Nun texto, xa clásico, do profesor Joan Benach
este afirmaba rotundo que “son as clases sociais máis desfavorecidas as que
morren antes, enferman máis, e teñen con maior frecuencia hábitos prexudiciais
para a saúde e peor calidade de vida”.
As desigualdades en saúde son un dos mellores indicadores para valorar
os logros sociais dun país. Este experto teno moi claro: a desigualdade prexudica seriamente a saúde.
Nun artigo
máis recente defende que “sen saúde non hai liberdade e sen liberdade non hai
saúde”.
Hai máis bibliografía que avala a relación
entre desigualdade e saúde. Os economistas e epidemiólogos británicos Richard
Wilkinson e Kate Pickett demostraron no seu libro "Desigualdade. Unha análise da (in)felicidade colectiva" (2009)
que existe unha clara relación entre a desigualdade en países de renda alta e a
incidencia de problemas sociais e de saúde (diminución de esperanza de vida,
aumento da mortalidade infantil, aumento de obesidade e da patoloxía
cardiovascular, incremento de patoloxía mental e consumo drogas, aumento da
violencia, maior porcentaxe de suicidios, etc). O libro "Por que a austeridade mata, O custo humano
das políticas de recorte" (2013) de Stuckler e Basu, incide nos mesmos
argumentos: a recesión global e o incremento da desigualdade afectan claramente
ao benestar físico e mental dos cidadáns.
As desigualdades sociais medraron de xeito
espectacular, a ambos os dous lados do Atlántico Norte, nas últimas décadas,
coa aplicación das políticas ultraliberais iniciadas polo tándem perverso Reagan-Thatcher, e que os seus actuais seguidores aplican con dilixencia en
beneficio da casta dirixente e prexudicando á maioría social. Un informe
da Fundación 1º de Maio revela que as políticas de recortes aplicadas neste
país intensificaron a pobreza ata alcanzar o 27 % da poboación. E o máis
terrible é que, neste contexto, ter emprego xa non é unha salvagarda ante as
situacións de pobreza; de feito o 12 % da poboación ocupada vive en fogares por
baixo do limiar da pobreza: existen cada vez máis os “traballadores pobres”.
Fronte ás condicións impostas polas elites
económicas e políticas dominantes hai unha crecente conciencia da necesidade
reducir a desigualdade social pois a actual situación, inxusta e cruel, pode
provocar, a curto prazo, situacións de grave conflictividade social. As desigualdades en saúde tamén poden reducirse e existe suficiente evidencia para
afirmar que “os sistemas sanitarios universais, con propiedade e xestión
públicas, baseados na atención primaria e unha elevada calidade de prestacións,
non só ofrecen mellores resultados de saúde senón que tamén son máis
eficientes, equitativos e humanos” (Benach).
Pero aquí, desde o poder, están facendo as cousas ao revés: suprimen a cobertura sanitaria universal, anulan o nivel de atención primaria e entregan a mans privadas a xestión dos servizos e os centros sanitarios.
Pero aquí, desde o poder, están facendo as cousas ao revés: suprimen a cobertura sanitaria universal, anulan o nivel de atención primaria e entregan a mans privadas a xestión dos servizos e os centros sanitarios.
A privatización e mercantilización da sanidade
non se realizan pola procura do ben común: son
os potentes grupos empresariais privados os que presionan para transformar o
SNS e crear novos espazos de negocio. Os lobbies das aseguradoras, das empresas de tecnoloxía sanitaria e da
industria farmacéutica actúan con persistencia para conseguir os seus
obxectivos. E colocan á súa xente en postos de mando da sanidade pública para
traballar no seu propio beneficio. Boi Ruiz, xefe da patronal catalá é o actual
conselleiro de Sanidade. El teno claro: na súa opinión a saúde é un ben privado
que depende de cada persoa e non do Estado e “non existe un dereito á saúde”.
Esta é a ideoloxía que sustenta as decisións políticas que levan ao
desmantelamento do sistema sanitario público. Non buscan a eficiencia nin a
calidade: só perseguen o lucro, a costa da saúde dos cidadáns.












