Mostrando entradas con la etiqueta denuncia da AGDSP ante a UE. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta denuncia da AGDSP ante a UE. Mostrar todas las entradas

martes, 26 de julio de 2016

O rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro


En Praza Pública
En Nueva Tribuna




SOS Sanidade Pública continúa co seu traballo para rescatar o Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de mans privadas. Ten en marcha un proceso de información permanente por medio das redes sociais e iniciou unha campaña de crowfounding, para contribuir a sufragar os gastos derivados dos trámites xurídicos necesarios para presentar a denuncia contra a privatización do HAC ante a Comisión Europea.  Esa denuncia foi presentada no mes de setembro de 2015 e admitida a trámite. A Comisión Europea concedeu o prazo dun ano para recabar información das partes e emitir unha resolución. É importante esa decisión xa que, no caso de que a Comisión Europea considere probadas as irregularidades sinaladas na denuncia, sería máis doado rescatar o hospital sen que a concesionaria puidera reclamar indemnización por lucro cesante.

 A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), asinante da denuncia, leva máis de tres décadas de compromiso e traballo en defensa da sanidade galega. Niste intre ten que afrontar os gastos de representación xurídica mencionados, por un importe de 6.300 euros, dos que faltan por abonar 4.100. Por esa razón solicita a colaboración de todas as persoas comprometidas coa sanidade pública para continuar con este batalla xurídica que ten o obxectivo de rescatar o hospital privatizado, coa colaboración da cidadanía, que pode contribuir cunha aportación económica segundo as posibilidades de cadaquén. 

 
O HAC ten que ser rescatado para dominio público e cómpre recuperar todos aqueles espazos e servizos que foron suprimidos pola concesionaria. De non ser así a sanidade en Vigo e comarca quedará hipotecada e “secuestrada” durante moitos anos. A toma de decisións estará en mans da concesionaria e dos directivos de Povisa. A Administración estará totalmente condicionada pola concesión e o concerto singular. É necesario mudar esta situación o antes posible, e tamén é preciso mellorar a Atención Primaria e dar unha utilización sanitaria aos edificios abandonados do Xeral, Anexos e Meixoeiro. Lembremos que a dotación sanitaria de Vigo e comarca actualmente é moi insuficiente.

A AGDSP presentou a denuncia ante a Comisión Europea fundamentándose  basicamente en tres feitos:
-A utilización da figura legal de Concesión de Obra Pública en lugar da de Colaboración Público Privada, que é a que correspondería, pola entidade e o volume da construción do Hospital. O que perseguía o actual goberno galego foi evitar a fiscalización da Lei de Contratos do Estado que obriga a elaborar e presentar un informe (preceptivo) ante o Ministerio de Facenda que xustificase a necesidade de utilizar o financiamento privado en lugar do público para acometer a obra. O resultado de recorrer ao sector privado foi un incremento do custo total do hospital de 450 a 1.400 millóns de euros.

-Os severos recortes introducidos no contrato (Proxecto Funcional) entre a Concesionaria e o Sergas para abaratar os custos supoñen unha modificación do contrato, ao que aspiraban outras empresas con ofertas que foron descartadas, o que beneficia á Concesionaria, á que ademais non lle reduciron o canon, a pagar pola Administración durante vinte anos.

-O risco de financiamento, que por contrato debía correr a cargo da Concesionaria, foi cuberto en gran parte polo Sergas cun crédito do Banco europeo de Investimentos (que non presta a empresas privadas) o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o FROB. Esta manobra supón unha clara vulneración da lexislación da UE sobre contratos Públicos Privados e pode entenderse como unha trama deseñada para ocultar o endebedamento público. O endebedamento polo pago do hospital non se considera público se o risco de financiamento corre a cargo da empresa privada, pero a realidade é que foi asumido pola propia Administración pública.

Por todo iso a AGDSP considera que o contrato do novo hospital de Vigo debe ser nulo de dereito por incumprir os termos establecidos na licitación, o que e supón unha clara vulneración da lexislación comunitaria sobre os contratos de colaboración público privada, que establecen a necesidade de garantir a igualdade na concorrencia das empresas. En novembro de 2015 a Comisión Europea notificou que admite a trámite a denuncia. Isto significa que atopa indicios razoables de vulneración da lexislación comunitaria. Abre un procedemento no que as partes deberán realizar as alegacións correspondentes, despois do cal  ditará a resolución definitiva. Agardemos.

miércoles, 4 de mayo de 2016

A censura e a petición de rescate


A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (VI)

Praza Pública






No mes de marzo deste ano as protestas continuaban no novo hospital de Vigo (HAC); as demandas dos cidadáns acentúanse e a preocupación social non mingua. A Administración sanitaria está incómoda, as continuadas críticas resúltanlle incómodas. Así é que recorre a un método moi antigo: tapar as bocas dos que protestan. O xerente Félix Rubial emitiu, a primeiros de marzo, unha instrución para reprimir as críticas no interior do hospital. Na circular advirte que poderá haber sancións para o persoal se continúa a difusión de “mensaxes alertando sobre o deficiente funcionamento das unidades e as súas posibles consecuencias para a saúde”. A advertencia inclúe a difusión “por medios informáticos” de mensaxes negativas sobre o hospital. 

Con esta instrución interna pretenden calar as voces críticas; mentres tanto a concesionaria contratou unha empresa para difundir opinións positivas sobre o HAC nas redes sociais, e mesmo crearon perfís para divulgar comentario favorables sobre o funcionamento e a xestión do centro. O persoal do HAC fixo unha sentada de protesta , coas bocas tapadas, contra desta medida inquisitorial da xerencia. Pero censura non se reduce ao terreo profesional; tamén no ámbito da política se pretende calar as voces discordantes. Así pasou no Parlamento galego onde o profesor Beiras ,portavoz de AGE, foi expulsado despois dun debate intenso no que esta formación propuxo o rescate do HAC para a sanidade pública, para evitar o pagamento dunha “peaxe na sombra”, que implica a hipoteca que a Xunta deberá pagar –con diñeiro público, obviamente- ata o ano 2034: en total 1.300 millóns en forma de canon anual. Despois dun enfrontamento verbal co voceiro do PP o presidente da Cámara –Miguel Santalices- expulsou a Beiras (por promover “desorde grave coa súa conduta”): o portavoz perde os seus dereitos parlamentarios durante 15 días. Resulta evidente que as voces críticas non son ben admitidas nas filas do partido gobernante.  

 En Marea tamén levou a petición de rescate ao Parlamento de Madrid . A finais de marzo presentou no rexistro da Cámara Baixa unha proposición non de lei na que solicitan que se anule a adxudicación do HAC á empresa concesionaria. Reflicte a argumentación presentada pola AGDSP e SOS Sanidade Pública e afirma que o risco de financiamento non foi asumido pola empresa xa que foi cuberto en gran medida polo Sergas con créditos do BEI e o ICO.

Pese a todos os intentos por acalar as críticas a loita dos cidadáns e profesionais pola recuperación do hospital continúa. E ademais a realidade é moi terca e, por moito que se intente facer prevalecer a versión dixital sobre o mundo real, este imponse. Na semana santa de 2016 a prensa informa da presenza dunha nova infección nosocomial na Unidade de Coidados Intensivos. A bacteria Klebsiella  detectada na UCI deixou vinte cultivos de pacientes con resultados positivos. O Defensor do Paciente solicitoulle á fiscal xefe de Vigo que abra de oficio unha investigación  sobre esta posible infección hospitalaria. Destaca que este tipo de infeccións –que poden ser graves e mortais en persoas coa inmunidade deprimida-, son propias de centros hospitalarios e son evitables se se cumpren de forma estrita os protocolos establecidos. 

Os cidadáns da área sanitaria de Vigo precisan moito máis que propaganda. Deben saber que a súa saúde está protexida, que non corren risco co seu internamento no hospital, e que se prioriza o dereito á saúde da poboación sobre as ansias de enriquecemento da empresa concesionaria. A Administración sanitaria ten a obriga de garantir que prevalecen os dereitos cidadáns por enriba do afán de lucro. Agardemos que así sexa, mais para eso teremos que cambiar aos gobernantes. Estes xa teñen demostrado sobradamente cales son as súas intencións.