou as terras e a casa familiar, o abandono das leiras e dos montes que quedaron, en moitos casos, improdutivos. Os que puideron facer medrar nas súas explotacións hoxe, mesmo coas ameazas existentes, teñen unha vida mellor. Dos que deixaron todo atrás, moitos están agora sen nada: sen terra, sen traballo, sen futuro.

O territorio e a paisaxe sufriron unha transformación brutal. Foron os anos do feismo (o ladrillo á vista e o cemento por todas partes), da reforestación con piñeiros e eucaliptos, dos agros abandonados invadidos polas silvas e as xestas, da apertura de numerosas estradas e pistas que non levan a ningunha parte, do chaletismo rururbano. Mentres tanto o calendario foise enchendo de festas gastronómicas, as paredes das tabernas adórnanse cos apeiros da labranza e os hórreos convertéronse nun elemento decorativo nos xardíns dos chalés. É a arquitectura do desarraigo, a conversión de Galicia nun parque temático para distracción de turistas e camiñantes (Santiago Lamas, Galicia borrosa). 

 Mais agora ese tempo de medrar sen límite rematou a hai voces autorizadas que alertan dos perigos do futuro. Algúns intelectuais defenden a teoría do decrecemento. Cómpre frear este crecemento sen fin, impulsado polo capitalismo, que xa non serve máis que para agrandar as desigualdades e degradar o planeta. Outros teóricos van un paso máis aló. Advirten da proximidade do fin do petróleo como fonte de enerxía e das severas consecuencias que iso terá se non estamos preparados. O economista Xoán R. Doldán pregunta: “Como cubriremos a demanda básica de alimentos onde se ten renunciado a producilos e onde se producen grazas á importación do petróleo e agroquímicos?”. Prognostica que o futuro será rural, non xa como unha opción, se non como algo inevitable.  Sen caer no catastrofismo o certo é que cómpre prepararse de forma colectiva para cando, tarde ou cedo, chegue ese momento. Do contrario sucederá o que Carlos Taibo chama darwinismo social militarizado, que consistiría en que certos grupos do poder económico e político tentarían acaparar os recursos escasos para fornecer ás elites, da man de proxectos apoiados na violencia.


jueves, 17 de marzo de 2011

O Parque Temático

O último día que estiven na casa de meus pais tentei visitar a balsa do río Alvariña, donde nos bañabamos de rapaces. Non foi posible: unha densa matogueira ocupa os antiguos camiños e impide o acceso á beira da auga. As cortiñas, antes tan valoradas, agora están invadidas pola maleza. No outro lado da ponte, onde estaban os montes da Beria e fértiles terras de labranza, agora vese o asfalto e as farolas dun enorme parque industrial que nunca foi utilizado, ocupado tamén polos toxos e as xestas. É a paisaxe do abandono agrícola e da carencia de desenvolvemento industrial, convertido xa en ruína. Hai moitos lugares de Galicia con esta mesma imaxe: a morte dos camiños, o abandono dos ríos, a destrución da paisaxe. Xa dicía Manuel Rivas que este é un país cheo de conservadores que non son quen de conservar o que paga a pena.
De non poñerlle remedio ese pode ser o noso destino. Galicia fixo mal o tránsito da economía rural á modernidade e tivo unha clase dirixente que non soubo aproveitar as potencialidades desta terra e as súas xentes. De non variar o rumbo podemos atoparnos, en poucas décadas, cunha xeografía de abandono na que só se conservarían determinados elementos como integrantes dun Parque Temático, para o lecer dos visitantes. Marcial Gondar ten advertido deste risco e o psiquiatra Antón Seoane ten descrito o seu pesadelo: "Visitaremos explotacións agrarias, con vacas incluídas. Contemplaranse aldeas abandonadas, reconstruídas á sazón, con lugareños de atrezzo, e haberá unha área adicada ao mundo do mar con naufraxio de cartón pedra...". Tamén Santiago Lamas (Galicia borrosa) describe como o que hai anos era cotián e se perdeu, recupérase agora en forma de folclore e turismo.
Dese xeito, o Camiño de Santiago rexorde desprovisto das antigas motivacións relixiosas, os pazos e mosteiros en ruínas recupéranse para acoller turistas rurais, os hórreos son trasladados como elemento ornamental aos xardíns dos novos ricos, as ferramentas do campo pasan ás paredes das adegas e das casas rehabilitadas, e as celebracións rituais do campo convértense nas numerosas e multitudinarias festas gastronómicas que fan de Galicia o lugar das grandes paparotas. Non estamos lonxe desta visión premonitoria, coa cultura popular convertida nun motivo de atracción turística e o galego como lingua ritual. Algo teremos que facer, para fuxir deste futuro tan indesexable.

Galicia emerxente

Falabamos hai sete días da borrosidade galega e da posibilidade metafórica de que Galicia chegue a ser borrada da xeografía, coa axuda dos actuais gobernantes. Outros autores tamén se apuntan nesta corrente crítica. M.A. Murado afirma no seu libro Outra idea de Galicia que esta terra leva vinte anos con crecemento poboacional negativo e a súa taxa de fecundidade é das máis baixas de Europa. Conclúe: "aínda que improbable demograficamente, a fantasía pesimista dunha extinción absoluta dos galegos diríase que non está tan lonxe". Tamén X.M. Pereiro, nun artigo recente e facendo referencia á política actual, afirma que "Galicia non existe, só cargos coa mesma altura de miras que se gobernasen unha comunidade de veciños".
Máis, feito o diagnóstico, cómpre ollar o panorama con perspectiva e tentar manter o optimismo. Non podemos deixarnos contaxiar polas tendencias autolíticas dos actuais dirixentes. Como decía J.L. Sampedro nunha entrevista "son máis importantes as crenzas que as verdades". É preciso alimentar a confianza no futuro colectivo. O desánimo só serve para crear vitimismo e leva directamente á autodestrución.
Henrique Alvarellos publicou un precioso libro, Galicia en cen prodixios, no que fai un paseo visual por diferentes puntos da nosa xeografía que nos converten en territorio singular: desde o único río europeo que desemboca en fervenza ata o faro máis antigo do mundo. O autor, impresionado polo seu percorrido, afirma: " Galicia é unha terra con claro porvir. Hai futuro, hai luz entre os ceos atoldados das longas invernías". Concordamos con el e podemos afirmar que hoxe Galicia é unha potencia nos sectores da confección, na pesca, na acuicultura, nos balnearios e augas termais, nos viños, na construción naval e na produción de enerxía eléctrica. A pesar dos escépticos existe un empuxe empresarial descoñecido hai anos, e temos unha mocidade máis preparada que nas xeracións anteriores. Contamos, ademais, con xente emprendedora e comprometida na construción do país. Quero nomear aquí a Xosé González e Carmen Pérez Vaquero, que levan anos traballando arreo co obxectivo de regaleguizar Galicia. Forman parte da estirpe dos bos e xenerosos. Son da casta dos imprescindibles que sinalaba Bertolt Brecht. Así pois, como di o propio Pepe de Redondela nunha recente misiva de Nadal: "Non perdamos a ilusión na tarefa común de facer que Galicia sexa cada día máis galega".

Galicia borrada

Na década dos noventa teorizouse sobre o pensamento borroso. Bart Kosko afirmaba que "as cousas, vistas de preto, vólvense borrosas". A lóxica borrosa esixe dispoñer de numerosos sensores que lle estean subministrando información constante ao sistema. "O mundo é borroso, a descrición non" dicía Kosko. Estas teorías teñen importantes aplicacións prácticas nos procesos de intelixencia artificial.
Pois ben, Galicia xa era borrosa desde antes. Así o explica o psiquiatra Santiago Lamas no seu excelente ensaio Galicia borrosa. Aquí temos a nosa propia lóxica: "O mundo é borroso, a descrición tamén". A nosa borrosidade depende dunha permanente necesidade suplementaria de información. Polo tanto, contestar unha pregunta precisa coñecer as intencións de quen a fai. Así lle pasaba ao personaxe dunha historia de Fernández Flórez: chega un home á súa casa; escoita un ruído. Abre a porta e pregunta medoñento: "Quen anda aí?". A resposta do ladrón, galego de pura cepa, é definitiva: "E por aí?". Así somos nós, ou así eramos.
Manuel Rivas reflexionaba hai pouco sobre o risco que Galicia tivo de converterse nun territorio sen lei, dominado polas mafias do narcotráfico, impregnados de corrupción todos os estamentos sociais. Nun tempo recente os nenos de Galicia ansiaban, como máxima aspiración, ser contrabandistas. A actuación heroica dun xuíz e das nais organizadas contra o tráfico da droga que mataba os seus fillos, conseguiu frear a putrefacción, pero sempre quedan secuelas despois de feridas tan profundas. O propio Rivas declaraba, nun artigo recente, que "Galicia non existe".
Máis alá da hipérbole literaria o certo é que o porvir non está asegurado. Estamos nas mans dunha facción que non sente aprecio pola terra. Máis ben, se detectan algunha connotación autóctona ("Puag, aquí cheira a galego") deseguida cambian de lugar. A ocupación do poder político estase a utilizar, na actualidade, para borrar os sinais de identidade do país e para destruír o seu tecido social. Penoso destino o de quen chega a dirixente dunha comunidade á que despreza. Pero máis triste é o futuro desta xeografía, que pode pasar de borrosa a borrada de non mudar a actual estratexia de autoaniquilación. A visión apocalíptica é ben cinematográfica: polígonos industriais baleiros, comestos polas xestas e invadidos polo toxo e, ao fondo, as ruínas do Gaiás, tal como aparecía a estatua da liberdade no remate do Planeta dos simios.