Mostrando entradas con la etiqueta Zygmunt Bauman. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Zygmunt Bauman. Mostrar todas las entradas

lunes, 13 de octubre de 2014

A vida líquida






“El periodista despedido”, a nova novela de Fernando Ontañón

O escritor Fernando Ontañón ven de publicar o seu segundo libro, “El periodista despedido” (Ézaro), unha excelente novela que confirma a súa decidida vocación literaria e que pon en evidencia as grandes dotes do autor para o xénero narrativo.  Este cántabro afincado na Coruña desde hai anos é unha voz orixinal e auténtica da nova narrativa, que relata de xeito moi convincente as vidas da súa xeración, a que naceu na década dos setenta e está agora a piques de chegar aos  corenta.

“Me llamo Francisco Bueno y soy un periodista despedido. Uno de tantos”. Así comeza esta historia, na que o protagonista relata en primeira persoa as peripecias da súa vida persoal e profesional. Desde un presente pouco optimista –despedido do traballo e rachada a última relación sentimental, agora comparte piso con persoas coas que ten escasa relación-, recorda episodios do pasado recente e tenta comprender que pasos o levaron á situación case depresiva en que se atopa.

Cun ritmo moi cinematográfico –de aquí pode saír unha boa película- o narrador realiza constantes flashback para recuperar os anos de universidade, as relacións de amizade, os amores, as rupturas e os intentos fallidos de conseguir unha proxección profesional que o conducen á frustración e o desencanto. Estruturada en sete capítulos e con diálogos ben trenzados,  a novela discorre placidamente; semella que non acontece nada relevante mais, de maneira sutil,  traza un retrato verosímil dun grupo de persoas que chegan á madurez sen ter superado a adolescencia.

O xornalista parado recorda a súa última relación sentimental con Amalia, que traballa de cociñeira mentres el afirma estar escribindo unha novela que en realidade non existe. Síntese descontento e atormentado pola situación, que o levaa aceptar unha proposta de traballo que vulnera por completo o seu sentido da ética profesional. Como trasfondo da narración aparece a crise económica e a perda masiva de postos de traballo que conduce a este xornalista a un difícil dilema: volver á casa paterna ou compartir piso con xente descoñecida. 

Este grupo de mozos, que non coñeceron as estreiteces do franquismo, que medraron nunha época de bonanza económica e puideron facer estudos universitarios, criáronse coa expectativa dunha vida confortable na que poderían desenvolverse sen estreiteces e coa posibilidade de proxección profesional. De repente todo o que parecía seguro comeza a derrubarse con estrépito, deixándoos á intemperie, sen traballo, sen ingresos e sen a esperanza de mellora no futuro.

Nesta novela hai amores e desamores, lembranzas da amizade perdida, sexo furtivo, algúns porros e moito alcohol. Hai homes inmaduros e mulleres fortes, hai moita música e longas conversas nocturnas no pub El Malogrado. Tamén hai tramas corruptas, borracheiras comatosas, traizóns, adulterios e algún morto. E un protagonista desnortado que, na metade da vida, vese atenazado pola culpa e atemorizado ante un futuro incerto que o enche de pavor. 

O filósofo Zygmunt Bauman acuñou o termo de “vida líquida” para definir as formas de convivencia na sociedade actual. Os proxectos vitais da xente nova están marcados pola precariedade e a incerteza. Nada é sólido, nada é permanente. Hai cambios de cidade, de casa, de traballo, e relacións monogámicas sucesivas. Sempre hai un inicio e un final; a vida consiste nunha sucesión de mudanzas, rupturas e novos comezos: semella que todo ten data de caducidade; todo, mesmo os afectos, está afectado pola obsolescencia programada. 

Fernando Ontañón fai un relato oportuno e necesario desta forma de vida, cada vez máis estendida no noso contorno. Reflexa o desconcerto desta xeración que se vía destinada a unha vida cómoda e que se atopa, de repente, golpeada pola inseguridade e o infortunio. Fernando Ontañón demostra, con esta entrega narrativa, que é un dos escritores novos que merecen maior proxección e recoñecemento.

jueves, 22 de mayo de 2014

A desigualdade humana


Hai unha preocupación crecente polo aumento da desigualdade humana en todo o mundo. Non se trata só da obscena distancia entre o mundo rico e o Terceiro Mundo: Sami Naïr (no seu libro “E virán as migraciones en tempos hostís”) afirma que a imparable inmigración débese á brutal desigualdade entre o Norte e o Sur; mais agora trátase de que nas sociedades occidentais medra unha terrible brecha, de forma que os moi ricos son cada vez ricos, mentres que unha enorme franxa da Humanidade cae cada vez máis aos límites da pobreza. Paul Krugman afirma nun artigo que a porcentaxe de riqueza do 0.1% con máis ingresos de EEUU volveu aos niveis da idade dourada de finais do século XIX.

 Zygmunt Bauman (no seu libro “A riqueza duns poucos beneficianos a todos?”) estima que nas últimas décadas a distancia entre países desenvolvidos e o resto do mundo tende a diminuír, mentres que no interior das sociedades ricas as desigualdades estanse disparando. Sinala o drama da “intelixencia sen futuro, sobrante”, pois esta vai ser a primeira xeración que non vai superar o nivel de benestar dos seus pais senón que vai retroceder. E tamén recorda que a felicidade non se mide pola riqueza total acumulada senón pola súa distribución: “nunha sociedade desigual hai máis suicidios, máis depresión, máis criminalidade, máis medo”.

Thomas Piketty publicou o pasado outono en Francia unha obra que provocou un intenso dabate. En “O capital no século XXI”, con preto de mil páxinas, repasa, desde unha óptica política e histórica algunhas cuestións esenciais da nosa época. Afirma que a crecente desigualdade arbitraria pon en cuestión os fundamentos da democracia, os seus datos describen un capitalismo patrimonial herdado (contra o mito da meritocracia e o emprendemento, que sostén que as grandes fortunas gáñanse e merécense), e propugna unha esixente regulación pública para frear a desigualdade e favorecer a cohesión social e a equidade. Krugman comentou o libro de forma elogiosa. Recorda que as sociedades occidentais anteriores ao I Guerra Mundial estaban dominadas por unha oligarquía coa riqueza herdada, e “este libro reflicte que estamos en plena volta cara a ese estado de cousas”. O autor chega a unha conclusión pesimista sobre o futuro do capitalismo: veremos un futuro con crecemento reducido, dominado por unha clase de “rentistas” hereditarios, como os que figuran nas novelas de Balzac.

Piketty demanda unha fiscalidade progresiva como medio de limitar a concentración da riqueza. Pero nesta cuestión Vicenç Navarro móstrase máis crítico coa súa proposta. Afirma que a redución das desigualdades “necesita non só a baixada do alto, senón tamén a subida do baixo. É dicir, non só é preciso gravar o capital (e as rendas superiores, detalle que Piketty apenas cita) e ata o control público deste capital (que tampouco cita), mediante a nacionalización ou regulación, senón tamén o incremento das rendas do traballo, algo que Thomas Piketty tampouco toca”. Recorda ademais que na base desta crise está o conflito capital-traballo e o capital estivo dominando nesta loita provocando a actual recesión. Pois ben, “a solución pasa por revertir esta loita de maneira que os que agora gañan perdan e os que agora perden gañen”.

O mundo que vén ameaza con ser máis desigual, inxusto e cruel. Este debate sobre a desigualdade que se produce en círculos intelectuais ten que chegar á xente e á politica. Hai que evitar un futuro dominado polas élites económicas e co resto da poboación ao bordo da miseria. Non podemos aceptar un mundo con valados para separar o luxo obceno da pobreza. Mentres os gobernantes e os banqueiros (Botín) celebran a suposta recuperación económica, nos barrios vemos, todos os días, á xente desesperada que xa non pode comprar as súas medicinas. Para evitar este futuro indesexable temos que botalos. Temos que conseguir que os voitres do capitalismo e os seus cómplices da política non se queden con todo. Porque os actuais mandatarios téñeno claro: na súa ideoloxía supremacista o mundo divídese en ricos e pobres, señores e servos, e o destino xa está marcado “no código xenético”. Así o afirmou Rajoy nun artigo publicado en 1982, cando era un cachorro da política e xa sabía ben o que quería.