J.
D. Cubillo expón a súa obra pictórica no Sporting Club Casino da Coruña
(Rúa Real, 83) do 15 ao 30 de abril. “As
cores do ferro” é o título co que o autor denomina a súa propia obra,
froito de dous anos de intenso traballo no seu estudo; con esta exposición
inicia unha nova etapa na súa traxectoria, que se volve menos figurativa e máis
conceptual e abstracta. Nas súas exposicións anteriores centraba a súa pintura na
reprodución de materiais de laboratorio, terras abatidas, paisaxes mineiros,
construcións industriais e complexos metalúrxicos. Con esta exposición abandona
eses temas e territorios e centra a súa mirada en novas temáticas.
Jesús Cubillo,
salmantino nado en 1943, é médico de profesión. Formouse na Universidade de
Salamanca e especializouse en Neuroloxía e Psiquiatría. Exerceu a súa profesión
como psiquiatra en varios hospitais
desde 1971 ata 2011, ano en que se xubilou. No hospital da Coruña, onde
traballou estes últimos anos, é unha figura ben coñecida e moi respectada polo
seu bo facer profesional. Home de gran cultura sente paixón por dous campos ben
distintos á súa profesión: a química e a pintura. A isto último dedícase intensamente
na actualidade.
A súa dedicación á
pintura iniciouse na mocidade; nos anos de Universidade participou en varias
exposicións colectivas de pintores universitarios, e en agosto de 1980
participou na Bienal Internacional das Artes Plásticas de Pontevedra. A súa primeira exposición individual
realizouna en febreiro de 1981 na sala da Caixa Postal de Aforros da Coruña. O
crítico de arte Fernando Mon escribiu naquela ocasión no Ideal Galego sobre a
súa obra: “A pintura de Cubillo é dona dunha recia textura, con masas,
rugosidades e equilibrios conceptuais que a singularizan ampliamente. Non só
domina as formas, senón a cor, que alcanza a xusta medida da coherencia formal.
Pintura, en suma, moi estimable e de ampla comunicabilidade”.
Pasaron bastantes anos
ata a súa seguinte exposición individual. En novembro de 2008 expón a súa obra
pictórica na sala de Portas Ártabras baixo o título “Naturezas mortas, construccións e paisaxes”, integrada por unha
treintena de pinturas con diversos motivos entre os que destacaban as
composicións con material de laboratorio de química, matraces, vasos, crisois,
construcións industriais e paisaxes de territorios mineiros.
En abril de 2013
regresa a Portas Ártabras con novas obras que expón baixo o título “Novas naturezas mortas, construccións e
paisaxes”. Presenta unha treintena longa de pinturas de material de
laboratorio, complexos siderometalúrxicos, altos fornos, poboados minieros, pozos e castilletes.
A exposición actual, “As cores do ferro”, -do 15 ao 30 de abril no Sporting Club Casino da Coruña- recolle o esencial da súa
obra dos dous últimos anos. Significa unha ruptura coa liña anterior e, dalgún
modo, un retorno ao tipo de pintura dos anos 1979 a 1981. Máis afastada da
figuración e con maior énfasis na cor e a textura, tamén incorpora o que
Fernando Mon chamou no seu día “materiais
extrapictóricos” que, nesta ocasión son, ademais de madeiras, pezas
metálicas máis ou menos oxidadas; todo iso unido á utilización preferente de
pigmentos constituídos por óxidos e hidróxidos de ferro, que dan título á
mostra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario