Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Cobas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Cobas. Mostrar todas las entradas

jueves, 22 de diciembre de 2016

Xosé Cobas, trinta anos de ilustración


Exposición de Xosé Cobas no Kiosko Alfonso da Coruña, ata o 12 de febreiro de 2017















Xosé Cobas
Xosé Cobas é unha das figuras máis importantes no mundo da ilustración gráfica do Estado. Desde o 15 de decembro e ata o 12 de febreiro de 2017 presenta, no Kiosco Alfonso da Coruña, unha exposición na que se pode ver boa parte da súa obra gráfica, na que se observa a progresión realizada polo artista nos últimos trinta anos, desde os debuxos iniciais con textos infantís -luminosos e coloristas- ata os traballos máis complexos dos seus últimos libros, como os de  “Cadros dunha exposición” (Kalandraka).

Cobas naceu en Logrosa-Negreira (1953) hai pouco máis de sesenta anos. Aquel neno da aldea, atento e observador, que miraba o mundo darredor con enorme curiosidade mentres aprendía a pintar cos lápices de colores, sempre tivo capacidade para a observación e habilidade para o debuxo; deseguida amosou unha decidida vocación artística. Soubo, desde moi cedo, que a súa vida ía estar relacionada co mundo da imaxe e da pintura.

Ilustración do libro "Cadros dunha exposición"

Despois de pasar pola Escola de Artes de Santiago iníciase no mundo da pintura. Comeza a ilustrar de maneira profesional no ano 1988 e desde 1991 é deseñador gráfico da Deputación da Coruña. A súa fonda implicación coa ilustración comeza por azar, como tantas cousas na vida. Coñeceu, en 1989, ao seu gran amigo Xabier Docampo que lle propuxo ilustrar un libro seu (“A nena de auga e o príncipe de lume”). Aí comezou un camiño compartido que os levou a publicar moitos libros xuntos, ata chegar ao marabilloso “Libro das viaxes imaxinarias” (Xerais, 2008) onde escritor e ilustrador fan unha exhibición de auténtica mestría. A colaboración continúa e aínda dará, con certeza, moitos froitos.

Ilustración do "Libro das viaxes imaxinarias"
Na actualidade Xosé Cobas é un ilustrador de referencia no panorama nacional. É recoñecido pola profesión e polo mundo editorial. Ten ilustrado centos de libros cos máis importantes escritores  e editoriais da nosa contorna, e no seu traballo como deseñador gráfico na Deputación da Coruña ten feito de todo: carteis, almanaques, marcapáxinas, portadas. Toda esa obra, que agora se pode ver na exposición, ten xa un selo de identidade, pois Cobas foi construíndo un estilo propio, creou un mundo persoal, sutil e delicado, por veces onírico e surrealista, que o fai recoñecible a pesar da evolución experimentada ao longo dos anos. Cobas ten unha existencia tranquila e ordenada. Despois do traballo matinal na imprenta da Diputación dedica as tardes e as noites á ilustración na súa casa de Cambre. Esta exposición é unha excelente mostra de tantos anos (tantisimas horas) de traballo, inspiración e talento. Estamos ante un artista consciente que traballa con rigor e intelixencia, e que conta cunha sensibilidade propia, unha mirada orixinal sobre o mundo, e unha gran perseveranza.
 


Deseño preliminar do cartel Raiña Lupa
Ten feito numerosas exposicións individuais e colectivas; viaxou polo mundo por motivos relacionados coa súa obra; recibiu numerosos premios na súa terra e no extranxeiro; o noso pintor agora non da feito, non é quen de dar resposta ás numerosas propostas de escritores e editoriais que reclaman a súa colaboración. Mais, con todo iso, aínda ten ánimo e creatividade para iniciar outros camiños. Está agora entusiasmado cun traballo propio: un libro sen texto, só con ilustracións, no que pretende facer unha reflexión poética sobre a luz e o tempo. Na exposición hai algúns cadros dese proxecto tan inusual. A luz e as sombras debuxan espazos cheos de misterio e suxestión: cada cadro é, en sí mesmo, un relato. Recórdanme esas pinturas de Edward Hooper, con interiores en penumbra e persoas solitarias (aínda que aquí Cobas prescinde tamén da figura humana). Pois niso anda o noso autor, tentando capturar a luz. Como dicía o citado Hooper, “o meu desexo é pintar a luz do sol na parede dunha casa”. Pois iso. 
Non deixedes de ver a exposición.

martes, 16 de junio de 2015

Dous libros magníficos






O pasado día once de xuño deuse a coincidencia de que se presentaran ao público dous libros excelentes na cidade da Coruña. O azar, ou destino, ten, ás veces, estas ocurrencias.

Na Fundacion Luis Seoane celebrouse un acto, brillante e multitudinario, para presentar o libro-disco “Cadros dunha exposición” (Kalandraka), do que son autores José Antonio Abad (texto) e Xosé Cobas (ilustracións); o quinteto de metais Hércules Brass fixo unha extraordinaria actuación, interpretando pezas de Mussorgsky. O acto foi unha auténtica celebración de música e literatura e o numeroso público asistente ficou entusiasmado. 

José Antonio Abad, psicólogo e pedagogo, adica a súa xubilación a escribir “contos con música” para nenos e non tan nenos. O meu amigo Xosé Cobas é un dos mellores ilustradores do país, e así o ten demostrado en máis dun centenar de libros que contan co seu luminoso traballo de ilustración. Este libro, que teño agora enriba da mesa, é unha auténtica xoia, unha obra de arte na que Cobas demostra a súa extraordinaria mestría, que o fixo merecedor de numerosos premios nacionais e internacionais. 

 
Ese mesmo día, e á mesma hora, presentouse, na libraría Lume, unha antoloxía de poemas de sempre , “Los poemas que no puedes dejar de conocer”, realizada polo profesor José A. Ponte Far, que reúne obras da poesía castelá, hispanoamericana e galega. Houbo un recital poético no que participaron, entre outros, os grandes poetas Xulio Valcárcel e Miguel Anxo Fernán Vello. Foi un acto máis íntimo, pero cunha grande altura literaria. Se o primeiro libro é unha obra de arte en sí mesmo, este outro (con ilustracións de Perico Castro), máis modesto na súa presentación, é a obra dun sabio. 

Porque hai que saber moito de poesía e ter unha gran capacidade didáctica para realizar esta selecta recopilación que quere servir para que os que non son lectores habituais de poesía cheguen a coñecela e disfrutala. O autor lembrou como, na súa adolescencia, comezou a amar a poesía coa lectura de “Las cien mejores poesías de la lengua castellana” de don Marcelino Menéndez Pelayo, na biblioteca do casino de Negreira, mentres o seu primo xogaba ás cartas. Esa é a vocación deste libro: achegar a poesía ao maior número posible de lectores.

Ponte Far é catedrático de Lingua castelán e Literatura e ten unha longa traxectoria como profesor, agora xubilado. A selección que presenta, ainda que respecta os criterios estéticos estabelecidos polo bo gusto literario, responde, en definitiva, ás súas preferencias persoais. O libro vai “desde Gonzalo de Berceo ata Miguel d´Ors, desde Rosalía a Xulio Valcárcel, desde sor Inés de la Cruz a Mario Benedetti”. Coincido co autor en que este libro debería estar nas escolas e  nos institutos, e tamén nas bibliotecas públicas e en todas as casas, para fomentar o pracer da lectura e o gusto pola poesía.


Recomendo con entusiasmo estes dous volumes aos amantes dos libros e da literatura, por dúas razóns: porque son dúas obras excelentes, que paga a pena ler e gardar para o futuro. E tamén porque os dous autores (Xosé Cobas e Ponte Far) son amigos meus e conveciños das terras de Barcala. Tamén é casualidade, ou cousa do destino, que dous veciños da mesma parroquia de Logrosa (Negreira) viñeran presentar na Coruña dous libros, magníficos, o mesmo día e á mesma hora! Coa cantidade de días que ten o ano!


Perico Castro, Xulio L. Valcárcel, José A. Ponte Far, Pablo Vaamonde, Miguel Anxo Fernán Vello







jueves, 26 de diciembre de 2013

A Illa Navalleira





Xabier P. Docampo e Xosé Cobas dannos unha nova mostra do seu talento artístico. O primeiro como autor do texto e o segundo, das fermosas ilustracións,  veñen de publicar “A illa de todas as illas” (Xerais, 2013), un relato breve que narra as aventuras de tres rapaces extraviados nunha pequena illa cuberta por unha néboa densa que non lles permite retornar ao lugar donde os agardan os seus maiores. Neste ambiente fantasmagórico o tempo detense e os tres nenos, no seu deambular errático, atópanse con diversos persoaxes extraídos da literatura universal: alí están dende o Capitán Nemo e Robinson Crusoe ata o coxo John Silver.

Poderíamos interpretar a narración en clave metafórica. Todos nós podemos sentirnos como eses nenos temerosos, andando sen rumbo no medio da néboa sen atopar o camiño correcto para fuxir deste tempo de incerteza e desesperanza. Tamén nós podemos percibir as gadoupas do medo apretándonos o peito ante os sucesos do noso percorrido que sempre semellan ameazantes. Mais penso que os autores pretenden, sobre todo, facer unha homenaxe aos libros de aventuras e máis concretamente aos que acontecen nunha illa. O libro quere ser un emocionado convite a ler eses libros (Robinson Crusoe, A illa misteriosa, O señor das moscas, A Illa do Tesouro, etc.) que nos levan a mundos ben distintos do noso para coñecer vidas e persoaxes diferentes que habitan por un tempo a nosa imaxinación e nos van conformando como persoas.
Tamén os nenos que protagonizan esta historia xa non serán os mesmos cando rematen esta viaxe.



Decía Sartre que o mundo podería existir perfectamente sen a literatura. Pero Borges dixo que “uno no es lo que es por lo que escribe, sino por lo que ha leído” e mesmo hai quen dí que somos o que lemos.  Se cadra é algo esaxerado, sobre todo se temos en conta que hai moita xente que nunca le (en Galicia a metade da poboación non merca ningún libro no ano). Pero os que temos o vicio da lectura sempre gardaremos na memoria, e no corazón, algún libro que nos marcou no seu día e que nos axudou a nos construír coma seres humanos. Eses son os textos que recorda e homenaxea Docampo neste libro, no que utiliza a súa habilidade narrativa para integrar a persoaxes da literatura universal no relato e construir unha fábula sinxela e amena que nos atrapa desde o principio. 

Xabier P. Docampo fai unha demostración da súa maestría literaria e da súa erudicción; o libro remata cun longo epílogo (“Viviremos, se queremos, nunha illa deserta”) no que fai un documentado percorrido polos libros e os persoaxes que utilizou para elaborar este relato. Xosé Cobas deixa patente, unha vez máis, que é un dos mellores ilustradores deste país. A colaboración estreita destes dous autores ven de lonxe. O seu entendemento profundo e a súa complicidade faise evidente neste libro no que texto e ilustracións compleméntanse á perfección. Despois do maravilloso “Libro das Viaxes Imaxinarias” (Xerais, 2008) entregan agora este fermoso libro que é, sen dúbida, un dos mellores regalos que se poden facer nestas datas de Nadal.