Xa era de noite o
día cinco de decembro cando o presidente de Sudáfrica, Jacob Zuma, comunicou a
morte de Nelson Mandela: “A nosa nación perdeu au seu fillo máis
grande”, afirmou. O home que derrotou ao racismo chegou aos 95 anos dunha vida
plena e difícil marcada pola súa perseverancia heroica na loita contra do apartheid. En 1962 foi condenado a cadea
perpétua pola súa actividade política. Pasou 27 longos anos no cárcere, que lle
serviron para encauzar o seu enorme talento político e para marcar obxectivos
realistas para a súa loita. “Entró lleno de furia y salió sabio”,
escribeu John Carlin (autor dun libro sobre Mandela no que se basea a película Invictus).
Home íntegro, coherente e magnánimo (segundo Desmond Tutu), adicou a vida enteira
a traballar pola concordia, a paz e a igualdade. En 1993 concedéronlle o Premio
Nobel da Paz. O avance de Sudáfrica na convivencia entre as razas foi
impresionante, ainda que teñen unha asignatura pendente: a reducción da brecha
entre ricos e pobres, que sigue a ser moi grande.
O mundo enteiro
sinala a Mandela como unha das figuras clave do século XX e como un símbolo da
capacidade dos pobos para superar o odio e a confrontación. Hoxe todos lamentan a morte de Madiba
(avó). Persoalidades de todo o mundo acudiron ao festivo acto de despedida que
se celebrou no estadio de Johanesburgo o pasado día dez. Alguns dos dirixentes políticos presentes, que eloxian a figura e a
traxectoria de Mandela, non terían dúbidas en metelo no cárcere se tivese desenvolvido
a súa loita no territorio que eles gobernan. Tamén en España diversos
representantes do PP fixeron unha loanza pública da súa loita polos dereitos
humanos e a liberdade. Son os mesmos que
veñen de aprobar unha lei de seguridade
cidadá que limita a liberdade de expresión, faculta ao
executivo para impoñer sancións económicas severas, e que poderá ser utilizada
como medida preventiva para disuadir do uso pacífico dos dereitos de reunión e
manifestación. Son os mesmos que manteñen as chamadas concertinas nas vallas de
Ceuta e Melilla (“elementos de disuasión
pasiva”, segundo o ministro) que poden provocar lesións graves aos
inmigrantes africanos –que fuxen da fame e do terror e farán todo o posible por
chegar a Europa-.
Representando a
España nese acto estivo Mariano Rajoy.
Puxo de manifesto a súa talla de
estadista coas palabras pronunciadas camiño do funeral: “Es un momento muy bonito y
emocionante, porque es el estadio en el que España ganó el Mundial”.
Tamén fixo unha loanza de Mandela pola súa loita pola igualdade. Era o que
requería o momento. Mais ún ten a impresión de que a ideoloxía e a traxectoria pública
de Rajoy son totalmente contrarias ás do líder homenaxeado. Mandela arriscou a súa vida por un noble
ideal; Rajoy fixo unha carreira política confortable e estivo sempre na beira
dos poderosos. Madiva soubo tender a
man e construir pontes para favorecer a convivencia pacífica do seu pobo;
Mariano levanta vallas e promove leis que provocan a exclusión social (ademáis,
non se lle coñecen actividades delictivas pero tivo certa predilección, no seu
traxecto político, por rodearse de presuntos delincuentes aos que adicou
encendidos eloxios: Fabra, Matas, Bárcenas, Camps...).
Cómpre lembrar que
Rajoy, cando era un mozo que se iniciaba
na política, afirmou por escrito que “la igualdad social es imposible” e expresou a súa convicción de que “los hijos de buena estirpe superan a los demás” e que “la desigualdad natural del hombre viene escrita en el código genético”.
Esa crenza na desigualdade dos seres
humanos é a que inspira a súa actuación política. Nos dous longos anos que leva
como presidente do goberno aplicou o seu ideario de xeito taxativo.
As políticas impostas desde o poder provocaron unha crecente desigualdade social, unha progresiva laminación da clase media, a desmontaxe desde
dentro do Estado de benestar e un alarmente crecemento da pobreza: máis de doce millóns de persoas viven en
España en situación de pobreza e exclusión social. E agora aplicarán a lei
de seguridade cidadá para que ninguen proteste e cadaquén soporte o seu
destino.


