jueves, 28 de febrero de 2013

En defensa da Atención Primaria




O sistema sanitario público en España está organizado en dous niveis asistenciais: Atención Primaria (AP) e Atención Hospitalaria (AH). Nas últimas tres décadas a Atención Primaria experimentou unha mellora notable, seguindo as estratexias da OMS para transformar este nivel de atención, coa creación da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e das Escolas Universitarias de Enfermaría con novos contidos formativos; tamén houbo unha regulación normativa (RD 137/84) que promoveu a creación de Centros de Saúde coa incorporación de equipos multidisciplinarios e coa mellora da dotación tecnoloxica. Todos estes elementos situaron a AP como un dos piares básicos do sistema sanitario.

Diversos estudos confirman que os sistemas sanitarios deseñados en dous niveis (un primeiro nivel que actúa como porta de entrada e coordenador da atención, e un nivel hospitalario que atende aos pacientes  máis complexos que requiren de medios non dispoñibles en AP) son os que prestan unha mellor atención e son máis eficientes. Barbara Starfield dixo que “un sistema sanitario forte precisa unha AP forte”. Neste tempo de crise, que leva aos gobernos a reducir os orzamentos adicados a sanidade, habería que procurar un maior protagonismo deste nivel asistencial, pois é a maneira de garantir unha boa asistencia con menor custe. 

A reforma da AP en Galicia realizouse con moita demora, pois os gobernos do PP apoiaron na década dos oitenta as posicións profesionais máis inmovilistas. O Decreto 200/1993 é a norma que regula o desenvolvemento deste nivel asistencial, con dez anos de retraso. O goberno progresista (2005-2009) impulsou de forma decidida a AP e puxo en marcha un Plan de Mellora que foi posteriormente anulado polo goberno de Núñez  Feijóo.  Mais o golpe decisivo contra estes avances é a posta en marcha das Xerencias de Xestión Integrada que eliminan a autonomía organizativa e orzamentaria da AP.
 
A primeiros de 2005 o PP puxo en marcha a “xerencia única” de Ferrol, e o conselleiro expresou a súa pretensión de extender  ese modelo a toda a comunidade. O cambio de goberno frustrou eses plans, que agora retomaron: xa puxeron en marcha as xerencias de A Coruña-Cee, Ourense, Santiago e Pontevedra-Salnés;  en breve prazo teñen previsto constituir as Xerencias de Xestión Integrada de Vigo e Lugo-A Mariña. Daquela espuxemos o noso criterio sobre esta estrutura organizativa. Podemos recuperar os mesmos argumentos:

1. Non existe ningunha experiencia previa adecuadamente avaliada que permita predecir que este novo modelo vai mellorar a xestión e a eficiencia do sistema sanitario público (a experiencia de Ferrol, a día de hoxe, tampouco foi avaliada). 
2. O modelo de AP  implantado en España nas últimas décadas ten demostrado ofrecer claros beneficios para a saúde das persoas e da comunidade. Este modelo, baseado nos Servizos de Atención Primaria, está pouco desenvolvido en Galicia; precisa de maior impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos e potenciar  a súa carteira de servizos.
3. A creación dun único centro de xestión condiciona de xeito negativo o futuro desenvolvemento da AP, que perde autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos e queda funcionalmente subordinada ás extratexias de xestión da xerencia única. Neste modelo os hospitais volven ser o centro e precisan dunha AP que seleccione os pacientes con criterios de rendibilidade económica.
4. A creación desta estrutura tampouco garante que a coordinación de AP e AH sexa mellor.  En vez de coordinación hai subordinación. Atención Primaria perde todo o control do proceso asistencial e refórzase o “hospitalocentrismo”. Esta orientación  vai contra da eficiencia: a atención hospitalaria utiliza máis tecnoloxía, provoca máis iatroxenia e resulta máis cara.
5. A creación dun centro único de xestión, xunto coa marxinación da AP, favorece que os recursos deriven, ainda máis, cara os hospitais. A reducción das inversións en  AP  frea o seu desenvolvemento, o que levará ao deterioro da calidade asistencial. A  AP, que xa xestionaba un escaso  10% dos orzamentos da sanidade (cando os expertos aconsellan o 25%), queda sen estructura organizativa nin capacidade de decisión.

Os impulsores deste modelo afirman que reducen gastos en persoal e que suprimen cargos directivos. Non é certo. Os membros das Xerencias de AP integráronse no novo organigrama na súa totalidade, se ben agora ocupan cargos irrelevantes, con escasa función  directiva. Tamén afirman que se mellora a continuidade da asistencia. Mais non é así: a supresión das Xerencias de AP non mellora a coordinación e o uso eficiente de ambos niveis asistenciais.  

O PP está aplicando unha estratexia dirixida a externalizar e privatizar progresivamente a sanidade pública. Utilizan o modelo da concesión administrativa ou PFI para entregar a mans privadas a xestión de parcelas cada vez máis amplas da nosa sanidade. Nas comunidades de Madrid e Valencia, donde xa existen as Xerencias Integradas, están a ofertar a empresas privadas a xestión non só dos  hospitais senon das áreas sanitarias, incluíndo os Centros de Saúde. Este será, probablemente, o seguinte paso que tenten dar en Galicia. Como o obxectivo das empresas é conseguir beneficio económico xa podemos enxergar cal será o papel a desenvolver pola AP: será a porteira do sistema, mais verá limitado o seu acceso a probas e terá incentivos para reducir as derivacións ao nivel hospitalario e para  realizar selección adversa de pacientes co fin de reducir os custes. 
 
Por todo o descrito consideramos que as Xerencias de Xestión Integrada veñen ser  o certificado de defunción da AP, representan un paso atrás na mellora da xestión sanitaria e supoñen un perigo certo para o futuro da sanidade pública, á vista da evolución seguida noutras autonomías. Reclamamos que se poña freo á implantación deste modelo de xestión e que se recuperen as Xerencias de AP, con capacidade decisoria e orzamento propio. Tamén solicitamos un incremento dos orzamentos de AP e o inicio dun proceso coa finalidade de potenciar o sistema sanitario público, sen poñer en risco os avances e melloras acadados ata o momento.


Galicia, 28 de Febreiro de 2013.


 Asinantes:
-Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).
-Jesús Rey García. Coordinador do Plan de Mellora de Atención Primaria do Sergas (2006-2009).
-Jesús Sueiro Justel. Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC).
-Manuel-V. Fernández Fernández. Presidente da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC).
-Pablo Vaamonde García. Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas (2005-2006).

viernes, 22 de febrero de 2013

Antón Beiras e o galego

En Galicia Hoxe


O primeiro artigo médico escrito en galego durante o franquismo foi publicado polo oftalmólogo Antón Beiras no ano 1957. No limiar defendía o idioma como vehículo adecuado para a ciencia e a práctica médica. As paixóns deste home exemplar, falecido prematuramente en 1968, foron a medicina e a investigación (acadou notoriedade pola invención do Vigoscopio, un complexo aparello para tratar o estrabismo), mais destacou sobremaneira polo seu compromiso con Galicia e a súa lingua. O seu colega e amigo Sánchez Salorio defíneo como un “galeguista optimista”. Militou nas Mocedades Galeguistas e foi un dos fundadores da editorial Galaxia.

A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización que pretende potenciar o uso do galego no ámbito sanitario, quere recuperar esta figura da medicina coa pretensión de destacar as persoalidades da nosa historia recente que deben servir como referente colectivo no exercicio profesional e no compromiso co país. No acto de homenaxe, organizado en colaboración co Colexio de Médicos de Pontevedra, que se celebra en Vigo o día 2 de marzo, participan, entre outros, Alonso Montero, amigo persoal do doutor, e Xosé Manuel Beiras, sobriño do homenaxeado.

A firmeza amosada por Antón Beiras para empregar o galego, na fala e na escrita, durante a dictadura franquista, non foi unha actitude prevalente na práctica médica. Pola contra, o uso do idioma ten moi escasa penetración no entorno sanitario e, aínda hoxe -a pesares dos adiantos normativos acadados dende a transición que situaron o galego como lingua oficial deste país-, a súa presenza no mundo da sanidade é moi escasa. Nos hospitais e nos centros de saúde a actividade desenvólvese maioritariamente en castelán.

 O uso do galego segue a ser tan residual como hai trinta anos cando os tres médicos do hospital de A Coruña que falabamos galego éramos coñecidos e sinalados por tal condición. Por eso é necesario recuperar para a memoria colectiva a conducta militante daqueles que, como Antón Beiras, non abandoaron o compromiso coa lingua, mesmo nos tempos difíciles. Pero non abonda con ter referentes senon que é preciso elaborar estratexias que permitan favorecer a expansión do idioma nun entorno tan impermeable como o sanitario. Nese senso ISAGA está a elaborar un portal de educación sanitaria, que porá a disposición de sanitarios e usuarios, cun importante arsenal de material divulgativo no noso idioma.

O galego é o patrimonio cultural máis importante de Galicia. Hoxe está en perigo de extinción. As actuáis autoridades non se sinten na obriga de protexer este enorme ben que nos concedeu a historia. Pola contra, amosan desprezo e belixerancia contra da lingua, á que sinalan coma unha carga do pasado –da que cómpre desprenderse- en vez de entendela como unha grande riqueza para a Humanidade, para nós e as futuras xeneracións. Falar galego en Galicia debería ser o máis natural e cotiá en calquera ámbito cidadá e profesional.


Temos un país anómalo e disfuncional que precisa honrar, ainda, a aqueles que usan a propia lingua na vida diaria e no exercicio da profesión.Neste senso ISAGA promove esta homenaxe ao doutor Beiras, para lembrar que debemos continuar na resistencia, que cómpre manter o optimismo e a ilusión como él fixo nos tempos escuros.

jueves, 7 de febrero de 2013

A Atención Primaria fronte á crise

En Galicia Hoxe

A Atención Primaria  (AP) é sinalada polos expertos como o eixo fundamental do sistema sanitario. Así o recoñece a Ley General de Sanidad (1986). Cando a AP actúa como elemento de coordinación e porta de entrada do sistema é máis doado garantir a equidade e o uso racional dos recursos, así como a integralidade e a continuidade da atención. O avance da AP no Estado veuse freado por tres condicionantes:  o déficit de recursos e a limitación no acceso a probas diagnósticas, a deficiente relación co nivel hospitalario e a introducción de elementos de privatización no sistema, que produciron unha descapitalización do primeiro nivel asistencial.
 A medicalización da vida e o uso irracional e excesivo dos recursos asistenciais ten moito que ver co hospitalocentrismo e coa mercantilización da saúde. Así se explica o elevadísimo gasto farmacéutico, a sobreutilización de recursos diagnósticos e a elevada iatroxenia producida polo propio sistema (o 13% dos pacientes son ingresados por efectos adversos das actuacións sanitarias). A perda de protagonismo da AP é provocada por decisión políticas: o recorte do presuposto sanitario afecta con máis intensidade á AP (en Galicia, de 2009 a 2012 a Atención Especializada perdeu 22 millóns; a AP decreceu 188 millóns de euros); ademáis a desaparición das xerencia de AP (absorbidas polos hospitais) e o abandono do Plan de Mellora provocaron un prexuicio evidente deste nivel asistencial. O severo deterioro das condicións laborais está  a xerar un clima de malestar profesional e desmotivación.

 Os actuais responsables sanitarios non cren no sistema público nin confían na Atención Primaria como centro coordinador do mesmo.  As políticas desenvolvidas polo actual goberno da Xunta, seguindo o camiño iniciado noutras comunidades, van dirixidas a desmantelar e privatizar o sistema público para converter o dereito á saúde nunha mercadoría que permita xerar negocios e actividades lucrativas privadas a expensas dos orzamentos. Mais se as decisións políticas se adoptasen na procura do beneficio colectivo e do ben común este tempo de crise debería servir para potenciar unha AP orientada á promoción da saúde e á prevención da enfermidade así como a asumir un maior protagonismo no labor asistencial. Se a AP tivera unha dotación adecuada de profesionais, con equipamento axeitado e acceso a probas diagnosticas podería ter unha maior  capacidade resolutiva, o que evitaría a sobreutilización dos servizos de urxencias e a masificación hospitalaria, cun custo moi inferior.

A alternativa é a Atención Primaria
O gasto sanitario ten aumentado nos últimos anos de xeito notable. Máis dun tercio dos orzamentos das comunidades autónomas vai destinado a sanidade. As administración sanitarias impuxeron medidas para reducir o gasto: recortes salariais e precarización das condicións laboráis, copagamentos diversos que sobrecargan as economías familiares e provocan inequidade, e tamén ensaiaron diversas experiencias de xestión privada: todas estas medidas non conseguiron aforrar diñeiro público pero provocaron efectos moi adversos sobre os sectores da poboación máis desfavorecidos.
Se queremos buscar a eficiencia hai que apostar pola AP.  O xeito de enfermar hoxe en día é moi diferente ao de hai cincuenta anos. A mellora na expectativa de vida provoca un aumento das patoloxías crónicas e da comorbilidade. O que se precisa non é incrementar a especialización senon procurar profesionais xeralistas con formación e habilidades para o manexo da cronicidade e dos factores familiares, sociais e laborais que afectan ao paciente. Se pretendemos reorientar o sistema sanitario cara o paciente crónico cómpre potenciar a AP, pois é ahí donde se fan actividades de prevención, donde se coñece ao paciente no seu entorno, donde se realiza educación sanitaria e promoción de hábitos saudables e donde se debe centralizar a coordinación da atención sanitaria.
Os profesionais do sistema sanitario público non debemos aceptar o camiño emprendido polos actuais dirixentes, que nos conduce a converter a AP nun apéndice dos hospitais e a actividade sanitaria nunha fonte de negocio privado.  De seguir nesta liña estaremos, en breve plazo,  nunha situación irreversible,  con grave deterioro dos servizos  públicos e das condicións laborais dos profesionais sanitarios.
É chegado o momento de impulsar unha actuación unitaria dos traballadores da sanidade pública para tentar revertir a situación. Por eso propoñemos:
1.    Constituir unha alianza que englobe a todos os traballadores e organizacións da AP de Galicia, para ampliala posteriormente a usuarios e cidadáns.
2.       Propor unha renegociación inmediata do Plan de Mellora de AP para adaptalo á actual situación.
3.  Desenvolver instrumentos e mecanismos que favorezan a participación e implicacións dos profesionais e cidadáns no goberno dos servizos de AP.
Para reconducir a situación actual, que relega a AP a un papel secundario e subsidiario no sistema sanitario, é preciso planificar medidas de movilización, asumidas pola maioría dos profesionais e usuarios, que presionen á Administración para abrir unha negociación sobre estes plantexamentos. O futuro da AP e do sistema sanitario público está nas nosas mans.
 Asinantes:
-Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).
-Jesús Rey García. Coordinador do Plan de Mellora de Atención Primaria do Sergas (2006-2009).
-Jesús Sueiro Justel. Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC).
-Pablo Vaamonde García. Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas (2005-2006).

Galicia, 7 de febreiro de 2013.


jueves, 31 de enero de 2013

A porta xiratoria




A porta xiratoria é un magnífico invento. Nada máis entrar nun dos seus ócos a porta avanza e, en catro pasos, atópaste no interior. Do mesmo xeito podes desandar o camiño, coa mesma facilidade. Cando este mecanismo se utiliza no terreo político para pasar dun cargo público á empresa privada, e viceversa, prodúcense situación de intensa promiscuidade, coa presenza de graves conflitos de interese. As empresas que contratan políticos para cargos de dirección non o fan por altruismo: teñen máis interese na axenda persoal, no coñecemento da Administración, na experiencia acumulada, na capacidade de influencia e na información privilexiada que aportan. Son as bases para realizar negocios con vantaxe, para obter privilexios sen forzar a legalidade e mesmo para realizar prácticas que caen de cheo na categoría da corrupción. Nos últimos anos houbo moitos políticos (do PP e do PSOE, sobre todo) que ocuparon prazas de privilexio nas grandes empresas. Nun artigo anterior fixemos un breve repaso das “vidas exemplares” dalgúns destes persoaxes.

Güemes,  Aguirre,  F. Lasquetty, González
Neste inicio de ano houbo varios episodios que puxeron en evidencia a intensa interconexión dos intereses privados cos poderes públicos: a riqueza oculta de Bárcenas e os pagos con diñeiro negro na propia sede do PP, o luxoso ático marbellí de Ignacio González,  a fichaxe dun exconselleiro de Madrid (Güemes) pola empresa que realiza os análises clínicos da comunidade (servizo que él mesmo privatizou), a incorporación de Rato a Telefónica (empresa que entregou a mans privadas cando era ministro de Aznar), e o desembarco de Esperanza Aguirre nunha empresa de “cazatalentos”. Todos estes feitos provocaron unha profunda indignación colectiva. Mais os grandes partidos non amosaron, ata o momento, especial dilixencia para evitar estes feitos. En Galicia o fiscal superior, Carlos Varela, presentou no Parlamento, en decembro de 2011, un detallado plan para previr as prácticas de corrupción. Ainda hoxe agarda resposta.

A corrupción é percibida pola maioría como un dos principais problemas da nosa sociedade. O trasvase de políticos á empresa privada e viceversa (mesmo se cumplen coa actual Lei de incompatibilidades) facilita un retiro dourado aos políticos que deixan a primeira liña, mais tamén alimenta a sospeita de que o executivo e o lexislativo faciliten a actuación das empresas na defensa dos seus beneficios, deixando en segundo lugar o interese colectivo. Cada vez se coñecen máis casos de políticos que utilizan a estratexia do “cabalo de Troia”: acceden a cargos públicos para defender intereses privados. No terreo sanitario os exemplos son múltiples. Vexamos o perfil dalguns persoaxes que practican con habilidade o “revolving door”:

-Rocío Mosquera, actual conselleira de Sanidade, exerceu durante moitos anos un cargo directivo do grupo Nosa Terra, propietaria de Povisa. Nas negociacións con este grupo (para que cumpla os obxectivos asistenciais ou para a renovación do concerto particular) ten un grave conflicto de intereses que deberían  abondar para inhabilitala para o exercicio deste cargo. Cando foi nomeada conselleira tamén tivo que dar explicacións no Parlamento sobre o turbio nomeamento do seu marido para unha xefatura no CHUS, e sobre a presenza dunha filla na consultora PwC (que participou na adxudicación do hospital de Vigo).


-Manuel Martín Ferrer foi, durante varios anos, un alto cargo da Generalitat valenciana. A súa misión era supervisar desde a Administración á empresa Ribera Salud UTE (concesionaria da xestión do hospital de Alzira). En setembro de 2007 utilizou a porta xiratoria e pasou a ocupar o cargo de maior responsabilidade en dita compañía: director do departamento de saúde.

-Manuel Lamela estivo como conselleiro de Sanidade en Madrid desde 2003 a 2007. En 2005 tivo certa notoriedade mediática, despois de que denunciase aos médicos de Urxencias do hospital de Leganés, encabezados por Luís Montes, por realizar presuntas sedacións irregulares a pacientes en situación terminal. A xustiza doulle a razón ao doutor Montes e o seu equipo, despois dun longo xuizo, mais o dano feito ao prestixio do hospital e aos profesionais (que marcharon traballar noutros lugares) é xa irreparable. A caverna mediática utilizou este asunto de xeito cruel sinalando aos acusados como presuntos asesinos. Lamela tamén tivo que comparecer, imputado por denuncia falsa. Cando deixou o goberno da condesa Aguirre continuou colaborando co seu antiguo padriño, Rodrigo Rato, e ocupou un posto como conselleiro de Caja Madrid (grupo Bankia). Tamén creou  e situouse como presidente das sociedades Madrid Medical Destination SL , Madrid Ciudad de la Salud SA, e Madrid Centro Médico (MCM), que pretenden “potenciar o turismo sanitario de primeiro nivel”. Na presentación pública de MCM estivo acompañado por altos cargos da comunidade e do concello, institucións que apoiaron estes proxectos con créditos e subvencións.

-Juan José Güemes foi o sustituto de Lamela. Deixou o posto de conselleiro en 2010 e fichou pola escola de negocios IE. Este xoven licenciado en Económicas, formado nun colexio do Opus Dei, tivo unha carreira meteórica:  a primeiros dos anos noventa xa formaba parte do equipo de Rodrigo Rato. En 2003 a condesa Aguirre nomeouno Consejero de Empleo y Mujer, e seguidamente foi o máximo responsable da sanidade madrileña. Está casado, de segundas, con Andrea Fabra, a filla do cacique de Castellón (famoso pola súa fortuna no xogo da lotería e por construir aeroportos onde non aterran os avións). Esta diputada nacional do PP fíxose famosa por unha breve intervención parlamentaria: berrou desde o seu escano “que se jodan!!”, cando Mariano  Rajoy anunciaba recortes nas prestacións aos parados. Güemes sempre tivo boa vista para os negocios: coa súa primeira muller lucrouse do ladrillo pois o seu sogro era un afamado promotor inmobiliario. “Aproveche las oportunidades de negocio para su empresa”, decíalle aos empresarios na presentación do Plan de Infraestructuras Sanitarias de Madrid, en 2008. Él tamén aproveitou a súa. Antes de deixar a consellería privatizou os análises clínicos de Madrid. A empresa Unilabs, que se fixo co control deste servizo, polo que recibe unha elevada remuneración, nomeou conselleiro a Güemes. A publicación desta noticia, a primeiros de xaneiro, provocou un enorme alboroto mediático que o levou a deixar o seu recén estrenado cargo. Mais non debemos preocuparnos polo seu futuro: sigue presente en seis consellos de administración.

-Antonio Burgueño é, se cadra, menos coñecido que os anteriores, mais vén ser o paradigma do “cabalo de Troia”. Admirador da sanidade dos EEUU ten participado en numerosos debates. Chegou a afirmar que os médicos da sanidade pública só se adican á burocracia e tamén dixo que “el pago al médico por el paciente redundaría en un modelo más entrañable”. Este home duro é o principal ideólogo do plan sanitario de Madrid, que plantexa a privatización de seis hospitais e 27 centros de saúde. Agora é director xeral de hospitais da comunidade de Madrid, pero pasou máis de vinte anos como executivo en empresas sanitarias privadas. Como director asistencial de Adeslas puxo en marcha o hospital de Alzira. Asesorou a Capio na construcción do hospital de Valdemoro. O seu fillo é un alto cargo en Ribera Salud.

Ribera Salud e Capio son as empresas máis beneficiadas pola política de privatizacións sanitarias. Rivera Salud foi creada pola Generalitat valenciana en 1997 para dar respaldo financeiro ao hospital de Alzira. Hoxe é o primeiro operador de hospitais públicos por concesión, facturou en 2011 case catrocentos millóns de euros e todos os seus ingresos proceden de contratos coas comunidades de Madrid e Valencia. Capio Sanidad xestiona varios hospitais públicos e facturou 673 millóns de euros en 2011. O 75% desta cantidade procede das arcas públicas. Está controlada polo fondo de capital risco CVC con sede no paraíso fiscal de Luxemburgo.

Os expertos advirten do enorme risco de “captura do regulador”: estas empresas tan potentes chegan a ter tal influencia que poden someter á Administración, anular a súa función inspectora e convertila en defensora dos intereses da empresa dominante en vez de protexer o interés xeral. Hai un perigo certo de pasar do monopolio público ao oligopolio privado. Joaquín Estefanía advertía nun artigo: “privatizaron a banca pública, a enerxía pública e as telecomunicacións públicas, entre outros sectores estratéxicos. Agora queren facer o mesmo coa sanidade e a educación públicas ainda que o neguen". 

viernes, 18 de enero de 2013

O saqueo da sanidade


A dereita non para de pregoar a súa letanía: cómpre privatizar para xestionar mellor. Mais se miramos arredor vemos que decenas de empresas van á quebra por falta de solvencia, deixando a centenares de persoas sen traballo. Tamén podemos lembrar a privatización e liberalización do sector eléctrico, culminada por Aznar. Hoxe  pagamos a luz máis cara de Europa e ainda lle debemos cartos ás compañías, arredor de 24.000 millóns de euros. Agora o capitalismo impaciente dirixe a súa ollada á nosa educación e á nosa sanidade.

Os promotores da privatización saben que os modelos de concesión (PFI), utilizados previamente noutros países para a xestión hospitalaria (Reino Unido, Canadá, Australia),  producen máis dano que beneficio: diferencias abismais entre os presupostos iniciais e os custes finais das infraestructuras, necesidade de “rescate” con fondos públicos, perda de control por parte dos organismos públicos, peche de servizos etc. En contra de todas as evidencias as autonomías gobernadas polo PP (Castela-A Mancha, Galicia, Estremadura) están a seguir os pasos de Valencia e Madrid. Estas dúas comunidades, coas súas experiencias privatizadoras iniciadas hai tres lustros, só conseguiron arruinar as contas públicas autonómicas e degradar a sanidade pública de xeito imparable.

Valencia foi a primeira autonomía en iniciar estes experimentos: Zaplana, en 1999 puxo en marcha o hospital de Alzira, presentado como o modelo do PP para a xestión sanitaria (o hospital tivo que ser “rescatado” e renegociado o seu cánon anual).  Inauguraron máis hospitais con xestión privada (Torrevieja, Dénia, Manises, Elche) e agora andan a xogar co que denominan modelo de xestión compartida: pensan entregar a mans privadas todo o negocio existente arredor da sanidade en tres grandes paquetes (servizos xerais, servizos concertados e loxística). Nestes momentos o 20% da poboación, un millón de habitantes, depende de empresas privadas. A sanidade valenciana está considerada como a máis deficiente do Estado.

En Madrid, Esperanza Aguirre seguíu o exemplo de Zaplana. Ata o momento da súa demisión existían tres hospitais con xestión privatizada (Valdemoro, Torrejón e Móstoles) e outros sete centros semiprivados. Tamén ela tivo que “rescatar” os seus hospitais PFI con diñeiro público e aumentar notablemente o canon anual. Unha vez saneados son agora postos á venta, pois o seu sucesor, Ignacio González, tenta impor un plan para privatizar totalmente a xestión de seis destes hospitais e de vintesete centros de saúde que atenden a un millón e medio de persoas. Fan xogos de palabras (“No es privatizar: lo que hacemos es externalizar la gestión”) pero a decisión é firme. O conselleiro Fernández-Lasquetty afirmou: “No hay negociación posible: les recuerdo que nosotros somos el gobierno apoyado por un 53% de los madrileños”. O presidente non electo mesmo se permite facer afirmacións chulescas: “con la sanidad privada las enfermeras estarán más buenorras”.

Houbo unha enorme resposta popular e profesional contra destas propostas. Recolléronse un millón de sinaturas contra da privatización, os sanitarios protagonizaron unha folga con grande seguemento que se prolongou durante todo o mes de decembro. Máis de trescentos directivos de hospitais e centros de saúde presentaron a renuncia aos seus cargos en sinal de protesta. Houbo manifestacións multitudinarias e numerosas concentracións nas que profesionais e usuarios expresaron a súa posición contraria ao proxecto do goberno autonómico. Mais, sen escoitar a ninguén, o Parlamento madrileño aprobou o 27 de decembro a Lei de Acompañamento dos presupostos de 2013 (outra vez utiliza o PP esta porta falsa para impor o seu criterio sen debate parlamentario) na que se habilita ao Servizo Madrileño de Saúde para ceder a empresas privadas a xestión de centros sanitarios. A imaxe dos diputados do PP participando na votación sen deixar de xogar cos seus móbiles quedará para a historia universal da infamia.

Os profesionais e cidadáns continúan coas protestas e movilizacións  e cada vez son máis as voces discrepantes. Mesmo hai quen apunta que “a falta de transparencia e os intereses cruzados entre os que toman as decisións e os que se benefician delas convirten esta norma en nula de pleno dereito, e non debe ser admitida polos profesionais nin pola poboación madrileña” (Luísa Lores). Eles teñen claro o obxectivo e non atenden a razóns. Pero hai que paralos. Do contrario a onda privatizadora e o saqueo dos orzamentos sanitarios continuará tanto en Madrid como nas demais autonomías onde gobernan.




domingo, 13 de enero de 2013

Desmantelando a sanidade pública

En Galicia Confidencial

Na “axenda oculta” do Partido Popular había un obxectivo principal: ocupar o poder para desmontar desde dentro, como troianos, o Estado de benestar, construido nas últimas décadas con tanto esforzo colectivo e que constitúe un elemento básico para garantir a cohesión social e a igualdade de oportunidades. Mais a facción ultraliberal que nos goberna non cre na igualdade das persoas e desconfía do sector público. Agora están a executar os seus plans sen disimulo, sen que lles importe o sufrimento provocado. Non é certo que non se poida soster o Estado de benestar. O profesor Navarro recorda que España gasta neste terreo menos do que podería: “O PIB per cápita é o 94% do promedio dos países da UE-15, mentres que o gasto público social é só o 72% do promedio”.

Pero o PP, en vez de tentar aumentar os ingresos, opta por reducir o gasto, por adelgazar o peso do Estado.  Así deixan máis espazo para o negocio aos grupos empresariais afíns. Nun só ano de goberno o retroceso foi espectacular. Os números cantan. Arredor de 15.000 millóns de euros xa desapareceron das contas para políticas sociais. A sanidade perdeu 7.400 millóns, a educación outros 6.400. Na prensa internacional (The Wall Street Journal, Der Spiegel) mesmo acusan a Rajoy de “saquear en silencio” o fondo de reserva da Seguridade Social no seu empeño de evitar o rescate.

No terreo sanitario o PP non só está a privatizar os servizos senon que, abusando da maioría absoluta e traizoando todos os principios democráticos, entrega diñeiro público (recadado cos impostos) a empresas afíns para producir lucro privado. Non se trata, por tanto, de externalizar a xestión nin de mellorar a eficiencia dos centros sanitarios; o que realmente persigue o PP, desde o poder, é baleirar a caixa dos fondos do Estado destinados ao benestar dos cidadáns.

A estratexia. Na sanidade hai unha estratexia, deseñada en potentes laboratorios de propaganda (Faes, Idis, Bamberg etc), financiados polas empresas que agardan obter beneficios coa desregulación e o desprestixio dos servizos públicos. Desde hai tempo veñen pregoando que a sanidade pública é insustentable, que a xestión privada é mellor que a pública e que cómpre separar financiación e prestación (queren unha financiación pública dos servizos mais que a prestación sexa privada). Estas falacias indemostradas constitúen o corpus teórico dos impulsores da privatización sanitaria.

Os feitos demostran o contrario: alí onde se implantaron estas medidas (Reino Unido, Valencia, Madrid) aumentou o gasto sanitario sen que mellorase a calidade asistencial. Os lobbys e os políticos que agora están a impoñer estas medidas (Galicia, Castela-A Mancha, Madrid) en contra do criterio profesional e cidadá, non ignoran a falsedade dos seus asertos; saben con certeza que este camiño provoca un claro prexuizo colectivo. Pero insisten: teñen claro que si se afunde o sector público terán oportunidade de facer negocio. A consultora PwC (con estreitos vínculos co PP, e onde traballou De Guindos) fixo público hai pouco un informe, “Temas candentes en la sanidad española para 2012”, no que afirma, como conclusión interesada que “en tiempos de crisis es el momento de relanzar la colaboración público-privada”.

O Real Decreto Lei 16/2012. Ao pouco tempo de ocupar o poder (abril-2012) o PP impuxo unha norma decisiva para o futuro da sanidade. Con absoluto cinismo aprobou, por vía de urxencia e sen debate parlamentario, o “RD 16/2012 de medidas urgentes para garantizar la sostenibilidad del Sistema Nacional de Salud (SNS)”. Con este decreto non pretenden garantir nada senon que, pola contra, representa un auténtico misil na liña de flotación contra do SNS. O potencial destrutivo deste decreto imposto polo goberno é tremendo.

-Recupera a figura do “asegurado”. A saúde deixa de ser un dereito dos cidadáns como garante a Lei Xeral de Sanidade (1986). Retrocedemos tres décadas, de xeito que só poderán recibir á atención sanitaria os que acrediten ter cotizado á Seguridade Social.

-Provoca a exclusión sanitaria de diversos colectivos. Actualmente están xa sen tarxeta os inmigrantes en situación irregular, un grupo moi vulnerable que non pode utilizar os servizos da rede pública, agás as urxencias. Hai autonomías que non aplican esta norma (Andalucía, Asturias, Cataluña, Euskadi), e o Tribunal Constitucional ven de avalar o dereito dos inmigrantes sen papeis a recibir atención sanitaria. Levantou a suspensión cautelar dun decreto do goberno vasco que garantía a cobertura sanitaria a este colectivo. Mais a ministra Ana Mato non cambia o seu criterio. “Seguimos pensando que el decreto vasco es anticonstitucional”, afirmou. En realidade a repercusión económica desta medida é ridícula, mentres que o impacto na cohesión social e mesmo na saúde pública é enorme. E o dano que se está a provocar non ten reparación posible.

-Introduce diversos copagamentos (os fármacos dos pensionistas, o transporte sanitario non urxente, as prótesis ambulatorias, determinados productos dietéticos etc), que veñen representar un segundo pagamento do xa financiado cos impostos. Esta medida significa un tremendo castigo para os enfermos, os vellos e os pobres. A exclusión de máis de catrocentos fármacos de uso común (antitusivos, expectorantes, lágrimas artificiais, antiinflamatorios tópicos etc)  é unha carga máis para moitas familias que teñen serias dificultades para afrontar os gastos derivados da atención á saúde.

-A carteira de servizos do SNS, que ven ser a relación de prestacións asistenciais, aparece dividida en tres niveis: básico, accesorio e complementario. Esta medida, aparentemente anodina, en realidade ven sentar as bases para a futura exclusión de prestacións. Dese xeito, e atendendo ás reclamacións das compañías aseguradoras, o Estado só garantirá a carteira básica, polo que as persoas que queiran ter cobertura dos servizos accesorios e complementarios terán que contratar pólizas de seguro que cubran esas prestacións.

Mentres hai cada vez máis xente  que sufre e olla o futuro con tremenda incerteza o partido gobernante non cambia o rumbo nin demostra compasión. Hai moito negocio arredor da sanidade e están a traballar para quen llo haberá de agradecer. 



sábado, 29 de diciembre de 2012

Falando en voz baixa


As voces baixas, o último libro de Manuel Rivas pode ser, na miña opinión, unha das mellores obras deste autor que xa é, con todo merecemento, un dos máis grandes da nosa literatura. Trátase dun texto autobiográfico no que, en vintedúas breves estampas, repasa os primeiros anos da súa vida, desde os primeiros medos infantís ata os seus inicios no xornalismo, traballando como meritorio no mítico Ideal Gallego daqueles anos setenta, onde comezou no oficio a carón de figuras como Luís Pita e Xosé Gaciño.


Hai autores que caen na trampa do anecdotario e convirten o relato autobiográfico nun amoreamento de persoaxes e sucesos que teñen escasa relevancia fóra do ámbito persoal ou local. Ata os mestres poden cometer este erro (García Márquez en Vivir para contarla, ou Ramiro Fonte en Os meus ollos). Outros caen na autocomplacencia: o autor convírtese en protagonista da historia e só reflicte aqueles perfís que máis lle conveñen. Non é doado facer boa literatura a partires da memoria persoal. Caballero Bonald (Tiempo de guerras perdidas) decía que, onde remata o cómputo privado da realidade, comeza a invención artística doutra realidade puramente literaria:redactar unas memorias también equivale a montar una novela a partir de esa memoria”.

 Eso é o que consigue o autor neste fermoso libro. Constrúe unha peza literaria cos recordos da súa infancia e adolescencia. Pero Manuel Rivas non fala tanto de sí mesmo como dos seus: dos avós, dos pais, dos tíos e da súa irmá María, unha sombra protectora, unha presenza permanente nesta obra, desde a foto da portada ata o último capítulo no que relata a súa morte prematura. Tamén fala dun tempo, os últimos anos do franquismo, co silencio instalado nas casas –había cousas das que non se podía falar-, co autoritarismo presente na igrexa e na escola -onde os rapaces tomabamos o leite en pó da axuda americana-, coa emigración como horizonte para a xente nova (“Un día, indo sós para a escola , Antonio informoume moi contento: “Mañá marcho para Inglaterra”. E engadíu: E ti quedas aquí”), coas familias traballando duro para fuxir da miseria e  na procura un futuro mellor para os fillos (“E ti, cando sexas grande, a ver se buscas un traballo no que non te molles”).

O texto, e as fotos que o acompañan, dan testemuña da vida dunha familia humilde que traballa arreo para mellorar a súa vida. O autor recorda aos seus con afecto, con grandísimo respecto e tamén con admiración. O seu pai, albanel e saxofonista, foi quen de construir no Castro de Elviña,  coas súas propias mans, “aquela nosa casa solitaria que resistía as tempestades”. Súa nai, que falaba soa mentres traballaba, protexía aos fillos contra o mundo,  “mantiña unha loita sen tregua contra a friaxe e as correntes de aire”, e estaba obsesionada con que os fillos tivesen un traballo que os librase de andar á intemperie. Hai un momento do libro que resulta moi revelador. Despois de moitos días sen poder traballar, por causa da chuvia, o pai estoupa: “Quen me dera unha semana no cárcere”. E a nai contéstalle: “E a min sete días no hospital!”. Como se pode apreciar hai tamén no libro, como é habitual en Rivas, unha grande dose de humor, un humor terapéutico que axuda a tolerar os golpes da vida. E tamén humor negro de alta calidade.  Conta o caso de Antonio o Chibirico, que exerceu de enterrador na parroquia de San Vicenzo. Ás veces achegábase á porta das tabernas e berraba: “Hai que ir morrendo! Non dades un peso a gañar!”.


Todo esto é contado en voz baixa. O autor non eleva o tono, non impón o seu discurso senón que relata con sinxeleza, afecto e ironía a vida cotiá deste grupo humano no que naceu, medrou e aprendeu a ser boa persoa (“Fueron mi vida. Gente a la que quise. Cada una de sus ausencia me ha llenado de sufrimiento”, Rafael Chirbes en La buena letra).  Pero a novela trascende o terreo estrictamente persoal e familiar. Os que vimos daquel tempo, e da mesma estirpe proletaria, recoñecémonos nestas figuras e neste relato. Tamén nós sufrimos os medos infantís, soubemos da friaxe dos invernos, tivemos mestres que utilizaban a regra como ferramenta de traballo e na nosa casa tampouco había libros.

Relatos coma este axudan a darlle sentido ás nosas vidas. As narrativas persoais que imos construindo ao longo da vida “danlle sentido ao pasado, explican o presente e anticipan o futuro” (Santiago Lamas, Galicia borrosa). Esta memoria persoal do autor é tamén, en parte,  a nosa memoria colectiva. Manuel Rivas é un notable poeta, un articulista brillante e comprometido e un narrador poderoso que nos deixa neste libro unha testemuña conmovedora dos seus primeiros anos neste mundo.

A súa irma María gañou, nunha ocasión, un concurso de relatos patrocinado por unha empresa de refrescos. Os xornais titularon: “La hija de un albañil gana el concurso nacional de redacción”. As forzas reaccionarias, que agora dominan no país, están a dictar normas e a impoñer decretos para tentar que o fillo dun albanel non poida chegar a ser o mellor escritor de Galicia e membro relevante da Real Academia Galega. Nunca máis. 

martes, 18 de diciembre de 2012

As vítimas dos recortes

En Galicia Hoxe


Unha sociedade sa e forte procura criar con saúde os seus fillos, atender debidamente aos doentes e desvalidos e protexer os últimos anos das persoas maiores. Mais vivimos nun momento cruel e nunha sociedade enferma que non aborda debidamente as que deberían ser obrigas principais. As forzas políticas dominantes están a desmontar o Estado de benestar para substituir a xustiza por caridade e os servizos públicos por negocios privados. 
Nun tempo recente houbo quen amasou grandísimas fortunas (banqueiros, empresarios, especuladores financeiros, políticos corruptos, delincuentes varios), hoxe agochadas en paraísos fiscais. A crise económica actual non a pagan os seus principais responsables -que nin pediron disculpas nin devolveron o diñeiro-, senon os traballadores, os enfermos, a mocidade, os funcionarios, os vellos e os minusválidos.

 
España xa é o terceiro país da UE con máis risco de pobreza. O 27 por cento de poboación ten moi poucos ingresos ou padece privacións; xa somos o terceiro dos Vintesete con maior risco de pobreza, por detrás de Bulgaria e Rumanía. Hai máis de 12 millóns de persoas que están nunha situación de exclusión ou vulnerabilidade. A resposta a este momento dramático non é realizar recortes sociais e provocar máis sufrimento, senon restaurar unha política fiscal redistributiva que permita xerar ingresos públicos suficientes para manter e potenciar os servizos públicos. De non ser pola fiscalidade regresiva e pola entrega das empresas públicas rendibles aos amigos do presidente Aznar (Telefónica, Endesa, Repsol, Argentaria, Tabacalera) hoxe o Estado tería unha situación económica máis solvente para para afrontar a crise.

Detrás das cifras hai persoas que sufren e que se sinten atrapadas nun camiño sen saída. Cada vez hai máis traballadores atenazados polo medo ao despedimento, parados sen esperanza, persoas contratadas por salarios miserables, xubilados con poucos recursos e inmigrantes sen atención sanitaria. As crueis medidas impostas polo goberno fan que medre, día a día, o medo ao futuro, a desesperanza e a indignación. Hai moita xente dominada pola angustia e o temor, que mesmo se chegan a sentir culpables. Hai persoas que ven a sua vida arruinada e son incapaces de tolerar tanta humillación. 

Eu vivo e traballo nun barrio da Coruña, donde moitas familias traballadoras, nos últimos anos, ven como se deteriora a súa situación laboral e económica. Podería falar de decenas de persoas afectadas pola situación e feridas pola política de recortes. Mais só vou referir dous casos. Non hai moito estivo na miña consulta unha señora de oitenta anos para ver que medicamentos se podían retirar da súa receita electrónica, por non ser capaz de pagalos todos: na casa viven un fillo coa súa muller e dous netos, todos eles dependendo da súa pensión (cincocentos euros). Máis recentemente un paciente de 42 anos, que loita desde hai máis dunha década cunha insuficiencia renal (tres días de diálise á semana, en transporte colectivo que agora tamén terá que pagar) despois de sufrir un rexeitamento do trasplante, envioume unha carta, que resumo a continuación, sen máis comentarios:

“Me considero en la obligación de darle información para que sea de su conocimiento y si usted lo estima oportuno puede usarla a su conveniencia con mi plena autorización; en ningun caso es una queja hacia su gestión de la salud familiar. Mi pensión es de 375 euros, ya insuficiente para soportar los gastos. Mi madre cobra una pensión buena pero cada vez resulta más difícil llegar a fin de mes. Podemos sobrevivir pero ya tenemos que prescindir de cosas que considerábamos elementales hace sólo un año. Me siento una carga para mi familia; cada vez que vamos a la farmacia y pagamos 40 o 50 euros- a veces más-  me siento fatal; me consta que lo hacen con gusto pero yo no puedo evitar sentirme mal. Este sentimiento de culpabilidad me abruma y se suma a todas las angustias que usted ya conoce. 
He tomado una serie de medidas que creo que irán en detrimento de mi salud si se sostienen en el tiempo; trato de prescindir del Fortasec –que ahora hay que pagar-, y tomar agua de cocer arroz para que no resulte tan oneroso para el presupuesto familiar (la bacteria de mi ingreso tan grave del 2008 me la han controlado pero me produce descomposición casi a diario). La higiene del catéter que va vía cava –directamente al corazón- la hago con toallitas (en vez de gasas estériles), procuro usar para esta higiene colonia o desodorante empañando las toallas de algodón. El Ferplex trae 20 viales por caja y costaba hasta hace poco 40 euros lo cual supone un gasto de 50 euros mensuales. Desde enero a noviembre mi hematocrito ha bajado desde 48 a 30%. Vuelvo a sentirme débil, me cuesta subir por pendientes y me agoto tremendamente. En fin, le ruego me disculpe esta redacción lastimera. Pero creo que deben estar informados de lo que han significado para los pacientes crónicos estos recortes. El ahorro se podría obtener de otras partidas menos dolorosas para la sociedad, salvo que se trate específicamente de dañar a estos colectivos más desfavorecidos.
La responsabilidad de esta carta es exclusivamente mía. Muchas gracias por todo; sin su ayuda y sin las facilidades que dio a mi familia yo no saldría adelante. Le deseo felices fiestas. Marcos”.