En Nueva Tribuna
En Praza Pública
Hai trinta anos, cando traballaba
en Estepona (Málaga), publiquei un
libriño titulado “Como llegar a viejo”.
Agora, xa próximo aos sesenta, podería escribir cousas distintas porque teño a
vellez máis próxima, pero o escrito daquela non perdeu a súa validez. Naquel
entón prevalecía a consigna da OMS que pretendía “engadir anos á vida e engadir vida aos anos”. O obxectivo era
construír unha vida saudable que nos permitise chegar a idades avanzadas con
autonomía e coa capacidade de gozar dunha vida plena. Hoxe eses criterios
cambiaron.
Agora prevalece o discurso do
FMI, que considera a lonxevidade como un
“risco financeiro”, polo que aconsella aos Estados e ás compañías
aseguradoras que prolonguen a idade de xubilación, que aumenten as cotas dos
seguros e reduzan os niveis de protección. En resumo: hai que traballar toda a
vida -cada vez por menos diñeiro- e morrer pronto para evitar a creba das
empresas de seguros. É tal a desfachatez desta organización (dirixida nos
últimos anos por Rodrigo Rato, Dominique Strauss-Kahn e Christine Lagarde,
todos imputados por motivos diferentes) que se atreve a facer público este
discurso tan obsceno. Conseguir unha
vellez plena e unha xubilación gozosa debería ser un obxectivo principal de
calquera sociedade xusta. As políticas de protección social conseguiron que
teñamos unha esperanza de vida elevada; as políticas de recortes impostas ao
amparo da crise farán, con toda seguridade, que esta esperanza de vida se
reduza.
Os da miña xeración tivemos o
privilexio de participar na construción dunha sociedade máis xusta e próspera. Aquela España insana e miserable da
ditadura franquista camiñou, durante décadas, cara unha sociedade máis
igualitaria, grazas ao esforzo e ao traballo solidario de moita xente. Non
foi un agasallo do franquismo senón o resultado da loita social. Ben é certo
que, xa entón, houbo quen se dedicou á especulación e á rapiña, á fraude e á
corrupción. Estas bandas organizadas infectaron a vida pública, roubaron o
diñeiro de todos e teñen envelenada a convivencia social. A mocidade terá que
romper con todo isto, ten que expulsar da vida pública aos corruptos e impoñer
regras de xogo e sistemas de vixilancia que impidan a propagación desta vileza.
Porque non é obriga dos mozos
pensar na vellez (horizonte tan afastado, que chega tan pronto), pero si teñen o deber de protexer e mellorar o
Estado de benestar que tanto custou construír ás xeracións precedentes e
que agora a maquinaria infernal do capitalismo especulativo quere eliminar,
para destruír unha sociedade de cidadáns libres e solidarios e substituíla por
unha sociedade de castas con escravos sometidos ao traballo.





