martes, 15 de marzo de 2011

Coidar o corazón

Afirma o cardiólogo Valentín Fuster que "non hai no mundo ningunha obra de enxeñería máis perfecta que o corazón". É ben certo. Pode chegar a latexar 100.000 veces ao día, sen parar un segundo, sen desgastarse e sen deformarse.
Como obra de enxeñería está por enriba dun avión, dun telescopio espacial e do máis sofisticado dos foguetes. Por iso é importante coidalo: "pode avariarse se se maltrata, pero se se respecta pode manter intacta a súa capacidade de latexar ata máis alá dos oitenta ou dos cen anos".
Lembremos, ademais, que non hai reposto. Algúns órganos veñen a pares (os riles, os pulmóns...) e podemos seguir cunha vida plena se un deles falla. Pero se fracasa o corazón suspéndese a vida. As avarías do corazón poden ser de moi diversa índole, pero o problema máis frecuente é a cardiopatía isquémica, que se produce cando as arterias coronarias se obstrúen, podendo chegar ao infarto de miocardio.
Cos coñecementos que nos achega a día de hoxe a medicina, o máis importante que podemos facer para manter en forma o noso corazón é combater os chamados "factores de risco cardiovascular". Polo tanto: non fumar, facer exercicio moderado na vida cotiá, dispoñer dunha dieta sa e variada con redución das graxas de orixe animal, evitar o sal e tratar a diabete, no caso das persoas que teñen a glicosa elevada, son os consellos máis axeitados para reducir ao mínimo a posibilidade de padecer un evento cardiovascular.
Hai outros factores que tamén aumentan o risco, pero que non está na nosa man o poder corrixilos: a herdanza xenética, o paso dos anos e o sexo (os homes teñen máis risco en idades precoces).
A día de hoxe isto é o máis sabio que podemos dicir sobre o xeito de coidar o corazón. Cos avances tan notables que se están a realizar, sobre todo no campo da xenética, é moi posible que en poucos anos debamos cambiar o noso discurso se atopamos algún factor, polo momento descoñecido, que sexa o elemento clave para o padecemento coronario.
Lembremos que, ata hai dúas décadas, o paradigma das doenzas psicosomáticas era a úlcera gástrica. O estrés e a ansiedade parecían ser os factores fundamentais. Hoxe sabemos que existe unha bacteria, o helicobacter pylori, que está na base do desenvolvemento desta doenza: trátase polo tanto dunha enfermidade infecciosa.
Pero, no caso do corazón, mentres o coñecemento médico non avance máis, o máis sensato é tentar combater os factores de risco ata agora coñecidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario