A meninxite é unha enfermidade infecciosa grave que, nalgúns
casos, pode provocar a morte. Todos os anos hai algún caso letal. Pode ser
provocada por virus ou por bacterias que, á súa vez, poden ser de varias
clases, sendo as máis frecuentes as provocadas polos meningococos A, B e C. No
calendario infantil está incluida a vacina contra o meningococo C, mais existe
unha fonda controversia pola
inclusión da vacina contra a meninxite B, que actualmente só está autorizada
para uso hospitalario.
Nos últimos meses morreron tres persoas na bisbarra da Coruña -en Oleiros e Arteixo- afectadas por
meninxite B. Existe unha preocupación cidadá evidente, amplificada polos medios
de comunicación e mal contrarrestada polas autoridades sanitarias. Ainda que
este tipo de meninxite ten unha
incidencia moi baixa en España, moitos pais están preocupados e outros viaxan a Portugal na procura dunha vacina que non se administra
nos Centros de Saúde nin está dispoñible nas oficinas de Farmacia. Hai razóns para tanta alarma colectiva?
Os motivos para a preocupación sempre son razoables, sobre todo
cando falamos da saúde dos nenos. Mais neste caso hai unha extraña confluencia
do temor colectivo co sensacionalismo dos medios e os intereses da industria farmacéutica que, desde a
sombra, alimenta a alarma social e
promove a demanda dunha solución (a vacina) que, polo que se sabe ata o momento,
non é a panacea absoluta a este problema, tal como queren facer ver.
Porque a realidade é que a eficacia clínica desta vacina non se avaliou por medio de ensaios clínicos (como é de rigor) senon que foi
deducida por medio de estudos de inmunoxenicidade. Un organismo
independende e rigoroso como a SESPAS
(Sociedad Española de Salud Pública y
Administración Sanitaria) elaborou un informe no que
afirma que os ensaios clínicos de
seroconversión non deron resultados suficientes, porque cunha incidencia
tan baixa de enfermidade, parece imposible avaliar a eficacia cos ensaios
clínicos habituais. Polo tanto, a introducción desta vacina no mercado parece
basearse nas boas intencións á espera de estudos de fase IV
(post-comercialización).
A vacina “experimental” Bexsero, fabricada polo
poderoso laboratorio Novartis, se chega a aplicarse masivamente aos nosos
nenos, sería a primeira vacina que se comercializa sen dispor de datos de eficacia
clínica, coa incerteza de que poida
realmente interrumpir a circulación das bacterias e manter a inmunidade de
grupo. Os nosos nenos poderían servir de “cobaias” ao laboratorio, que
obtería unha información moi importante sobre a eficacia e a seguridade deste
produto despois da aplicación masiva na poboación infantil. Ninguen pode
asegurar que non se van provocar danos e prexuicios con esta práctica, pois o
perfil de seguridade da vacina está por comprobar.
É moi posible que a AEMPS (Agencia Española de Medicamentos e Productos Sanitarios) se teña
precipitado dando vía libre a unha vacina cunha efectividade pouco avaliada e
tamén é posible que as asociacións profesionais
que defenden o seu uso se equivoquen na súa análise pois sempre é
preciso estar seguro de que a vacina é realmente eficaz e efectiva, cousa
dudosa coa información actual. Dase o caso de que algunhas das sociedades profesionais que apoian
abertamente a inclusión desta vacina no calendario infantil teñen, en maoir ou
menor medida, conflitos de interese e
vínculos estreitos coa industria farmacéutica.
Cos datos dispoñibles na actualidade, procedentes de fontes
non contaminadas, podemos concluir que a meninxite B (ainda que sexa unha
doenza grave) ten unha baixa incidencia e que esta vacina carece de datos suficientes que avalen a súa eficacia e
seguridade. Tamén pode ocurrir, no caso de que se aplicase masivamente, que
os nosos nenos sexan utilizados para “experimentar” coa vacina e obter datos
sobre a mesma ainda descoñecidos.
Hai que defender e
apoiar as vacinas “de sempre”, que teñen evitado tantas doenzas e salvado tantas vidas. Só
pretendemos sinalar as zonas de sombra existentes na introducción de novas
vacinas no calendario. Porque hai empresas con fortes intereses económicos,
cómplices debidamente remunerados e unha Administración errática, que non é capaz
de defender o ben común fronte ás presións dos poderosos lobbies patrocinados por Farmaindustria.


