Mostrando entradas con la etiqueta Javier Marías. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Javier Marías. Mostrar todas las entradas

sábado, 28 de febrero de 2015

Os conflitos de interese e as portas xiratorias na sanidade

Galicia Hoxe







Na sanidade a estratexia de privatizacións contínuas, con recortes orzamentarios no sector público e a entrega de porcións crecentes dos presupostos a mans privadas para o seu lucro persoal, o Partido Popular levaa a cabo, en moitos casos, de maneira solapada. Hai un apoio cómplice entre o poder político e os intereses privados; realizan acordos na sombra, furtando o control destas manobras aos representantes públicos (partidos da oposición, organizacións sindicais e profesionais). 


Hai, nestas prácticas, flagrantes conflitos de interese e un uso abusivo e vergonzante das portas xiratorias. Algúns personaxes (Lamela, Güemes, Rocío Mosquera, Antonio Burgueño) acadaron notoriedade por practicar con todo descaro o "revolving door". O dano que provocan estas actuacións -á sociedade, ao sistema sanitario e aos seus traballadores, á nosa saúde e aos nosos descendentes-, é inconmensurable. Estas prácticas fraudulentas esquivan o control social e a supervisión dos organismos públicos e da xustiza. Pero convértense en feitos consumados que, nalgúns casos, serán dificilmente reversibles. 



Estas relacións promíscuas entre o público e o privado non son exclusivas do mundo sanitario. No sector enerxético as portas xiratorias funcionan con total descaro. As empresas eléctricas, gasistas e petroleiras acollen a moitos expolíticos, actualmente a soldo en consellos do Ibex. Iberdrola, Gas Natural Fenosa, Endesa, REE e Enagás tiñan o ano pasado a once ex altos cargos do PP, cinco do PSOE e un de CiU nos seus consellos de administración.
As retribucións destes conselleiros son, nestes tempos de austericidio, totalmente escandalosas. O exministro do PP Ángel Acebes, dobremente imputado (polos casos de Bankia e Bárcenas), case chega aos 300.000 euros anuais como vogal de Iberdrola.


Cada novo día enterámonos pola prensa de numerosos casos de corrupcións e corruptelas que invaden a xeografía española. Nese turbio ambiente, e con esa clase de actores, é onde se está desenvolvendo este desmantelamento programado dos servizos públicos. E con total impunidade, polo momento. Así o dicía Luísa Lores nun artigo, no que denuncia que o goberno de Núñez Feijóo, coa conselleira Mosquera ao fronte, fragmentou, desmantelou, privatizou e endebedou o sistema sanitario público de Galicia “con total descaro e impunidade, para beneficio das empresas privadas vinculadas; nunca lles poderemos perdoar”. 


Estamos nun momento crave. É necesario deter esta sangría. Eles non van parar, ata desvalixar por completo as arcas públicas. Hai que desaloxalos do poder para que non sigan destruíndo o sector público, actuando como troianos. Porque hai un perigo certo de pasar do monopolio público ao oligopolio privado. Joaquín Estefanía xa o advertiu: privatizaron a banca pública, a enerxía pública e as telecomunicaciones públicas, entre outros sectores estratéxicos: “agora queren facer o mesmo coa sanidade e a educación públicas aínda que o neguen". Porque, despois de todas as corrupcións, saqueos e aproveitamentos que xa saíron á luz, como dicía Javier Marías, cando por fin saiamos das nosas teimas cotiás e levantemos a cabeza,””atoparémonos cun país desposuído, abatido, co baleiro instalado en todos os terreos”.