Sete preguntas e sete respostas sobre o anteproxecto de lei do ministro Gallardón.
Revista Luzes
Nueva Tribuna
1. Xestación é o mesmo que vida humana?
En cada exaculación
saen douscentos millóns de espermatozoides. De todos eles só un, de cando en
vez, consigue chegar ao óvulo e fecundalo. Todos os demáis morren polo camiño,
pero ninguen se preocupa por esa perda. Coa fusión dos dous núcleos fórmase
unha nova célula, o cigoto, e comeza
o complexo proceso do desenvolvemento embrionario que rematará co nacemento
dunha criatura despois de nove meses.
Nas primeiras semanas de xestación non
se pode falar dunha vida propiamente humana. Trátase dun conglomerado celular que se desenvolve
seguindo un plan predeterminado: aos tres meses o embrión mide 10 centímetros e
pesa 45 gramos. A lei de prazos vixente
é maioritariamente aceptada; enténdese que máis aló dun momento temporal
concreto xa existe unha vida que pode chegar a conformar un ser humano. Esta é
a visión desde o coñecemento biolóxico.
2. Defensa da vida ou defensa da alma?
Mais a cuestión non
é cando comeza a vida humana desde a perspectiva da ciencia. Porque o
lexislador (neste caso o ministro Gallardón -vexan a súa catadura moral neste enlace-, que ven de presentar o anteproxecto de “Ley de Protección de los
Derechos del Concebido y de la Mujer Embarazada”) sitúase no terreo da
crenza relixiosa: o propio Deus inserta unha alma no útero da xestante no instante mesmo da concepción. O
cigoto ten dereito á vida (por enriba do dereito da muller), por posuir unha
alma que o convirte en humano desde o primeiro momento. Esta instalación no dogma para lexislar ten efectos moi perversos:
impón unha crenza propia a toda a poboación, contempla á muller como unha incubadora e retíralle a capacidade de decidir;
négalle o dereito a dispor do seu corpo
e mesmo pretende obrigala a traer ao mundo fetos con malformacións e
doenzas graves. No ano 2013 naceron en España (coa lei vixente) 3.500 criaturas
con discapacidades severas que son dependentes para toda a vida. Coa lei de
Gallardón haberá máis recén nacidos con limitacións importantes: é unha crueldade
obrigar á vida a estas criaturas mentres lle sustraen ás familias toda axuda e
protección para a súa crianza.
3. Como cambiou a regulación do aborto na historia
recente?
A decisión de abortar é sempre dificil e dolorosa. A interrupción voluntaria do embarazo
(IVE) practícase con baixo risco cando é realizada en condicións
axeitadas. Non sempre estivo regulada e cando se lexislou foi para considerala
unha práctica penalizada. O Código Penal Español de 1822 establecía penas que
podían chegar aos 14 anos de reclusión para os profesionais e ata oito para as
mulleres que abortaran. Durante o franquismo as mulleres pobres abortaban de forma clandestina, sen ningunha
garantía sanitaria e con serio risco para a saúde (no ano 1976 morreron entre
200 e 400 mulleres a consecuencia destas prácticas); as fillas dos ricos iban a
Londres, con indulxencia plenaria, para desfacerse do seu problema. De regreso,
despois da oportuna confesión e penitencia, pasaban a encabezar as
manifestacións antiabortistas impulsadas pola xerarquía da Igrexa e apoiadas
pola dereita máis reaccionaria. Esa dobre
moral e esa conducta hipócrita son
as que o goberno pretende recuperar con esta lei.
4. Cal é a situación actual do aborto en España?
A Lei Orgánica 9/1985 despenalizou o
aborto se había grave risco para a saúde física ou psíquica da embarazada, no
caso de violación e ante a presenza de malformacións do feto. Foi un gran avance, que se consolidou coa Lei Orgánica 2/2010, coñecida como lei de prazos. Esta norma despenaliza a práctica de IVEs durante
as primeiras 14 semanas. Nese período a muller pode decidir de forma libre sobre
a interrupción da xestacion, sen intervención de terceiros na súa
decisión. Tamén sinala que o prazo
aumenta ata as 22 semanas no caso de
graves riscos para a vida ou a saúde da nai e o feto. Esta lei non provocou un
aumento no número de IVEs (como aseguran os seus detrectores), pero sí serviu para garantir o dereito da muller a decidir sobre o seu corpo e a súa vida, e
para establecer unhas condicións sanitarias adecuadas
para estas intervencións. Ampara o
dereito da muller a interrumpir unha gravidez non desexada, pero non obriga a
ninguen a actuar contra das súas conviccions. Esta norma é semellante ás
existentes na maioría dos países do hemisferio norte con lexislacións pouco
restritivas con respecto á práctica de IVEs.
5. Por qué impón o ministro de Xustiza esta nova lei?
Gallardón afirma
que vai cambiar a lei por ser un
compromiso do seu programa electoral. É pouco crible este argumento
cando vemos ao goberno en pleno
incumplir de forma sistemática todas as promesas da campaña electoral. Trátase,
máis ben, da imposición do seu propio
credo relixioso a toda a cidadanía, e tamén pode ser unha estratexia para
centrar a discusión medíatica neste asunto (tan grave e relevante) mentres
continúan co expolio dos orzamentos, coa demolición dos servizos públicos e coa
laminación dos dereitos laborais e cidadáns. Porque non existe unha demanda social para propoñer un cambio lexislativo tan
regresivo. Máis ben ao contrario, hai unha percepción xeralizada de que a
presente lei de prazos é ben aceptada e valorada pola maioría social.
6. É necesaria unha nova lei sobre o aborto?
Un grupo de
profesionais relevantes fixo públicas as súas razóns para defender a actual
norma: é unha lei conforme á
Constitución, que funciona (non houbo incremento no número de abortos), respecta
ás mulleres e a vida en formación. Non fai distinción entre pobres e ricas e
permite que as IVEs se realicen de forma segura e equitativa. Ademáis a
lexislación de prazos é a que máis aplican os
países do contorno europeo e permite compatibilizar a protección do non nacido
co dereito da muller a non continuar cunha xestación non desexada. Derogar esta lei representa un retroceso que nos devolve aos tempos do franquismo e aos
abortos clandestinos. Significa un regreso
da civilización á barbarie. Pero hai quen se está preparando xa para facer
negocio: as clínicas portuguesas que se adican á práctica de IVEs prepáranse
para a chegada masiva de mulleres españolas.
7. Que cambios plantexa a lei de Gallardón?
Co anteproxecto
de lei, que inicia agora a súa
tramitación parlamentaria, a
interrupción da xestación nas primeiras 14 semanas (que representa o 90%
dos casos) xa non será un dereito da muller. Será
delito. Só haberá dúas excepcións: a violacilón e a existencia de perigo
grave para a vida ou a saúde física ou psíquica da muller.
Pero non permitirá
a práctica de IVEs ante a presenza de malformacións
fetais ou doenzas incurables: . “No hay
embriones de primera y de segunda, como no hay personas de primera y de segunda”,
sentenciou o ministro Gallardón, que prefire castigar ás mulleres -e aos fillos con discapacidade grave- a un
destino cruel (en nome dun Deus despótico e sen piedade) na vez de respectar a
súa liberdade para dirixir a propia vida.
Permanece o suposto
do risco para a saúde psíquica da
muller como motivo para realizar unha IVE, pero impón máis esixencias: esta
condición deberá ser acreditada por un informe de dous médicos alleos á clínica
que vaia practicar o aborto. Pero ainda
hai máis: a muller que solicite unha IVE recibirá información sobre
alternativas, axudas á maternidade e riscos da intervención e terá que agardar
sete días antes de decidir. Con esta medida provócanse demoras innecesarias, realizase
unha auténtica coacción sobre a muller
que se ve tratada como unha enferma,
como unha persoa “incapaz” de decidir
por sí mesma, e que debe ser tutelada na súa toma de decisións. Ademáis as mulleres de 16 e 17 anos volverán a
precisar do permiso paterno para poder acceder a unha IVE. Só no caso de
conflito familiar grave podera o xuiz decidir, en quince días, se a moza pode
interrumpir o embarazo non desexado. De novo increméntanse as demoras e provócase
un sofrimento innecesario nunha situación difícil por sí mesma. Este
anteproxecto tamén contempla a obxección
de conciencia de todos os profesionais (sanitarios e non sanitarios) que
participan na realización de IVEs, e establece penas (ata tres anos de cárcere e seis de inhabilitación) para os
médicos que practiquen abortos fora dos supostos legais establecidos na norma.
En definitiva esta
lei é innecesaria e cruel, supón un abuso de poder e representa unha vulneración dos dereitos da muller; supón un retroceso histórico sen precedentes e sen xustificación ningunha, salvo a imposición das crenzas do
ministro sobre os dereitos das/-os cidadáns, só para satisfacer á retrógrada
xerarquía da Igrexa española e aos sectores máis radicais e reaccionarios do
seu propio partido.