Un dos investimentos afectivos máis importantes da nosa vida é a elección dunha persoa para vivir en parella, para compartir afectos, ilusións e a crianza dos fillos. Cando, pasado o tempo, alguén chega a decatarse de que, no lugar do amor, non hai máis que desconfianza, desprezo e humillación, a vivencia de fracaso non pode ser máis absoluta. Por iso moitas mulleres maltratadas non son capaces de asumir a tremenda perda que esta situación representa. Chegan a estar avergoñadas polo que lles acontece e a sentirse culpables da situación. Ás veces, cando lles preguntan pola orixe dos golpes na cara, buscan unha escusa. "É que batín coa porta", como no libro de Roddy Doyle.O maltratador adoita ser amable na rúa, pero a vida é un calvario de portas para adentro. A miudo sucede que, despois dunha agresión, se produce unha escena de arrepentimento. A muller queda atrapada neste círculo vicioso, entre o maltratamento e o perdón, a pesar da reiteración desta noria infernal. A tortura pode prolongarse durante décadas, mentres a vítima ve como está cada vez máis atrapada nesta rede perversa. María Tareixa aguantou durante 34 anos as humillacións do seu marido, ata que acabou coa súa vida: malleiras, insultos e abusos, que incluían a filla do matrimonio. Agora acaba de ser xulgada na Coruña por un tribunal popular que, pese a declarala culpable, solicita o indulto, por entender que xa tivo sufrimento dabondo á beira do seu home.
A semana pasada celebrouse o Día Internacional contra da Violencia de Xénero. Hai quen considera que o intenso traballo desenvolvido en España nos últimos anos para combater o maltratamento non está a producir os resultados desexados. Máis cómpre entender que os cambios sociais son lentos e mesmo inapreciables a curto prazo. Pero estamos a camiñar na dirección correcta. Vimos dunha cultura que entendía a vida en parella como unha relación de subordinación e dependencia e estamos a construír, con dificultades, un novo xeito de relación entre iguais que elixen a vida en común para atopar afecto e axuda mutua.Hai anos a muller ofendida e humillada non tiña máis remedio que resistir e calar. Houbo moito silencio arredor do maltratamento. Non é que agora o problema medre; só se trata de que, por fin, esta tortura da vida cotiá se fixo visible. Aínda queda moito camiño por andar, pero xa se deron pasos importantes. Agora o maltratador non goza da impunidade nin da complicidade social.
No hay comentarios:
Publicar un comentario