jueves, 22 de enero de 2015

A hepatite C e a industria farmacéutica

En Nueva Tribuna


Cando escribimos estas liñas os afectados pola hepatite C (de 400.000 a 900.000, segundo sexan as fontes utilizadas) levan varias semanas mobilizados (marchas, peches, concentracións, manifestacións) para reclamar unha correcta atención a esta doenza. A demanda principal vai dirixida a reclamar da Administración o acceso a través da Sanidade Pública a un fármaco (Sofosvubir, de nome comercial Sovaldi), que é presentado polo laboratorio que o comercializa (Gilead) como a auténtica panacea. O gran problema estriba en que este medicamento, que non é tan milagroso como afirman, pretenden vendelo por 25.000 euros (mentres o custe de produción é arredor de 115 euros, para un tratamento de doce semanas) o que o fai inasequible para as economías particulares e moi custoso para a Sanidade Pública. Cómo se chegou a esta situación? Fagamos un breve repaso.


De que medicamento se trata?

O Sovaldi é un medicamento que Gilead lle mercou por 11.000 millóns de dólares ao laboratorio Pharmasset –que investira 62 millóns de dólares na súa investigación-. Gilead presenta Sovaldi como a píldora milagrosa capaz de curar a máis do 90% dos afectados, en menos tempo e con menos efectos secundarios. Mais resulta sospeitoso saber que é ese laboratorio o único que posúe todos os datos dos ensaios clínicos sobre  a eficacia e seguridade do mesmo. Eses son os informes que Gilead presentou á Axencia Europea de Medicamentos (EMA) e son os que tamén facilitou ás asociacións de afectados que están, parcialmente, financiadas por este laboratorio. Así pois, é a propia empresa a que ten a información, que subministra á Administración e aos propios pacientes de xeito sesgado, xerando unha expectativa de curación masiva e unha lóxica demanda colectiva por parte dos afectados. Realmente o Sovaldi é unha molécula que inicia unha vía terapéutica nova pero que, segundo os expertos, pronto poderá ser superada. Mais non se fixo, aínda, unha avaliación externa e neutral para saber se esta terapia é superior ás existentes. En calquera caso o prezo do fármaco é inxustificable. A farmacéutica Gilead conseguiu un acordo co goberno español (PP) para comercializar o Sovaldi a un prezo de 25.000 euros (unas 200 veces o seu custo de produción). É difícil atopar información transparente a este respecto por parte do Ministerio de Sanidade que tampouco facilita unha información fiable aos profesionais sanitarios nin aos afectados, ao tempo que raciona a súa administración. Este segredismo e este racionamento son os que provocaron a “rebelión” dos afectados aos que o laboratorio promete unha curación total con ese medicamento.



Gilead, a gripe aviaria e o Tamiflu

Gilead é un fondo de investimento controlado por grupos de capital risco como Capital Group –segundo maior accionista de Bankia-, os bancos Santander e BBVA, a empresa Inditex, o laboratorio Griffols e a compañía eléctrica Endesa. Este fondo de investimento tivo no consello de administración a personaxes como Donald Rumsfeld e George Schultz, que estiveron entre os promotores da desgraciada guerra de Iraq.

Esta compañía. que posúe fortes vínculos co goberno dos EEUU, ten un historial moi polémico. No seu día elaborou o Oseltamivir (o famoso Tamiflu), un antiviral que foi presentado como o remedio necesario ante a gripe aviaria primeiro e, nunha segunda ocasión, fronte á gripe A. Gilead vendeulle o fármaco a Roche e ámbolos dous laboratorios fixéronse de ouro coa venda deste produto a distintos gobernos despois de que conseguisen xerar un estado de alarma global ante o risco dunha pandemia severa que podía provocar unha gran mortaldade na poboación. Ningunha das dúas pandemias chegou, por fortuna, a provocar os danos anunciados, os gobernos gastaron grandes cantidades de diñeiro público para facer acopio do antiviral (que logo foi destruído ou enviado ao Terceiro Mundo) e o Tamiflu demostrou ser ineficaz e con máis efectos secundarios dos anunciados. Pasados os anos todos nos decatamos que se tratou dunha enorme estafa colectiva, dun fraude masivo que, que eu saiba, aínda non foi castigado polos tribunais de xustiza.



A mobilización dos afectados


A estratexia desenvolvida daquela ten certas similitudes coa actual: presentan o produto como a panacea necesaria, xeran unha demanda por parte da poboación afectada e impoñen un prezo abusivo que, despois de aprobado polo goberno, non chega aos afectados. A mobilización destes, doídos pola falta de información e polas trabas da Administración para o tratamento dos afectados, levou a que o Ministerio de Sanidade, se cadra de acordo con Gilead, creara unha Comisión de Expertos para elaborar un Plan Estratéxico contra a hepatite C. Unha decisión gobernamental que nace baixo sospeita xa que tódolos membros desta comisión teñen algún tipo de relación coas grandes multinacionais farmacéuticas, con predominio da empresa Gilead, o que cuestiona definitivamente a súa independencia.



Poboación afectada

Gilead ten présa en vender un medicamento que lle  custou miles de millóns de euros, en primeiro lugar porque existe incerteza sobre a eficacia do fármaco. A prestixiosa revista Prescribe –allea aos intereses da industria farmacéutica- publicou recentemente que, se ben Sovaldi supón unha mellora no tratamento da hepatite C, segue sendo mínima a súa avaliación clínica, e tampouco está clara a súa seguridade. Diferentes axencias avaliadoras advirten que a seguridade deste produto é descoñecida, dado o pouco tempo transcorrido dende a súa aprobación e os escasos resultados publicados sobre os seus efectos adversos.En segundo lugar, a empresa pode perder a patente. Cómpre saber que a Oficina de Patentes da India –país pioneiro na fabricación de xenéricos a baixo custo- negoulle a Gilead o monopolio de Sovaldi por considerar que realmente “aporta pequenas modificacións dunha molécula utilizada dende hai algún tempo no tratamento do VIH”. E, en terceiro lugar, porque esta enfermidade irá en declive, debido a que a maioría dos enfermos graves de hoxe son persoas que teñen entre 50 e 70 anos de idade,  nacidas no chamado baby boom, e apenas existen enfermos menores de 30 anos con hepatite C. 
 

Algunhas propostas

A importancia e a gravidade do problema debería levar á toma urxente de decisións que beneficien aos pacientes:

1º. Facer público, de xeito inmediato, toda a información dispoñible sobre os resultados habidos en pacientes tratados con Sovaldi –taxas de curación, efectos secundarios, mortalidade asociada-.

2º. Crear unha comisión realmente independente que avalíe toda a información científica dispoñible sobre este fármaco, defina os pacientes que o precisan así como as prioridades no tratamento e os custes económicos –os fixados por Gilead son realmente inasumibles sen que se produzan enormes desaxustes no gasto sanitario público-. Non é admisible que se deixe   sen o tratamento necesario aos pacientes -este o calquera outro-,  por razóns económicas, debido aos recortes no gasto público que está a facer o goberno do PP.

3º. Explorar todas  as posibilidades de abaratar custes, incluíndo a súa fabricación como xenérico, como xa se decidiu na  India e na súa área de influencia.

Tratase de poñer as necesidades dos pacientes por diante dos intereses mercantís dunha industria farmacéutica que conta demasiadas veces coa complicidade de gobernos corruptos e insensibles.


(Agradecementos: A Luísa Lores, Manuel Martín e Javier Peteiro, polas súas apartacións).


sábado, 17 de enero de 2015

O crecemento da desigualdade


En Galicia Hoxe




O economista francés Thomas Piketty, no seu famoso libro “O capital no século XXI”, analiza o crecemento da desigualdade no mundo occidental. Estivo por aquí estes días pasados e afirmou que España é a demostración do fracaso das políticas de austeridade. Tamén expresou o seu desexo de que o previsible cambio político traspase as fronteiras para contribuír a “á refundación democrática de Europa”. Vicenç Navarro xa advertira nos seus escritos que, en contra do que afirman os dogmáticos neoliberais, as desigualdades teñen un impacto negativo no desenvolvemento económico, e que “a concentración da riqueza e o empobrecemento dos traballadores son a causa da gran recesión e o baixo crecemento”.



Pero o certo é que a desigualdade crecente pode xerar situacións de severo conflito social. Nas dúas décadas previas á crise, desde EEUU a España, na maioría das economías avanzadas a etapa de expansión non serviu para distribuír mellor. Non só houbo un maior crecemento na remuneracion do capital fronte á do traballo, senón que se ampliou a brecha nesta última. Mais desde 2008 a desigualdade medrou de xeito brutal. En España, o país europeo onde máis aumenta a desigualdade, as empresas que operan nos mercados do luxo son as que máis aumentan as súas vendas . O mercado español do luxo é o noveno maior do mundo, e España segue a China como o país onde hai máis novos ricos. É unha realidade obscena: o número de milmillonarios duplícase durante a crise mentres a desigualdade alcanza niveis extremos en todo o mundo. As vinte maiores fortunas españolas aumentaron a súa riqueza en 15.450 millóns de dólares entre 2013 e 2014 e posúen hoxe tanto como o 30% máis pobre da poboación. Pero esta concentración da riqueza en poucas mans non revierte en beneficio da poboación (desmentindo a hilarante “teoría do derramo" defendida polos neocom): Os ricos levan o diñeiro fóra, non cotizan nin invisten no país: as sociedades dos altos patrimonios prefiren a Bolsa sobre a renda fixa, e as accións estranxeiras fronte ás españolas.


Este reducido grupo de ricos rentistas e xogadores do casino da especulación universal provocan un gran sufrimento a millóns de persoas, danadas pola súa inmensa avaricia. Están afectados pola síndrome de Dióxenes (nunca cesan no seu afán de acaparar), e pola síndrome da invulnerabilidade (na súa inmensa insensatez, chegan a pensar que mesmo poden esquivar a morte). Botín exclamaba enfático, dous meses antes de morrer: “Chéganos diñeiro, moito diñeiro: entran cartos por todos os lados”. Esas inmensas cantidades de diñeiro inútil (agochado, furtado aos poderes públicos e ao beneficio colectivo) poderían evitar moito sufrimento, moita enfermidade e miles e miles de mortes prematuras. Pero non existe esa vontade. As organizacións facciosas que gobernan o mundo non teñen o menor desexo de cambiar o rumbo. Ruiz-Gallardón, o que foi ministro de Xustiza con Rajoy, afirmou que “gobernar é repartir dor”. O inversionista americano Warren Buffett (a terceira fortuna mundial segundo a revista Forbes) dixo: “Hai unha guerra de clases e estámola gañando os ricos”. 
Todo o demais son danos colaterais. 
Todos os demais somos individuos prescindibles. 


 


viernes, 9 de enero de 2015

Chegar a vello


En Nueva Tribuna
En Praza Pública



Hai trinta anos, cando traballaba en Estepona (Málaga),  publiquei un libriño titulado “Como llegar a viejo”. Agora, xa próximo aos sesenta, podería escribir cousas distintas porque teño a vellez máis próxima, pero o escrito daquela non perdeu a súa validez. Naquel entón prevalecía a consigna da OMS que pretendía “engadir anos á vida e engadir vida aos anos”. O obxectivo era construír unha vida saudable que nos permitise chegar a idades avanzadas con autonomía e coa capacidade de gozar dunha vida plena. Hoxe eses criterios cambiaron.

Agora prevalece o discurso do FMI, que considera a lonxevidade como un “risco financeiro”, polo que aconsella aos Estados e ás compañías aseguradoras que prolonguen a idade de xubilación, que aumenten as cotas dos seguros e reduzan os niveis de protección. En resumo: hai que traballar toda a vida -cada vez por menos diñeiro- e morrer pronto para evitar a creba das empresas de seguros. É tal a desfachatez desta organización (dirixida nos últimos anos por Rodrigo Rato, Dominique Strauss-Kahn e Christine Lagarde, todos imputados por motivos diferentes) que se atreve a facer público este discurso tan obsceno. Conseguir unha vellez plena e unha xubilación gozosa debería ser un obxectivo principal de calquera sociedade xusta. As políticas de protección social conseguiron que teñamos unha esperanza de vida elevada; as políticas de recortes impostas ao amparo da crise farán, con toda seguridade, que esta esperanza de vida se reduza. 

Os da miña xeración tivemos o privilexio de participar na construción dunha sociedade máis xusta e próspera. Aquela España insana e miserable da ditadura franquista camiñou, durante décadas, cara unha sociedade máis igualitaria, grazas ao esforzo e ao traballo solidario de moita xente. Non foi un agasallo do franquismo senón o resultado da loita social. Ben é certo que, xa entón, houbo quen se dedicou á especulación e á rapiña, á fraude e á corrupción. Estas bandas organizadas infectaron a vida pública, roubaron o diñeiro de todos e teñen envelenada a convivencia social. A mocidade terá que romper con todo isto, ten que expulsar da vida pública aos corruptos e impoñer regras de xogo e sistemas de vixilancia que impidan a propagación desta vileza.

Porque non é obriga dos mozos pensar na vellez (horizonte tan afastado, que chega tan pronto), pero si teñen o deber de protexer e mellorar o Estado de benestar que tanto custou construír ás xeracións precedentes e que agora a maquinaria infernal do capitalismo especulativo quere eliminar, para destruír unha sociedade de cidadáns libres e solidarios e substituíla por unha sociedade de castas con escravos sometidos ao traballo.

martes, 30 de diciembre de 2014

A loita pola igualdade de xénero: dous mundos



En Nueva Tribuna
En Praza Pública


Os avances conseguidos nas últimas décadas en relación coa igualdade de xénero foron moi importantes. Durante o século XX a loita das pioneiras feministas permitiu conquistar dereitos elementais (voto, divorcio, aborto, estudos) que antes excluían ás mulleres. No ámbito da educación os datos son claros: seis de cada dez licenciados universitarios na UE son mulleres -aínda que nos consellos de dirección a súa presenza é aínda marxinal-.

Michelle Bachelet
“Por que as mulleres aínda non podemos telo todo?, preguntábase Anne Maríe Slaughter (alto cargo no goberno de Obama) nun artigo publicado en 2012. Porque en realidade a igualdade non pode ser só un asunto formal, senón que debe trasladarse á vida cotiá. É aí onde debe concretarse que homes e mulleres se relacionan e viven como iguais. No mundo da política, da economía e no ámbito profesional aínda queda moito terreo por conquistar. Aínda queda moita tarefa para superar a inercia de séculos de patriarcado. Michelle Bachelet (presidenta de Chile) fala de traballar no que denomina “política da presenza”: aquela política de acción afirmativa que promove a incorporación ao espazo da política a suxeitos ou grupos discriminados. Pero tamén advirte que a historia non é lineal: “nada nos asegura que os pasos dados só serán seguidos por máis pasos cara adiante; xa temos visto que son posibles os retrocesos”.

Iso é o que pretendeu facer o goberno de Rajoy por medio do cesado ministro Gallardón. Desde o seu sillón de mando no Ministerio de Xustiza quixo impoñer unha lei do aborto que representaba un gravísimo paso atrás na historia, un retorno á barbarie e un atentado contra as mulleres e o seu dereito á autonomía e a saúde. Este político que, no seu día, soubo crearse unha imaxe de moderno, pretendía expropiar o dereito da muller a decidir sobre o seu corpo e a súa vida. Esta lei, innecesaria e cruel (Gallardón chegou a afirmar que é tarefa do gobernante “repartir dor” ), só tiña unha xustificación: impoñer as crenzas do goberno sobre os dereitos das/os cidadáns, e dar satisfacción aos radicais do PP e da xerarquía eclesiástica. As numerosas movilizaciones e o clamor colectivo conseguiron frear a lei. Rajoy cesou ao ministro e anulou o trámite lexislativo cando percibiu consecuencias negativas na inclinación do voto. Nesa decisión non hai convicción senón cálculo. O risco segue aí: as forzas da caverna seguen á espreita desexando volver atrás na historia, aos tempos da dominación e a desigualdade.



Pero todo isto sucede na parte do mundo onde as cousas van mellor. Porque hai outra metade do planeta onde as mulleres loitan, simplemente, por sobrevivir, por fuxir da explotación, da fame, das ablacións, dos burkas, das violacións e dos matrimonios forzados nos anos da infancia. A metade das mulleres do mundo son pobres. Viven cada día en condicións de discriminación en canto a dereitos, identidade, saúde ou educación. En moitos lugares do mundo nacer muller é unha desgraza. É como vir ao mundo cunha tara de fábrica. Nas zonas de conflito crónico pode ser máis perigoso ser nena  ou muller que ser soldado. Lola Huete relata, nun artigo, testemuños desgarradores. Ekra A.K. de 30 anos, de Costa de Marfil, chegou aos suburbios de Rabat (Marruecos), no seu camiño cara a Europa: “Que fas para poder vivir?”, pregúntalle a Ekra. Ela responde: “prostituírme”. Esa é a vida de moitas mulleres que carecen de futuro. A escala mundial, unha de cada tres mulleres sofre violencia sexual ou física nalgún momento da súa vida; a pobreza é demasiadas veces o caldo de cultivo para estas atrocidades. Lakshmi Puri , directora axecutiva  de ONU Mulleres, advirte que “a pobreza ten cara de muller: hai unha crecente feminización da pobreza, tamén nos países desenvolvidos. A trata  e o tráfico de mulleres converteuse, xunto ao da droga e as armas, no “negocio” internacional máis lucrativo. Vinte millóns de vítimas, mulleres e nenos, son unha mercancía coa que trafican os indesexables e obteñen ganancias obscenas.




martes, 23 de diciembre de 2014

A saúde da muller en tempos de crise






 
Todo o que era sólido está en risco. Os dereitos laborais, a sanidade e a educación, a protección dos parados, os discapacitados e os dependentes: ao amparo da crise -que eles mesmos provocaron-, os voitres da especulación financeira e os seus cómplices da política están procedendo a unha expropiación dos nosos dereitos cívicos. Hai intereses poderosos empeñados, con axuda dos seus sicarios políticos, “en desbaratar o modelo de benestar social europeo, de modo que a saúde, a educación, as pensións e os servizos públicos se convertan  en fabulosas posibilidades de negocio” (Muñoz Molina ). Neste contexto podemos preguntarnos si a crise afecta de xeito desigual á saúde das mulleres. 


Os datos indican que en España se está producindo un retroceso na igualdade de xénero. Nun artigo recente dous expertos da Escola Andaluza de Saúde Pública destacaban que “as taxas de actividade e de emprego son menores en mulleres que en varóns, as mulleres cobran menor salario polo mesmo tempo traballado, dedican máis tempo ás tarefas domésticas e son as principais coidadoras das criaturas e as persoas dependentes nos fogares”. Consideran que o desemprego, a precariedade, os recortes na protección social (gardarías, educación, pensións, atención a dependentes) afectan de xeito desigual a mulleres e varóns. A responsabilidade do coidado das familias recae habitualmente sobre as mulleres. E o 49% das mulleres que coidan a persoas con limitación da súa autonomía ocúpase diso en solitario. Neste contexto, os recortes na atención a persoas dependentes e ás súas coidadoras, afectarán de xeito desigual a homes e mulleres. A cronificación desta situación terá un profundo impacto, en diferido, sobre a saúde colectiva e especialmente na saúde das mulleres. 

O que parece claro é que a crise provoca enfermidade. E produce angustia. O paro, as dificultades relacionadas coa vivenda, as penurias materiais e a incerteza polo futuro sitúan a un grupo crecente de persoas en situación de desamparo. Hai estudos que reflicten un empeoramento da saúde mental e ata un aumento dos suicidios (no crack de 1929 suicidáronse banqueiros e inversores saltando dos rañaceos; agora suicídanse as vítimas mentres eles continúan  o seu enriquecemento obsceno). Os expertos detectan un incremento dos casos de depresión, de ansiedade e de consumo abusivo de alcohol. O uso de psicofármacos tamén se disparou. As dificultades para conseguir emprego e para facer fronte á hipoteca aumentaron os trastornos de saúde mental . E parece que hai elementos dabondo para sospeitar que a crise afecte máis ás mulleres que aos homes. 


Ana Botella inaugura o Rastrillo
Con este panorama resulta desolador comprobar como as respostas a esta situación desesperada veñen dadas por aqueles que a provocaron e mantéñena no tempo. Luísa Lores, nun excelente artigo, revélanos que o Banco de Alimentos está vinculado ao gran capital e controlado pola Fundación Lealtad: “o padroado desa Fundación fórmano a construtora OHL, o presidente de Bankinter, o Banco Santander, Mutua Madrileña, Inditex, Telefónica e PwC. Boa parte dos presidentes dos bancos de alimentos de España están vinculados ao Opus Dei". As empresas e os bancos, que actúan con voracidade contra os traballadores e as clases desfavorecidas, aparecen agora (aliados co sector máis reaccionario da Igrexa), como almas caritativas que traballan contra o infortunio (mentres conseguen substanciosas desgravacións fiscais). 

Aguirre e Botella, caritativas
Así se completa o círculo depredatorio. Eliminan o Estado de benestar, exprópiannos dereitos consolidados e substitúen a xustiza pola caridade. Pasamos de cidadáns a súbditos e deberiamos estar agradecidos pola xenerosidade dos poderosos, que nos aportan a súa protección. Quédanos, tamén, o "Rastrillo del Nuevo Futuro, onde a aristocracia mestúrase co artisteo para exhibir o seu corazón magnánimo. Ese é o mundo que queren recuperar os actuais gobernantes. Un mundo antigo baseado en relacións de dominio: o pobo dominado polos poderosos, a muller baixo o dominio do varón. A ese mundo quérennos regresar e teremos que impedirllo. Entre todos e todas. 

Rastrillo Nuevo Futuro 2011