Mostrando entradas con la etiqueta o galego na sanidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta o galego na sanidade. Mostrar todas las entradas

sábado, 25 de marzo de 2017

Xosé González, un dos imprescindibles






Xosé González Martinez é unha figura importante na historia recente deste país. Nos seus anos mozos, na militancia clandestina, cando participou na creación da Unión do Pobo Galego (UPG), era coñecido como Pepiño de Teis, pois foi nese barrio vigués onde naceu hai sesenta e seis anos. Os que o coñecemos máis tarde chamámoslle Pepe de Redondela, pola súa longa vinculación laboral con ese concello do sur de Galicia. Agora que lle chega o momento da xubilación cómpre facer un recoñecemento público dos seus méritos e do seu traballo.

Non podo falar do papel que xogou nos anos clandestinos, cando foi un protagonista importante do renacemento político do nacionalismo galego, pois descoñezo os detalles. El tampouco conta moito dese tempo aínda que teño a certeza que podería escribir unha memorias con moita substancia. El verá cando se pon á tarefa, se así o considera. Mais nas últimas décadas fixo unha labor de gran trascendencia para “galeguizar Galicia”, en defensa da cultura e da lingua propia. 

É o impulsor principal dun enramado de organizacións que aglutinan a centos de persoas arredor do compromiso con Galicia e co galego. Desde a creación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en 1984 (que acollerá posteriormente a Irmandade Xurídica e a Irmandade Sanitaria), foron xurdindo iniciativas: a Fundación Lois Peña Novo, a Asociación Álvaro das Casas, o Foro Enrique Peinador, a Asociación de Amigos do Couto Mixto...  É o máis parecido a un holding empresarial como o de Rumasa, que montou Ruíz Mateos para facerse multimillonario. Pero Pepe, en lugar de facer cartos, dedicou todo o seu esforzo a facer país, a potenciar a cultura e o idioma propio. Nestes últimos anos dedicou moito tempo e enerxía a potenciar o etiquetado de produtos en galego –como un elemento de identificación e prestixio-, a procurar a galeguización das numerosas orquestras que existen en Galicia -que arrastran tanto público polas romarías-, e a promover o uso do galego nos actos funerarios e nas lápidas dos cemiterios, pois resulta sorprendente a absoluta desgaleguización dos rituais que se realizan arredor da morte. 
 
Xosé González fixo nestas últimas décadas, e continúa a facer, un traballo de extraordinaria importancia para o país. Desde un segundo plano, sempre sen buscar o protagonismo, está detrás de numerosas iniciativas sociais, culturais e políticas de gran relevancia. Hai unha idea, que comparto totalmente e que el recorda con reiteración: o porvir do país e do idioma non está na poesía, non está na literatura. Ou conseguimos que a lingua estea viva nos xulgados, nos hospitais, nas empresas, na rúa e nos patios de xogo, ou non terá futuro. A lingua ten que estar na vida cotiá e non ser só un elemento ritual dos actos políticos e dos xogos florais.


Comecei a ter contacto máis intenso e frecuente con Pepe de Redondela en 2005, cando tiven a honra de recibir o premio Lois Peña Novo. Desde 2010 puxemos en marcha, con outros compañeiros, a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que pretende promover a utilización do galego no ámbito sanitario. Neste intre  ISAGA conta con máis de trescentos irmandiños, persoas que se comprometen a usar o galego na vida e no exercicio da profesión. 


Hai dúas características que definen a personalidade de Pepe de Redondela: a coherencia e a perseveranza. Nos seus anos mozos asumiu un compromiso con Galicia que non abandonou en todo o seu periplo vital; con erros e acertos, que de todo haberá, a súa fidelidade foi sempre inquebrantable. E da súa perseveranza dan testemuña os numerosos proxectos que foi quen de impulsar e soster, nestes tempos tan difíciles. Dos seus anos de actividade clandestina quedoulle unha actitude de seriedade e distancia afectiva que non é real. Pepe é, ademais de todo o dito, un home afectuoso e sentimental, que vive con paixón o seu compromiso; un home leal e con elevado sentido da amizade. Recordando a Bertolt Brecht, podemos dicir que é un dos imprescindibles. 

“Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Están os que loitan moitos anos, e son moi bos. Pero hainos que loitan toda a vida: eses son os imprescindibles”.  (Bertolt Brecht)

PD: Pepe de Redondela vai recibir unha homenaxe o 31 de marzo no Castelo de Soutomaior.

martes, 25 de noviembre de 2014

López Nogueira e o galego






A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización que agrupa a traballadores da sanidade comprometidos na defensa do idioma galego, realizará o próximo sábado, día 29 de novembro, a súa 4ª Asemblea anual. Neste acto, que se celebra na Facultade de Medicina de Santiago, incorporaranse corenta novos irmandiños, que asinarán o seu compromiso persoal para promover o uso da nosa língua no ámbito sanitario.

Os estudios revelan que, nos últimos tempos, estase a producir unha reducción progresiva do uso do noso idioma. Podemos falar, sen caer no alarmismo, que o galego corre o risco de desaparecer como língua viva nos próximos anos. Cando morre unha língua morre un mundo, escribía o xornalista Félix Soria nun artigo recente. Cando un idioma desaparece tamén se vai unha forma de entender a vida, de relacionarse coa existencia e cos demais. A lingua non é propiedade de quen a fala senon que pertence á Humanidade enteira, e os falantes temos a obriga de protexela e usala, do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade. A nosa lingua está en risco e os actuais gobernantes non asumen o seu deber de protexela. A perda dun idioma como elemento vivo dunha sociedade non sería só un fracaso político. É un fracaso de toda a sociedade  e unha responsabilidade colectiva frente ao mundo enteiro. Por iso cómpre sumar vontades para ir todos no mesmo sentido: protexer e potenciar o idioma como un dos bens máis importantes da nosa vida colectiva, como o feito cultural máis importante do país.

Nesta dirección camiña esta Irmandade, que pretende potenciar o idioma na sanidade. Porque a realidade é que, dez anos despois da aprobación do Plan de Normalización Lingüística (PXNLG), o galego na sanidade está prácticamente ausente. Sobrevive nos centros de saúde do rural, mais no ámbito hospitalario e no medio urbano a presenza do galego é residual. ISAGA pretende crear un impulso colectivo para que os profesionais fagan unha oferta positiva do propio idioma, e que sexa o sanitario “quen realice o camiño de aproximación lingüística ao paciente e non ao revés”. 


Nesta xuntanza anual os asistentes reforzarán o seu compromiso coa nosa fala e tamén se vai homenaxear a figura do doutor Xosé Manuel López Nogueira, ilustre psiquiatra que exerceu a profesión en Santiago de Compostela ata o seu falecemento en 1983. Foi profesor na Facultade de Medicina, membro da xeración de La Noche, onde publicou as súas primeiras colaboracións xornalísticas. Comprometido con Galicia e co galego escribeu numerosos artigos neste idioma. Home de profunda formación intelectual, colaborou asiduamente en Grial e Vieiros. O seu amplio saber filosófico quedou recollido no libro “Dialéctica existencial y psicoanálisis”, editado por Galaxia en 1972, que ven ser, en palabras do profesor Bermejo “un formidable intento de síntese entre o pensamento filosófico e o pensamento e a práctica psiquiátricas de fins dos anos sesenta do século XX”. A figura de López Nogueira será recordada polo psiquiatra David Simón e o historiador José Carlos Bermejo. Este acto tamén contará cunha actuación musical do arpista Roi Casal.

martes, 30 de septiembre de 2014

A saúde do galego, dez anos despois






Semella que foi onte e xa van aló dez anos. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), no que tiven a honra de participar, foi aprobado por unanimidade no Parlamento galego en setembro de 2004.  É, con toda certeza, un dos feitos máis positivos dos sucesivos mandatos de Manuel Fraga ao frente da Xunta de Galicia.  Houbo quen prognosticou, xa na década dos setenta do pasado século, que o galego morrería antes de que pasasen trinta anos. Trabucouse, por fortuna, e o galego, malferido e atacado nos últimos tempos, resiste en moitas capas da sociedade. Segue a ser unha lingua viva e aínda maioritaria, que usamos a diario miles de persoas. Pero hai un serio problema: o seu uso é cada vez menor nas novas xeracións urbanas. Debemos traballar todos para evitar o lingüicidio, e nesa tarefa os sanitarios temos un papel importante para mellorar a saúde do noso idioma.

Houbo un desenvolvemento lexislativo, despois da morte do dictador, que favoreceu a recuperación do galego. A Constitución de 1978, o Estatuto de Autonomía (1981), a Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) e o citado PXNLG (2004) foron avances moi importantes. A maiores do avance normativo houbo outros elementos moi positivos para revitalizar o idioma: a existencia de medios de comunicación en galego (TVG, radio e prensa escrita), o Xabarín e o Luar (elementos galeguizadores onde os haxa) e a perseverancia incombustible dos colectivos que traballan a prol da lingua e de boa parte da comunidade educativa, que non cesan no seu labor a pesar dos atrancos impostos desde o poder.

No ámbito sanitario o galego está practicamente ausente. Sobrevive nos centros de saúde do medio rural, mais nos centros urbanos e nos hospitais a presenza da nosa fala é residual. No PXNLG rercórdase que “calquera manual deontolóxico dirá que o primeiro que precisa un enfermo é sentirse acollido de maneira personalizada. Neste caso, acollido na súa propia lingua, ese código lingüístico que leva directamente á afectividade da persoa que se quere auxiliar”. 

Mais en Galicia dáse o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente galegofalante inicia o contacto co médico en castelán, pois supón que ese é o seu idioma e pretende instalarse nese territorio lingüístico para facilitar a súa axuda profesional. É preciso, tal como reflicte o PXNLG, que os profesionais fagamos unha oferta positiva. Debe ser o profesional sanitario, de calquera nivel asistencial, “quen realice o camiño de aproximación lingüística ao paciente e non ao revés”. Tamén se recorda no PXNLG que a utilización da lingua galega na área médica contribúe a desbloquear o galego e a impulsar o seu uso mesmo noutras áreas pola elevada consideración social que teñen os servizos sanitarios favorece que as medidas de normalización do galego que neles se poñan en práctica resulten exemplares e teñan un impacto positivo na poboación, así como polo gran número de contactos que os cidadáns teñen co sistema sanitario, que multiplica o rendemento das actividades de promoción do idioma que se efectúen no dito sector.

A sanidade é clave para o mantemento e a recuperación do idioma galego e os profesionais debemos implicarnos nesta tarefa pois debemos garantir que ninguén se sinta discriminado polo uso do idioma e porque o uso compartido da lingua favorece a empatía e o entendemento entre o doente e o sanitario. A implicación dos profesionais é clave, e tamén a Administración sanitaria debe apoiar o uso do galego nos servizos de saúde.  Mais cómpre recoñecer que a porcentaxe de profesionais comprometidos co galego é baixa e que a Administración amosa, cada vez con máis descaro, o seu absoluto desprezo polo idioma. A chegada ao poder de Núñez Feijoo en 2009 (que alimentou o inexistente conflito lingüístico para conseguir rédito electoral) provocou un grave retroceso na galeguización do sector e freou as tímidas medidas impulsadas polo goberno de Pérez Touriño.

Os altos cargos de Sanidade e dos hospitais empregan a cotío o castelán, agás honrosas excepcións. A documentación interna dos centros sanitarios e as aplicacións informáticas non usan o galego como idioma principal. E todo esto sucede mentres segue vixente a Instrucción 11/2005 sobre o emprego do galego nos documentos da Consellería de Sanidade e do Sergas, na que se establece con claridade que “deberá empregarse o idioma galego nas comunicacións escritas, orixinais ou normalizadas, que se produzan nos ámbitos de actuación da Consellería de Sanidade e do Sergas”.

O PXNLG fai unha análise da situación do idioma na sanidade, delimita os puntos fortes e débiles do galego no sector e propón unha serie de obxectivos e medidas a implementar para procurar a recuperación e potenciación do galego neste ámbito. Non se restrinxe só á relación médico-paciente nin á actividade asistencial pública e privada, senon que tamén explicita medidas aplicables non ámbitos da Farmacia, a Veterinaria, os Colexios profesionais e os centros de formación. Todas as medidas propostas son factibles e viables, con baixo custo e grande rendibilidade para a potenciación do idioma. Mais falta o principal: a decisión política. O actual goberno non impulsa medidas de mellora do idioma senon todo o contrario. Esa dinámica provoca que o galego estea cada vez menos presente nas actuacións públicas da Administracion sanitaria e na vida cotiá dos centros sanitarios. Tamén ten unha presenza residual nos Colexios profesionais e nas Facultades de Medicina, Veterinaria e Farmacia.
Ante esta situación de parálise un grupo de sanitarios crearon en 2011 a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) que ten o propósito de recoller as propostas do PXNLG e impulsar unha rede crecente de profesionais comprometidos coa lingua para promover actuacións dirixidas a recuperar a presenza do galego no mundo sanitario. En liña co PXNLG reclamaron á Administración sanitaria, por medio dun manifesto, que se cumpla a Instrución 11/2005, de forma que o idioma galego figure en toda a sinalización interna e externa dos Centros Sanitarios, e que a documentación escrita elaborada nos Centros Sanitarios para usos internos e externos (circulares, notas interiores, folletos, follas de instrucións, formularios, etc.), sexa redactada integramente en galego. Tamén solicitan da Administración que nos servizos de recepción e de atención ao usuario de todos os centros sanitarios de Galicia, o  saúdo e o primeiro contacto cos usuarios (telefónico ou de presenza física) se faga sempre en galego, que sexa a lingua inicial e preferente nos soportes informáticos e nos programas utilizados nos centros sanitarios e administrativos do Sergas, e que os directivos do Sergas utilicen a cotío o noso idioma no desempeño do seu labor e nas comparecencias públicas. 
Fíxose entrega pública deste documento ao representante da Administración sanitaria no transcurso da III Asemblea anual de ISAGA, celebrada en novembro de 2013 na sede da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Ainda non houbo resposta.
(Texto escrito a petición de Prolingua, para conmemorar os dez anos do PXNLG).