miércoles, 1 de julio de 2020

Medidas para restaurar a Sanidade Pública en Galicia

(PUBLICADO NA REVISTA TEMPOS NOVOS, Nº 278, XULLO-2020)

Pablo Vaamonde (Médico de familia, A Coruña)
Manuel Martín (Presidente da FADSP)


Na anterior entrega fixemos o relato da actividade desenvolvida polo PPdeG durante a última década, desde o propio poder, para desmantelar a Sanidade Pública galega. Poderíamos falar tamén do ocultamento e maquillaxe das listas de espera, da drástica redución do proxecto de hospital de Pontevedra, da diminución de recursos para os Programas da Muller, do deterioro da atención ás drogodependencias, dos recortes e privatizacións dos servizos de ambulancias e da supresión da participación comunitaria introducida na nova Lei Galega de Saúde. As modificacións realizadas son profundos e dificilmente reversibles; se nas próximas elección se produce un cambio político a recuperación da sanidade pública deberá ser unha das prioridades do próximo goberno. Non será doado, e haberá que establecer un programa de actuación para restaurar o dano causado. Apuntamos a continuación un breve guión das posibles actuacións para cambiar o rumbo da sanidade neste país.
1.-Revisar todas as “externalizacións” realizadas e establecer un calendario para recuperar progresivamente o control público das mesmas.
2.-Aumentar progresivamente o orzamento sanitario e incrementar a dotación de persoal e de camas hospitalarias.
3.-Recuperar as Xerencias de Atención Primaria, dotalas de medios e recursos propios e aumentar progresivamente a dotación orzamentaria (ata chegar ao 25% do orzamento sanitario que aconsellan os expertos). Deseñar un novo Plan de Mellora para restaurar a dignidade e a capacidade de resolución da AP.
4.-Modificar a Lei de Saúde de Galicia e recuperar as once Áreas Sanitarias, dotando aos hospitais comarcais de recursos para mellorar a súa calidade asistencial.
5.-Modificar a Lei de garantías e suspender a Instrución 1/2018 que facilita a derivación de pacientes aos hospitais privados. Suspender o Acordo Marco asinado cos hospitais privados de A Coruña. Aumentar a actividade asistencial nos centros propios para reducir o máis posible as derivacións, ata que os centros concertados sexan complementarios e subsidiarios e non integrantes da rede asistencial.
6.-Recuperar e reactivar o Plan Estratéxico en Saúde Mental e aumentar os recursos materiais e humanos para poder realizar unha atención psiquiátrica e psicolóxica de calidade.
7.-Recuperar o control público de todos os institutos e servizos dedicados á investigación e á innovación e poñelos ao servizo da sanidade pública e dos pacientes. Restaurar tamén o control da innovación tecnolóxica.
8.-Revisar o concerto singular co hospital Povisa de Vigo e facer un seguimento exhaustivo da súa actividade asistencial en relación coa poboación asignada polo Sergas. Establecer un plan a longo prazo para poder atender con medios propios do Sergas aos pacientes de Povisa.
9.-Revertir á xestión pública o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (tal como se fixo en Valencia co hospital de Alzira). Aumentar o número de camas do hospital e dotalo dos medios que foron subtraídos do proxecto do goberno progresista. Establecer un plan a longo prazo para poder asumir a atención da poboación actualmente asignada ao hospital Povisa.
10.-Fortalecer a Saúde Pública e os servizos de vixilancia epidemiolóxica, aumentar a dotación para a investigación en viroloxía e doenzas infecciosas, establecer un Plan Estratéxico para o afrontamento de posibles pandemias no futuro, e recuperar para dominio público as Residencias de Maiores privatizadas. Esixir responsabilidades políticas e xudiciais a todas as persoas e entidades relacionadas coa xestión das residencias e coa elevada mortalidade sucedida durante a pandemia do Covid-19.


martes, 30 de junio de 2020

Sanidade Pública galega: crónica dunha demolición (2009-2020)


En TEMPOS NOVOS
En NUEVA TRIBUNA

Pablo Vaamonde (Médico de familia. A Coruña)
Manuel Martín (presidente da FADSP)

O goberno bipartito (PSdG-BNG) apoiou con firmeza a Sanidade Pública en Galicia. Durante o seu mandato (2005-2009) fortaleceu a rede hospitalaria, integrou todas as Fundacións Sanitarias (que estaban en quebra) na rede do Sergas, impulsou a Atención Primaria, aumentou os orzamentos e mellorou as condicións laborais dos seus traballadores. Pero faltoulle tempo para completar a tarefa. Nin sequera puido iniciar a construción de novo hospital de Vigo -que xa tiña proxecto e financiamento aprobado-.
Nas eleccións de marzo de 2009 –despois dunha campaña electoral bronca e tramposa- o PP recuperou o poder. Núñez Feijóo converteuse en presidente da Xunta e encadeou tres mandatos sucesivos (2009, 2012 e 2016). Nestes anos a Sanidade Pública galega veuse sometida a un ataque programado desde o propio poder que provocou un severo deterioro nas condicións de traballo e na calidade asistencial, reiteradamente denunciado polos propios traballadores e polas organizacións profesionais e sindicais. Núñez Feijóo non é un novato nestas tarefas. É un experto e convencido privatizador cunha traxectoria que o avala. Foi a man dereita de Romay para impulsar as Fundacións Sanitarias en Galicia (con funestos resultados) e foi tamén o brazo executor da privatización de Correos (dirixiu dita entidade de 2000 a 2003). Tense nomeado como defensor da Sanidade Pública, mentres impulsa medidas dirixidas a todo o contrario –esta forma de actuar é moi habitual nos políticos do PP-. O certo é que o PP de Galicia ten unha axenda oculta (igual que Rajoy cando ocupou o poder en Madrid en 2012) orientada a deteriorar os servizos públicos e a utilizar os orzamentos para xerar áreas de negocio, dos que se benefician empresas próximas e os grandes grupos da sanidade privada.
Faremos a continuación, en dez puntos, un breve repaso das actuacións realizadas polo goberno do PP sobre a Sanidade Pública en Galicia. Despois veremos cales serán as intervencións a levar a cabo para recuperar unha sanidade forte e restaurar o dano causado, no suposto de que as forzas progresistas poidan formar goberno e dar por rematada a etapa de Núñez Feijóo. Cando chegou ao poder en 2009 o PP xa tiña elaborado un plan para converter a sanidade nunha mercadoría. Máis tarde, o RD 16/2012, publicado no BOE en abril –pouco despois de gañar Rajoy as eleccións no Estado-  doulle ás ao goberno autonómico para profundar nas privatizacións. Pero xa nos primeiros días de ocupar o poder tomou dúas decisións de enorme importancia: freou a implantación do Plan de Mellora de Atención Primaria (AP), que tiña orzamento previsto para aumentar a calidade neste nivel asistencial nos seguintes anos, e derrubou o proxecto do novo hospital público de Vigo para substituilo por outro seguindo o modelo PFI, que xa impuxera o PP en Valencia e Madrid. Despois revisaremos a importancia destas decisións. Porque deseguida comezou a “externalizar”.


1. As “externalizacións”

Nunha entrevista en La Voz de Galicia asegurou, nos inicios do seu mandado,  que era partidario de privatizar “todo lo que no sea el núcleo duro del sistema sanitario”. Entregouse á tarefa desde o primeiro momento. Comezou polos servizos de apoio: a historia clínica, a receita electrónica, a central de chamadas, as telecomunicacións, os servizos de catering, a limpeza e a enerxía, o mantemento dos equipos, o almacenamento e distribución de material sanitario: todas estas parcelas pasaron a mans privadas en pouco tempo. Continuou coa entrega a empresas privadas da xestión da alta tecnoloxía, o laboratorio central de Galicia, a investigación clínica e as contratacións públicas do Sergas. Resulta moi relevante que se entregue a empresas privadas a información privilexiada dos servizos estratéxicos do sistema e dos propios pacientes. A Administración perde o control e queda como refén destas empresas que son as que controlan e utilizan os datos sensibles da sanidade.  Mesmo fixeron o intento de privatizar a esterilización dos centros sanitarios:  en xaneiro de 2014 publicaron no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea), o anuncio dun concurso para a privatización deste servizo. O grave perigo que entraña unha medida deste tipo e a reacción dos actuais responsables fixo que non fose implementada, polo momento. Tamén teñen na recámara o proxecto das Unidades de Xestión Clínica: a resposta dos profesionais fixo que se detivese esta medida , que significaría privatizar –en contra do afirmado por Núñez Feijóo- a propia actividade sanitaria, o que denominou “núcleo duro” do sistema.

2. Recorte de orzamentos e redución de persoal e camas hospitalarias.

Durante os seus mandatos o Sergas recortou o orzamento en máis de 1.000 millóns de euros (unha redución do 18% respecto ao de 2009). Mentres tanto a sanidade privada medrou de forma imparable: agora xa realiza o 25% da atención hospitalaria da CCA. Isto tivo como consecuencia a supresión de máis de 500 prazas de persoal médico, 184 de enfermaría e 1.121 en todas as categorías, así como o peche de camas. O número de camas hospitalarias nos establecementos sanitarios do SERGAS vén reducíndose dende o regreso do PP ao poder en 2009. Das 9.863 camas que nese ano había en funcionamento, pasouse a 9.126, un descenso de 737. O número total de camas instaladas tamén se recortou, pero algo menos (575). O número de camas en funcionamento por cada mil habitantes reduciuse das 3,6 ás 3,34, lonxe dos estándares europeos (ao redor de 5 camas por cada mil habitantes). Un país envellecido e con pacientes pluripatolóxicos que precisan de ingresos hospitalarios reiterados non permite reducir as camas hospitalarias, por moito que agora se fagan máis cirurxías sen ingreso ou de curta estancia. 

3. A desactivación da Atención Primaria

Os sistemas sanitarios organizados en dous niveis asistenciais son os máis eficientes e os que máis aportan á saúde da poboación. Un sistema sanitario “forte” precisa unha AP “forte” (Barbara Starfield). A AP debe ser o elemento central que asuma a coordinación dos procesos asistenciais e, para iso, ten que contar con profesionais formados e con medios suficientes que permitan resolver máis do 80% dos problemas de saúde. Con ese deseño foise construíndo, nos últimos 35 anos, un SNS que, pese a tódolos ataques, conserva un nivel de calidade máis que aceptable. A AP foi degradada polos gobernos do PP en diversos territorios do Estado. Deron preferencia ao nivel  hospitalario, máis favorable para os negocios privados.
En Galicia, desde que goberna Núñez Feijóo,  o nivel asistencial máis prexudicado foi a AP,  que viu recortado o seu orzamento de forma radical. En 2019 representou o 12.5% do gasto sanitario total (190 millóns menos que en 2009). En AP, ademais de suspender a aplicación do Plan de Mellora, Núñez Feijóo tamén suprimiu as Xerencias de AP (que tiñan o seu orzamento e capacidade de decisión propia); foron fagocitadas por unha xerencia única hospitalaria (EOXI), de tal forma que o primeiro nivel asistencial perdeu autonomía de xestión e pasou a ser un apéndice menor dos grandes hospitais.
A sobrecarga asistencial nos Centros de Saúde, así como a ausencia de pediatras e o peche de consultorios rurais,  son unha consecuencia directa dos recortes. Non houbo convocatorias de prazas para AP e outras foron amortizadas. Os contratos eventuais do persoal son cada vez máis precarios e degradantes. Todo isto xerou unha enorme indignación entre os profesionais, que se senten castigados por este goberno. En 2019 houbo unha tensa conflitividade; houbo folgas, manifestacións, concentracións e protestas de diverso formato coas que se reclamaba a restauración da dignidade da AP.  A protesta dos traballadores dos PACs, a mobilización d@s profesionais precari@s, a dimisión en masa dos xefes de servizo de AP de Vigo: todas estas son expresións do crecente malestar profesional. O goberno respondeu a estas protestas e presentou un modelo de contrato para os eventuais que só valía para “estabilizar” e manter a precariedade. O reclamo non serviu para nada. Os profesionais non asinaron esta proposta.

En abril de 2019 convocouse unha folga en AP, que prevía ter un amplo seguimento. Foi desconvocada, co desacordo de moitos profesionais, despois de chegar os convocantes a un acordo coa Consellería para constituír un “Consello Técnico de AP” que tiña a misión de elaborar e propoñer estratexias para un novo modelo de AP en Galicia. Máis de douscentos profesionais traballaron durante meses en quince comisións. A mediados de novembro a Consellería fixo público un documento (“Por unha AP vertebradora do sistema de saúde”) elaborado por unha consultora externa, mentres os integrantes do Consello Técnico seguían cos seus traballos, descoñecedores desta iniciativa. Unha mostra máis da forma de proceder da Consellería. Houbo un gran descontento nos profesionais que prepararon novas mobilizacións. Pero chegou o coronavirus e todo mudou.

4. O ataque aos hospitais comarcais. O conflito de Verín

Coa Lei de Saúde rebaixaron as Áreas Sanitarias de once a sete (suprimiron as áreas de Salnés, Verín, Burela e Barco de Valdeorras); os hospitais comarcais perderon capacidade de xestión e pasaron a depender dos centros de referencia. A estratexia pasa por concentrar o poder de decisión e a capacidade de gasto nos xerentes dos grandes hospitais, que son persoas próximas ao PP. Desmontan as XAP e os hospitais comarcais para concentrar o poder nos grandes hospitais, onde as posibilidade de xerar espazos de negocia para empresas externas é maior.


Mentres falan de fixar a poboación no territorio e favorecer a vida no rural, toman decisións que provocan todo o contrario. A redución de servizos educativos e sanitarios provoca a fuxida da poboación a zonas onde poidan acceder a ditos servizos. A perda de autonomía dos comarcais favorece actuacións como o peche, a primeiros de decembro de 2019, da atención aos partos e o servizo de urxencias pediátricas no Hospital de Verín, que provocou unha gran indignación da poboación. A extraordinaria mobilización das xentes da comarca (coa consigna Verín non se pecha) fixo dar marcha atrás na decisión, aínda que de forma condicionada (e posiblemente temporal: despois das eleccións pode que muden de idea, se continúan no poder). Esta decisión, claramente política, ten unha lectura moi clara: este goberno aposta polos grandes hospitais e a alta tecnoloxía –onde hai espazos abertos aos negocios-, e non se preocupa pola atención próxima ás persoas –que favoreza a vida no territorio-. O dereito á atención sanitaria queda anulado: a saúde convértese nunha mercadoría.
5. A derivación aos hospitais privados, a Lei de Garantías e o Acordo Marco
O 25% da atención sanitaria xa se realiza en hospitais e centros privados. A derivación de pacientes á privada entre 2005 e 2015 multiplicouse por tres e sigue aumentando. A actividade concertada (servizos realizados por centros privados a pacientes derivados desde o Sergas) representa o 80% da actividade total dos hospitais privados: o Sergas destina máis de 260 millóns ao ano para pagar esta actividade dos centros privados. Todo iso sucede a pesar de que o Consello de Contas ten advertido de que a concertación é máis custosa que a atención realizada con medios propios. Esta situación atrae ás grandes empresas do sector que están a adquirir hospitais en Galicia xa que ven unha posibilidade segura de negocio (Grupo Quirón, Grupo HM-Hospitales, Farmacéutica Almirall).
O goberno de Núñez Feijóo lexislou para favorecer os intereses dos centros privados; publicou a finais de 2017 unha norma tramposa, o “Decreto de tempos máximos de espera”, que debería servir para garantir o dereito dos cidadáns a ser atendidos nun prazo razoable no sistema público. Mais, pola contra, o que realmente garante é a derivación masiva de pacientes a centros privados e o castigo dos que non acepten tal derivación mediante a supresión do dereito garantido por esta lei. Os pacientes chamados para recibir atención sanitaria nun centro privado que non acepten dita derivación quedan sen o dereito a ser atendidos. Agardarán sen data e sen poder reclamar. Así o establece, de forma obscena, a Instrución 1/2018. Deste xeito os centros privados ven asegurado o negocio e incrementan de forma notable a actividade derivada do Sergas.


No mesmo contexto podemos sinalar que o Hospital da Coruña teña asinado, en 2018, un Acordo Marco cos hospitais privados da cidade, por un montante total de case 100 millóns de euros, para realizar actividade concertada nos seguintes catro anos. O acordo inclúe actividade asistencial, cirúrxica, probas complementarias e tamén a hemodiálise. Os centros beneficiados por este Acordo Marco son o Hospital San Rafael, Hospital Modelo e o Hospital Quirón, que xa ven realizando a hemodiálise de pacientes do Sergas desde hai anos. Isto permite aos hospitais privados dimensionar as súas plantillas e aumentar a súa actividade, pois garanten a derivación de pacientes do Sergas. Con estas medidas o orzamento sanitario é desviado aos centros privados, mentres os públicos están sendo descapitalizados e privados de medios e persoal.
6. O deterioro da atención á saúde mental
En Galicia dáse un elevado consumo de ansiolíticos e antidepresivos e ten unha elevada taxa de suicidios. Os problemas de saúde mental teñen unha elevada prevalencia na poboación pero os servizos sanitarios públicos ofrecen unha resposta insuficiente. Cando o PP tomou o poder en 2009 eliminou o Plan Estratéxico en Saúde Mental, elaborado polo goberno progresista, e non presentou ningunha alternativa. Galicia ten a metade dos recursos recomendados hai vinte anos. Dos 1.500 profesionais que recomendaba o citado Plan só hai 950. E non só se precisa aumentar a dotación de psiquiatras senón tamén de psicólogos clínicos, enfermaría especializada, terapia ocupacional e traballo social.
Os servizos e as consultas están colapsados, con máis de 8000 pacientes en lista de espera de Psiquiatría. A atención aos trastornos infantís e xuvenís é especialmente grave: só hai unha unidade de hospitalización con sete camas en toda Galicia.
7. A privatización da intelixencia e da tecnoloxía no Sistema Sanitario
A investigación e  a innovación tecnolóxica están controladas pola industria sanitaria, polos laboratorios farmacéuticos e pola banca, que participan en organismos públicos e controlan as actividades que levan a cabo: a “Axencia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios” e a “Axencia Galega de Sangue e Tecidos”. Isto permite a multinacionais, fondos de inversión e empresas financeiras influír e controlar a investigación, a avaliación de tecnoloxías, a formación dos profesionais sanitarios e dos directivos, as doazóns de sangue e tecidos e a coordinación de transplantes de órganos.
O “Instituto de Investigación Sanitaria” é unha estrutura organizativa para a promoción e o desenvolvemento da investigación nos hospitais. Engloba ás fundacións de investigación hospitalarias co obxectivo de promover a investigación e a innovación, para patentar os resultados da mesma. Como consecuencia os ensaios clínicos, os biobancos de tecidos e a xenómica están xestionados pola fórmula de colaboración público-privada coa participación de empresas multinacionais, grupos de capital risco e fondos de inversión.
O Sergas tamén emprega neste ámbito dúas fórmulas “curiosas” na súa relación co mundo empresarial. A “compra publica innovadora” e a figura do “socio comercial” serven, en teoría, para impulsar a innovación empresarial privada con fondos públicos. Mais o certo é que con estes instrumentos o Sergas financia a investigación, pero ten que pagar as patentes resultantes da mesma (ás empresas que a realizan con fondos públicos). O Sergas renuncia a controlar a investigación e beneficia ao sector privado, que recibe fondos, utiliza os centros sanitarios, aos profesionais e mesmo aos enfermos para as súas investigacións. A Lei de Racionalización do Sector Público de 2014 legalizou o patrocinio privado de todos os servizos do Sergas.
En 2016 Núñez Feijóo cedeu os servizos de Cardioloxía de catro hospitais (A Coruña, Santiago, Vigo e Lugo) á multinacional norteamericana Medtronic, por medio dun convenio secreto do que se descoñecen os principais termos e que permite á compañía instalarse, controlar e testar os seus produtos nas áreas médicas dos citados hospitais. A Xunta de Galicia ocultou durante meses eses acordos. Para a Asociación de Pacientes do CHUS, que logrou acceder á documentación, despois dun ano de reclamacións, o convenio do Sergas con Medtronic “constitúe unha intervención do sector privado na sanidade pública contraria ao interese xeral”. Medtronic ten unha escura historia, e numerosas demandas xudiciais, pola súa agresividade empresarial.
8. O concerto singular con Povisa
O hospital privado Povisa está integrado na rede asistencial do Sergas e ten asignada unha poboación de 140.000 habitantes (parte da cidade de Vigo e a península do Morrazo). Durante o mandato de Núñez Feijóo a relación de Povisa co Sergas foi moi intensa. Mesmo funcionou a porta xiratoria que levou a Rocío Mosquera desde un cargo na empresa á mesma Xerencia do Sergas (2009-2012). Foi ela quen negociou a renovación do concerto singular, que mellorou substancialmente. Supera xa os 80 millóns de euros anuais, a pesares de que dedica menos recursos e servizos que os centros públicos para atender aos pacientes do Sergas. A súa xestión ten unha total falta de transparencia (Consello de Contas) e presenta a maior lista de espera cirúrxica de Galicia.
Pese a todas estas circunstancias Povisa recibe sempre un trato de favor. A planificación do Sergas case sempre se fixo tendo en conta os intereses deste hospital. Así foi que ao novo hospital de Vigo (proxectado polo goberno progresista) recortáronlle 400 camas das 1470 previstas, xusto as mesmas (405) que agora ten concertadas Povisa co Sergas. Deste xeito este hospital segue a ser necesario para atender a toda a poboación da comarca, e o Sergas non pode prescindir dos seus servizos.
O hospital Povisa foi, nos últimos anos,  propiedade da familia Silveira (que controla Remolcanosa, Elcano e un grupo de navieiras repartidas por prazas "off shore") ven de ser comprado pola empresa Ribera Salud  (a que naceu en Valencia para xestionar o fracasado hospital de Alzira, pero que hoxe pertence á aseguradora estadounidense Centene). Deste xeito os dous hospitais de Vigo están en mans privadas e o Sergas é refén destas empresas.
 9. O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
O goberno progresista tiña –no ano 2009- aprobada e presupostada a construción dun hospital 100% público (que custaría 400 millóns de euros, fronte aos 1300 presupostados para o actual, e que estaría finalizado en 2013, e quedaría baixo dominio da propia Administración sanitaria e sen hipoteca (o canon anual que terá que pagar a Xunta á empresa adxudicataria durante 20 anos). Houbo numerosas irregularidades durante a construción do edificio e as deficiencias coñecidas son múltiples. A privatización do novo hospital realizárona en dous pasos: primeiro procederon á asignación do financiamento, construción, xestión e explotación das áreas non sanitarias (incluído o aparcadoiro) a unha Unión Temporal de Empresas (UTE) liderada por Acciona, por medio da figura de Concesión de Obra Pública. En segundo lugar procederon á modificación do proxecto inicial, no que reduciron os recursos previstos para abaratar a obra, pero mantendo o canon de 72 millóns de euros anuais previstos no contrato. Esa é a hipoteca que haberá que pagar ata o ano 2035. O canon do HAC representa o 35% das inversións da Xunta en Vigo: o HAC será obxecto da maior partida orzamentaria do Sergas durante os próximos 20 anos.
Os recortes introducidos no proxecto son notables: un 32% nas camas de hospitalización (arredor de 400) e nos quirófanos, máis do 50% no Servizo de Urxencias, anularon o Laboratorio Central (favorecendo a Unilabs, empresa que xestiona o Laboratorio Central de Galicia –e tamén o de Madrid-) e suprimiron edificios (docencia, investigación e hospital de pacientes); tamén alteraron a calidade dos materiais e do equipamento previstos. As consecuencias destes recortes son graves: a ostensible diminución da oferta hospitalaria fai que o HAC non sexa capaz de dar resposta ás necesidades sanitarias da comarca, a sanidade pública queda gravada cunha grande hipoteca e, ademais, a Administración perde o control da sanidade na área, que pasa a ser dominada pola empresa concesionaria do HAC e por Povisa, que permanece como hospital de referencia para unha parte importante da poboación. A sanidade pública queda secuestrada por estas empresas: prevalece o negocio por enriba das necesidades da xente.
10. O coronavirus en Galicia. As Residencias de Maiores             
A mediados de marzo o goberno decretou o estado de alarma para facer fronte á extensión do coronavirus. As rúas quedaron baleiras e as nosas vidas mudaron de repente. Comezou un longo confinamento que alimentou o pánico de moita xente. Os servizos sanitarios tiveron que afrontar unha loita desigual para frear a extensión do Covid-19. Houbo falta de medios para atender aos pacientes e para protexer aos profesionais. Moitos deles chegaron a infectarse polo virus. Os recortes que sufriu a sanidade e o abandono da Saúde Pública e dos servizos de vixilancia epidemiolóxica crearon unha situación de auténtica indefensión.
Pero a extensión do virus en Galicia foi menor que noutras comunidades. Somos un territorio afastado, coa poboación dispersa e con escasa chegada de persoas doutras procedencias (agás a fuxida masiva de Madrid nos primeiros días). A seroprevalencia do virus na poboación xeral está por debaixo do dous por cen. Pero houbo un ámbito onde o coronavirus afectou de forma severa provocando unha elevada mortalidade: nas Residencias de Maiores. En Galicia faleceron nestas institucións 271 persoas (132 na propia residencia, sen ingreso hospitalario) e houbo moitos coidadores afectados. Iso representa o 45% do total de mortes na CCAA. As políticas impostas nos últimos anos teñen unha relación directa con esta elevada mortaldade.
A entrega das Residencias de Maiores a mans privadas e amigas é o antecedente necesario para que esta epidemia provocase unha mortalidade tan elevada. Núñez Feijóo favoreceu a privatización das residencias e a Xunta fixo unha total deixación de funcións no control da calidade de atención prestada (Consello de Contas). A maioría dos falecidos estaban en residencias privadas, sobre todo nas xestionadas por DomusVi e pola Fundación San Rosendo. DomusVi é a maior rede privada de Residencias de Maiores de España; a súa CEO é Josefina Fernández, persoa próxima ao PP que a finais de 2019 recibiu un premio Galicia Global de mans do conselleiro de Economía. A Fundación San Rosendo está presidida por Benigno Moure, un cura –amigo de Fraga, distinguido cunha medalla Castelao- que foi condenado en 2008 a cinco anos de cárcere por roubar 600 millóns de euros a unha muller demenciada. Nesas mans está a atención dos nosos maiores.
Cando se tomaron estas decisións houbo grupos que viron unha oportunidade de lucro. Converteron a atención aos maiores e dependentes en negocios que cotizan en bolsa. A prestación do servizo estaba baseada en conseguir o máximo beneficio mediante o recorte de medios, de persoal e a precarización da atención. Cando o coronavirus comezou a afectar ás residencias a carencia de recursos para afrontalo foi alarmante. Houbo maiores que morreron en soidade e sen poder ser despedidos polos seus. O Sergas estableceu nun protocolo que as persoas con dependencia severa non fosen trasladados ás unidades de hospitalización e que quedasen illados no seu centro residencial. As familias afectadas xa acudiron ao xulgado. Aínda que Núñez Feijóo afirma que deixar aos dependentes nas residencias, e non hospitalizalos, foi decisión dos médicos e non da Xunta, o certo é que era unha instrución da Consellería de Sanidade. Pretende aparecer ante a opinión pública como o heroe que parou o coronavirus. Algunhas decisións súas contribuíron a todo o contrario.





lunes, 25 de mayo de 2020

As Residencias de Maiores e o coronavirus en Galicia

En Nueva Tribuna
En Praza Pública
En Galicia Confidencial

Praia Langosteira (Fisterra)
Galicia é un territorio periférico (o Finis Terrae) e a súa poboación vive dispersa en aldeas, vilas e cidades pequenas. A chegada de persoas alleas é escasa (se pechamos o Camiño de Santiago) e non temos un aeroporto internacional con excesivo tránsito de estranxeiros. Esta situación tivo, nesta epidemia do coronavirus, un efecto protector. Neste caso foron as condicións propias da nosa xeografía as que nos protexeron.

A pandemia tivo unha escasa repercusión en Galicia. Os estudos realizados indican que arredor do un por cento da poboación tivo contacto co virus. O confinamento foi eficaz e permitiu diminuir o número de contaxios. A día de hoxe morreron por esta causa pouco máis de 600 persoas. É un drama, pero menor que noutras partes do Estado. Ainda podería ter menos impacto se non se deran condicións previas que facilitaron a penetración explosiva do coronavirus en dous espazos moi determinados: nos Servizos Sanitarios e nas Residencias de Maiores. A sanidade pública galega foi desmantelada desde a chegada ao poder de Núñez Feijóo en 2009. Os recortes aplicados e as privatizacións deixaron o servizo público moi debilitado e con escasa capacidade de resposta ante a pandemia. Moitos profesionais foron afectados por carecer da necesaria protección. A falta de medios provocou un risco real de colapso do sistema. 



Todas as mortes producen dor, pero nesta pandemia produciuse unha altísima mortandade nas Residencia de Maiores, en situacións de soedade e abandono, que as fai especialmente dolorosas.A día de hoxe houbo en España 18.600 mortos en centros xeriátricos por causa do Covid-19, a maioría en Madrid, Catalunya e nas dúas Castelas. É un auténtico drama, irreparable, que ten moito que ver coas privatizacións realizadas nos últimos anos, que converteron estas institucións en negocios que cotizan en bolsa (en mans de fondos voitre e de Florentino Pérez). A prestación do servizo estaba baseada en conseguir o máximo beneficio mediante o recorte de medios, de persoal e a precarización da atención. Neste momento non puideron frear a traxedia. E houbo hospitais que deron orden para non ingresar pacientes dos xeriátricos afectados polo Covid. 

En Galicia faleceron nas residencias 270 persoas e houbo tamén coidadores afectados. Eso significa o 45% do total de mortos en Galicia. De non ser por esta altísima afectación das institucións xeriátricas o número de defuncións polo coronavirus sería pouco máis de trescentos, o que significaría un impacto menor do Covid-19 na nosa Comunidade. As políticas aplicadas nos anos anteriores teñen moito que ver coa precariedade actual das residencias.

Núñez Feijóo favoreceu a privatización das residencias e a Xunta fixo unha total deixación de funcións no control da calidade da atención prestada (Consello de Contas). A maioría dos falecidos estaban en residencias privadas, sobre todo nas xestionadas por DomusVi e pola Fundación San Rosendo. DomusVi é a maior rede privada de residencias de maiores de España; a súa xerenta é Josefina Fernández, persoa próxima ao PP que a finais de 2019 recibiu o premio Galicia Global de mans do conselleiro de Economía. A Fundación San Rosendo está presidida por Benigno Moure, un cura –amigo de Fraga, distinguido cunha medalla Castelao- que foi condenado en 2008 a cinco anos de cárcere por roubar 600 mil euros a unha muller demenciada; a pesares da sentencia xudicial firme o PP presionou para que Moure non ingresara en prisión, e chegaron a convocar unha manifestación en 2011. Nesas mans está a atención dos nosos maiores.

Así pois, os recortes e privatizacións realizados na última década en sanidade, e a entrega das Residencias de Maiores a mans privadas e amigas, son os antecedentes necesarios para que esta epidemia provocase unha mortalidade tan elevada neses entornos. As políticas de recortes e "austeridade" foron impostas polo PP desde o goberno central, e aplicadas aquí por Núñez Feijóo de maneira implacable. Agora quere aparecer, neste momento preelectoral, como o heroe que freou a pandemia. Pero as súas actuacións previas contribuiron máis ben ao contrario. As familias afectadas xa acudiron ao xuzgado. A ver se a xustiza non tarda en actuar.