Nos últimos anos
está avanzando unha estratexia a gran escala que ten por obxectivo principal desmontar o actual Estado de
benestar e apropiarse dos orzamentos dedicados aos servizos públicos. En
sanidade hai unha alianza económico-política que ven desenvolvendo un labor
calado pero efectivo para apropiarse do control dos centros asistenciais e dos
orzamentos sanitarios das comunidades autónomas (CCAA).
No Club Gertech (organización dedicada a
divulgar ideoloxía neoliberal e a establecer estratexias privatizadoras na
sanidade) participan universidades, centros de investigación, empresas de
informática e tecnoloxía sanitaria, laboratorios farmacéuticos, fondos de
investimento (sobre todo de EEUU e China) e grupos de comunicación; constitúen
un potente lobby que pretende facerse
co control do “negocio” sanitario, coa complicidade dos gobernos central e
autonómicos e de certos profesionais do sector.
Estas
organizacións, de forma coordinada, pretenden apoderarse da información xerada
polo Sistema Sanitario Público (SSP) en relación coa saúde da poboación e das
persoas; controlar a planificación estratéxica (compras, procesos asistenciais,
sistemas de información, etc.), a xestión dos centros sanitarios (Lei 15/97) e
o funcionamento dos servizos asistenciais por medio das Áreas de Xestión
Clínica (AXC); e “obrigar” ao SSP a
adquirir os seus custosos produtos tecnolóxicos. O fin último é ben claro: apropiarse da maior parte dos orzamentos
sanitarios (que representan o 40% do presuposto das CCAA).
Misión privatizadora da Áreas de Xestión Clínica
Como parte esencial
desta estratexia, as Áreas de Xestión Clínica (AXC) teñen encomendada a misión
de privatizar a xestión dos servizos asistenciais hospitalarios e de Atención Primaria
(AP), modificando a súa estrutura organizativa e funcional.
Queren presentar as
AXC como unha fórmula para integrar os servizos asistenciais e dar
participación e poder de decisión aos profesionais; en realidade están destinadas a fraccionar os centros en múltiples empresas
(coa finalidade de discriminar as máis rendibles para os inversores privados) e
a reforzar o control da Administración a través de directores nomeados “a dedo”
polas Xerencias con capacidade para contratar, incorporar novos produtos e
ampliar ou restrinxir as carteiras de servizos. Para rematar, as AXC contarán
con Consellos de Dirección nos que se poderán
integrar representantes dos colaboradores e inversores do sector
privado.
En Galicia, polo
momento, estas Áreas non teñen entidade xurídica propia (como contempla a
proposta do Ministerio de Sanidade) o que as transformaría en auténticas
empresas independentes; mais todo parece indicar que si terán orzamento propio,
persoal laboral (grazas ao cambio no Estatuto Marco realizado, de maneira
tramposa, no verán de 2013), que percibirán incentivos económicos vinculados ao
aforro, e gozarán de autonomía e capacidade para vender os seus produtos a
outros servizos ou centros, creando un auténtico mercado sanitario interno.
Actuación complementaria
Paralela e
complementariamente, este lobby está
conseguindo a colaboración entusiasta dos gobernos do PP nunha serie de medidas encamiñadas a avanzar na
privatización: cambiar a estratexia de atención a enfermos crónicos,
orientándoa á utilización de aparellos tecnolóxicos instalados nos fogares (en
lugar de coidados por persoal especializado); privatizar o sistema de información
do SSP para poñelo ao servizo das multinacionais sanitarias (historia clínica electrónica,
redes informáticas, sistemas de información e citas aos pacientes, Call Center etc.); ceder ao sector
privado o control dos programas e actividades de investigación financiadas con
fondos do SSP; apoiar a implantación e difusión das innovacións tecnolóxicas
(fronte á promoción e prevención a cargo da AP); e ceder a empresas de
consultoría e multinacionais sanitarias a formación do persoal sanitario.
Todo iso sen
renunciar aos copagamentos impostos, á colaboración público privada da
construción e xestión dos novos centros (PFI), á privatización dos servizos (que
chaman externalizacións), nin ao incremento
dos concertos co sector privado.
Grupos profesionais que colaboran activamente nesta
estratexia
O potente lobby privatizador conta coa colaboración activa de grupos profesionais que están sendo
cómplices neste continuado e grave ataque contra o SSP a cambio de prebendas
menores, de manter os seus privilexios persoais e corporativos e da posible
obtención de beneficios no futuro. Tamén pode haber profesionais que teñan
conflitos de interese coa industria tecnolóxica, coas empresas farmacéuticas e
cos fondos de investimento. A súa posición non está condicionada polo beneficio
xeral da poboación senón por intereses particulares ou empresariais.
Algúns grupos, con
escasa representatividade no sector sanitario pero marcada tendencia
progubernamental, están apoiando a implantación destas políticas: FACME (Federación de Asociacións
Científico Médicas); SEDISA
(Sociedade Española de Directivos da Saúde, integrada
por directivos de centros sanitarios públicos e privados); FPME (Foro da Profesión Médica, integrado por organizacións como a OMC -Organización Médica Colexial-, a CESM-Estatal -Confederación Española de Sindicatos Médicos-, a Conferencia de Decanos de Medicina etc.).
por directivos de centros sanitarios públicos e privados); FPME (Foro da Profesión Médica, integrado por organizacións como a OMC -Organización Médica Colexial-, a CESM-Estatal -Confederación Española de Sindicatos Médicos-, a Conferencia de Decanos de Medicina etc.).
Nos foros e nos
documentos publicados por estas organizacións defenden abertamente as medidas
que reclama o lobby privatizador e que o goberno
decreta con dilixencia. Son os cómplices
necesarios para que se apliquen con tanta rapidez estas medidas que
pretenden: impoñer ás AXC, transformar
os hospitais en empresas autónomas, laboralizar aos sanitarios, desenvolver a
I+D+I financiada con diñeiro público pero baixo control do sector privado,
incrementar as externalizacións de servizos, xeneralizar as novas formas de
xestión (Lei 15/97), promover a gobernanza
dos centros por “expertos” sen
participación profesional, favorecer a libre elección de centro para potenciar
o mercado sanitario interno e mesmo introducir tickets moderadores para limitar o acceso dos pacientes aos
servizos.
Todas estas
actuacións, e outras que non se enuncian, aplícaas o Goberno, de maneira
silenciosa e clandestina, provocando un desgarro definitivo no SSP que tivemos
ata agora. Todas estas medidas, tan negativas para a poboación e os
profesionais, son aplicadas coa complicidade
das organizacións citadas, que non son representativas do sector pero
figuran como asinantes dun “Pacto Estatal pola Sanidade” que pretende da luz
verde a esta estratexia de demolición.
Estas medidas
supoñen un cambio solapado, pero moi
profundo, do actual modelo sanitario establecido pola Lei Xeral de Sanidade
de 1986 (universal, equitativo, accesible e redistributivo, baseado na
promoción da saúde e na AP). Perpetúan o modelo hospitalocéntrico en detrimento
da AP e da atención á dependencia. Tamén
favorecen o uso intensivo de tecnoloxías –responsables do incremento do gasto
sanitario irracional- que poden provocar iatroxenia e potenciar as
desigualdades en saúde.
Por unha alianza social e profesional
É urxente
consolidar unha gran alianza social e profesional en defensa do SSP fronte a este lobby
privatizador, que conta coa colaboración cómplice dun pequeno pero
influinte grupo de profesionais, que pretenden apoderarse do orzamento sanitario por
medio de diferentes tácticas. O sector sanitario ten que facer visible o seu rexeitamento desta estratexia
que pon en risco o propio SSP, o dereito á asistencia sanitaria da poboación e a
protección dunhas condicións de traballo dignas para os traballadores
sanitarios.
Asinan:
-Manuel
Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da
Sanidade Pública (FADSP).
-Pablo
Vaamonde García. Médico de Familia. Exdirector xeral de Asistencia
Sanitaria do Sergas.
Galicia, xuño de 2014.
SOBRE A COMPLICIDADE
ResponderEliminarNo post móstrase novamente e con sólidos argumentos que o noso sistema sanitario está en perigo.
Hai un gran negocio en marcha e alúdese ás complicidades de grupos organizados (FACME, SEDISA, FPME) á vez que novamente se insta a unha grande alianza social como medida fronte a ese ataque aos nosos dereitos.
Parece que médicos e pacientes somos atacados por eses grupos de poder, pero non é exactamente así, non de todo. Se se fala de complicidade, hai que facelo con todas as consecuencias. A pregunta sería: Quen non é, activa ou pasivamente, cómplice do que sucede? Porque acontece que moitos médicos, non integrados neses grupos de representación ou dirección, ven con moi bos ollos a privatización e prefiren que o sistema público empeore en beneficio da súa actividade privada. Tamén acontece que moitos médicos, amparándose en que están con contratos precarios, nin eses contratos tratan de mellorar, preferindo optar por unha actitude de pasiva covardía. Tamén sucede que, polo prato de lentellas que se outorga en forma de xefatura de servizo ou coordinación, outros médicos entran nunha servidume voluntaria reprimindo dende ela calquera iniciativa nos servizos que din dirixir.
E acontece que estamos a pagar as consecuencias de ter un sistema público que formou e alimentou con clientes aos médicos da sanidade privada, aos que agora queren todo para eles. E iso non aconteceu só con esta dereita rancia que nos goberna. Tamén con gobernos de... esquerdas?
Non. O problema non o temos cos SEDISAS ou cos Colexios Médicos (ha de recordarse que as súas xuntas son electas? Daquel xeito, pero electas á fin). O problema témolo cos compañeiros de todos os días, cos nosos xefes e os nosos residentes e cos que calan e outorgan. O problema témolo connosco mesmos. Non lle pidamos á cidadanía o que debemos solucionar nós, como médicos, dicindo si ou non cando haxa que dicir si ou non. Quizais con iso abondase.