Mostrando entradas con la etiqueta Véspera de nada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Véspera de nada. Mostrar todas las entradas

jueves, 25 de febrero de 2016

O futuro será rural






Estes días estiven relendo as dúas novelas publicadas por Manuel Iglesias Turnes. Na primeira, As rapazas de Xan, recrea con acerto e emoción o mundo dos seus avós, as penurias da aldea e a busca dun futuro mellor nas Américas. No segundo, Que non te aten (Xerais 2016), relata a vida do rural nos tempos de hoxe, protagonizada pola xeración que corresponde á dos seus fillos. Esta lectura fíxome cavilar no moito que cambiou este mundo, que eu coñecín de neno. A mudanza realizada en Galicia nas últimas décadas é abismal. A vida dos mozos de hoxe, para ben e para mal, non ten nada que ver coa dos seus avós.

En Galicia o 60 por cento da poboación vive nas áreas urbanas das sete cidades. Desde 1985 ata hoxe máis de 350.000 persoas abandonaron o campo (0 85% da poboación activa daquel tempo). Houbo moitos que marcharon á emigración; outros foron vivir aos barrios periféricos das cidades. Os seus fillos foron criados no desprezo e rexeitamento do agro; algúns fixeron estudos universitarios, outros traballaron na construción ata que o estoupido da burbulla inmobiliaria os deixou sen traballo e sen futuro.


 Houbo sectores da economía rural que progresaron de xeito espectacular dedicando enormes esforzos a mellorar e modernizar a produción. O mundo do viño está hoxe á altura dos mellores, e a industria do leite tamén avanzou de forma impresionante. Se a mediados do século pasado había máis de 100.000 gandeiros agora quedan menos de 10.000, pero cunha capacidade de produción infinitamente superior e de gran calidade. Galicia produce leite para máis de quince millóns de persoas e sitúase entre as oito rexións produtoras máis importante de Europa. Este proceso, necesario e, se cadra, inevitable naquel tempo tamén provocou vítimas: xente que deixou as terras e a casa familiar, o abandono das leiras e dos montes que quedaron, en moitos casos, improdutivos. Os que puideron facer medrar nas súas explotacións hoxe, mesmo coas ameazas existentes, teñen unha vida mellor. Dos que deixaron todo atrás, moitos están agora sen nada: sen terra, sen traballo, sen futuro.

O territorio e a paisaxe sufriron unha transformación brutal. Foron os anos do feismo (o ladrillo á vista e o cemento por todas partes), da reforestación con piñeiros e eucaliptos, dos agros abandonados invadidos polas silvas e as xestas, da apertura de numerosas estradas e pistas que non levan a ningunha parte, do chaletismo rururbano. Mentres tanto o calendario foise enchendo de festas gastronómicas, as paredes das tabernas adórnanse cos apeiros da labranza e os hórreos convertéronse nun elemento decorativo nos xardíns dos chalés. É a arquitectura do desarraigo, a conversión de Galicia nun parque temático para distracción de turistas e camiñantes (Santiago Lamas, Galicia borrosa). 

 Mais agora ese tempo de medrar sen límite rematou a hai voces autorizadas que alertan dos perigos do futuro. Algúns intelectuais defenden a teoría do decrecemento. Cómpre frear este crecemento sen fin, impulsado polo capitalismo, que xa non serve máis que para agrandar as desigualdades e degradar o planeta. Outros teóricos van un paso máis aló. Advirten da proximidade do fin do petróleo como fonte de enerxía e das severas consecuencias que iso terá se non estamos preparados. O economista Xoán R. Doldán pregunta: “Como cubriremos a demanda básica de alimentos onde se ten renunciado a producilos e onde se producen grazas á importación do petróleo e agroquímicos?”. Prognostica que o futuro será rural, non xa como unha opción, se non como algo inevitable.  Sen caer no catastrofismo o certo é que cómpre prepararse de forma colectiva para cando, tarde ou cedo, chegue ese momento. Do contrario sucederá o que Carlos Taibo chama darwinismo social militarizado, que consistiría en que certos grupos do poder económico e político tentarían acaparar os recursos escasos para fornecer ás elites, da man de proxectos apoiados na violencia.


viernes, 20 de marzo de 2015

Defender o futuro





Os grupos económicos e os políticos cómplices que dominan o mundo expropiáronnos, en pouco tempo, as conquistas sociais e os dereitos cívicos conseguidos nas últimas décadas, e que criamos consolidados e sen posibilidade de retroceso. Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia) recordou nun discurso recente o principio de “prohibición de retroceso social”, que vulneran reiteradamente os nosos gobernantes. Porque hai unha estratexia global, deseñada nos foros onde cociñan o falso dogma neoliberal -ideoloxía clasista que pretenden presentar como evidencia científica-, e hai actores locais (na política e na economía especulativa) que aplican estas receitas sen pudor, mesmo sabendo o grave dano e o enorme sufrimento que provocan a moitas persoas. 




A xente común temos que organizarnos e defendernos para construír un futuro máis xusto e igualitario que o que están deseñando os facinorosos que dominan o planeta. O que sucedeu nos últimos anos no noso país -e noutras xeografías próximas-, non foi consecuencia dun tsunami -ou calquera outro fenómeno imparable da natureza-. A crise foi provocada pola feroz e implacable avaricia dos codiciosos que se apoderaron do mundo. Eles son -banqueiros, inversionistas, especuladores, xogadores do casino universal-, os causantes da crise, quen agora seguen lucrándose da mesma (xogando coa débeda pública, movendo segundo lles conveña a “prima de risco”, desvalixando as caixas de reserva de diñeiro público). 



A complicidade obscena dos intereses financeiros cos políticos no poder está producindo un empobrecemento xeneralizado, unha desesperanza crecente que afecta cada vez a máis persoas. A mocidade ten unha importante tarefa por diante. O movemento 15-M supuxo un revulsivo para moita xente -nova e non tan nova- desencantada da vella política e dos políticos corruptos. A indignación expresada naquel momento callou en movementos sectoriales moi activos (preferentistas, plataformas contra os desafiuzamentos, as mareas da educación e a sanidade, etc), e en grupos políticos que recollen cada vez máis apoio da cidadanía. 



 Hai cada vez máis conciencia de que as políticas impostas empobreceron as nosas vidas e ensombrecen o futuro. Cada vez é máis visible o muro que están levantando entre os que manexan o mundo e os que son cada vez máis pobres, cada vez é máis evidente a crecente desigualdade social que nos conduce a un mundo de señores e servos. Hai unha preocupación crecente pola contorna e polo coidado da saúde do planeta; hai grupos que reflexionan e actúan para procurar a soberanía alimentaria e a sustentabilidade da nosa vida futura; hai mozos que plantexan o retorno ao medio rural e outros que reflexionan sobre o peak oil, un futuro -próximo- sen petroleo (Véspera de nada). Cada vez hai máis persoas que perciben a necesidade de implicarse na acción social, xa que as políticas dominantes prexudican a nosa vida e a dos nosos descendentes. Toda esta enerxía hai que unificala para construír unha alternativa forte, que free o dominio actual das forzas da cobiza dedicadas ao saqueo.