Mostrando entradas con la etiqueta insustentabilidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta insustentabilidade. Mostrar todas las entradas

domingo, 28 de agosto de 2016

O GOBERNO DO PP FAVORECE OS INTERESES DAS FARMACÉUTICAS




Os novos fármacos de uso hospitalario, de prezo desmesurado e escasa eficacia en moitos casos, poñen en risco a sustentabilidade do SNS

Manuel Martín. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública

O Ministerio de Facenda en funcións decidiu este mes de agosto o peche contable da Administración, que impide aprobar novos gastos do sector público, co obxectivo de afrontar a desviación do déficit público e cumprir coas esixencias da Comisión Europea, que esixe novos recortes para reducilo. A Sanidade Pública vai ser un das áreas máis afectadas por esta medida, xa que pretenden aforrar outros 1.000 millóns de euros. Paradoxicamente esta conxelación non afectará ao gasto farmacéutico, a causa máis importante do crecemento do gasto sanitario, dado que o Ministerio anunciou que a medida non impedirá financiar novos medicamentos innovadores nin afectará á política farmacéutica.  Con esta decisión o PP mostra unha actuación de complicidade coas empresas farmacéuticas.

O crecemento do gasto farmacéutico pon en cuestión a sustentabilidade financeira do Sistema Nacional de Saúde (SNS).  Recortaron o gasto sanitario público nun 11% (máis de 9.000 millóns de euros entre os anos 2008 e 2015) amparándose na necesidade de cumprir coa Lei de Estabilidade Orzamentaria; pero o gasto en medicamentos medrou de maneira desbocada, ata  alcanzar a astronómica cifra de 16.000 millóns de euros, o que coloca a España no segundo lugar mundial en consumo de medicamentos per cápita. Aumentou o gasto nas oficinas de farmacia (case un 8% no mes de maio respecto ao ano pasado), pero onde o crecemento é brutal é nos hospitais: un 26% ao longo do 2015. Ademais de elevado o gasto farmacéutico en España é en boa parte irracional, xa que se utilizan pouco os xenéricos (6.5 puntos por baixo da media da Unión Europea), e ademais prescríbense excesivamente fármacos de utilidade dubidosa ou de uso cuestionable. Debemos lembrar que o mal uso de medicamentos non é inocuo: os efectos secundarios dos fármacos considérase como a terceira causa de mortalidade nos países avanzados.

En Galicia a situación é grave e perigosa, cun gasto farmacéutico total de 250 euros por habitante ao ano, moi superior á media estatal de 212, e a terceira máis alta do Estado. Ao mesmo tempo o crecemento do gasto farmacéutico hospitalario (sen incluír os medicamentos da hepatite C) foi espectacular -cunha taxa de variación inter-anual do 26,8 moi superior á de 5,9 do conxunto de CCAA-, a máis alta de todas, probablemente relacionado co incremento do uso de novos medicamentos (non inclúe os fármacos da hepatite C).

As políticas do goberno, supostamente dirixidas a reducir gasto farmacéutico, foron un fracaso. A introdución do copago de medicamentos para os pensionistas (RDL 16/2012) trasladou o gasto ás depauperadas economías familiares -mentres que a Administración só aforrou seis millóns de euros-, e o acordo entre o Ministerio e Farmaindustria (para que o gasto en fármacos non medrase por encima do PIB) foi papel mollado: o gasto creceu case ata o 10% fronte a un 3% de aumento do PIB. A propia Comisión Europea puxo en cuestión as medidas de control do gasto farmacéutico do goberno, xa que non conseguiron as  reducións contempladas na Lei de Estabilidade Orzamentaria,  especialmente no referente ao control de receitas  expedidas en establecementos de farmacia e en hospitais; vulneraron a lexislación comunitaria na contratación pública e nos mecanismos de control da mesma;  utilizaron de maneira abusiva o procedemento negociado sen licitación previa para adquisicións de equipamento sanitario (fraccionando os contratos de compras para evitar a súa licitación); e hai pouca transparencia nos procedemento de adquisición de medicamentos.


Quen perdeu con estas políticas de recorte de gasto asistencial e de crecemento do gasto farmacéutico? Os enfermos (un informe do Consello Económico e Social recolle un espectacular incremento nas listas de espera cirúrxica, que pasaron de 372.468  no ano 2009 a 549.424 en 2015: un aumento do 47%); os pensionistas e persoas de rendas baixas (os copagos son unha barreira insalvable e hai datos que revelan que moitas persoas non poden retirar os medicamentos prescritos polos seus médicos); e os traballadores sanitarios (entre 2009 e 2014 reduciron en 3.500 millóns de euros o gasto en persoal -un 11%-, aplicaron unha notable redución salarial -un 13%-, e recortaron uns 12.000 postos de traballo no SNS, aínda que os sindicatos fan estimacións máis elevadas).

A pesar diso a industria farmacéutica parece ter carta branca e pretende sacar ao mercado  novos medicamentos cada vez máis custosos, imposibles de financiar cos actuais prepuestos sanitarios. Os laboratorios pretenden comercializar 220 novos medicamentos para tratar o cancro (actualmente supoñen xa o 12,3% do gasto hospitalario, sen que incrementasen significativamente a supervivencia dos pacientes)  ou fármacos biolóxicos (modifican as bacterias para fabricar proteínas para tratar tumores ou artrites) que supoñen xa o 40-50% do gasto en farmacia hospitalaria (entre 1.800 e 2.250 millóns de euros, cando hai apenas 10 anos  o seu gasto era nulo). As multinacionais farmacéuticas anunciaron recentemente que están a investigar 586 novos fármacos (en Fases II, III e de aprobación) e que teñen xa 136 en fase de desenvolvemento previo á súa comercialización. Esta avalancha de fármacos (moitos deles de eficacia non comprobada e desde logo cuns prezos exorbitantes, sen relación cos gastos de investigación e fabricación) pode poñer en risco a sustentabilidade económica do SNS e aumentará as desigualdades de saúde, dado que o acceso a estes novos fármacos quedará limitado á poboación con maior poder adquisitivo, como recoñecen os mesmos laboratorios.

Lonxe de preocuparse pola previsible catástrofe sanitaria á que nos conducen, o goberno en funcións do PP persiste na súa política de conxelar o gasto sanitario pero manter a porta aberta ao financiamento dos novos (e custosos) medicamentos, para satisfacer os intereses das multinacionais farmacéuticas (trufadas de antigos cargos da Administración). 
En Galicia a  situación é ainda máis preocupante, xa que ocupa un dos primeiros lugares en gasto farmacéutico, e o crecemento do gasto en fármacos hospitalarios foi espectacular. A pesar diso os recortes en gasto sanitario perpetrados polo goberno de Núñez Feijoo foron enormes.

jueves, 17 de octubre de 2013

Os negocios na Sanidade Pública

En Galicia Confidencial
En Nueva Tribuna


O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están a adoptar decisións moi relevantes no terreo sanitario impulsados por dous tipos de motivacións: por razóns ideolóxicas e por afán de lucro.  

O PP está a impoñer medidas –como o RD 16/2012- que nos devolven a unha sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres; aseguramento privado para os poderosos, beneficencia para os máis necesitados) na que sectores da poboación cada vez máis amplos quedarán excluidos da cobertura sanitaria universal, que constitúe un elemento clave para a cohesión social e a equidade. As medidas impostas co desenvolvemento desta lei levan a milleiros de persoas ao borde da pobreza e a exclusión social, mentres os seguros privados están a aumentar o seu mercado de forma progresiva. A ideoloxía clasista  e supremacista dos actuais dirixentes é a que os impulsa a impor estas decisións (incumplindo de forma basta as promesas electorais, ainda tan próximas).  


Mais hai outra razón poderosa para a toma de decisións desde o poder político: a busca de lucro privado a costa do diñeiro público. Lembremos que arredor do corenta por cento do orzamento das Comunidades Autónomas vai destinado aos servizos sanitarios. É moito diñeiro o que move a sanidade pública para que os actuais dirixentes -e os empresarios e financeiros afíns que actúan como lobbys-  o deixen circular, para o beneficio colectivo, sen tentar a súa apropiación.  

O Sistema Nacional de Saúde (SNS) español é un dos máis eficientes do mundo, pois consegue uns excelentes indicadores de saúde cunha inversión do PIB das máis baixas da contorna. Mais con todo, desde a publicación do Informe Abril en 1991, a dereita española repite continuamente as mesmas falacias: o sistema sanitario é insustentable, e faise preciso separar financiación de provisión dos servizos pois a xestión privada é mais eficiente que a pública. 


Os servizos públicos son viables se hai vontade política de apoialos (aumentando os ingresos públicos cunha fiscalidade progresiva), e o sector privado –os chamados mercados-  xa ten probada a súa inoperancia: empresarios e sector financeiro son os responsables da crise que agora castiga aos traballadores. As experiencias noutros países tampouco apoian as medidas externalizadoras: a privatización dos hospitais do Reino Unido, en tempos de Margaret Thacher, provocou un grave deterioro do NHS, ata aquel momento un referente a nivel internacional. Mais, en contra de toda evidencia, o PP impulsa sen desmaio as medidas privatizadoras do SNS. A privatización pode ser completa (mediante a concesión da xestión hospitalaria a unha empresa) ou parcial (por medio das chamadas externalizacións, que poñen en mans privadas aquelas parcelas da actividade sanitaria con máis posibilidades de lles producir beneficios).


-O primeiro hospital privatizado en España foi o de Alzira (Valencia), inaugurado en 1999, xestionado por unha Unión Temporal de Empresas (UTE) mediante unha concesión administrativa: a Generalitat paga un canon anual pola poboación atendida  e a empresa encárgase da xestión completa do hospital. Mais as contas non saían e en 2003 o goberno valenciano rescatou Alzira e incrementou o seu canon. A pesar desta experiencia negativa as privatizacións continuaron e hoxe sabemos o resultado: o 20% da poboación de Valencia recibe asistencia sanitaria mediante este modelo de concesión, a sanidade valenciana está en quebra e a empresa que puxo en marcha Alzira, Ribera Salud, hoxe é un xigante da sanidade, que xestiona numerosos servizos en todo o Estado (sobre todo en Valencia e Madrid).  Sen reparar nas consecuencias negativas desta experiencia, o PP segue a impulsar a privatización completa dos centros sanitarios: en Madrid, en Castela-A Mancha, en Galicia. A intensa contestación social contra destas medidas e o clima de incerteza que vive o sistema financeiro fan que moitos destes proxectos avancen con dificultade ou mesmo estean parados neste momento (como o novo hospital de Vigo, donde a UTE responsable do proxecto non foi capaz de conseguir financiamento para continuar a construcción). Mais os dirixentes do PP teñen un plan B: alí donde non é posible a privatización completa do hospital realizan externalizacións masivas e impulsan experimentos como as Unidades de Xestión Clínica (UXC) que facilitan o camiño da privatización de amplas áreas da actividade sanitaria.


-As externalizacións. En todas as comunidades se realizan, mais en Galicia Núñez Feijóo xa avisou hai tempo: é partidario de privatizar todo o que non sexa o núcleo duro da sanidade. Xa existían tarefas privatizadas  (hostelería, seguridade, limpeza, mantemento, cociña), pero comezou unha carreira contrarreloxio que aínda non rematou. Os servizos de información, a central de chamadas, a plataforma informática,  a central de compras, o centro de almacenamento e suministro etc. Todas estas áreas foron entregadas a mans privadas para a súa xestión.  A última privatización coñecida é a da xestion da alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica. Mediante a figura administrativa do “diálogo competitivo”  o Sergas cede ás empresas privadas do sector o control da renovación tecnolóxica dos seus centros cun contrato que pode chegar aos 200 millóns de euros. A Administración abandoa o seu deber de control e supervisión e concédelle ás empresas a capacidade de decidir a implantación de novas tecnoloxías diagnósticas, moi caras e con problemas técnicos non resoltos, polo que non se utilizan ainda para o diagnóstico clínico (en Europa nin nos EEUU) por non estar debidamente avaliadas  nin contrastada a súa relevancia para a práctica clínica. O Sergas pagará os custes, os pacientes asumirán os riscos –de someterse a exploracións pouco avaliadas-, e as empresas poderán conseguir elevados beneficios. 


-As Unidades de Xestión Clínica. Esta proposta obedece a un propósito. Alí donde non poidan privatizar o hospital enteiro tentarán privatizar determinadas áreas clínicas, sobre todo aquelas que poidan proporcionar máis beneficio económico. Os promotores desta estratexia mezclan, con toda a intención, propostas clinicas e organizativas (integración de Primaria e Especializada, coordinación de niveis,  impulso dos procesos asistenciais) con cuestións xerenciais e laborais que non teñen ningunha relacion. Para promover a coordinación asistencial non é preciso modificar o réxime xurídico do persoal nin a persoalidade xurídica das unidades que a levan a cabo.

O Ministerio de Sanidade e o chamado “Foro da Profesión Médica” acordaron que “se promoverá un marco jurídico específico del profesional médico del SNS y un modelo de retribución voluntario vinculado a la gestión clínica que favorezca los principios de excelencia profesional y de gobernanza del sistema sanitario público”.  Esto supón que o persoal que se integre deberá aceptar a laboralización, coa perda dos dereitos que hoxe ten o persoal estatutario, e as UXC poderán constituirse en empresas autónomas con persoalidade xurídica propia e con participación do sector privado. Esto representa un serio perigo para o futuro dos centros sanitarios e do seu persoal. Poderán crear microempresas dentro dos centros para competir entre sí e coa posibilidade de dar entrada a empresas sanitarias, industria farmacéutica e de tecnoloxía sanitaria na provisión e xestión dos servizos.  Este desorden vai facilitar a prevalencia dos intereses privados sobre os criterios de servizo público. O SNS pode quedar fragmentado en numerosos reinos de taifas, dos que sacarían beneficio o capital privado e os grupos empresariais. O Sergas xa está a promover as UXC nas áreas sanitarias e vai publicar un Decreto para amparar este proxecto. Se non atopa resistencia continuará nesta estratexia privatizadora, que beneficia ás empresas e á pléiade de xerentes que hoxe viven do sistema, mais representa un severo prexuicio para os traballadores sanitarios e os usuarios da sanidade pública.