Mostrando entradas con la etiqueta austericidio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta austericidio. Mostrar todas las entradas

sábado, 17 de enero de 2015

O crecemento da desigualdade


En Galicia Hoxe




O economista francés Thomas Piketty, no seu famoso libro “O capital no século XXI”, analiza o crecemento da desigualdade no mundo occidental. Estivo por aquí estes días pasados e afirmou que España é a demostración do fracaso das políticas de austeridade. Tamén expresou o seu desexo de que o previsible cambio político traspase as fronteiras para contribuír a “á refundación democrática de Europa”. Vicenç Navarro xa advertira nos seus escritos que, en contra do que afirman os dogmáticos neoliberais, as desigualdades teñen un impacto negativo no desenvolvemento económico, e que “a concentración da riqueza e o empobrecemento dos traballadores son a causa da gran recesión e o baixo crecemento”.



Pero o certo é que a desigualdade crecente pode xerar situacións de severo conflito social. Nas dúas décadas previas á crise, desde EEUU a España, na maioría das economías avanzadas a etapa de expansión non serviu para distribuír mellor. Non só houbo un maior crecemento na remuneracion do capital fronte á do traballo, senón que se ampliou a brecha nesta última. Mais desde 2008 a desigualdade medrou de xeito brutal. En España, o país europeo onde máis aumenta a desigualdade, as empresas que operan nos mercados do luxo son as que máis aumentan as súas vendas . O mercado español do luxo é o noveno maior do mundo, e España segue a China como o país onde hai máis novos ricos. É unha realidade obscena: o número de milmillonarios duplícase durante a crise mentres a desigualdade alcanza niveis extremos en todo o mundo. As vinte maiores fortunas españolas aumentaron a súa riqueza en 15.450 millóns de dólares entre 2013 e 2014 e posúen hoxe tanto como o 30% máis pobre da poboación. Pero esta concentración da riqueza en poucas mans non revierte en beneficio da poboación (desmentindo a hilarante “teoría do derramo" defendida polos neocom): Os ricos levan o diñeiro fóra, non cotizan nin invisten no país: as sociedades dos altos patrimonios prefiren a Bolsa sobre a renda fixa, e as accións estranxeiras fronte ás españolas.


Este reducido grupo de ricos rentistas e xogadores do casino da especulación universal provocan un gran sufrimento a millóns de persoas, danadas pola súa inmensa avaricia. Están afectados pola síndrome de Dióxenes (nunca cesan no seu afán de acaparar), e pola síndrome da invulnerabilidade (na súa inmensa insensatez, chegan a pensar que mesmo poden esquivar a morte). Botín exclamaba enfático, dous meses antes de morrer: “Chéganos diñeiro, moito diñeiro: entran cartos por todos os lados”. Esas inmensas cantidades de diñeiro inútil (agochado, furtado aos poderes públicos e ao beneficio colectivo) poderían evitar moito sufrimento, moita enfermidade e miles e miles de mortes prematuras. Pero non existe esa vontade. As organizacións facciosas que gobernan o mundo non teñen o menor desexo de cambiar o rumbo. Ruiz-Gallardón, o que foi ministro de Xustiza con Rajoy, afirmou que “gobernar é repartir dor”. O inversionista americano Warren Buffett (a terceira fortuna mundial segundo a revista Forbes) dixo: “Hai unha guerra de clases e estámola gañando os ricos”. 
Todo o demais son danos colaterais. 
Todos os demais somos individuos prescindibles. 


 


lunes, 13 de enero de 2014

Aumenta a desigualdade

En Praza Pública
En Galicia Confidencial



En Italia o 7% das familias vive na miseria e o 13% gaña menos de 990 euros ao mes; en só dous anos duplicouse a taxa dos que admiten pasar privacións. En Reino Unido, nos seis longos anos de crise, o número de persoas que precisa axuda de institucións benéficas multiplicouse por vinte. En Grecia está o 27% da poboación en paro, o 35% nos bordes de pobreza e a exclusión mentres o 30% da xente non ten acceso á sanidade pública. España retrocedeu tres lustros en benestar e renta respecto á media europea; o número de persoas atendidas por Cáritas pasou de 370 mil a 1.3 millóns; é o segundo país europeo no que máis medrou a desigualdade desde 2007. Ainda podemos aportar máis datos: o 26% da poboación activa está no paro; morreron máis de 200 mil empresas; é o país europeo no que máis baixaron os salarios; dous millóns de familias non teñen ningun ingreso, e os máis novos e preparados fuxen na busca dun futuro mellor. Un estudo publicado por Eurostat advirte que o grao de benestar de España está agora moito máis lonxe da media europea (un 92%) e non semella que, a curto prazo, deixe de menguar. 


Todo parece indicar que a Unión Europea xa non é un proxecto social: está parasitada polos poderes económicos que teñen as institucións secuestradas e postas ao seu servizo. Diante da crise global, que eles mesmos provocaron, os omnipotentes mercados impuxeron as súas receitas aconómicas, que provocaron a socialización das perdas (pagamos co noso diñeiro as débedas dos bancos) e fixeron xogos malabares coa prima de risco e outros indicadores para xustificar o saqueo das arcas públicas, a laminación do Estado de benestar e a suspensión dos dereitos laborais e civís. A clase politica é cómplice destas actuacións: está invadida de “cabalos de Troia” que traballan ao servizo do capital, sen reparar no grave dano e no terrible sofrimento que están a provocar en capas cada vez máis amplas da poboación. Moitas persoas de clase media, que vivían sen quebrantos nin inseguridades hai seis anos, agora apretan o cinto e teñen cada vez máis dificultades para chegar a fin de mes. Resulta aterradora esta caída masiva no desamparo; é preocupante observar a intensidade e a rapidez deste empobrecemento xeral. 


As medidas políticas impostas desde o poder foron sempre na mesma dirección: salvar e apoiar aos poderosos e empobrecer aos pobres. Na vez de aplicar unha fiscalidade progresiva  -de xeito que os que máis teñen sexan os que máis contribúan á recuperación global- e perseguir aos grandes defraudadores (o 94% das empresas do Ibex, que evade impostos en paraísos fiscais), aplicaron o austericidio: castigos rigorosos sobre os traballadores, os enfermos e os pensionistas. “He pedido mucho a los españoles, pero el tiempo se lo devolverá con creces”, dixo Rajoy nunha recente comparecencia. Pero é que, para moita xente, xa non hai tempo. As graves dificultades económicas das familias e a falta de perspectivas de futuro están a provocar situacións de auténtica desesperación. A desigualdade destrúe a cohesión social, é corrosiva: “corrompe a las sociedades desde dentro”, decía Tony Judt. A política está desprestixiada a e democracia, como mellor forma de goberno, está sendo cuestionada.


Joaquín Estefanía lembraba nun artigo que as medidas impostas pola troika, que subestimou o impacto da austeridade na vida da xente, baseáronse nun informe do FMI que, tempo despois, demostrouse que tiña graves erros metodolóxicos. Pero hai un debate aberto: cómpre saber se as receitas aplicadas estiveron equivocadas (foron erros) ou se son sinxelamente falsas (manipulación ideolóxica). É moi probable que os impulsores destas medidas non tiveran en conta as consecuencias do austericidio (paro, empobrecemento masivo, mortandade de empresas...) xa que tiñan claro o obxectivo: “favorecer una determinada agenda, favorable a una distribución regresiva de la renta y la riqueza”. 


Tamén sinala Vicenç Navarro nun artigo que as enormes desiguadades de Españaestán basadas en la excesiva influencia de la banca y la gran patronal sobre el Estado; su abusivo poder sobre el Estado es la mayor causa de la pérdida de legitimidad de la democracia”. Tamén recorda que o 20% da xente máis rica posúe máis renta que o 60% da poboación: ese 20% é o que domina a vida política e mediática no país. Cómpre darlle a volta a esta situación. As políticas do PP están a levar a moitas familias a situacións de desesperación. A cidadanía ten que ser capaz de dar unha resposta. É preciso canalizar o descontento da gran maioría e revertir a situación actual. De non ser así a pobreza e a desigualdade seguirán sendo unha ameaza para cada vez máis persoas, que ven cegado o seu futuro.