Mostrando entradas con la etiqueta talento. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta talento. Mostrar todas las entradas

lunes, 10 de febrero de 2014

Fernando Vázquez e o galego

En Praza Pública
En Galicia Confidencial


Fernando Vázquez (Castrofeito, A Coruña, 1953), o actual adestrador do Deportivo, estivo a finais de xaneiro no meu barrio de Labañou, convidado polo Colexio Calvo Sotelo (onde colaboro no adestramento do equipo xuvenil), para dar unha charla aos alumnos do centro e aos rapaces que integran as distintas categorías de fútbol base. Foi un encontro distendido e ameno e o técnico contestou, durante máis dunha hora, a todas as preguntas dos numerosos asistentes. Plantexáronlle cuestións de todo tipo, algunhas sinxelas e outras máis comprometidas, pero en todo momento deu mostra da súa habilidade para a conversa e o debate. 

Fernando vive o fútbol con auténtica paixón. Son famosas as súas carreiriñas pola banda cando o seu equipo consegue un gol. Así o vivíu sempre. Cando estudaba en Santiago, recén saído do Seminario, xogou no equipo do Negreira, na Liga da Costa, aquela competición esixente e intensa, de campos enlamados e xogadores rudos, onde destacaba como centrocampista organizador, con gran visión do xogo. Alí coincidín con él unha tempada, aínda que eu máis ben quentaba a banqueta. 

 Non fixo carreira como futbolista, a pesares do seu evidente talento, mais sí como adestrador. Comezou moi novo cando, despois de rematada a carreira, compaxinaba o seu traballo como profesor de Instituto cos adestramentos nas escolas deportivas na súa terra natal. O CD Lalín foi o primeiro equipo que adestrou como profesional, e conseguiu levalo dende rexional até a Segunda B. Así comezou, en 1986, unha longa e brillante carreira na que pasou por diversos equipos (Lalín, Racing de Ferrol, Lugo, Compostela, Oviedo, Mallorca, Betis, Las Palmas, Rayo Vallecano, Valladolid, Celta e Deportivo) e tamén actuou como seleccionador de Galicia (xunto con Arsenio Iglesias) durante varias tempadas.  Destacou como descubridor de talentos, pois foron moitos os xogadores que, co seu apoio, debutaron en Primeira División e iniciaron unha carreira exitosa no mundo do fútbol (Tristán, Joaquín, Güiza, Ruben Castro etc).

 Os cronistas sinalan de Vázquez a súa condición de estudioso do fútbol, polo que algúns o teñen alcumado como “profesor”, se cadra lembrando a súa primeira profesión. Máis as súas lecturas non se restrinxen só ao mundo do balón: é un home culto e con inquedanzas intelectuais e sociais (hai uns meses participou nun documental contra da mina de Corcoesto). Gran admirador de Sacchi e Cruyff, tamén destaca como estratega e pola súa habilidade para a motivación persoal e o reforzamento do grupo. Esas foron as súas bazas durante a súa traxectoria profesional.

En febreiro de 2013 –hai agora un ano- fíxose cargo da dirección do Deportivo, despois dunha mala racha de resultados de Oltra (outro excelente adestrador) e da penosa  espantada de Domingos Paciencia. Tiveron que pasar case 18 anos desde os seus inicios –con oito tempadas en Primeira e dúas en Segunda-, para chegar ao equipo dos seus soños. Porque Vázquez é un deportivista confeso, e nunca ocultou as súas simpatías por este equipo. O seu último traballo como adestrador foi precisamente o Celta (gran rival do Dépor), donde foi cesado en 2007, cando o equipo estaba perto do descenso. 

Despois de seis anos sen adestrar foi chamado para dirixir o Dépor co difícil obxectivo de manter o equipo en Primeira División. “Unha chamada á unha da mañán cambioume a vida”, dixo nunha entrevista. Estivo a piques de acadar a meta.  Recoperou animicamente ao equipo e soubo crear unha excelente conexión coa afección, que o acolleu como un líder. Aínda que o equipo descendeu no último momento, Riazor segue a confiar no adestrador. Fernando Vázquez, coa súa actitude honesta e o traballo incansable, reforzou a confianza  colectiva a foi quen de tecer unha rede afectiva coas bancadas semellante á que existía nos tempos de Arsenio e o Súper Dépor.  

Na charla-coloquio celebrada en Labañou amosouse afable, paciente e afectuoso. E expresouse en todo momento en galego, feito que me interesa destacar, pois a utilización do galego en todos os ámbitos, de maneira habitual, debe ser un obxectivo daqueles que amamos esta terra e a súa cultura. Neste país anómalo o que debería ser natural convírtese nun signo de distinción. Nesta cidade, tan desgaleguizada pola nefasta influencia doutro Vázquez (o ex-alcalde), a actitude de Fernando ten un enorme valor para a recuperación do idioma no mundo do fútbol e na vida cotiá. Alguns xogadores  (Ínsua, Luís…) xa seguen o seu exemplo. Saúde, mestre. 

martes, 15 de marzo de 2011

Na busca da excelencia

Este sábado despertou con néboa. Mañá a nosa selección enfróntase a Holanda na final do campionato do mundo. Todos agardamos que gañe, mais o feito de chegar aquí é xa un éxito incuestionable. Xogan once mozos, procedentes dos distintos pobos de España, que perseguen un obxectivo común, o triunfo, pero hai unha multitude que se sente representada nesta confrontación. Estes enfrontamentos non deben deixar rancores nin contas pendentes. Os afeccionados poden ver o partido xuntos no mesmo bar, e os xogadores de ambos os equipos abrázanse ao final. Tamén é certo que o fervor colectivo destes días ten efectos colaterais pouco desexables: a exacerbación do patriotismo, a prolifereción das bandeiras ("Detrás das bandeiras sempre veñen os exércitos", dicía Borges), as actitudes gregarias e os excesos na celebración.
O fútbol provoca sentimentos de identificación e todos participamos das peripecias e da incerteza do xogo. Porque nun partido, como na propia vida, existe sempre unha marxe para o azar, para o erro arbitral, para o fallo inesperado, para o penalti inxusto, que condiciona o resultado de xeito definitivo. Cando España perdeu o primeiro partido contra Suíza houbo dúbidas e críticas. Os expertos anunciaban a catástrofe. Mesmo Maradona, ese bufón histriónico e demenciado, inchado de vaidade, pensou que era o momento da burla: "La tocan, la tocan, pero ¿cuando piensan meterla? Habrá que ponerle las porterías en los costados".
Algunhas seleccións chegaron a Suráfrica coa convicción de que estaban condenadas ao éxito. A selección española abordou a competición desde a humildade e o traballo colectivo. Fixeron un formulamento de rigor táctico e buscaron novos paradigmas. Deixaron atrás a "furia española" e buscaron a calidade e a precisión. Na vez de destacar o heroe individual fan unha proposta de xogo colectivo. No sitio da filigrana e o adorno procuran o toque, o apoio mutuo e a solidaridade na posesión do balón.
Este equipo fixo unha aposta pola excelencia. É un grupo que tenta sacar o maior partido do talento de cada un e aproveitar ao máximo as calidades persoais para o beneficio colectivo. Á fronte está Del Bosque, un home tranquilo e sobrio, que afrontou os momentos difíciles con grande elegancia e corrección. Haberá que seguir o exemplo, haberá que perseguir a excelencia noutros ámbitos da nosa vida colectiva. Grazas, rapaces.