Na Coruña hai unha
Praza do Libro que pode quedar sen librarías. A forte baixada das ventas foi a
causa do peche da Libraría Nós, un referente na cidade que levaba aberta
corenta anos. Á súa beira está a Libraría Couceiro, dedicada en exclusiva ao libro
en galego; desde 1982 estivo rexentada por Carmiña Couceiro e Pepe Díaz que
agora, chegada a idade da xubilación, vanse dedicar á lectura e a coidar da súa
horta. Polo momento semella que atoparon relevo, pero esta mítica libraría
tamén estivo a piques de pechar as portas.
Son malos tempos para
a cultura. Por razóns diversas ( a numerosa oferta audiovisual, o acceso a
contidos na rede, o impacto da crise que diminúe o gasto en cultura, a falta de
apoio institucional á industria do libro ou a propia devaluación da cultura na
sociedade actual) nos últimos anos produciuse en Galicia un descenso moi
notable -case un nove por cento desde 2006 a 2012- no gasto familiar en bens e
servizos culturais, tal como revela un informe do Consello da Cultura Galega.É un dato preocupante, sobre todo tendo en conta que Galicia xa se
atopaba entre as seis comunidades autónomas (CCAA) co máis baixo consumo cultural.
A compra de libros non
de texto descendeu preto do 50% entre 2007 e 2012. Tamén descendeu, de forma
drástica, o número de libros publicados en galego. En 2013 publicáronse pouco
máis de setecentos libros, a metade do ano anterior, consolidando unha caída vertixinosa
iniciada en 2008, cando se rexistrou un récord histórico con máis de dous mil
títulos.
Se cadra ten que ser
así, e hai que admitir que a publicación de libros en papel está condenada a
esmorecer pouco a pouco. Mais resulta comprensible a indignación dos editores
que ven como, desde que goberna o PP en
Galicia, a edición de libros en galego caeu un 36%. A Asociación Galega de
Editores expresou a súa desconformidade cos orzamentos da Xunta para 2014, nos
que se reflicte un novo descenso ( 440.000 euros menos que o ano anterior) para
a edición de libros en galego. Os editores describen a realidade: só o 13% de
todos os libros que se mercan en Galicia están escritos en galego. Lembran que a compra institucional de libros
galegos “destinados a bibliotecas
públicas reduciuse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que
supón un descenso do 60% ao longo da última lexislatura". Propuxeron un
decálogo de medidas para para fomentar a lectura en Galicia. Pero a política
cultural da Xunta non contempla axudas á industria editorial nin ás bibliotecas
públicas.
Porque podemos pensar
que a xente non merca libros e vai menos
ao cine por razóns económicas, mais podería utilizar as bibliotecas públicas
como forma de acceder á cultura sen custe. Pero a realidade é testana: Galicia é a
antepenúltima CCAA no uso das bibliotecas, só un 16% da poboación accede a eses
servizos. Un país que non le ten unha pesada
eiva para afrontar o futuro.Pero os actuais gobernantes non ven unha ameaza
nestes datos. Pola contra as súas decisións contribúen a afondar na brecha. O
investimento público en bibliotecas pasou de 5.5 millóns de euros en 2008 a 1,3
en 2013 (un recorte do 76 %) . Ademais Galicia perdeu, desde o ano 2002, 49 bibliotecas públicas,
mentres que no resto do Estado aumentaron. Camiñamos en sentido contrario. Na
vez de favorecer o acceso á cultura e á información pechan as bibliotecas
públicas e reducen drasticamente os seus orzamentos. Semella que houbera un
plan de exterminio cultural. Se cadra mesmo ven na cultura unha ameaza. Hai
unha frase atribuída a Hermann Göring: “cando escoito a palabra cultura collo a
pistola”.
