Mostrando entradas con la etiqueta Saúde. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Saúde. Mostrar todas las entradas

viernes, 6 de febrero de 2015

A saúde da mocidade e da infancia


Nueva Tribuna



Non me atrevo a prognosticar como será a saúde dos nosos mozos cando pasen outros trinta anos. Neste mundo tan cambiante e globalizado, dominado polas forzas escuras do mercado, calquera predicción pode ser errónea. (Só me atrevo a predecir que aumentarán, en gran medida, os procesos tendinosos e artrósicos das mans, causados polo uso compulsivo de tabletas e móbiles).

Xa sabemos que a nosa saúde non depende só do sistema sanitario. Todos temos unha predisposición xenética que, en boa medida, condiciona a nosa saúde. Inflúe a contorna e o medio ambiente, e tamén os nosos estilos de vida. Certos hábitos adquiridos por amplos sectores da mocidade actual influirán na súa saúde futura. A tendencia ao sedentarismo, o incremento da obesidade, o uso compulsivo de dispositivos móbiles  -e a cultura da inmediatez-, o consumo de drogas legais e ilegais, a utilización abusiva de fármacos para os malestares da vida cotiá: todos estes factores influirán na saúde colectiva nun futuro próximo. Xa veremos en que medida.

A actual crise sistémica tamén deixará pegada na saúde individual e comunitaria. A competitividade, a extrema esixencia laboral, o deterioro dos empregos e dos salarios, a deficiente cobertura social ante as situacións de precariedade -laboral, económica, familiar ou de saúde-, a dificultade para o desenvolvemento persoal e laboral, a incerteza sobre o futuro persoal e colectivo: todos estes factores, cunha evolución no próximo futuro que ignoramos -porque depende da interacción de múltiples factores e da capacidade da mocidade para opoñerse á opresión do capitalismo especulativo-, influirán na saúde dos mozos no porvir. Depende de todos, e tamén deles mesmos, que podamos construír un futuro mellor.

O que xa é máis preocupante é a saúde e o porvir dos nosos nenos. Un 30% da infancia española atópase en risco de pobreza. A crise e os recortes sociais agravaron unha situación que xa era preocupante hai 5 anos, co 25%. Dos case 20 millóns de nenos europeos en risco de pobreza, máis dun 13% son españois. A pobreza dos nenos depende da pobreza dos pais, “non hai nenos pobres de pais que non o sexan”, afirma Vicenç Navarro, polo que a situación da infancia depende da situación das súas familias -sobre todo das súas nais-. Tamén recorda que a pobreza nos nenos favorece o fracaso escolar, o que ten consecuencias moi negativas para o futuro do país. A malnutrición, as deficientes condicións da vivenda, a desprotección fronte ás inclemencias do tempo e a baixa resistencia ante a enfermidade fai que os nenos pobres teñan máis enfermidades. A pobreza, a falta de coidados e de expectativas representan un severo atentado contra a saúde dos nosos nenos, contra o noso futuro.

Nun informe da Fundación 1º de Maio recórdase que a pobreza infantil está fortemente relacionada coa precariedade laboral, os baixos salarios e a inestabilidade no emprego dos adultos. Os recortes en política social provocan un enorme incremento da desigualdade e un aumento da pobreza en xeral e da pobreza infantil en particular, e fan máis pobres aos que xa o eran. A pobreza non debería ser un camiño sen retorno, pero esta infancia que medra con limitadas expectativas, con escaso apoio social e con dificultade de acceso á educacion e á sanidade poden cronificar a súa situación e ver cegada a súa saída da precariedade no futuro.

Esta situación non é exclusiva de España. Toda Europa, en maior ou menor medida, ten o mesmo problema. Save the Children deu a alerta: a actual crise económica, financeira e social de Europa está creando un aumento da pobreza e a exclusión social infantil en todo o continente. Preto de 27 millóns de nenos e nenas corren o risco de caer na pobreza e a exclusión social. Si queremos defender o noso futuro colectivo teremos que cambiar as políticas para que os nenos, todos os nenos, teñan a posibilidade de desenvolver unha vida plena que lles permita aspirar a ser felices.


sábado, 23 de junio de 2012

A crise, a pobreza e a saúde



As medidas que está a aplicar o actual goberno (adelgazamento do Estado, redución do estado do benestar, destrución da protección social, privatización da sanidade e da educación, precarización das condicións laborais, abaratamento do despido etc.) non van mellorar a vida da poboación. Pola contra, van provocar unha acumulación da riqueza en poucas mans, van reducir a clase media e aumentar de forma notábel a poboación que vive en situación de pobreza e mesmo en risco de exclusión social.

A pobreza está a medrar en España. Segundo datos da “Red contra la Pobreza y la Exclusión Social” (EAPN, nas siglas inglesas) entre 2009 e 2010 un millón de españois sumáronse á cifra total da pobreza ou risco de pobreza: en total 11,6 millóns de persoas. Os maiores aumentos prodúcense en Valencia, Murcia e Cataluña. A cronificación da pobreza é un risco real, mais as medidas que se están adoptando representan pasos na dirección contraria á recomendada.

É obvio que as desigualdades sociais inflúen na calidade de vida dos cidadáns e mesmo na esperanza de vida: unha persoa que se sitúe no 5 % do nivel de renda superior nos EEUU vive vinte anos máis que unha persoa pertencente ao 5 % de renda inferior. Esta diferenza en España é de dez anos, unha das máis altas da UE-15. A sociedade europea tivo, despois da II Guerra Mundial, un elevado nivel de cohesión social. Mais todo mudou nos anos oitenta coa ascensión ao poder de Reagan nos EEUU e M. Thatcher en Gran Bretaña: “o abandono das políticas redistributivas, do keynesianismo e o intervencionismo público tivo como consecuencia un enorme incremento das desigualdades sociais” (V. Navarro).

O nivel de renda ten moito que ver coa saúde da poboación. Mais tampouco o explica todo. Hai un modelo teórico para explicar as diferenzas nos niveis de saúde e na esperanza de vida dos colectivos humanos. A teoría dos determinantes da saúde elaborada por Lalonde (bioloxía, medio ambiente, estilos de vida e sistemas de coidados) defende que as comunidades teñen distintos niveis de saúde en función destes catro elementos. Porén nun traballo do profesor Michael Marmot sinálase que hai outros factores que xogan un papel importante, mesmo superior aos estilos de vida; entre eles está a sensación de poder controlar o traballo e a vida dun mesmo: canto maior sexa a percepción de control da vida, maior nivel de saúde. Por tanto, a renda, a educación, o status social e outras variábeis serían instrumentos para alcanzar esa vivencia de control. Esta sensación preséntase en cada persoa e depende de como se relacione coas outras: canto maior sexa a sociabilidade e solidariedade, mellor saúde.

As políticas ultraliberais, agora imperantes, caracterizadas polo darwinismo social, provocan patoloxía colectiva e deterioran a calidade de vida e a percepción de saúde da maioría da poboación. A énfase na competitividade, a destrucción de protección social, a inseguridade laboral e o desemprego deterioran a saúde e aumentan a mortalidade en todas as idades. A maioría da poboación, que non é pobre nin está excluída, percibe que non ten o control do seu proxecto vital provocando un dano na saúde colectiva.

Por iso son precisas políticas redistributivas que melloren a calidade de vida da maioría dos cidadáns, reducindo as distancias sociais e aumentando a solidariedade e a cohesión. Mais non é así. As políticas de recorte do gasto público poden empeorar a situación dunha franxa importante e crecente da poboación nos próximos anos. A crise económica ten efectos prexudiciais para a saúde. Sabemos, polo coñecemento da historia, que nestes períodos se produce un incremento da maioría das enfermidades, con especial relevancia dos problemas de saúde mental, e un aumento da mortalidade provocada por accidentes e doenzas cardiovasculares, fundamentalmente. Segundo un documento da FADSP (Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública) o 25% dos cidadáns considera que a súa calidade de vida empeorou debido, sobre todo, á redución de recursos económicos e á deterioración da saúde.

O traballo precario, o desemprego prolongado e a incerteza polo futuro laboral provocan unha vivencia de estrés continuado que pode levar ao padecemento de trastornos de ansiedade, insomnio, abuso de alcohol e outras substancias e mesmo provocar disfuncións severas na convivencia familiar. A ausencia dun horizonte vital, o medo permanente a perder o traballo e a dificultade extrema de atopar emprego para quen non o ten, producen unha vivencia de medo ao futuro que deteriora de forma severa a calidade de vida. Tamén está descrito que nos períodos de crise se reduce o rigor á hora de aplicar as medidas de seguridade e hixiene no traballo (e hai máis traballadores dispostos a asumir riscos) polo que xeralmente se produce un incremento das doenzas laborais e dos accidentes de traballo.

Mais os actuais gobernantes, no canto de traballar para mellorar a situación e procurar unha saída aos cinco millóns de parados que hai hoxe en España, semellan empeñados en facer o contrario. Elaboran leis (Reforma Laboral) que parecen orientadas a alimentar o medo e a converter en real o risco do desemprego. De seguir por este camiño teremos, a medio prazo, un sector importante da poboación en situación de pobreza, con problemas de saúde relevantes e con dificultades para acceder aos servizos sanitarios.
(Extracto do libro “A saúde como negocio”, Edicións Laiovento)

lunes, 16 de mayo de 2011

A saúde como negocio (II)

 http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/novo-hospital-vigo/idEdicion-2011-05-16/idNoticia-669372/

O novo hospital de Vigo. Construír os novos hospitais polo sistema PFI (Iniciativas de Financiamento Privado) é máis caro e deteriora a calidade asistencial. Así o demostran as experiencias do Reino Unido, Madrid e Valencia. Pero Núñez Feijoo parou o proxecto do goberno de progreso, que tiña iniciado o procedemento para a construción dun grande hospital en Vigo, referencia para toda a área Sur, con financiamento e xestión públicos e a un custo moi inferior. Dous anos despois, o novo proxecto, de financiamento e xestión privada, foi adxudicado a unha UTE (unión temporal de empresas) constituída por Acciona, Puentes y Calzadas, Altair, Concessia e Ocasa (Obras, Caminos y Asfaltos).
 
O Sergas queda comprometido a pagarlles ás empresas adxudicatarias preto de 72 millóns de euros ao ano durante vinte anos. Ademais estas obterán beneficios pola xestión dos aparcadoiros e outras explotacións comerciais, que o actual goberno lle cedeu tamén á dita UTE. Así aparece reflectido nun excelente informe elaborado pola AGDSP (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública), que conclúe: "O cambio de proxecto incrementa o custo en máis de 1.000 millóns de euros". Unha parte importante dos orzamentos sanitarios pasará, deste xeito, a mans privadas, sen que os cidadáns obteñan beneficio ningún. Pola contra, é previsible un empeoramento da asistencia e da situación laboral dos traballadores. 

A selección da adxudicación realizouna a consultora privada PriceWaterhouseCoopers (PwC), compañía que parece estar inmersa, segundo a AGDSP, "en todo tipo de procesos por delitos fiscais e por actuar con neglixencia en estafas e falsificación de contas de empresas nas que actuaba a dita consultora". Ademais, por se fora pouco, en PwC traballa a filla da xerente do Sergas. Con todos estes precedentes non é posible que PwC poida actuar como garante da legalidade e da ausencia de conflitos de interese

Os propietarios e xestores do novo hospital son un grupo de empresarios e banqueiros con múltiples intereses en xogo e "as empresas construtoras seleccionadas parecen ter intereses cruzados co Partido Popular e están acusadas de prácticas concursais prohibidas". Así pois, non importa poñer en risco a sanidade galega, nin despilfarrar o diñeiro público (coa crise como escusa para usar este sistema) nin deixar hipotecado o sistema sanitario; nin siquera tentan gardar as aparencias. Este goberno semella que só procura favorecer os negocios de grupos afíns. Poñen, de novo, o público ao servizo do privado.

Ver o informe da AGDSP en:
http://misaludnoesunnegocio.net/media/blogs/multimedia/propietarios_hospital_vigo.pdf



miércoles, 11 de mayo de 2011

A saúde como negocio

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/saude-negocio/idEdicion-2011-05-09/idNoticia-667057/

O sistema sanitario é un elemento clave do estado do benestar. En España, ademais, os servizos sanitarios son moi eficientes: a porcentaxe do PIB dedicada á saúde é das máis baixas da contorna mentras que os indicadores sanitarios son dos mellores do mundo. Sitúase tamén como un sector importante da economía, xerador de emprego e de tecnoloxía. Pero hai unha estratexia global, impulsada por potentes grupos empresariais, que tenta desviar cara ó sector privado aquelas parcelas da sanidade que teñen capacidade de producir ganancias. Hai unha intensa presión para abrir a porta e que a banca e as construtoras poidan facer negocio co diñeiro público.

Os gobernantes teñen a obriga de protexer o sistema público. Pero en Madrid e Valencia, onde goberna o PP desde hai anos, hai unha crecente tendencia á introdución dos intereses privados na sanidade. Os espazos de negocio estanse a xerar, de maneira principal, na construción dos novos hospitais a través dun sistema de concesión (PFI: Iniciativas de Financiamento Privado). A empresa concesionaria constrúe o hospital que despois xestiona durante 20 anos, e a administración deberá pagar un canon polo alugueiro das instalacións e polos servizos de mantemento.
Sally Ruane
Trátase dun negocio seguro: unha vez construído o hospital, a compañía privada ten garantido un fluxo de ingresos procedentes do sector público durante dúas décadas. Este sistema comezou a utilizarse no Reino Unido, en tempos de John Major. A economista Sally Ruane asegura que a PFI resulta máis cara que os modelos convencionais e, ademais, distorsiona as prioridades de planificación xa que subordina as necesidades sanitarias aos intereses do capital privado. Afirma rotunda: "Este modelo está deixando nas arcas públicas inglesas deudas millonarias. Está calculado que a construcción de cada hospital pola vía PFI custa tres veces máis que polo modelo tradicional. Os hospitais saen máis caros, as condicións de traballo empeoraron terriblemente, reducíronse os postos de traballo, hai menos servizos para a poboación...Coa privatización, baixa a calidade asistencial”.
Marciano Sánchez Bayle
Hai uns días estivo na Coruña o pediatra madrileño Marciano Sánchez Bayle, un home admirable que leva anos traballando pola sanidade pública. Os novos hospitais de Madrid están xestionados polo sistema de PFI. As súas conclusións tamén son contundentes: os centros sanitarios construídos deste xeito son máis caros, reducen camas e servizos e empeoran a calidade do emprego. Neste negocio só gañan as empresas adxudicatarias; o sector público, os traballadores e os usuarios saen perdedores. Entende Marciano que "a xestión pública da sanidade garante que a atención sexa un dereito, pois a presenza do mercado e dos intereses privados fomenta que pase a considerarse mercancía". Pero hai quen busca precisamente iso: poñer o negocio por diante do dereito á saúde das persoas.
A experiencia indica que este sistema produce incremento do gasto e deterioro da calidade asistencial. Pero, ademáis, a administración pública fica como refén das empresas adxudicatarias. Se non consiguen o beneficio agardado, as arcas públicas serán de novo saqueadas. Así acontece agora en Madrid. As empresas que xestionan os sete novos hospitais, que Esperanza Aguirre inaugurou na lexislatura, reclámanlle 80 millóns de euros máis e o incremento do canon anual en outros 9,2 millóns. Advirten que, do contrario, producirase un “colapso” non funcionamento dos hospitais. A chantaxe é clara. Pretenden, outravolta, desviar diñeiro público para garantir o beneficio privado.

jueves, 17 de marzo de 2011

A ameaza da obesidade

Connor McCreaddie con oito anos xa pesaba 90 quilos. Hai un par de anos os medios de comunicación de todo o mundo fixéronse eco do drama deste neno e da súa familia. O rapaz pasaba os días sentado diante do ordenador e da TV e tragando comida lixo. Sen chegar a unha situación tan extrema o certo é que a obesidade mórbida ameaza, no mundo occidental, cada vez a máis persoas e a idades máis precoces.
¡Que triste paradoxo o deste noso mundo! Dous terzos da poboación sofren de fame e miseria mentres o mundo rico tenta fuxir das doenzas provocadas pola opulencia. No noso contorno a obesidade representa un serio problema que condiciona a aparición doutros moitos, que mingua a nosa calidade de vida e ameaza a nosa lonxevidade. A obesidade non é unha cuestión estética. Pero arredor do sobrepeso ergueuse unha complexa trama económica que persegue o mito da delgadez. Temos que dicilo ben claro: ter dous ou tres quilos de máis non debe preocupar. Pero cando se sobrepasan certos niveis a obesidade é un problema de saúde que, á súa vez, provoca complicacións: hipertensión, diabete, colesterol, artrose, así como doenzas do corazón e das arterias. Cando cómpre baixar de peso non se pode facer en dous días. A batalla contra da obesidade require unha abordaxe a longo prazo e a modificación dos nosos hábitos. O sedentarismo, as présas da vida actual, o estrés e a ansiedade poden favorecer a inxesta excesiva. Pero se un está estresado, na vez de desfogarse coa comida ou co alcol, é mellor facer deporte. O exercicio eleva o nivel de endorfinas e mellora o benestar físico e psicolóxico. Ademais, queima calorías, porque, a fin de contas, o que temos que facer para controlar o peso ten certa similitude cunha conta corrente: se ingresas máis calorías das que gastas, aumenta o saldo.
Moitas persoas buscan remedio nas dietas milagreiras: ningunha delas ten unha base científica sólida, algunhas presentan riscos para a saúde e, ademais, a grande maioría das persoas que perden peso deste xeito recupérano en pouco tempo. Reducir as calorías e aumentar o exercicio: non hai máis segredos para ter o peso controlado. Máis, para iso, temos que asumir a responsabilidade sobre o noso corpo. Se asumimos o control poderemos "rachar a dinámica que leva de non facer nada a gañar peso e de gañar peso a non facer nada" (Valentín Fuster).

martes, 15 de marzo de 2011

A morte digna

No meu exercicio profesional -xa van aló máis de trinta anos-, tiven que acompañar moitas persoas nos seus últimos pasos na vida. Axudar o paciente e a súa familia neste transo é, ao meu ver, unha das obrigas máis importantes da práctica médica. Por iso celebro o anuncio do goberno de que se vai lexislar o dereito a morrer con dignidade, regulando e dando protección a todas aquelas prácticas profesionais que teñen por finalidade aliviar a dor, o sufrimento e a angustia que aparecen, a miúdo, ás beiras da morte. Ás veces, a obstinación dos médicos non axuda a prolongar a vida senón a manter o padecemento da agonía.
Na última década houbo en España intensas polémicas sobre este tema. A morte de Ramón Sampedro e a película Mar adentro provocaron un tenso debate. O caso Leganés, iniciado en 2005 por unha denuncia anónima que acusaba os médicos dese hospital de practicaren sedacións a pacientes terminais de forma irregular, provocou unha grande conmoción social. O doutor Montes e os seus compañeiros foron absoltos polos tribunais de xustiza, pero pasaron un longo calvario, sendo sinalados polos seus acusadores como asasinos e nazis.
Moitos países de Europa xa contan con esta regulación desde hai anos. Andalucía aprobou, o pasado mes de marzo, a súa propia Lei de morte digna. En Galicia tamén se deron algúns pasos: o goberno de progreso elaborou a Lei de vontades anticipadas e puxo en marcha o Rexistro Galego de Instrucións Previas. Tamén impulsou o Plan galego de coidados paliativos (2006), por entender que o sistema sanitario debe mellorar a calidade de vida sen prolongar de xeito artificial a supervivencia máis alá do razoable, dándolles apoio emocional aos familiares e aliviando a dor dos enfermos. Aínda queda moito por avanzar neste terreo, que conta coa tenaz oposición da Igrexa católica e os grupos políticos afíns. No Manifesto de Santander, promovido polo doutor Montes en 2008 e asinado por milleiros de persoas, afírmase que todo cidadán "ten dereito a recibir información veraz sobre a súa doenza, a rexeitar os tratamentos, a limitar o esforzo terapéutico e a elixir entre as opcións dispoñibles, como a sedación terminal". Tamén se reclama a promoción dun debate sobre a eutanasia e o suicidio asistido de persoas que padecen ao final da súa vida, e a pesar dos coidados paliativos, un sufrimento insoportable do que desexan librarse con todas as garantías legais..

Coidar o corazón

Afirma o cardiólogo Valentín Fuster que "non hai no mundo ningunha obra de enxeñería máis perfecta que o corazón". É ben certo. Pode chegar a latexar 100.000 veces ao día, sen parar un segundo, sen desgastarse e sen deformarse.
Como obra de enxeñería está por enriba dun avión, dun telescopio espacial e do máis sofisticado dos foguetes. Por iso é importante coidalo: "pode avariarse se se maltrata, pero se se respecta pode manter intacta a súa capacidade de latexar ata máis alá dos oitenta ou dos cen anos".
Lembremos, ademais, que non hai reposto. Algúns órganos veñen a pares (os riles, os pulmóns...) e podemos seguir cunha vida plena se un deles falla. Pero se fracasa o corazón suspéndese a vida. As avarías do corazón poden ser de moi diversa índole, pero o problema máis frecuente é a cardiopatía isquémica, que se produce cando as arterias coronarias se obstrúen, podendo chegar ao infarto de miocardio.
Cos coñecementos que nos achega a día de hoxe a medicina, o máis importante que podemos facer para manter en forma o noso corazón é combater os chamados "factores de risco cardiovascular". Polo tanto: non fumar, facer exercicio moderado na vida cotiá, dispoñer dunha dieta sa e variada con redución das graxas de orixe animal, evitar o sal e tratar a diabete, no caso das persoas que teñen a glicosa elevada, son os consellos máis axeitados para reducir ao mínimo a posibilidade de padecer un evento cardiovascular.
Hai outros factores que tamén aumentan o risco, pero que non está na nosa man o poder corrixilos: a herdanza xenética, o paso dos anos e o sexo (os homes teñen máis risco en idades precoces).
A día de hoxe isto é o máis sabio que podemos dicir sobre o xeito de coidar o corazón. Cos avances tan notables que se están a realizar, sobre todo no campo da xenética, é moi posible que en poucos anos debamos cambiar o noso discurso se atopamos algún factor, polo momento descoñecido, que sexa o elemento clave para o padecemento coronario.
Lembremos que, ata hai dúas décadas, o paradigma das doenzas psicosomáticas era a úlcera gástrica. O estrés e a ansiedade parecían ser os factores fundamentais. Hoxe sabemos que existe unha bacteria, o helicobacter pylori, que está na base do desenvolvemento desta doenza: trátase polo tanto dunha enfermidade infecciosa.
Pero, no caso do corazón, mentres o coñecemento médico non avance máis, o máis sensato é tentar combater os factores de risco ata agora coñecidos.

A medicalización da vida

Moitos autores teñen alertado, nos últimos anos, sobre a crecente medicalización da nosa vida (Ivan Illich) e os excesos da prevención (Skrabanek). Semella que, no mundo occidental, o progreso da medicina levou a un punto en que se pode abolir a dor, erradicar a enfermidade e prolongar indefinidamente a vida mediante a utilización dos servizos sanitarios e o consumo de fármacos. Chegouse á crenza de que é posible acadar o benestar perfecto e mesmo burlar a morte.
E non é así. A vida humana ten límites e a práctica da medicina tamén os ten. Os sanitarios somos unha profesión de axuda, e o noso obxectivo é apoiar a xente para vivir máis e mellor, máis estamos moi lon- xe de acadar a omnipotencia. Pero a actividade sanitaria ten tamén unha enorme importancia económica e percíbense cada vez máis as presións da industria farmacéutica e de grupos profesionais para "hipertrofiar" as intervencións sobre a saúde das persoas e dos colectivos humanos. A persecución da seguridade en relación coa saúde e a baixa tolerencia ao malestar fai que moitas persoas teñan hoxe en día unha boa "saúde hipocondríaca": uns parámetros biolóxicos perfectos acompañados da angustia permanente polo medo a enfermar.
As estratexias usadas polos lobbies para xerar alarmas en relación coa saúde son moi diversas. Unha das máis usadas é a esaxeración dos riscos. O mal das vacas tolas e a gripe aviar xeraron situacións de pánico global hai poucos anos. O paso do tempo veu amosar que os riscos para a saúde humana eran, por fortuna, ben inferiores ao que se vaticinaba.
É ben recente o caso da gripe A, que provocou pánico colectivo despois da súa aparición en México en marzo de 2009. A OMS puxo en alerta a tódolos gobernos do mundo ante a pandemia que se aveciñaba. Cando o virus comezou a circular polo cono sur deseguida se soubo que se trataba dun virus máis benigno que o da gripe estacional. A pesar diso non se modificou o estado de alerta mundial, producíronse situacións de pánico colectivo, realizáronse actuacións sanitarias innecesarias e custosas e os gobernos gastaron parte dos seus orzamentos na adquisición de antivirais e vacinas que agora deben ser destruídas. Os laboratorios fabricantes acadaron enormes ingresos. Hoxe sabemos que algúns asesores da OMS, que alimentaron o pánico, tiñan evidentes conflitos de intereses pois recibían tamén remuneración desas empresas.

A gripe A: o gran negocio

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/gripe-gran-negocio/idEdicion-2010-02-01/idNoticia-511773/

Na primavera do ano pasado declarouse en México un xermolo de gripe provocado por un novo tipo de virus: a gripe A (H1N1). A OMS puxo en marcha os mecanismos de alerta sanitaria e tentou, nun primeiro momento, impedir o espallamento da infección polo resto do planeta. As medidas de corentena e illamento non foron eficaces e moi pronto apareceron casos en diferentes puntos da xeografía. Dábanse as condicións para a produción dunha pandemia: tratábase dun tipo de virus novo, altamente contaxioso e transmisible entre as persoas. Era preciso alertar as autoridades de tódolos países para controlar a situación sanitaria e minimizar os danos.
O virus circulou polo hemisferio sur e provocou un elevado número de contaxios. Nos primeiros meses do verán xa sabiamos que se trataba dunha doenza benigna que provocaba menos complicacións e menor número de decesos que a gripe estacional. Mais, lonxe de modular a mensaxe, a OMS e os medios de comunicación continuaron a alimentar un pánico colectivo e levaron os gobernos do noso contorno a fornecer dispositivos sanitarios e a facer acopio de fármacos e vacinas, co ánimo de protexer a poboación dun risco que xa se sabía que non era tan severo. Durante meses, a xente viviu presa do medo, os gobernos desviaron parte do seu orzamento para a atención a esta ameaza, e os xornais fixeron un seguimento diario dos afectados. Entrementres, a industria farmacéutica empezou unha tensa carreira para dispor de fármacos antivirais e de vacinas. Chegaron as vacinas cando xa a doenza estaba en remisión. España mercou 37 millóns de unidades e non se utilizaron máis de tres; Francia adquiriu 94 millóns e agora non sabe que facer con tantas doses.
¿Por que razón a OMS non modulou o seu discurso, cando moitos profesionais sabiamos xa da benignidade da doenza e da desproporción da alarma creada? Agora empezamos a saber da forte dependencia da OMS do financiamento da industria, dos conflitos de interese que afectan ao comité de expertos (case todos teñen relacións contractuais coas farmacéuticas). O Consello de Europa iniciou unha investigación sobre a xestión da gripe A. Todo fai pensar que se xerou un alarmismo interesado. É imprescindible que se faga luz sobre este tema e a OMS terá que recuperar o seu prestixio, agora cuestionado, como máxima autoridade mundial en saúde pública.

Saúde e ano novo

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/saude-ano-novo/idEdicion-2010-01-06/idNoticia-503222/

O inicio dun novo ano é un tempo propicio para facer promesas, para marcarse obxectivos, para perseguir cambios na vida persoal. O da saúde é un terreo onde este tipo de propostas se realizan con frecuencia. A primeiros de xaneiro propoñémonos unha serie de tarefas coa pretensión de mellorar a nosa vida e a nosa saúde. Para os que non o teñan claro fágolles a continuación unha proposta, froito de trinta anos de exercicio profesional e dunha demorada reflexión, para acadar unha vida máis saudable. Aló vai o meu decálogo:
1. Non hai que ter présa. No mundo actual temos unha tendencia á aceleración. O contorno urbano márcanos un ritmo afogante, as esixencias da vida moderna lévannos a acumular obrigas que, nalgunha ocasión, poden facernos perder o equilibrio. Así pois, para os adictos ao reloxo: procuren baixar o ritmo, aprendan a levar unha vida máis lenta (movemento slow). Pola contra, aos lentos e pasotas hai que lembrarlles que unha miga de estrés é imprescindible para funcionaren na vida.
2. Debemos procurar unha vida ordenada. O caos e a desorde non son beneficiosos para a saúde. Sempre é favorable manter un certo rigor nos horarios das comidas, do sono, das actividades de ocio e distracción. Esta recomendación debe interpretarse de xeito flexible: tampouco convén caer no TOC (trastorno obsesivo-compulsivo).
3. Convén eliminar os hábitos tóxicos. Do tabaco non se pode dicir nada favorable: causa un prexuízo incontestable para a saúde a curto e a longo prazo. As drogas son todas perniciosas: reducen a liberdade persoal e danan a saúde. O alcohol forma parte dos usos gastronómicos da nosa cultura, pero o abstemio debe conservar esta condición e o bebedor debe ser moi moderado: o abuso do alcohol pode ser moi prexudicial. Tamén debemos fuxir das condutas adictivas. Certas actividades da vida cotiá poden xerar adicción: os xogos de azar, a televisión, a compra compulsiva, internet.
4. Debemos evitar as relacións tóxicas. Somos seres sociais por natureza, a vida non ten sentido en solitario, somos o que somos en relación cos demais. Por iso é preciso saber con quen nos relacionamos, é preciso evitar o caos afectivo. As relacións interpersoais teñen que ser mutuamente positivas: teñen que enriquecer e alimentar a ambas as partes. Se só unha das partes saca beneficio podemos estar diante dunha relación tóxica. Debemos, polo tanto, favorecer as relacións afectivas con quen te valora, te aprecia, te apoia, te anima? E debemos fuxir das relacións parasitarias e fagocíticas: evitar a quen te insulta, te degrada, te manipula, te humilla, te utiliza?
5. É necesario coidar as relacións afectivas. Todos temos unha rede de relacións interpersoais que nos sitúan nesta vida e que lle dan sentido ao propio proxecto persoal. É preciso preocuparse polos demais, saber quen son os nosos, aqueles cos que podemos contar sempre, sobre todo cando as cousas van mal. Porque na vida xorden sempre momentos de crise (rupturas, perdas, frustracións, tránsitos) que poderemos afrontar con maior fortaleza canto máis sólidos sexan os nosos soportes afectivos e sociais.
6. Hai que moverse. O natural do ser humano é o movemento. Os que temos unha vida profesional sedentaria debemos buscar o xeito de facer exercicio. Como mínimo hai que camiñar todos os días. Se é posible tentaremos realizar algún deporte. Todos son válidos segundo as condicións e apetencias de cadaquén. Pero son aconsellables os deportes de grupo, pois é máis doado conseguir a continuidade.
7. Debemos comer ben. Non se trata de comer moito nin de acudir a restaurantes de luxo. Comer ben é comer variado, evitando a monotonía, e conseguir equilibrar inxesta e gasto. Actualmente temos unha dieta con demasiadas calorías, hiperproteica e con exceso de graxas. A consecuencia é a obesidade, epidemia crecente do mundo occidental (triste paradoxo: outra grande parte da humanidade morre de fame).
8. Convén estimular as neuronas. A calquera idade é preciso manter a curiosidade, estar aberto ao mundo e interesado ao que pasa darredor. É saudable charlar, escoitar a radio, ler a prensa diaria (Galicia Hoxe): todo isto mantennos vivos e conectados á realidade. É beneficioso participar en actividades de grupo, colaborar en tarefas colectivas á marxe do nosa estrita obriga laboral.
9. É preciso ter conciencia dos propios límites. Na vida é adecuado marcar obxectivos e procurar acadar certas metas. Pero formular metas inalcanzables provoca inevitablemente a frustración. É preciso ter sentido da realidade e aceptar as limitacións persoais e os condicionantes externos. Tamén cómpre saber que o paso do tempo provoca no propio organismo un desgaste físico: é o que chaman en enxeñería a fatiga dos materiais.
10. "A vida é unha doenza de transmisión sexual que remata sempre coa morte". Esta frase do médico checo Petr Skrabanek resume con ironía o que vén ser a vida dos humanos. Tanto nos afanamos día a día, sen decatarnos de que non é posible eludir o paso do tempo nin burlar a morte. Debemos, pois, procurar unha vida apracible, gozar das pequenas cousas que dan momentos de felicidade. Vivir obsesionados coa saúde (hipocondría) deteriora a calidade de vida e non mellora o noso porvir.