lunes, 23 de septiembre de 2013

“Se envellecemos xuntos”

En Praza Pública
En Galicia Digital


Hai case trinta anos publiquei un libriño con consellos para chegar a vello con saúde (“Llegar a viejo”, Estepona –Málaga-). Daquela a vellez era para mín un horizonte ben lonxano. Mais agora a maioría dos meus amigos pasan dos sesenta e alguns xa están xubilados. Naquel folleto aconsellaba sobre asuntos como a hipertensión, a diabetes, o colesterol, a obesidade. Son temas relevantes, sen dúbida, e o seu correcto control melloran o noso benestar. Mais agora sei que outros aspectos da vida son, se cadra, máis  relevantes para que poidamos ter unha terceira idade saudable e benefactora: o aprecio do teu entorno, a presenza da amizade, as ilusións compartidas, a participación na comunidade, a curiosidade pola vida, o afecto mútuo, a confianza de ter apoio cando se necesite... Tamén é preciso saber evitar a toxicidade de certas substancias e dalgunhas persoas. 


Nos últimos anos a esperanza de vida aumentou de maneira notable (82 anos en Galicia), polo que a vellez pode prolongarse, con fortuna, varias décadas. As  políticas de recorte aplicadas nos últimos tempos (copagamentos, reducción das pensións de xubilación etc.) introducen un alto grado de incerteza sobre o futuro mais, con todo, debemos procurar que esta etapa sexa prolongada e satisfactoria. Os expertos falan do envellecemento activo; trátase de procurar o maior benestar durante o maior tempo posible e reducir ou retrasar o inevitable deterioro que produce o paso do tempo. A saúde é importante para poder participar activamente na vida cotiá, sentirse útil e alimentar o afecto dos teus.

Na literatura e no cine hai numerosas referencias a esta etapa vital. Paul Auster, no seu Diario de inverno, fai un repaso das cicatrices, averías e descalabros que foi acumulando nos seus seis sesenta e cinco anos de vida. Tamén fala da súa carreira literaria, dos seus amores e da morte dos seus seres queridos, mais a preocupación pola saúde e polo desgaste da vellez están presentes en todas as páxinas. Rafael Chirbes, en La orilla, tamén fai referencias frecuentes ao envellecemento e as súas consecuencias. Esta novela describe, con dolorosa lucidez, o grave deterioro social, económico e moral provocado pola actual crise, mais tamén fai constantes referencias á morte e aos contratempos que trae a vellez e o deterioro da saúde (“como los cuerpos, las ilusiones mueren y apestan”, afirma).



Hai unha película maravillosa, “No Estanque Dourado” de 1981,  na que Henry Fonda e Katharine Hepburn interpretan a unha parella que pasa o seu tempo de lecer nun lugar paradisíaco. A relación entre os dous, as limitacións provocadas polos anos, os quebrantos da saúde e a presenza da filla e o neto trazan un relato maxistral que convida a reflexionar sobre o amor, a vellez e a morte. O cineasta Michael Haneke fixo unha extraordinaria película, Amour (2012), na que relata a vida dun matrimonio octoxenario, profesores xubilados, que levan unha vida plácida e tranquila ata o día en que ela sofre unha doenza que a fai depender por completo dos coidados dos demáis. O filme reflicte, con enorme sutileza e cariño, o día a día desta parella, na súa loita por continuar unha vida que, de repente, está chea de dificultades e sufrimento. A entrega amorosa e persistente do marido ao coidado da muller resulta enternecedora. No meu exercicio profesional coñezo moitos casos semellantes de persoas adicadas ao coidado de familiares dependentes cunha actitude próxima ao heroismo.


Con toda certeza existen moitas obras literarias que abordan o tema da vellez que eu non coñezo. Mais hai un texto polo que sinto especial estima. Trátase do poema “Se envellecemos xuntos”, de Xulio L. Valcárcel, que se pode escoitar en internet (e ver o vídeo poema) recitado por Xosé Fuentes. Agora ven de ser reeditado en papel (Edicións Galebook).  É un libro precioso -cunhas  ilustracións extraordinarias  de Xurxo Gómez-Chao-, co poema traducido a dezanove idiomas, ademáis do galego. Segundo conta o propio autor, este poema rematouno en 1978 e pasou desapercibido durante anos ata que, sen saber como, se converteu nunha lectura habitual nas vodas de prata e de ouro, tanto nas cerimonias civís como nas relixiosas. Non é de extrañar que os matrimonios utilicen este texto para a celebración ritual da continuidade da parella: trátase dun texto luminoso que contempla a vellez compartida como un horizonte optimista e desexable. Para os que non o coñezan deixo aquí algúns versos:



(...) Se envellecemos xuntos,
se recorremos o vieiro da vida
paso a paso,
mirarei nos teus ollos
o esvarar do tempo
inorde como un barco (...)

Compartirei o sal, o leito
e o abrazo,
saberei escuramente que o noso paso
polo mundo non é en balde.

Confundidos nun único latexo
acompasado,
seremos dous regatos marchando
nunha mesma auga,
dous lumes consumíndose
nunha soa chama,
dúas vagas acalando o seu fragor
na area final,
última praia.
Entre idas e voltas do azar
ou do destino,
ti serás a certeza.
 
Se envellecemos xuntos,
se te acompaño neste tránsito,
deixarei bolboretas lenes
nas túas pálpebras cansas,
escoitarei repenicar a chuvia
nas xanelas da nenez,
sentirei a túa voz
esmorecer en calma.

Bastarame para entendelo todo
A limpa mirada da túa luz sen ansia.

jueves, 12 de septiembre de 2013

Arde o Monte Pindo


En Praza Pública
En Galicia Hoxe


Foto: XM López Tuñas
O pasado domingo estivemos, cun grupo de amigos, na cima do Monte Pindo. Dende O Fieiro subimos ata Pena Moa. Era un día claro, cheo de luz. Alí estivemos un bo anaco, contemplando a inmensa beleza da costa -dende a praia de Carnota ata o faro de Fisterra- e o océano que se perde no infinito. Hoxe espertamos coa noticia de que o lume arrasa, baixando pola ladeira, dende O Ézaro –onde chega ata o mar- ata Caldebarcos, pasa perto das vivendas en Quilmas e Panchés, e deixa o territorio devastado. Os veciños estiveron toda a noite loitando contra o lume, defendendo as propias casas. (Tamén arde, dende onte, a miña terra natal de Negreira).

Foto: XM López Tuñas
A paisaxe que contemplamos hai pouco foi xa devorada polas lapas. Tardaremos moito tempo en recuperar a beleza daquel día. A “Asociación Monte Pindo” ven reclamando dende hai anos a declaración desta zona como Parque Natural, para conseguir unha maior protección  e promover medidas de desenvolvementos sustentable. Mais a Xunta de Galicia non soubo ver a prioridade da medida e non declarou ningun parque natural novo na última década. Agardemos que o dano causado agora non sexa irreparable.

Causa verdadeira tristura e desazón contemplar como, a pesar das numerosas advertencias e demandas, o abandono do monte en Galicia provoca que, ano tras ano, o lume arrase enormes extensións ante a inacción dos gobernantes. Hai anos, cando estaba na oposición, Núñez Feijóo fixo unha ridícula foto na que aparecía agarrado a unha mangueiriña. Agora sinala aos incendiarios como únicos causantes desta onda devastadora que está a queimar  a nosa xeografía. Pretende eludir a responsabilidade propia, a súa inacción ante o problema e a incompetencia do seu gabinete para desenvolver unha política forestal a longo prazo, que permita fixar a poboación no rural e recuperar o valor económico da terra e do monte. Semella que non lles importa ver a Galicia convertida nunha terra calcinada, donde as multinacionais da mineiría poidan actuar envelenando o territorio ata convertelo nun deserto inhabitable.  

O éxodo poboacional masivo, as terras de cultivo abandoadas e cubertas de maleza e os montes  convertidos en selvas impenetrables: estes son os elementos que  facilitan a extensión do lume e a actuación dos incendiarios. Ven de constituirse a “Asemblea Galega Contra o Lume” que, como primeira actuación pública, presentou tres mil sinaturas no rexistro da Xunta para demandar unha nova política forestal que reduza a vaga de incendios dos veráns. Recordan que en Galicia “co 7,7% da superficie forestal española, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada”. As políticas aplicadas ata o momento teñen demostrado a súa total ineficacia; a vixiancia policial e o endurecemento das medidas contra dos pirómanos non abondan. Este colectivo propón un decálogo de medidas para evitar danos irreversibles para a biodiversidade.


O responsable principal dos incendios é quen prende o lume. Mais toda a sociedade temos a responsabilidade, ante a Humanidade enteira, de protexer o noso territorio e a súa riqueza forestal e biolóxica. E as autoridades políticas teñen a responsabilidade máxima de impulsar políticas que permitan a protección e pervivencia do noso hábitat. Deles depende, de maneira principal, que deixemos aos nosos sucesores a herdanza dunha terra habitable e con futuro ou dun páramo calcinado e sulcado polo veleno inxectado polas minas na canle dos ríos. Cómpre actuar con dilixencia: cada ano que pasa as feridas fanse máis profundas.

sábado, 31 de agosto de 2013

Os liquidadores da sanidade pública


En Nueva Tribuna
En Galicia Confidencial

Nos últimos tempos soubemos da existencia dunha nova profesión: o liquidador de empresas. Trátase dun experto que adquire unha empresa arruinada e, utilizando diversos artificios financeiros, consigue cuantiosos beneficios co seu peche (deixando aos traballadores na rúa). Ángel del Cabo fíxose millonario e acadou notoriedade pública coa liquidación das empresas de Díaz Ferrán (aquel presidente da CEOE que nos decía que tiñamos que traballar máis e cobrar menos). Agora os dous están no cárcere.
O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están actuando como auténticos liquidadores da sanidade pública. Mentres afirman traballar pola sustentabilidade adoptan decisións que contribúen ao seu deterioro e á privatización. Non descansan. Nin siquera no mes de agosto. Pola contra, aproveitaron o período vacacional para impulsar medidas que representan auténticas agresións contra o sistema nacional de saúde( SNS). Fagamos un breve repaso dos últimos acontecementos:

1.-A foto antes das vacacións. No último día de xullo Rajoy reuniu na Moncloa a un grupo de organizacións afíns coas que asinou un “pacto pola sustentabilidade do SNS”. Despois da sinatura  protocolaria fixeron a foto de rigor que foi publicitada como un acto histórico. Trátase, máis ben, dunha triste parodia e dun engano denunciado polos sindicatos, os traballadores sanitarios e os defensores da sanidade pública. A FSDSP afirma que este acordo carece de contido práctico, que representa un paso máis na estratexia de deterioro da sanidade pública e que este acto publicitario só pretende  frear as movilizacions de profesionais e cidadáns contra da privatizacion do sistema. 

2.-Madrid privatiza. A pesar da masiva contestación os gobernantes da Comunidade de Madrid persisten no seu empeño privatizador. Tampouco lles importa que haxa dous recursos xudiciais sen resolver: un millón e medio de madrileños poderán ver os seus hospitais privatizados dentro de pouco. Despois dun proceso escuro e pouco transparente tres empresas privadas -Sanitas, Ribera Salud e e portorriqueña Hima San Pablo (especializada en turismo sanitario)-  poden facerse cargo da xestión de seis hospitais. O PP madrileño empuxou esta medida a pesar das evidencias históricas: todas as experiencias previas realizadas noutras xeografías tiveron consecuencias negativas para a poboación, os profesionais e a a propia sanidade pública. Polo momento este proceso está paralizado: un xuzgado madrileño decretou a suspensión cautelar (03-09-13) da externalización despois dunha demanda presentada pola asociación profesional Afem.
Mais o diñeiro público non escapa só por esta vía cara os petos das empresas privadas. A sanidade madrileña aumentou o orzamento para os concertos con clínicas privadas nun 55%. Este incremento é, con diferencia, o maior dos últimos anos.

3.-O novo hospital de Vigo. O hospital que o sur de Galicia precisa, e polo que leva anos agardando, foi adxudicado polo goberno de Núñez Feijóo a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) constituída por bancos arruinados e constructoras en bancarrota. Xa falamos deste asunto noutras ocasións. O hospital leva máis dun ano parado pois a empresa concesionaria non consigue que ningunha entidade financeira lle conceda crédito. Mais a Xunta persiste no seu afán privatizador. En contra de todas as normas permitiu cambios no contrato e mesmo na composición da UTE e, a primeiros de agosto, Núñez Feijóo afirmou que conseguiran o financiamento preciso para continuar a construcción. O diñeiro será aportado polo Banco Europeo de Inversións (BEI), o Instituto de Crédico Oficial (ICO) e por entidades bancarias rescatadas con diñeiro público (entre eles Novagalicia Banco, que conta por centos as persoas afectadas polo fraude das preferentes). Polo tanto, o novo hospital vai ser financiado con diñeiro público que despois reportará beneficios ás empresas integradas na UTE concesionaria. Mal porvir lle agarda á sanidade pública no sur de Galicia se non muda a situación. Lembremos que Povisa atende  a gran parte da poboación da zona. Ten un concerto particular co Sergas moi favorable pero acumula as maiores listas de espera da comunidade e fai un trato claramente discriminatorio entre os clientes privados e oa usuarios do Sergas. Vén de sufrir unha folga (desconvocada despois dunha sentenza favorable aos traballadores) por querer impor unhas penosas condicións laborais ao seu persoal (con rebaixas salariais do 40%).

4.-Recorte público e máis gasto familiar.  A ministra de Sanidade ven de anunciar que o copagamento nas medicinas significou unha reducción da factura farmacéutica de 2.000 millóns de euros no seu primeiro ano de vixencia. Esta noticia, presentada como unha conquista, pode ser interpretada doutro xeito. Máis que aforro o que fixo foi trasladar un gasto público ás economías familiares, xa moi deterioradas nos tempos actuais. A obriga de pagar unha porcentaxe dos medicamentos nas farmacias e a retirada de máis de catrocentas medicinas, de uso moi frecuente, do financiamento público obriga ás familias a un esforzo económico que, a miúdo, resulta inasumible. Polo tanto, na vez de gabarse polo que considera un triunfo, a ministra debería pedir perdón aos cidadáns por imporlles un gasto máis ás depauperadas economías familiares. En realidade o copagamento ven representar un dano para a saúde individual e colectiva (moitas persoas deixaron de medicarse por non poder costealo) e un elemento máis para aumentar as desigualdades.  Os pensionistas galegos sofren de xeito especial esta situación: a súa pensión media é de 722 euros, un 16% inferior á media do Estado. Galicia ocupa o último posto das 17 comunidades autónomas neste ranking.

5.-Máis castigo para os traballadores. A finais de agosto publicaron no BOE unha lei (Ley 10-2013). Trátase dunha norma aparentemente neutra que incorpora normas europeas ao ordeamento xurídico español en relación coa farmacovixiancia. Mais, como se non tivera importancia, esta lei inclúe unha disposición final quinta que modifica o Estatuto Marco do persoal estatutario do SNS. Esta modificación permite a creación do que chama “unidades de xestión clínica” integradas por persoal laboral, na que se terían que integrar os que hoxe teñen a consideración de estatutarios. En definitiva, tal como denunciou a propia CESM, esta lei remata, pola espalda e a traición, con todas as garantías do réxime estatutario. Trátase dunha afrenta máis contra os traballadores da sanidade pública, feita dunha forma tramposa e canalla (incluíndo unha disposición desta trascendencia no articulado dunha lei que non ten nada que ver coa regulación laboral).

6.- Aumentan as listas de espera. A drástica reducción orzamentaria, a perda de persoal e a eliminación do traballo de tarde nos hospitais están a provocar unha situación de grave colapso nos centros públicos. A espera cirúrxica pasou, en seis meses, de 76 a 100 días. Perto de 600.000 pacientes agandan polo quirófano. Este é o maior incremento desde que o Ministerio comezou a rexistar estes datos.  As autoridades sanitarias non parecen preocupadas por estes datos.  Algun sindicato interpreta que non lles interesa que a sanidade pública funcione: cómpre ter argumentos para afondar nas privatizacións.

7.-Diminúe a esperanza de vida. A esperanza de vida ao nacer é un dos principais indicadores para coñecer a calidade de vida dun país. Nas últimas décadas este parámetro mellorou de maneira continuada e permanente. Por primeira vez na historia recente a esperanza de vida dos españois baixou unhas décimas, mais este descenso continuará se as condicións de vida non mudan. A precariedade económica, a inseguridade laboral, a incerteza polo futuro, a exclusión sanitaria dos máis desfavorecidos e o aumento das desigualdades: todos estes factores inflúen neste cambio de tendencia. As políticas impostas polo partido no poder son as responsables principais desta mudanza histórica.


jueves, 22 de agosto de 2013

O mes de agosto


 

Hai anos no mes de agosto había, como en certos deportes,  un “tempo morto” para a política e a vida pública. Os despachos oficiais e os Parlamentos pechaban e todos se daban unha tregua ata o outono, antes de reiniciar a confrontación e o debate. Había un stand by que todos respectaban. Mais agora nada se detén.  O grupo gobernante mesmo publica disposicións e normas durante o estío, para tentar coller desprevenida á oposición. A polémica permanente nos medios de comunicación fai que a chama siga viva; non é posible manterse á marxe, por moito que o procuremos para preservar a saúde mental.
Este ano houbo unha terrible traxedia. Na véspera do Apóstolo sucedeu o accidente de Angrois. As autoridades tentaron pechar o suceso canto antes. Enterraron aos mortos, honraron aos veciños da aldea que actuaron como heroes, acudiron en masa ás celebracións relixiosas e sinalaron ao culpable para que non coubesen as dúbidas: o maquinista foi imputado como principal responsable. Mais agora o xuiz observa unha imprudencia punible de Adif no accidente e imputa a esta  empresa. Afirma que “ha existido una omisión de cautelas elementales por quienes tienen que garantizar la seguridad en la línea”. Nun exercicio de cinismo inadmisible os presidentes de Adif e Renfe, que deberían ter sido cesados de inmediato como máximos responsables do desastre, afirman que “la seguridad no la deciden los políticos, sino los técnicos”.  Resulta alentador comprobar que a xustiza, ás veces, funciona, e non permite pechar en falso un episodio tan terrible como éste.

A pesar de todo a clase política tiña présa por marchar de vacacións; no último debate no Parlamento de Madrid (no que o presidente tentou explicar a súa inexplicable relación con Bárcenas) moitos acudiron aos escanos coa maleta na man.  Núñez Feijóo (“un hombre de placeres sencillos” segundo afirmou na prensa), descansa no sur de Galicia e disfruta do canto dos paxaros e da brisa do mar. Pola súa banda, nos comezos de agosto Mariano Rajoy deixouse retratar facendo ridículas carreiriñas polas terras do Salnés. Para entreter ao persoal deixou a Margallo, o ministro de Exteriores, un auténtico incendiario que, cada vez que fala, provoca un conflicto. Agora anda a xogar á guerra contra o Reino Unido por causa de Xibraltar. Castigan á poboación da zona con estrictos controis que provocan retencións kilométricas. Afirma que España perdeu a confianza en Xibraltar. Entéranse agora da existencia do contrabando, do branqueo de capitais, do crime organizado  e da actuación do Peñón como paraíso fiscal. Ben que o sabían, pero miraban para outro lado. Mais agora resulta útil esta estéril confrontación para que esquezamos outros temas: a corrupción política, a financiación irregular do PP e as prácticas de Bárcenas que salpican a toda a cúpula do partido gobernante.

Case está a rematar o mes e non houbo un só día tranquilo. Millóns de persoas siguen sen traballo, os bancos de alimentos vense desbordados  pola crecente demanda dos menesterosos, os estafados polas preferentes seguen a reclamar xustiza e  a plataforma contra os desafiuzamentos continúa activa para que os bancos non deixen máis familiar á intemperie. Mais a voracidade do capitalismo non cesa. O FMI aproveitou o estío para propoñer unha nova rebaixa salarial. Os expertos afirman que esta medida non serviría para crear emprego nin  mellorar a productividade: só nos achegaría, un pouco máis, aos países menos desenvolvidos. A pesar deste panorama hai un acontecemento que se repite, como todos os veráns: centos de africanos chegan ás nosas costas, en embarcacións cada vez máis precarias. De qué espanto fuxen, como será a miseria que tentan eludir? Quen os engaña, que paraísos inexistentes lles debuxan para que expoñan así as súas vidas?  Inician un camiño sen retorno que, en moitos casos, só os conduce a rebuscar nos colectores do lixo ou a malvivir de actividades delictivas. Os que dirixen o mundo, na vez de procurar o beneficio colectivo e a irmandade dos seres humanos, están a provocar cada vez máis desigualdade, miseria e desamparo. Teremos que facer algo para evitar o imperio da barbarie.