martes, 15 de marzo de 2011

A preparación do golpe

Estes días repasei o libro Anatomía de un instante, polo que Javier Cercas acaba de acadar o Premio Nacional de Narrativa. Trátase dunha reconstrución novelada do intento de golpe de estado, encabezado por Tejero, o 23 de febreiro de 1981. Os que vivimos esa época lembramos o día, e aínda sentimos a tenaza no peito polas consecuencias terribles, persoais e colectivas, que terían sucedido de non fracasar a intentona.
Nun dos capítulos reconstrúe cómo se foi caldeando o ambiente nos meses previos. Porque aquel golpe, que algúns quixeron facer ver como obra dun solitario iluminado, contou co apoio dunha parte da sociedade civil. Relata os preparativos, o aumento da temperatura mediática e social que fixo posible aquel suceso lamentable, transmitido por televisión a todo o mundo e que puxo en grave perigo o futuro deste país e a vida de moitas persoas.
No verán de 1980 a crise, baixo a presidencia de Adolfo Suárez -a quen hoxe se recoñece o seu grande valor histórico-, era cada vez máis profunda. A palabra desencanto púxose de moda. Os medios de comunicación falaban da necesidade dun golpe de lanceta. Políticos, empresarios, dirixentes sindicais e eclesiásticos e os xornalistas: todos esaxeraban a gravidade da situación. Pilar Urbano publicou un artigo en ABC: Todos estamos conspirandoPois iso: conspiraban os xornalistas de ultradereita desde os seus xornais; tamén conspiraban os financeiros e os empresarios; Alianza Popular dicía que a política da UCD non facía máis que empeorar a crise económica e rachar o Estado. Fraga advertía no Congreso, o 19 de febreiro: "Se se quere dar o golpe de temón, o cambio de rumbo que todos sabemos necesario, vannos atopar dispostos a colaborar...". Houbo unha campaña de acoso contra Suárez, na que participaron tamén sectores do seu partido, e dedicáronlle todo tipo de adxectivos: arribista, adulador, ignorante, trilero, pícaro, populista, incapaz.
A fortaleza da nosa democracia é hoxe incontestable. Pero hai maquinarias da sordidez que seguen a traballar. A dereita depredadora deste país practica o acoso contra o goberno actual, sen reparar nas consecuencias, utilizando estratexias semellantes ás de hai trinta anos. Dálle igual se estas manobras nos deixan inermes ante a voracidade dos mercados do mesmo xeito que daquela nos puxeron ante os fusís dos militares..

No hay comentarios:

Publicar un comentario