jueves, 17 de marzo de 2011

Xa pasaron trinta anos

Hai trinta anos eu era un mozo que daba os primeiros pasos na miña carreira profesional como médico. Veño dunha estirpe rural e proletaria e non sabía o que me ía deparar o futuro. Daquela tiña participado na comarca de Barcala, como actor secundario, en diversos proxectos da nacente democracia: na creación dunha asociación cultural, na oposición á instalación dunha celulosa á beira do río Tambre e nas primeiras mobilizacións agrarias. Sobre estes temas publiquei algúns escritos na prensa daquel tempo. O meu amigo Manolo Tuñas lembraba hai pouco esa época no seu blog (plazadocoton.blogspot.com).
Son de carácter pacífico e conciliador. Procuro sempre comprender as razóns dos demais. Pero un día cheguei á casa dos pais e atopeinos moi preocupados. Recibiran un aviso de parte dunha persoa principal da vila: "Calquera día vaivos aparecer o fillo nunha gabia, e nunca se saberá quen lle pegou o tiro". Souben, definitivamente, onde estaba o meu sitio: xusto onde non estean os inimigos da liberdade, fronte ós violentos que utilizan a ameaza e a forza para dominar.
Lembro perfectamente o 23 de febreiro de 1981. Acompañei un amigo a Pontevedra por unha oferta de traballo e, de regreso a Santiago, soubemos da ocupación do Congreso por membros da Garda Civil e da saída dos tanques ás rúas de Valencia. Foi unha noite de temor, por nós mesmos e polo futuro do país. Agora hai voces que frivolizan interesadamente o asunto. "Pero se non pasou nada, todo foi moi teatral", din alguns. Non é certo: había unha trama civil e militar moi elaborada para atentar contra do proxecto democrático. Os feitos foron moi graves: un grupo de militares secuestra o Parlamento e o Goberno empregando as armas e ameazando de morte: "Se hai un apagón, disparen", dixo Tejero.
Non pasou nada pero, de prosperar o golpe, poderían ocorrer cousas moi graves que devolverían o país ás catacumbas do franquismo. Non é posible calcular, cando se produce un pronunciamento violento, as consecuencias que del se van derivar. De seguro que habería violencia, listas negras, mortes, desaparecidos, terror e persecución do contrario. Por fortuna, e pola actuación valerosa de certos actores principais, fracasou o intento de involución e puidemos seguir adiante, na procura dunha vida mellor para todos. No mes de agosto dese ano naceu meu fillo Paulo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario