A dereita catalana representada por CiU impón políticas semellantes ás do goberno central. Aplicou severos recortes no gasto público e deu apoio a reformas laborais que facilitan o despedimento. Á fronte da sanidade pública situaron a Boi Ruíz, ex-presidente da patronal. As implicacións dos intereses privados na gobernanza do país sobrepasan os límites da ética política. Mais o control dos medios de comunicación públicos e o apoio dos privados permítenlle á Generalitat difundir a mensaxe de que non hai máis alternativas. As medidas aplicadas, para castigo do pobo e dos traballadores, fanas ver como as únicas posibles. O PP utiliza unha estratexia similar no Estado. Hai grandes semellanzas nas súas políticas e nas estratexias de propaganda.
Non podo deixar de pensar na antiga Iugoslavia, un Estado próspero que estaba próximo a incorporarse á UE. A declaración de independencia de Croacia, despois dun referendum en 1991, foi o inicio dunha guerra cruel que se desenvolveu ata 1995, na que morreron 130 mil persoas e dous tercios da poboación foron desplazados dos seus fogares. As feridas ainda están abertas. Todos perderon, mesmo Croacia, a zona máis rica, que pretendía gozar de mais prosperidade coa secesión.
O ano pasado tiven a oportunidade de visitar ese territorio. En Mostar vin xardíns e parques infantís invadidos polas tumbas dos mozos sacrificados naquela guerra. Vin casas destruídas e os impactos das balas nas paredes. Souben que, tantos anos despois, miles de persoas siguen sen fogar e moitos non volveron a cruzar a ponte que separa a cidade en dúas partes. En Split vin unha competición deportiva que enfrontaba a mozos mutilados nun peculiar partido de voleibol. Os fillos do pobo, amputados e arrastrados polo chan, mentres as elites económicas e políticas amasaban fortunas cos negócios da guerra. Agora a xente ten nostalxia dos tempos de Tito, cando todos –sen distinción de credo, relixión ou étnia- tiñan protección social, acceso á educación, á sanidade e á vivenda. Ese tempo xa morreu, sepultado polos morteiros, e non vai volver.
Podemos pensar que a situación política e o tempo histórico non teñen nada que ver. Mais só falta que a agresividade verbal se convirta en violencia física para que a espiral do terror o invada todo. Estes gobernantes que xogan á confrontación radical, de xeito frívolo e irresponsable, deberían actuar con máis prudencia: hai maquinarias que, unha vez postas en marcha, non hai forma de paralas.



