Mostrando entradas con la etiqueta FADSP. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta FADSP. Mostrar todas las entradas

miércoles, 24 de mayo de 2017

A privatización sanitaria





Os servizos sanitarios non son un gasto social insustentable, como repite o catecismo neoliberal. Pola contra, a sanidade pública é unha fonte de riqueza, de progreso e de coñecemento, ademais dun elemento esencial de integración social. O Sistema Nacional de Saúde (SNS), que se ergueu nas últimas décadas no Estado español, contribúe non só a manter a saúde dos cidadáns senón que aporta traballo e benestar a parte da poboación. Os servizos sanitarios representan unha parcela moi importante da actividade económica (o 40% dos orzamentos das CCAA dedícase a tal fin).

Existe unha forte tensión privatizadora, pois os poderes económicos ansían apoderarse desa partida do diñeiro público. Hai unha estratexia internacional para converter a sanidade nunha parcela de negocio. Desde o FMI, o BCE ou o poderoso Club Bilderberg (presidido polo nobre francés Henri de La Croix de Castries) os poderes económicos teñen posta a mirada sobre o SNS e manobran para facerse con el. No Estado hai plataformas (FAES, SEDISA, Club Gertech) que repiten as falacias neoliberais (xa recollidas no Informe Abril en 1992): que a sanidade pública é insustentable, que a xestión privada é máis eficiente que a pública e que o financiamento debe ser público pero a provisión dos servizos debe ser privada. 

Todos apuntan no mesmo sentido: os lobbies da industria farmacéutica e da tecnoloxía sanitaria e as empresas aseguradoras teñen moito interese en desmontar a nosa sanidade pública para convertela en negocio. O SNS está en perigo pois existe unha “estratexia deseñada e articulada por grupos poderosos que pretenden facerse cos fondos que o Estado destina á sanidade” (FADSP). Esta actuación depredatoria está sendo realizada coa complicidade do PP, que ten a moitos dirixentes imputados e a moitos outros como asiduos visitantes das “porta xiratorias. En sanidade o PP actúa con todo rigor a favor dos intereses privados e está a executar unha contrarreforma sanitaria; desde o goberno central, coa escusa da crise, impuxo o infame RD 16/2012 que suprime o dereito á atención sanitaria universal e recupera a figura do “asegurado”; e nas CCAA (desde os inicios no hospital de Alzira -1997-, que agora está a ser rescatado) privatizou desde hospitais enteiros a extensas parcelas da actividade sanitaria. 



Nos últimos tempos a conivencia dos poderes políticos e económicos impulsou novas ameazas para o SNS, que se suman ás xa existentes. A nivel global hai unha ameaza moi poderosa: o  tratado de libre comercio (TTIP) que, de aplicarse, abriría as portas ás grandes empresas do sector para apoderarse do SNS e podería deixar os litixios entre os Estados e as empresas fóra dos canles da xustiza ordinaria e nas mans de tribunais externos que actuarían, con toda certeza, a favor dos intereses empresariais.

A nivel local, e de forma moi intensa en Galicia, o PP actúa con rigor a favor dos intereses empresariais. A privatización da xestión de servizos esenciais e do I+D+i do Sergas está xa moi avanzada. O seguinte obxectivo son as Unidades de Xestión Clínica, que poderían significar a privatización definitiva do núcleo duro do SNS: a actividade asistencial. Pero esta contrarreforma sanitaria, argallada de costas da poboación e os profesionais, está infestada de conflitos de interese e de actuacións que bordean ou directamente infrinxen a legalidade, o que pode permitir a súa recuperación mediante a acción política e a loita cidadá. Non podemos permitir que desmantelen o SNS, elemento esencial do Estado de benestar.





miércoles, 26 de octubre de 2016

A privatización da sanidade na Unión Europea




A cidade de Vigo converterase os próximos venres e sábado, 28 e 29 de outubro, en lugar de acollida dunha cita de carácter internacional para o debate sobre a situación de privatización do actual sistema sanitario galego, estatal e europeo. 

Baixo o título “A privatización da sanidade na Unión Europea”, as xornadas –que estarán abertas ao público sen necesidade de inscrición previa-, están organizadas polo propio GUE/NGL e AGEe, en colaboración coa AGDSP (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública) e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo. Para a cita, -que se desenvolverá no Hotel Ciudad de Vigo, desprazaranse unha vintena de profesionais do sector sanitario, que exercerán de ponentes.

Manuel Martín e Lidia Senra, na presentación das Xornadas

O obxectivo das Xornadas e analizar a Colaboración Público-Privada (CPP), poñer sobre a mesa casos doutros lugares do Estado nos que foi posible cambiar esta situación e devolver ao sistema público centros sanitarios privatizados, afondar nas carencias e mal funcionamento de hospitais CPP e realizar propostas de futuro entre os colectivos afectados.

Un segundo obxectivo e fomentar o tecido de redes entre as diferentes asociacións sanitarias que defenden un sistema público para avanzar na batalla común e consensuar propostas para defender diferentes nas institucións. 

As xornadas reunirán a persoas de plataformas de moi diferentes lugares como poden ser Galiza, Portugal, Estado Español, Grecia ou Reino Unido que están loitando contra a privatización de hospitais públicos e contra a CPP.  Vai ser a primeira vez que no Estado español se consigue reunir a todas estas plataformas e esperamos lograr crear unha rede de plataformas estatais e europeas para enfrontarnos xuntos e xuntas á privatización e ás multinacionais e aos fondos risco.
 
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

jueves, 20 de agosto de 2015

Contra a privatización de batas brancas





Entrevista (I):


Marciano Sánchez-Bayle, fundador da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública


Marciano Sánchez Bayle é unha das figuras máis importantes entre os defensores da Sanidade Pública. Unha vida enteira de compromiso e coherencia sitúano como unha persoa exemplar e un referente ético para aqueles que lemos os seus escritos e seguimos a súa traxectoria. É un dos líderes da Marea Branca madrileña que conseguiu, de momento, paralizar o proceso privatizador iniciado polo Partido Popular. Estivo en Galicia para presentar o seu último libro, e aproveitamos a ocasión para manter esta entrevista.

Sánchez-Bayle naceu en Plasencia (Cáceres) en 1949, é Doutor en Medicina, especialista en Pediatría e Nefroloxía. Ten tres fillos. Foi xefe de sección de hospitalización de Pediatría do Hospital do Neno Xesús de Madrid ata a súa xubilación forzosa pola Consellería de Sanidade de Madrid en xullo de 2014. Fundador da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública (ADSP) e da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP), actualmente é presidente da ADSP de Madrid e portavoz da FADSP. foi presidente da Internacional Association of Health Policy da que agora é vicepresidente. Pertence aos Consellos científico e deliberativo do Observatorio Iberoamericano de Políticas e Sistemas de Saúde, así como ao Observatorio Madrileño de Saúde e foi director do Observatorio de Políticas de Saúde da Fundación 1º de Maio. Escribiu varios libros sobre sanidade e política sanitaria; tamén coordinou uns vinte libros e escribiu capítulos noutros moitos. O último publicouse en 2015: “La sanidad no se vende. Manual para la defensa de la Sanidad Pública” (Akal, 2015).  Publicou máis dun centenar de artigos en revistas científicas de ámbito nacional e internacional e moitos máis en prensa periódica.

-Ven de publicarse o libro“La sanidad no se vende”, coordinado por vostede -xunto co cardiólogo galego Hixinio Beiras Cal-, que pretende ser un manual para a defensa da Sanidade Pública. Estamos aínda a tempo de salvala? O dano causado polas Administracións do Partido Popular pode ser reversible?
Comezarei polo final; o único que non é reversible é a morte. Eu vivín a construción do Sistema Nacional de Saúde neste país e fíxose a partir dunha situación moito peor que a que existe agora e hai que ser conscientes de que os Servizos Nacionais de Saúde (Reino Unido, Suecia, Finlandia, etc) naceron en circunstancias moito peores que as actuais . Por suposto canto máis se avance no proceso de recortes, deterioro e privatizacións máis dificil será a recuperación; no fondo o problema está en que para iso se necesitan tres condicions: unha potente vontade política, a existencia dun amplo sector profesional que apoie a Sanidade Pública e un amplo soporte social, non só militante, pero tamén, sobre todo, unha opinión pública que defenda a Sanidade Pública e que opine, como acontece aquí e agora, que é a que ten mellores instrumentos e respostas para garantir a saúde da poboación. Os resultados das últimas eleccións parecen indicar que é probable que se logren gobernos con esa vontade de recuperación do sistema sanitario público e as amplas movilizacións sociais e profesionais escenifican que hai unha base social e sanitaria máis que suficiente; eu persoalmente son optimista.

-Malia todo o dano causado polos gobernos da dereita (autonómicos e central): Temos aínda unha boa Sanidade Pública?
Cando se trata de valorar un sistema sanitario o que adoita usarse é unha comparación internacional, coa situación noutros países, por iso é evidente que a nosa posición é bastante favorable, aínda que, por suposto, produciuse un retroceso moi substancial; pero como partiamos dunha posición moi boa, aínda as cousas funcionan dun xeito bastante razoable, sobre todo polo esforzo dos traballadores do sistema sanitario público, aínda que é obvio que si se mantén esta deriva de recortes e privatizacións o sistema podería entrar en shock. Como adoita suceder nisto hai moitas diferenzas entre as distintas CCAA.

-Na súa opinión, os severos recortes impostos na Sanidade: son de aplicación obrigatoria debido á crise económica, como di o PP, ou son impostos por razóns ideolóxicas e políticas?
Eu creo que hai prácticamente consenso, fóra dos voceiros do PP, de que os recortes responden sobre todo a criterios ideolóxicos e a intereses económicos e políticos. No noso país o gasto sanitario era baixo comparativamente, e a eficiencia do sistema sanitario moi alta, como recoñece todo o mundo (por exemplo, o último informe da Comisión Europea sobre eficiencia dos sistemas sanitarios en xuño de 2015, que sitúa a España no primeiro posto da UE); con todo, coa escusa da súa insustentabilidade, impuxéronse toda unha serie de recortes inxustificados, pero teñamos en conta que, paralelamente, se impulsaron privatizacións que supoñían sobrecustes de 7-9 veces sobre a súa alternativa no sector público. El Roto nunha viñeta que citamos no libro xa o di : hai que esnaquizar todo o público para demostrar que non funciona. Pois iso é o que estiveron facendo.

-No canto das medidas impostas polo Partido Popular (recortes, privatizacións, exclusión sanitaria, copagos): Que outras alternativas se poden aplicar, que estratexias serían posibles para non provocar o deterioro do noso sistema sanitario?
Ben, hai que ser conscientes de que o sistema sanitario ten problemas que deben abordarse e as solucións teñen que ir doutra banda: por exemplo, ten un baixo financiamento e mal repartida; a Atención Primaria, que debería ser a clave do seu funcionamento, foi marxinada e desfinanciada, hai que racionalizar o gasto farmacéutico e a utilización tecnolóxica (en ambos temas temos unha sobreutilización), fomentar a coordinación e integración de niveis asistenciais, garantir a utilización intensiva dos recursos dos centros sanitarios públicos, etc.

O Real Decreto Lei 16/2012: un atentado contra a Sanidade Pública

-Ademais dos recortes e privatizacións o Partido Popular publicou unha lei (O Real Decreto Lei 16/2012) que supón unha auténtica contrarreforma sanitaria, como vostede sinalou en varios artigos. Cales son os principais elementos que introduce esta lei e por que son tan nocivos para a Sanidade Pública?
O RDL 16/2012 foi a maior agresión ao sistema sanitario do noso país. Basicamente contén catro cuestións craves: Unha: transforma o dereito á atención sanitaria pasando dun modelo baseado na cidadanía a outro que pivota sobre o aseguramento o que produciu exclusións de colectivos da cobertura pública (os inmigrantes non regularizados, os que teñen unha estancia no estranxeiro de mais de 90 días, e as persoas con rendas superiores a 100.000 euros) con graves efectos sobre a saúde dos grupos con menos recursos (polo menos hai 3 mortes documentadas de inmigrantes por desatención sanitaria). Dous:  fracciona a carteira de servizos en tres partes, unha básica de acceso gratuíto e outras dúas, suplementaria e complementaria, suxeitas a copagos. Tres: engade novos copagos sobre farmacia (pensionistas e farmacia hospitalaria), dietas, ortese, prótese e transporte sanitario, que aínda que só se aplicaron no que respecta aos medicamentos dispensados por receita supuxeron grandes problemas para as persoas máis pobres e máis enfermas (o 14,76% dos que reciben unha prescripción non a retiran da farmacia por motivos económicos). E catro: exclúe 417 medicamentos do financiamento público aumentando o efecto anterior. É dicir: aumenta a inequidade no acceso á atención sanitaria e establéce barreiras económicas que dificultan que as persoas reciban prestacións sanitarias que necesitan. Por sorte, grazas ao amplo rexeitamento social e profesional, estas medidas aplicáronse só parcialmente e con grandes diferenzas segundo as distintas CCAA.

-En realidade o título do libro leva a engano xa que, en realidade, a Sanidade SI que a están vendendo. Están entregando a mans privadas hospitais enteiros (modelo PFI) ou parcelas cada vez máis grandes da actividade sanitaria. As chamadas Unidades de Xestión Clínica son, como din as súas impulsores, un mecanismo para modernizar a xestión sanitaria ou un instrumento máis para privatizar a bata branca?
O titulo inicial era o de “Manual para a Defensa da Sanidade Pública” e a editorial considerou que era conveniente un mais curto e rechamante e elexiron este que responde a un dos eslógans da Marea Branca (“A Sanidade Pública non se vende... deféndese”), responde a unha reivindicación do movemento, e por iso creo que non queda mal. É obvio que a privatización directa dos centros sanitarios atopou unha gran contestación social e profesional e iso fixo que se busquen outras vías para privatizar, máis sofisticadas, mais silenciosas e menos evidentes, ahi están as derivacións sistemáticas aos centros privados e as unidades de xestión clínica que pretenden fragmentar o sistema sanitario en microunidades que permitan unha máis fácil penetración dos intereses privados. Por sorte nalgunhas CCAA como Galicia e Castela e León teñen unha forte oposición.


(Entrevista publicada na revista Tempos Novos, nº 218, xullo-2015)


martes, 6 de mayo de 2014

A privatización sanitaria: o libre comercio e o Club Gertech



O sistema sanitario público está en perigo. O risco non está na pretendida insustentabilidade que pregoan os profetas ultraliberais (na acción pública sempre é sustentable aquelo que se quere sustentar).  A auténtica ameaza son as políticas neocom que pretenden apoderarse dos orzamantos adicados aos servizos públicos.

Os voitres da especulación financeira planean arredor. Hai unha planificación estretéxica, que ven de anos atrás, e ten por obxectivo desmontar os servizos públicos e apoderarse do seu financiamento. Non se trata dunha nova teoría da conspiración senon de feitos e datos contrastados. Podemos afirmar, con toda certeza, que existe un plan internacional, financiado e liderado pola poderosa industria farmacéutica e as grandes empresas da tecnoloxía sanitaria. Esta estratexia, deseñada  a grande escala, é aplicada de forma estricta, polos políticos cómplices e os grupos de presión, a nivel local.

Un excelente informe publicado pola FADSP (Federacion de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública) revela o plan que se está a negociar entre a Comisión Europea –órgano non electo- e o Departamento de Comercio dos EEUU para constituir unha Asociación Transatlántica para o Comercio e a Inversión (ATCI ou TTIP, dacordo coas siglas en inglés). Comezaron esta negociación en xullo de 2013 -dirixida por dous persoaxes de dudosa reputación-, con grande secretismo. Suscita numerosas  discrepancias, pois os observadores entenden que é moito máis que un tratado de libre comercio xa que suprime todas as barreiras económicas e lexislativas aos intercambios comerciais. No ámbito sanitario este acordo, de aplicarse, representaría que os sistemas sanitarios públicos europeos serían un mercado aberto á participación das empresas de EEUU. As empresas transnacionais pretenden con esta iniciativa “acceder aos presupostos sanitaros públicos dos países europeos para ter a oportunidade de obter grandes beneficios”.

Ante a polémica xerada por esta negociación o Parlamento Europeo aprobou unha resolución que exclúe da negociación os servizos públicos da penetración do sector privado nos mesmos. Mais cómpre saber que as resolucións do Parlamento non son vinculantes para a Comisión Europea que é quen realmente negocia. Non está claro, por tanto, que a sanidade pública quede protexida. Pola contra, este plan vai dirixido a garantir o acceso das grandes empresas transnacionais aos orzamentos adicados a sanidade (que representan arredor do 40% do presuposto total das CCAA), co obxectivo de conseguir a privatización dos servizos sanitarios, “que son vistos polos inversores privados e pola industria farmacéutica e de tecnoloxía sanitaria como unha enorme lista de compras”.

Se fose asinado este Tratado, nos termos que pretenden as partes negociadoras, poderían tornar irreversibles as privatizacións dos servizos públicos, pois a lexislación estatal quedaría condicionada pola normativa de superior rango da UE. As multinacionais e os poderosos lobbys presionan para desenvolver o chamado “Mecanismo de Solución de Diferencias entre inversor e Estado” (ISDS), ideado para protexer aos inversores e que inclúe “disposicións contra a expropiación de servizos de interese público”. Esto quere decir que sería imposible dar marcha atrás nas privatizacións: as concesionarias poderían recurrir a entidades arbitrais para conseguir elevadas indemnizacións por lucro cesante.



Esta estratexia global reflíctese, a nivel local, no “selecto” Club Gertech, unha asociación formada por “xerentes e altos directivos sanitarios e tecnólogos de empresas”. Este foro, que afirma estar orientado á formacion e a crear cultura de innovacion, na realidade é un poderoso grupo de presión que ten un obxectivo claro: apoderarse dos recursos económicos destinados á saúde (57.000 millóns de euros segundo os orzamentos de 2014). Está integrado por xerentes sanitarios e altos cargos, a Universidade de Navarra e o Instituto Carlos III. Recibe apoios da Asociación de Directivos Sanitarios (SEDISA) e do chamado Foro da Profesión Médica (alianza corporativa integrada por organizacións afíns ao actual goberno), e ten o patrocinio de varias empresas do sector (Medtronic, Philips, Roche, Nec Corporation, Citec-B), todas elas con fortes intereses na privatización sanitaria.

O actual goberno galego ten unha particular sintonía con este grupo. O director xeral de Recursos Económicos do Sergas e os xerentes de Vigo e A Coruña actuaron como ponentes principais nos seus debates. A propia conselleira de Sanidade defendeu nun foro en Barcelona a necesidade de laboralizar o persoal sanitario. O Sergas está a desenvolver as súas propostas nos proxectos Hospital 2050 e Innova Saúde. O executivo aplica con dilixencia as receitas do club: concertos público-privado, externalizacións, control da tecnoloxía e da informacion por empresas privadas, e a implantación das Unidades de Xestión Clínica (UXC). Estas UXC veñen ser a fórmula para fragmentar os centros sanitarios en múltiples empresas con autonomía de xestión, coa perspectiva de crear un mercado sanitario interno propicio para os intereses das grandes empresas do sector.

Este lobby redacta documentos e celebra foros de debate, que sirven de plataforma para difundir o seu ideario. A FADSP, noutro informe clarificador, denuncia que esta asociación ten como finalidade xerar “unha alianza público-privada financiada con diñeiro público para negocio das empresas privadas”. SEDISA (que ten vínculos con empresas farmacéuticas: Roche Sanofi, Grünental, Jonhnson&Johnson),  argumenta na mesma dirección. No seu “proxecto Amphos” aconsella: cambiar a xestión dos centros por medio das UXC, transformar os hospitais en empresas autónomas, laboralizar aos traballadores sanitarios e promover os autocoidados do enfermo mediante tecnoloxías instaladas no domicilio. Podemos observar que non son nada orixinais e que  ambos foros repiten as mesmas letanías.

Kevin Carter ganou o Pulitzer en 1993 por esta escalofriante imaxe
A FADSP entende que o sistema sanitario público está en perigo real, por “unha estretaxia deseñada e articulada por grupos poderosos que pretenden facerse con fondos económicos que o estado destina á sanidade”. Esta actuación depredatoria está sendo realizada coa total complicidade dos dirixentes do Partido Popular, asiduos visitantes da “porta xiratoria”. Cómpre movilizarse con dilixencia para frear este  plan de aniquilación dos servizos públicos. Do contrario, os voitres financeiros faranse con todo e xa non nos quedará nada.