Mostrando entradas con la etiqueta Vitaminas para o galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Vitaminas para o galego. Mostrar todas las entradas

martes, 30 de septiembre de 2014

A saúde do galego, dez anos despois






Semella que foi onte e xa van aló dez anos. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), no que tiven a honra de participar, foi aprobado por unanimidade no Parlamento galego en setembro de 2004.  É, con toda certeza, un dos feitos máis positivos dos sucesivos mandatos de Manuel Fraga ao frente da Xunta de Galicia.  Houbo quen prognosticou, xa na década dos setenta do pasado século, que o galego morrería antes de que pasasen trinta anos. Trabucouse, por fortuna, e o galego, malferido e atacado nos últimos tempos, resiste en moitas capas da sociedade. Segue a ser unha lingua viva e aínda maioritaria, que usamos a diario miles de persoas. Pero hai un serio problema: o seu uso é cada vez menor nas novas xeracións urbanas. Debemos traballar todos para evitar o lingüicidio, e nesa tarefa os sanitarios temos un papel importante para mellorar a saúde do noso idioma.

Houbo un desenvolvemento lexislativo, despois da morte do dictador, que favoreceu a recuperación do galego. A Constitución de 1978, o Estatuto de Autonomía (1981), a Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) e o citado PXNLG (2004) foron avances moi importantes. A maiores do avance normativo houbo outros elementos moi positivos para revitalizar o idioma: a existencia de medios de comunicación en galego (TVG, radio e prensa escrita), o Xabarín e o Luar (elementos galeguizadores onde os haxa) e a perseverancia incombustible dos colectivos que traballan a prol da lingua e de boa parte da comunidade educativa, que non cesan no seu labor a pesar dos atrancos impostos desde o poder.

No ámbito sanitario o galego está practicamente ausente. Sobrevive nos centros de saúde do medio rural, mais nos centros urbanos e nos hospitais a presenza da nosa fala é residual. No PXNLG rercórdase que “calquera manual deontolóxico dirá que o primeiro que precisa un enfermo é sentirse acollido de maneira personalizada. Neste caso, acollido na súa propia lingua, ese código lingüístico que leva directamente á afectividade da persoa que se quere auxiliar”. 

Mais en Galicia dáse o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente galegofalante inicia o contacto co médico en castelán, pois supón que ese é o seu idioma e pretende instalarse nese territorio lingüístico para facilitar a súa axuda profesional. É preciso, tal como reflicte o PXNLG, que os profesionais fagamos unha oferta positiva. Debe ser o profesional sanitario, de calquera nivel asistencial, “quen realice o camiño de aproximación lingüística ao paciente e non ao revés”. Tamén se recorda no PXNLG que a utilización da lingua galega na área médica contribúe a desbloquear o galego e a impulsar o seu uso mesmo noutras áreas pola elevada consideración social que teñen os servizos sanitarios favorece que as medidas de normalización do galego que neles se poñan en práctica resulten exemplares e teñan un impacto positivo na poboación, así como polo gran número de contactos que os cidadáns teñen co sistema sanitario, que multiplica o rendemento das actividades de promoción do idioma que se efectúen no dito sector.

A sanidade é clave para o mantemento e a recuperación do idioma galego e os profesionais debemos implicarnos nesta tarefa pois debemos garantir que ninguén se sinta discriminado polo uso do idioma e porque o uso compartido da lingua favorece a empatía e o entendemento entre o doente e o sanitario. A implicación dos profesionais é clave, e tamén a Administración sanitaria debe apoiar o uso do galego nos servizos de saúde.  Mais cómpre recoñecer que a porcentaxe de profesionais comprometidos co galego é baixa e que a Administración amosa, cada vez con máis descaro, o seu absoluto desprezo polo idioma. A chegada ao poder de Núñez Feijoo en 2009 (que alimentou o inexistente conflito lingüístico para conseguir rédito electoral) provocou un grave retroceso na galeguización do sector e freou as tímidas medidas impulsadas polo goberno de Pérez Touriño.

Os altos cargos de Sanidade e dos hospitais empregan a cotío o castelán, agás honrosas excepcións. A documentación interna dos centros sanitarios e as aplicacións informáticas non usan o galego como idioma principal. E todo esto sucede mentres segue vixente a Instrucción 11/2005 sobre o emprego do galego nos documentos da Consellería de Sanidade e do Sergas, na que se establece con claridade que “deberá empregarse o idioma galego nas comunicacións escritas, orixinais ou normalizadas, que se produzan nos ámbitos de actuación da Consellería de Sanidade e do Sergas”.

O PXNLG fai unha análise da situación do idioma na sanidade, delimita os puntos fortes e débiles do galego no sector e propón unha serie de obxectivos e medidas a implementar para procurar a recuperación e potenciación do galego neste ámbito. Non se restrinxe só á relación médico-paciente nin á actividade asistencial pública e privada, senon que tamén explicita medidas aplicables non ámbitos da Farmacia, a Veterinaria, os Colexios profesionais e os centros de formación. Todas as medidas propostas son factibles e viables, con baixo custo e grande rendibilidade para a potenciación do idioma. Mais falta o principal: a decisión política. O actual goberno non impulsa medidas de mellora do idioma senon todo o contrario. Esa dinámica provoca que o galego estea cada vez menos presente nas actuacións públicas da Administracion sanitaria e na vida cotiá dos centros sanitarios. Tamén ten unha presenza residual nos Colexios profesionais e nas Facultades de Medicina, Veterinaria e Farmacia.
Ante esta situación de parálise un grupo de sanitarios crearon en 2011 a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) que ten o propósito de recoller as propostas do PXNLG e impulsar unha rede crecente de profesionais comprometidos coa lingua para promover actuacións dirixidas a recuperar a presenza do galego no mundo sanitario. En liña co PXNLG reclamaron á Administración sanitaria, por medio dun manifesto, que se cumpla a Instrución 11/2005, de forma que o idioma galego figure en toda a sinalización interna e externa dos Centros Sanitarios, e que a documentación escrita elaborada nos Centros Sanitarios para usos internos e externos (circulares, notas interiores, folletos, follas de instrucións, formularios, etc.), sexa redactada integramente en galego. Tamén solicitan da Administración que nos servizos de recepción e de atención ao usuario de todos os centros sanitarios de Galicia, o  saúdo e o primeiro contacto cos usuarios (telefónico ou de presenza física) se faga sempre en galego, que sexa a lingua inicial e preferente nos soportes informáticos e nos programas utilizados nos centros sanitarios e administrativos do Sergas, e que os directivos do Sergas utilicen a cotío o noso idioma no desempeño do seu labor e nas comparecencias públicas. 
Fíxose entrega pública deste documento ao representante da Administración sanitaria no transcurso da III Asemblea anual de ISAGA, celebrada en novembro de 2013 na sede da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Ainda non houbo resposta.
(Texto escrito a petición de Prolingua, para conmemorar os dez anos do PXNLG).


jueves, 12 de junio de 2014

Luzes para Galicia



A chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta de Galicia non foi unha boa noticia para o idioma, para as editoriais do país nin para os medios de comunicación en galego. A utilización do presunto “conflito linguïstico” como baza electoral alimentou un problema inexistente arredor do idioma, favorecendo unha confrontación artificiosa, innecesaria e prexudicial. Logo veu o tempo dos recortes e o goberno galego aplicouse con esmero: rebaixou drasticamente os orzamentos para a protección da lingua, para promover a industria editorial e para favorecer os medios de comunicación en galego. 

Imaxe: Xoán Piñón
Así é que o galego recibe hoxe en día menos dun terzo das axudas que tiña hai 20 anos (só 5.4 millóns de euros para a promoción  do galego en 2014, cando en 1993 eran 17.2). Tamén rebaixaron as axudas ás editoriais (mediante a compra de libros para as bibliotecas públicas) de forma radical. As editoriais máis potentes (Galaxia, Xerais) pasan serias dificultades, mentres as máis modestas   sobreviven con problemas. Os medios de comunicación en galego víronse desamparados polo poder. Pechou Vieiros, A Peneira e o semanario A Nosa Terra que, despois dunha longa traxectoria (1977-2010), tamén deixou de estar presente na rede en 2011. Tempos Novos (revista mensual da que teño a honra de ser socio fundador) resiste contra vento e marea, desde 1997. 

Pechou Galicia Hoxe, o único xornal editado exclusivamente en galego. Comezou a súa andaina en 1994 coa cabeceira O Correo Galego e rematou a edición en papel en xuño de 2011. O seu director, o meu amigo Caetano Díaz, escribiu un artigo (“A sangue frío”) no seu último número no que dicía:  “Coa chegada a Monte Pío do ‘señor das tesoiras’, no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada. Consúmase hoxe -mentres o señor Núñez Feijóo entrega ufano as medallas Castelao, símbolo de galeguidade- o asasinato a sangue frío, con aleivosía e a pleno sol, dun periódico pequeno pero crítico".


Por fortuna as tesoiras e a mordaza aínda non chegaron á rede, de xeito que, nos últimos anos, xurdiron espazos de liberdade que procuran elaborar e difundir información veraz, alimentar o pensamento crítico e promover a cultura propia. A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) agrupa a moitos proxectos comprometidos coa verdade e co país. O traballo e o esforzo de numerosos colaboradores manteñen estas fiestras abertas, mentres o apoio económico da Xunta vai dirixido a medios máis próximos ao poder.

Neste panorama tan difícil tamén hai xente valente que se atreve a botar a andar unha nova publicación en papel. A revista mensual Luzes xurde a finais de 2013 e vai xa polo seu sexto número. Rivas e Pereiro (directores) e Iago Martinez (coordinador) recuperan a traxectoria iniciada por Luzes de Galicia (1985-1997), como unha proposta de periodismo insurxente para recuperar a fame de xornalismo. Así o afirman os seus promotores na presentación do proxecto. 

Portada do número seis de Luzes

Luzes de Galicia, de vida corta pero intensa (teño agora mesmo varios exemplares ciscados enriba da mesa), era unha publicación máis dedicada á literatura e ás artes. A nova Luzes, de magnífico formato e fermosa presenza, ten máis vocación pola reportaxe e a información crítica. Permanece o seu espírito irreverente a a invitación á rebeldía. Naquela primeira etapa publicou o mítico texto de Lois Pereiro (Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia) no que o autor dicía que “sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos”. Nesta nova existencia van editando un manifesto por entregas no que deixan ver o seu espírito rebelde e o sentido da ironía. “Queremos coidar do xornalismo que di as cousas como foron, non como convén”, dicían no primeiro número. “Nos laboratorios do poder xogan coa alquimia das cifras e queren facernos crer que a merda axiña será ouro. Por iso a primeira porta de saída está no rescate do sentido secuestrado das palabras”. Isto afirman no seu sexto editorial. Benvidos a este país das tebras. Longa vida a estas Luzes, tan necesarias para Galicia, para alumear un camiño novo. 


O Cuarto Estado, cadro de Giuseppe Pellizza da Volpedo
empregado no comezo da pelicula Novecento