jueves, 25 de febrero de 2016

O futuro será rural






Estes días estiven relendo as dúas novelas publicadas por Manuel Iglesias Turnes. Na primeira, As rapazas de Xan, recrea con acerto e emoción o mundo dos seus avós, as penurias da aldea e a busca dun futuro mellor nas Américas. No segundo, Que non te aten (Xerais 2016), relata a vida do rural nos tempos de hoxe, protagonizada pola xeración que corresponde á dos seus fillos. Esta lectura fíxome cavilar no moito que cambiou este mundo, que eu coñecín de neno. A mudanza realizada en Galicia nas últimas décadas é abismal. A vida dos mozos de hoxe, para ben e para mal, non ten nada que ver coa dos seus avós.

En Galicia o 60 por cento da poboación vive nas áreas urbanas das sete cidades. Desde 1985 ata hoxe máis de 350.000 persoas abandonaron o campo (0 85% da poboación activa daquel tempo). Houbo moitos que marcharon á emigración; outros foron vivir aos barrios periféricos das cidades. Os seus fillos foron criados no desprezo e rexeitamento do agro; algúns fixeron estudos universitarios, outros traballaron na construción ata que o estoupido da burbulla inmobiliaria os deixou sen traballo e sen futuro.


 Houbo sectores da economía rural que progresaron de xeito espectacular dedicando enormes esforzos a mellorar e modernizar a produción. O mundo do viño está hoxe á altura dos mellores, e a industria do leite tamén avanzou de forma impresionante. Se a mediados do século pasado había máis de 100.000 gandeiros agora quedan menos de 10.000, pero cunha capacidade de produción infinitamente superior e de gran calidade. Galicia produce leite para máis de quince millóns de persoas e sitúase entre as oito rexións produtoras máis importante de Europa. Este proceso, necesario e, se cadra, inevitable naquel tempo tamén provocou vítimas: xente que deixou as terras e a casa familiar, o abandono das leiras e dos montes que quedaron, en moitos casos, improdutivos. Os que puideron facer medrar nas súas explotacións hoxe, mesmo coas ameazas existentes, teñen unha vida mellor. Dos que deixaron todo atrás, moitos están agora sen nada: sen terra, sen traballo, sen futuro.

O territorio e a paisaxe sufriron unha transformación brutal. Foron os anos do feismo (o ladrillo á vista e o cemento por todas partes), da reforestación con piñeiros e eucaliptos, dos agros abandonados invadidos polas silvas e as xestas, da apertura de numerosas estradas e pistas que non levan a ningunha parte, do chaletismo rururbano. Mentres tanto o calendario foise enchendo de festas gastronómicas, as paredes das tabernas adórnanse cos apeiros da labranza e os hórreos convertéronse nun elemento decorativo nos xardíns dos chalés. É a arquitectura do desarraigo, a conversión de Galicia nun parque temático para distracción de turistas e camiñantes (Santiago Lamas, Galicia borrosa). 

 Mais agora ese tempo de medrar sen límite rematou a hai voces autorizadas que alertan dos perigos do futuro. Algúns intelectuais defenden a teoría do decrecemento. Cómpre frear este crecemento sen fin, impulsado polo capitalismo, que xa non serve máis que para agrandar as desigualdades e degradar o planeta. Outros teóricos van un paso máis aló. Advirten da proximidade do fin do petróleo como fonte de enerxía e das severas consecuencias que iso terá se non estamos preparados. O economista Xoán R. Doldán pregunta: “Como cubriremos a demanda básica de alimentos onde se ten renunciado a producilos e onde se producen grazas á importación do petróleo e agroquímicos?”. Prognostica que o futuro será rural, non xa como unha opción, se non como algo inevitable.  Sen caer no catastrofismo o certo é que cómpre prepararse de forma colectiva para cando, tarde ou cedo, chegue ese momento. Do contrario sucederá o que Carlos Taibo chama darwinismo social militarizado, que consistiría en que certos grupos do poder económico e político tentarían acaparar os recursos escasos para fornecer ás elites, da man de proxectos apoiados na violencia.


miércoles, 17 de febrero de 2016

A mocidade do rural

En Galicia Hoxe
En Praza Pública
En Galicia Dixital



"Que non te aten", segunda novela de Manuel Iglesias Turnes

Manuel Iglesias Turnes estreouse como escritor en 2012 -cando xa tiña ben cumpridos os sesenta- cunha novela, As rapazas de Xan, que narra a vida nunha aldea de Galicia na primeira metade do século vinte. O relato, que tivo unha excelente acollida reflectía con veracidade as peripecias vitais da xente do rural na época dos pais e dos avós do narrador. Agora entréganos a súa segunda obra, Que non te aten, na que fai un acaído retrato do mundo rural galego nos tempos de hoxe desde a ollada da mocidade actual, a que se correspondería coa xeración dos fillos do autor. Volve a sorprender nesta segunda entrega narrativa. Demostra unha boa pericia como narrador e confirma a súa vocación literaria. 

Que non te aten é unha novela de amor e desamor narrada como unha historia lineal na que o narrador/protagonista vai relatando a vida dun grupo de mozos/-as do medio rural. A acción discorre en Cabanas (parroquia do concello de A Baña, terra natal do novelista), con incursións ocasionais en Santiago e Muros. O protagonista da novela, Marcos, é un rapaz indolente de vinteseis anos, que traballa na explotación gandeira da propia familia, dirixida polo seu irmán Daniel e a súa muller Iria. A incapacidade do protagonista para tomar decisións lévao a manter relacións simultáneas con dúas mozas e a vivir envolto nunha trama de mentiras. 

A modernidade na aldea
Hai na novela dúas partes ben diferenciadas. Na primeira o narrador retrata a forma de vivir e traballar nunha explotación gandeira actual. O autor coñece ese mundo pois o seu labor profesional estivo sempre vinculado ao campo. Hai unha modernidade no mundo rural que a xente urbana descoñece por completo. Hoxe as ganderías dedicadas á produción de leite están dotadas dunha tecnoloxía punteira que as sitúa entre as máis avanzadas de Europa. A selección xenética das vacas frisonas, o control informático da explotación e da produción, a organización do traballo, o control da alimentación do gando, as zonas de muxir case estériles como quirófanos, os concursos para elixir á mellor vaca do ano: toda esta actividade fai que a vida no rural non teña nada que ver coa que se debuxaba en As rapazas de Xan.
A gandería galega está modernizada e as terras de Cabanas foron pioneiras neste empeño. Nesa contorna viven estes rapaces, instalados na cultura globalizada, algúns deles con estudos universitarios e con inquedanzas intelectuais e políticas. Son nativos dixitais que usan a cotío as redes sociais e teñen contacto co mundo urbano. Pero se os mozos de As rapazas de Xan ollaban para América, estes de agora miran cara Europa como unha posibilidade de futuro. 

Os dramas da vida cotiá 

Na segunda parte da novela o narrador acelera o ritmo e, con diálogos áxiles e ben trenzados, desenvolve unha trama na que hai  traizóns e desenganos, episodios de violencia e unha investigación policial. A tecnoloxía moderna, os medios de comunicación e as redes sociais teñen protagonismo neste tramo do relato, no que ese grupo se ve envolto nunha situación dramática que os fai madurar de golpe.  Na novela hai amor e desamor, tensión sexual e compromiso amoroso; homes débiles e inmaduros xunto a mulleres fortes e decididas; amizade e desamparo, ambición e codicia. Hai un mundo rural incorporado á modernidade e unha mocidade culta que chega á idade adulta sen ter claro o seu futuro.  

Trátase, pois, dunha novela construída con habilidade; é de lectura fácil e amena e retrata un mundo (a vida rural actual) descoñecido para a maioría dos lectores urbanos. Galicia, que sobreviviu no campo, vive de costas ao mundo rural. Moitos lectores vanse sorprender do cambio experimentado nas aldeas, da modernización das explotacións gandeiras, da forma de vida dos habitantes do agro, e da presenza dunha xuventude comprometida coa terra. 

Manuel Iglesias Turnes, nesta segunda novela, mostra a súa madurez como escritor. Só el podería facer unha obra así. Conta a vida do mundo rural coas súas propias palabras, e fai a narración desde dentro porque el tamén forma parte desa aldea  na que naceu e da que nunca desertou. A veracidade desta historia ven avalada pola pertenza do autor ao propio entorno. Non se trata da mirada do antropólogo describindo a evolución da vida nas aldeas: trátase dun membro da tribu que relata a historia dos seus. 


martes, 15 de diciembre de 2015

INFORME DRAMÁTICO SOBRE A SANIDADE PÚBLICA GALEGA






            Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP). Decembro de 2015

O goberno presidido por Núñez Feijóo ven aplicando, desde o súa chegada ao poder en 2009, unha estratexia deseñada para desmantelar a Sanidade Pública e xerar espazos de negocio para as empresas privadas a expensas do diñeiro público. Nestes últimos anos o goberno galego aplicou unha severa redución dos orzamentos sanitarios e fixo recortes profundos na dotación de persoal e camas hospitalarias; paralizou o Plan de Mellora e desmantelou a Atención Primaria; aplicou medidas privatizadoras nos hospitais así como en moitas áreas sanitarias que pasaron a mans privadas; tamén teñen planeado implantar as Unidades de Xestión Clínica que poñerían a disposición das empresas a actividade asistencial, o núcleo duro da sanidade. A continuación faremos, en sete puntos, un repaso dos principais problemas que ten hoxe a Sanidade pública galega e que deben ser plantexados ante as próximas eleccións.


1.- Redución do orzamento sanitario público:
Representa o 30.4% do gasto público da CCAA. Baixaron o orzamento sanitario un 18.3% desde 2009, e un 10.2% respecto ao ano pasado. Galicia é a CCAA que fixo o recorte máis severo. A maior redución aplicárona en Atención Primaria (AP) cun 22.3%  menos respecto ao ano 2009. Respecto ao ano pasado a redución é de 25.3%. O recorte foi moito menor no nivel hospitalario (un 0.2% de recorte respecto a 2009, e un crecemento dun 2.9% respecto ao ano pasado).
Este diferencia deixa ben ás claras que o goberno de Núñez Feijóo aposta por potenciar o modelo hospitalocéntrico e o uso intensivo da alta tecnoloxía (Galicia xa é a CCAA que máis RMN realiza); esto beneficia ás multinacionais farmacéuticas e da tecnoloxía sanitaria, en detrimento das actividades de prevención e promoción da saúde que deben realizarse en AP (segundo as recomendacións da OMS).

2.- Recortes de persoal:

Esta partida representa o 34.5% do gasto sanitario, que ven ser un 24,5% inferior á media estatal; esto sitúa a Galicia no penúltimo lugar do Estado, só superada por Catalunya.
O ano pasado Galicia foi a CCAA que máis recortou no capítulo de persoal, un 30.67% fronte a unha media do 7.9% do Estado. Esta redución afecta aos traballadores sanitarios, con descensos brutais en prazas e salarios e aumento da precariedade laboral. A partida de persoal baixou un 21% desde 2009: pasou do 43.15% do total do gasto sanitario ao 34.5% neste ano.
En total Galicia perdeu 1.795 prazas na sanidade pública (1.154 en AP e 641 nos hospitais). Eliminaron 513 prazas de medicos: 392 en AP (69.2%) e 121  en hospitais (30.8%). Recortaron 184 prazas de enfermería hospitalaria e 1.121 prazas de persoal non sanitario: isto é consecuencia da cesión de servizos a empresas privadas que teñen persoal propio. Moitas tarefas realizadas por empregados públicos pasan agora a ser desenvolvidas polas empresas concesionarias (central de chamadas, loxística, mantemento, cociñas, etc).
Estas medidas de recorte tan extremas producen unha merma na calidade asistencial e mesmo representan un risco para os pacientes. Sabemos que o persoal sanitario non pode ser substituído por máquinas, e hai evidencias contundentes de que a redución de persoal de enfermería nos hospitais por debaixo de certo nivel asóciase a incrementos da mortalidade hospitalaria.

3.-Recorte en camas:

Entre 2010 e 2014 eliminaron 447 camas hospitalarias públicas en Galicia. Pasamos de 8.010 a 7.563, a pesar do elevado e progresivo incremento das listas de espera e da conxestión permanente dos servizos de urxencias.

4.- Suspensión do Plan de Mellora de AP:

No Plan de Mellora de AP impulsado polo goberno progresista (2005-2009) estaba prevista a construción de novos Centros de Saúde e a creación de prazas de persoal. Dos 66 centros previstos só se plantexa a construción de sete. Tamén deixaron de crear prazas de sanitarios: eso representa a perda de 193 prazas de Medicina de Familia e 385 de enfermería.

5.-O desmantelamento e a privatización do Sistema:

-Privatización de hospitais:
*Para a construción do novo hospital de Vigo (H. Álvaro Cunqueiro) utilizaron o modelo de Colaboración Público-Privada, o que representa un incremento no custe, que pasa de 450 a 1.400 millóns de euros, ao tempo que reduciron as camas operativas (de 1.230 a 850), recortaron os quirófanos nun 31.4%, as camas de UCI nun 25.5%, a superficie de Urxencias nun 55.5% e os servizos de Radioloxía nun 45%. A empresa concesionaria, coa complicidade do Sergas, recortou en servizos, consultas, superficies, equipamentos, calidade nos materiais, nos accesos e nas prazas de aparcadoiro (que deberán pagar tanto traballadores como usuarios). O hospital, desde a súa apresurada inauguración, acumula problemas e conflitos, que poñen en risco a calidade da atención, a actividade asistencial e mesmo a seguridade dos pacientes.

*A Xunta xa licitou, por terceira vez, a ampliación e xestión privada do hospital de Ourense (CHOU, que dirixe unha prima de Núñez Feijoo), e mellorou as condicións á empresa concesionaria –integrada por ACS, Indra e La Caixa-, en 41 millóns de euros. Tamén adxudicou a ampliación do hospital do Salnés á multinacional Cofely-Suez que, xunto con La Caixa, posúe o fondo de inversion “Hisusa holding”, que é propietario da aseguradora privada Adeslas.

-Renovación do concerto singular co hospital privado Povisa de Vigo, que presta atención a case 140.000 persoas da área (Península do Morrazo, Valmiñor e polígono de Coia en Vigo). Pola utilización de 403 camas neste hospital o Sergas paga un canon anual de 75 millóns de euros (despois da última renovación e mellora do concerto, asinado sendo conselleira Rocío Mosquera, quen foi alto cargo na empresa propietaria de Povisa).


-Privatización do Laboratorio Central de Galicia, que foi adxudicado a unha UTE integrada por Laboratorio Cerba, Laboratorio Lema e Bandín. Esta empresa realizará máis de 600 probas analíticas e xenéticas, a expensas do desenvolvemento dos laboratorios dos hospitais públicos (que poderán pechar progresivamente como en Vigo) e dos seus profesionais. Esta decisión pon a disposición dunha multinacional datos moi sensibles da poboación galega (como o VIH e outras doenzas).

-Continuidade da empresa de xestión privada Galaria S.A., co que incumpren o compromiso do Sergas de rescatar os servizos asistenciais como a Radioterapia, a Medicina Núclear/PET e a Resonancia Magnética (RMN) para integralos no novo hospital. O propio Consello de Contas ten denunciado o abuso de exploracións de TAC e RMN (a taxa de RMN supera nun 50% a media do resto do Estado).

-Privatización da alta tecnoloxía por media da figura do “socio tecnolóxico”. Esta modalidade de contratación permite que as mesmas empresas que fabrican os aparellos tecnolóxicos poidan controlar cales son os equipos que deben adquirir os hospitais, fixar o seu prezo e mesmo decidir onde se ubican. Esta entrega a mans privadas do control da tecnoloxía hospitalaria pode ter consecuencias severas para a sustentabilidade do Sistema (a tecnoloxía provoca un enorme incremento do gasto sanitario) e para a saúde da poboación (a xestión mercantilista destes medios provoca unha sobreutilización dos mesmos, con repercusión negativa polos efectos iatroxénicos). Este modelo de contratación xa levou a unha inversión de 88 millóns de euros na compra de novas RMN, cando bastaría con substituír os equipos actuais cambiando só o software (moito máis barato).


-Privatización da investigación, por medio dos Institutos Biomédicos de Investigación dos hospitais públicos do Sergas. Estes Institutos acóllense ao modelo empresarial, son participados e coxestionados pola multinacional farmacéutica Janssen (Johnson&Johnson). Deste xeito as empresas privadas, ademais de conseguir beneficios económicos, controlan e dirixen a investigación, e teñen acceso a datos xenéticos e outras informacións sensibles sobre a saúde da poboación galega. O Sergas adxudicoulle fondos á Fundación Ramón Domínguez, para ampliar o laboratorio ubicado no CHUS, por un total de 1.2 millóns de euros. Esta fundación é de xestión privada e ten persoalidade xurídica propia (está integrada pola Fundación IDI-CHUS, Fido-Xeral Calde, a empresa farmacéutica Jhansen, a Fundación de Medicina Xenómica e a farmacéutica Biogen IDE).

6.-Externalización-privatización de recursos e servizos estratéxicos do Sergas a empresas multinacionais e fondos de inversión. Faremos un repaso telegráfico das distintas áreas de actividade que foron entregadas a mans privadas polo goberno de Núñez Feijóo, a maioría delas mediante concesións a longo prazo, o que dificultará o seu retorno a dominio público cando haxa un cambio de goberno.

-Servizo de ambulancias: foi adxudicado por 236 millóns de euros (a pagar en catro anos) á UTE Ambulevante, empresa valenciana á que Fabra (ex-presidente de Valencia) tamén lle entregou este negocio, e que está denunciada pola súa vinculación co PP.
-Historia clínica electronica (Ianus): concedida a Indra, empresa que foi privatizada por Aznar e Rato. Esto supón deixar en mans privadas todos os datos sanitarios da poboación galega.
-Telecomunicacións, cedidas a Telefónica (por 28 millóns de euros), empresa agora gobernada por La Caixa, BBVA e Bankia.
-A Plataforma Electrónica, cedida a Netaccede, fondo de capital risco creado en 2009, impulsada por ex-altos cargos da Xunta e Caixanova, e xestionada por un directivo que provén da auditora Deloitte.
-O teléfono de cita previa, tamén foi adxudicado a Netaccede.
-O servizo de suministro e loxística foi entregado, por 88 millóns de euros, á empresa Severiano Servicio Móvil (que o ano 2004 custodiaba as historias clínicas do CHOP nunha nave industrial sen licencia, e que arderon nun incendio por carecer de medidas de seguridade, quedando o hospital sen documentación clínica).
-O mantemento dos equipos sanitarios foi adxudicado á empresa zaragozana Ibérica de Mantenimiento SA.
-A xestion da limpeza e enerxía foi entregada ao Grupo Norte, vinculado á inmobiliaria Martinsa-Fadesa, (quebrada en 2008, que foi unha das principais causas do desplome de Novagalicia Banco).
-O servizo de catering dos hospitais, adxudicado a Mediterránea-Arturo, propiedade do fondo de inversion Portobello (Banco de Santander, BBVA, CAM/Sabadell, Bankia) e de Arturo Fernández (vicepresidente da CEOE, imputado no caso Bankia, acusado de defraudar á Facenda, de pagar aos traballadores en diñeiro negro e do uso das tarxetas black como conselleiro de Caja Madrid).
-Os servizos de protección radiolóxica foron cedidos a General Electric: dese xeito a mesma empresa que fabrica os equipos é a que realiza o control de calidade.
-A esterilización de instrumental medico e cirúrxico: o goberno de Núñez Feijóo ten prevista a súa adxudicación por un período de 12 anos e un custe de 160 millóns de euros. De levarse a cabo suporía, ademáis dun grave risco de incrementar as infeccións nosocomiais, unha severa redución de postos de traballo públicos pola desarticulación dos servizos existentes, que funcionan cun elevado nivel de calidade.
-Centro de Saúde móbiles, pendentes de adxudicar. De levarse a cabo suporía un chanzo máis na privatización e o desmantelamento da Atención Primaria.
-Teleasistencia domiciliaria: teñen contactos con R Comunicaciones (empresa inicialmente galega, hoxe vendida por NGB ao fnodo de inversión CVC-Capio).
-Tamén cederon ao sector privado as contratacións públicas do Sergas. Transferiron esta actividade á Plataforma Electrónica Vortal Connecting Bussines, constituída por grandes empresas tecnolóxicas e de xestión de recursos humanos, especializadas en dispositivos electrónicos para controlar a produtividade dos traballadores. Esta Plataforma está participada por Microsoft, Telefónica e Indra, que tamén xestionan a teleasistencia, a receita electrónica e a historia clínica electrónica. Esto supón que estas tarefas propias da función directiva, que deberían estar estritamente controladas polo Sergas e a Consellería, pasan a mans de empresas multinacionais e fondos de inversión (moitos deles radicados en paraísos fiscais). Deste xeito baleiran de contido ás actuais estruturas directivas e entregan a xestión estratéxica do Sistema sanitario público de Galicia a mans privadas.

7.- As Unidades de Xestión Clínica (UXC): o próximo paso cara a privatización do Sistema sanitario público. Dese xeito pretenden converter os Centros de Saúde e os Servizos hospitalarios en empresas con autonomía de xestión, presupostos propios e capacidade para beneficiarse dos aforros conseguidos en persoal, material ou actividade asistencial. Estas UXC poden abrir a porta ao mercado, á xestión privada e á laboralización do persoal. A empresa seleccionada pola Xunta para auditar a implantación das UXC é a axencia de calidade europea EFQM, que está presidida en España polo responsable de PwC (IBM), a empresa que almacena o maior número de datos sanitarios e non sanitarios a nivel mundial.

Está claro, á vista do relatado, que o principal obxectivo do actual goberno da Xunta é desmantelar a Sanidade Pública galega. Esta privatización, realizada con presa e coa maior cautela, deixa unha severa hipoteca para o país e os gobernos futuros, que deberán asumir o compromiso coas empresas ás que lle adxudicaron concesións a longo prazo. Esta forma de actuar non é inocente e responde a unha estratexia, que executan con todo rigor. É necesario desaloxar ao PP do goberno da Xunta para deter esta demolición planificada dos servizos públicos.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP)