Mostrando entradas con la etiqueta folga na sanidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta folga na sanidade. Mostrar todas las entradas

viernes, 29 de marzo de 2019

O maltrato da Atención Primaria e da Sanidade Pública en Galicia





Galicia incorporouse tarde á implantación no novo modelo de Atención Primaria (AP). O decreto que desenvolve a AP no Estado é do ano 1984, mentres que o que inicia a implantación dos Centros de Saúde en Galicia non se publicou no DOG ata 1992. Foron decisións políticas as que provocaron esa demora. O partido gobernante (PP) aliñouse sempre cos sectores máis reaccionarios da sanidade. A pesares do retraso e das numerosas resistencias profesionais e políticas hoxe Galicia conta cunha AP implantada en todo o territorio, con Centros de Saúde modernos e ben dotados e con profesionais ben formados para prestar unha atención sanitaria humana e de calidade a toda a poboación. 

O maior impulso da AP realizouno o goberno progresista (2005-2009), que fixo unha aposta política por potenciar a sanidade pública e por impulsar a AP como eixo central do sistema sanitario. O goberno presidido por Pérez Touriño aumentou o orzamento dedicado a AP, convocou oposicións e incrementou o número de profesionais; tamén realizou un notable esforzo en dotar os Centros de Saúde de medios para incrementar a capacidade resolutiva. Nas Xerencias de AP integráronse profesionais moi competentes e comprometidos co sistema público. Este impulso, froito da decisión política, veuse truncado coa toma do poder polo PP.

Núñez Feijóo coñece ben o negocio sanitario (acompañou a Romay –o impulsor das fracasadas fundacións sanitarias- na Consellería de Sanidade e no Ministerio) e tamén é un convencido privatizador: no seu paso pola dirección  de Correos (2000-2003) dedicouse a privatizar dito servizo público. Así que as decisións políticas adoptadas nos últimos dez anos non son froito do azar ou da incompetencia senón dun plan deseñado para converter a actividade sanitaria nun negocio para que se lucren uns poucos, mesmo a costa de desmantelar un sistema público de boa calidade e de maltratar aos seus profesionais e aos pacientes, que son, ao final, os máis prexudicados.

A paralización do Plan de Mellora, o desmantelamento das Xerencias de AP (XAP) para integralas nas xerencias hospitalarias (EOXI) -que converteron a AP nun apéndice menor dos hospitais-, a eliminación de Áreas Sanitarias (a Lei de Saúde do PP suprimiu catro áreas, pasando de once a sete: así os hospitais comarcais perderon autonomía de xestión): todas estas medidas van orientadas na mesma dirección. Hai unha clara intencionalidade política de desmantelar a AP e de concentrar o poder e o control dos orzamentos nos grandes hospitais, dirixidos por xerentes próximos ao poder político.
Núñez Feijóo afirma na prensa que é un defensor da sanidade pública. Pero a vontade política, cando se exerce o poder, non se expresa nos medios senón no DOG e nos orzamentos. E o desenvolvemento lexislativo e a asignación orzamentaria demostran todo o contrario. O propio conselleiro ven de admitir que os fondos para equipar centros de saúde "non existiron" durante anos. As políticas impostas polo PP en Galicia na sanidade van encamiñadas a converter a saúde nun negocio. Despois dunha década a poboación comeza a percibir o deterioro asistencial, que non é maior polo compromiso e o esforzo dos traballadores, que tentan manter a calidade asistencial a pesar da precariedade e da carencia de medios. 

Hai unha enorme indignación entre os profesionais, que se senten castigados polas decisións deste goberno. A protesta dos traballadores dos PACs, a mobilización d@s profesionais precari@s, a dimisión en masa dos xefes de servizo de AP de Vigo: todas estas son expresións do crecente malestar profesional. O goberno respondeu a estas protestas coa creación dun “grupo de expertos” que elaborou unha lista de propostas que non pretenden máis que maquillar a situación, e presentou un modelo de contrato para os eventuais que só serve para “estabilizar” e manter a precariedade. O reclamo non serviu para nada. Os profesionais non picaron nese anzol. Porque as solucións reais non pasan por medidas dese tipo. Cómpre restaurar en profundidade o dano causado, recuperar as XAP, incrementar o orzamento da AP ata o 25% (hoxe non chega ao 12%)  e dotar de profesionais e medios aos Centros e PACs para que poidan traballar con dignidade e ofrecer unha atención de calidade. 

Un columnista en La Voz de Galicia (cómplice principal da Xunta do PP) advertía aos “incautos” traballadores da sanidade que este non é un conflito sanitario senón político. Que non se deixasen enganar. Pois claro que estas protestas teñen unha clara intencionalidade política, igual que as decisións do goberno que degradan o sistema público e maltratan aos profesionais. A Coordinadora Galega de AP (CGAP) ten convocada unha folga para os días 9, 10 e 11 de abril que, con toda certeza, vai ter un amplo seguimento. Cómpre que a poboación perciba que os principais afectados polo deterioro da AP son os propios pacientes. A sanidade do futuro dependa das mobilizacións de hoxe. 





lunes, 19 de octubre de 2015

Hospital Álvaro Cunqueiro: a gran estafa



Nueva Tribuna
Praza Pública
Galicia Confidencial



O día 3 de setembro de 2015 celebrouse en Vigo a manifestación máis multitudinaria que se recorda na cidade. Duascentas mil persoas protestaron polas deficiencias do novo hospital (que debería ser público, como tiña aprobado o goberno progresista de Galicia, pero que Núñez Feijóo entregou  a unha concesionaria -para a construción e posterior xestión-  e que foi inaugurado, despois dun proceso cheo de irregularidades, co nome do escritor Álvaro Cunqueiro). “A xente non quere un hospital privatizado e recortado”, afirmaban os organizadores, que reclamaban, polas múltiples deficiencias e irregularidades, o inicio dun proceso de rescate desta concesión.  Esta manifestación xa estaba prevista deste antes do verán, para reclamar “un hospital 100% público, sen recortes de camas e cun laboratorio central”, que debería ser o centro de referencia para o sur de Galicia.

O traslado de pacientes desde o Hospital Xeral ao novo centro, iniciado poucos días antes, debería ter rematado nos primeiros días de setembro. Pero, xusto o día anterior á manifestación, unha muller de 65 anos faleceu no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) afectada polo fungo Aspergillus. Poucos días antes un informe preliminar confirmaba a proliferación do mesmo fungo -que en 1998 provocara a morte de seis persoas no Meixoeiro-. A Consellería defendeu que o contaxio non se producira no novo hospital. Pero as análises microbiolóxicas revelaron a existencia de Aspergillus , polo que suspenderon temporalmente os ingresos de pacientes e pecharon as zonas cirúrxicas, a UCI e outras unidades sensibles.

 
Os expertos afirman que a presenza de Aspergillus nun centro hospitalario debe ser nula. “Comezar os traslados antes de que concluísen as obras era innecesario, pero realizar as análises no último momento foi unha temeridade“, afirmaba un facultativo. Esta situación, provocada polas presas da Administración para realizar este traslado (a empresa concesionaria quere comezar a cobrar o canon pactado), obrigou a devolver os pacientes ao Xeral e provocou unha nova demora. O sindicato médico CESM presentou unha denuncia na Fiscalía de Vigo contra a Conselleira de Sanidade por posible homicidio imprudente, ao  ter permitido o traslado de pacientes antes de que rematasen as obras e sen adoptar medidas preventivas especiais.

A gravidade desta situación, que provocou unha enorme alarma social, deixou nun segundo plano as múltiples deficiencias que veñen denunciando os profesionais e os pacientes.  As dificultades nos accesos ao Hospital, o pago polo aparcadoiro (1.86 euros por hora, o máis caro de Galicia), o déficit de equipamento, a presenza de roedores, a caída de cachos do teito, a deficiente calidade das paredes que impide colocar equipamentos, a ausencia de lavabos en quirófanos e consultas, as inundacións de corredores, a existencia de pingueiras, a diminución do espazo para Urxencias, a redución dos quirófanos: todos estes déficits fan que o proxecto estrela de Núñez Feijoo se converta nun tremendo fracaso e nunha burla á cidadanía. 

A primeiros de outubro foi cesada a conselleira Rocío Mosquera; podemos interpretar este cese como un triunfo da mobilización cidadá. Pero a realidade é que non cambia a política. Galicia está sendo castigada con medidas privatizadoras que levan á precarización dos servizos públicos. A inmensa débeda que este goberno ten coa cidadanía non queda reparada con esta decisión. Máis ben ao contrario; podemos sospeitar que será Núñez Feijóo quen asuma, aínda máis, o protagonismo no terreo sanitario. E xa sabemos que é un convencido e experto privatizador.

Mentres tanto, con absoluto desorde, reiniciaron o traslado de pacientes e de actividade ao HAC. E as noticias sucédense. O persoal protesta polas numerosas incidencias: a mediados de setembro fixeron un relato público, moi impactante,  das deficiencias e riscos para os pacientes e profesionais que presenta esta infraestructura, que non estaba preparada para o traslado. Os celadores fixeron un peche para protestar porque as súas funcións foron asignadas a persoal externo contratado por medio dunha ETT. A primeiros de outubro a falta de material obrigou a cancelar a operación dunha persoa enferma de cancro. A mediados deste mesmo mes produciuse a rotura dunha condución de augas fecais na área de Urxencias, probablemente polas deficiencias dos materiais empregados na construción. 

A preocupación da poboación aumenta, causada pola contínua sucesión de anomalías, que non fan máis que prolongar a alarma. Os profesionais tamén expresan o desacordo. A folga de traballadores realizada o 13 de outubro tivo un seguemento do 90%, segundo a Xunta de Persoal. Nunha mobilización masiva denunciaron a incompetencia dos xestores, reclamaron a dimisión dos responsables e solicitaron a restauración dunha “sanidade pública e gratuíta”.  O cambio de caras non abonda para acalar as protestas. O novo conselleiro, Vázquez Almuiña, enfróntase a unha herdanza envelenada. Os cidadáns non poderán esquecer que, por decisións políticas e por afán de lucro, os dirixentes do PP están a poñer en risco a saúde colectiva, ademáis de deixar unha severa hipoteca para o futuro da sanidade pública galega. Este hospital, que Núñez Feijoo presentou como o gran proxecto do seu mandato presidencial, xa deixa ver ás claras o que é na realidade: unha gran estafa.




miércoles, 4 de diciembre de 2013

Un paso máis na privatización sanitaria


En Praza Pública
En Nueva Tribuna


O día dous de decembro o PP aprobou no Parlamento galego, cos seus propios votos e a oposición dos demáis partidos,  unha lei de gran relevancia para o futuro da sanidade neste país. A Lei de Garantías  de Prestacións Sanitarias establece que o Sergas non poderá demorar máis de dous meses para unha intervención cirúrxica nin máis de 45 días para unha consulta externa ou proba diagnóstica. Esta esixencia é imposible de cumprir.  As políticas impostas polo PP na sanidade (reducción orzamentaria, eliminación de prazas, supresión das quendas de tarde etc) incrementaron as listas de espera de xeito notable. As demoras actuais están moi por enriba dos límites marcados (40 días en cirurxía e 8 en consultas). 

Se non é posible cumprir estes prazos tan estrictos (máis rigorosos que os sinalados na lei anterior), cal é a razón para que impoñan unha norma coma esta? Porque é a excusa perfecta para enviar masivamente os pacientes aos centros privados -que levaban un tempo preparándose e agardando por esta disposición-. Como os servizos públicos non poderán dar resposta ás demandas que se xeren os pacientes poderán reclamar ser atendidos nun hospital privado. A lei aborda outras cuestións, mais o cerne da norma é iste: a partir de agora a derivación masiva de pacientes aos centros privados vai ter cobertura legal. O portavoz do PP  afirmou que se trata da norma máis importante desta lexislatura, pero os partidos da oposición consideran que  reforza a privatización da sanidade galega. “Un arma de destrucción da sanidade pública”, chegaron a afirmar no tenso debate parlamentario no que o PP aplicou a súa maioría absoluta de forma aplastante. 

Esta lei, que pretenden presentar como positiva para os usuarios, é moito máis que unha manobra de marketing político. Trátase dunha medida fraudulenta, que da prioridade ao negocio privado sobre o beneficio dos cidadáns, e leva dentro unha gran carga de profundidade que pode incrementar o deterioro dos servizos públicos mentras fai inxeccións económicas crecentes nos hospitais privados. Xa advertiu o Consello Económico e Social que non será posible reducir os tempos de espera sen incrementar os recursos. Esta utilización crecente dos centros concertados  “supón un cambio cualitativo que impulsa un sistema mixto primando a aportación da sanidade privada”. Neste terreo, igual que noutros moitos, seguen os pasos de Madrid, que levou a sanidade pública á ruína e o caos mentres aos centros privados médranlle as contas de resultados.

Esta noticia, importante para os cidadáns e de consecuencias severas para o futuro próximo, non foi destacada polos xornais, que adicaron as páxinas principais, con grande aparato tipográfico, á consulta telefónica. Trátase de que os pacientes poidan chamar ao seu médico de cabeceira para resolver asuntos de  saúde que non necesiten a presenza física. Desta maneira o Sergas plantexa despachar 11.000 consultas diarias. Publicitan como novedoso este sistema que os médicos utilizamos a diario sen precisar dun proxecto específico para a súa execución. Trátase de usar o sentido común, ter boa disposición terapéutica e ánimo de axudar. Mais o Sergas ven de adxudicar un contrato millonario a Telefónica (28 millóns de euros para os próximos tres anos) e pretende, con esta campaña publicitaria, xustificar semellante desembolso. Teño a convicción de que a coincidencia de ambas noticias non é un feito casual.

As medidas privatizadoras continúan, agora xa sen disimulo, e a sanidade galega atópase nun momento crítico. Se non hai unha resposta dos cidadáns e dos profesionais chegará un día, moi próximo, en que o perdido xa non poderá ter retorno. Os próximos días 9 e 10 de decembro hai convocada unha folga na sanidade pública. Sobran os motivos.