A sanidade pública está en perigo. As medidas
adoptadas nas autonomías gobernadas pola dereita ultraliberal (reducción severa
dos orzamentos sanitarios, concesión da xestión sanitaria a mans privadas,
imposición de copagamentos, externalización progresiva de diversos servizos e
actividades, restriccións no acceso aos servizos sanitarios etc.) provocan un
serio deterioro dos servizos sanitarios e poñen
en risco o seu futuro.
Pero o goberno
central ven de dar un paso decisivo nesta contrarreforma
sanitaria. En
contra do anunciado na campaña electoral o Partido Popular está a degradar os
servizos públicos dun xeito alarmante. O Real
Decreto Ley 16/2012 –imposto por vía de urxencia, sen debate parlamentario-
suprime o dereito á atención sanitaria dos cidadáns e recupera a figura do “asegurado”: só terán dereito á prestación
sanitaria as persoas que coticen á Seguridade Social. Quedan excluidos diversos
colectivos da poboación: inmigrantes, mozos-/as maiores de 26 anos que non
teñan contrato laboral, persoas separadas que non tiveran cotizado etc. Tamén
esteblece unha serie de copagamentos que veñen a representar, en realidade, un
novo imposto á enfermidade.
Esta medida
representa un retroceso histórico de
tres décadas. Coa Lei Xeral de Sanidade (1986) recoñeceuse o dereito dos
cidadáns á atención sanitaria e iniciouse un camiño firme para garantir a
cobertura universal de toda a poboación. Coa aplicación desta lei haberá cada vez máis
colectivos cidadáns desprotexidos, que terán que recurrir á beneficencia e á
caridade. Volvemos a unha sanidade
dualizada: porta para os ricos, porta para os pobres.
Non é a crise a responsable destas medidas: só
é a excusa. O Partido Popular está a aplicar na sanidade a súa axenda oculta.
Hai unha estratexia global para
degradar e desprestixiar o noso sistema sanitario, e para procurar espazos de negocio a costa dos
orzamentos públicos aos grupos empresariais afíns. Esta estretexia global
(impulsada polo FMI e os potentes lobbys
sanitarios) é executada a nivel local por faccións de ultradereita que ocupan o
espazo público para deterioralo desde dentro, como os troianos. Núñez Feijóo é
alumno aplicado nestas tarefas, e ten experiencia: no seu día xa privatizou
Correos.
A plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada
unha manifestación para o vindeiro
domingo, día 3 de xuño, en Santiago de Compostela. É o momento de
expresar, de forma unitaria e masiva, o noso desacordo radical con estas
decisións políticas que están destruir o estado de benestar que tanto custou
construir, e que veñen a representar un auténtico saqueo dos orzamentos públicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario