martes, 20 de septiembre de 2016

RECUPERAR A SANIDADE PÚBLICA GALEGA TRALAS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS


En Praza Pública



Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP)

A saúde é un dereito e non debe converterse nun negocio. As medidas aplicadas polos gobernos do PP, a nivel central e autonómico, foron en sentido contrario. Son decisións políticas baseadas nunha ideoloxía clasista (excluínte) que entende a actividade asistencial como un nicho de negocio. Cómpre garantir a atención sanitaria como un dereito da cidadanía. Agardamos que das eleccións do próximo 25 de setembro xurda un goberno progresista que poña fin ás políticas de desmantelamento do sistema público que está a aplicar o PP. Para iso propoñemos que desde o goberno de Galicia se apliquen as seguintes medidas.

 
1. Suspender en Galicia a aplicación do RDL 16/2102 volvendo a unha Sanidade universal, eliminando os copagos e garantindo unha Carteira de Servizos única e equitativa para toda a cidadanía.

2. Recuperación do financiamento sanitario público aos niveis do inicio da crise Esta medida terá que ir acompañada da renegociación co Estado do modelo de financiamento sanitario e de medidas de racionalización do gasto en farmacia, alta tecnoloxía, privatizacións e concertos.

3. Recuperación para o Sistema Público Galego dos centros e servizos asistenciais privatizados (novo hospital de Vigo e Laboratorio Central de Galicia) mediante un plan a curto, medio e longo prazo, que inclúa unha auditoría dos contratos e concesións co sector privado, denuncias legais das irregularidades detectadas e establecer estratexias de negociación.


4. Recuperar a titularidade pública do Sistema Información Sanitaria do SERGAS (Historia Clínica, Receita Electrónicas e Central de Chamadas). Facilitar que os profesionais do sistema sanitario público accedan á información que xeran coa prohibición do acceso aos mesmos polos centros privados, salvo no caso das actividades concertadas (con carácter complementario). Obrigatoriedade de que todos os centros e servizos realicen anualmente memorias sobre os seus recursos e actividades.

5.  Acabar coa figura do “socio tecnolóxico” para adquirir o equipamento tecnolóxico, e cos Institutos de Investigación Biomédica acolleitos ao modelo de colaboración público privada e controlados pola industria farmacéutica. Creación dun fondo público de investigación biomédica que reciba como mínimo o 1% do orzamento sanitario e que sexa de xestión pública sen participación privada.

6. Recuperar o nivel de emprego no SNS, mediante un plan que inclúa un diagnóstico de necesidades do sistema, estableza prioridades e acabe coa precariedade laboral. Acabar coa amortización de prazas por xubilación.


7. Elaborar un plan integral para afrontar a situación das listas de espera desde a Sanidade Pública mediante a ampliación das camas hospitalarias, utilización plena dos centros hospitalarios, políticas de persoal incentivadoras, mellora da capacidade resolutiva da Atención Primaria, dotación de recursos adecuados aos Servizos de Urxencias extrahospitalarios e esixencia da dedicación exclusiva dos traballadores sanitarios.

8. Recuperar o Plan de Mellora da Atención Primaria que a poña no centro do sistema e potencie a súa capacidade resolutiva dotándoa do persoal, equipamento e acceso aos recursos diagnósticos necesarios para garantir as políticas de promoción e prevención de saúde e unha asistencia de calidade.

9. Suprimir as  Unidades de Xestión Integrada e recuperar as Xerencias de Atención Primaria.

10. Potenciar as Áreas Sanitarias como espazos para a coordinación de niveis e servizos asistenciais e coa Sanidade Pública. Reintegrar aos hospitais comarcais os recursos e servizos que perderon nos últimos anos.

11. Obrigatoriedade de elaborar un Plan Galego de Saúde cuatrienal que oriente a política da Consellería de Sanidade e do SERGAS complementado por Plans de Saúde en cada Área Sanitaria que definan os recursos necesarios, os programas e actividades a desenvolver por centros e servizos, en función das súas necesidades e problemas de saúde detectados coa participación da poboación e dos traballadores sanitarios.



12. Acabar coa libre designación dos cargos de xestión dos centros sanitarios mediante a cobertura das prazas por concursos públicos de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, con avaliacións do desempeño.

13. Acabar coa contratación lixo, desenvolver incentivos baseados na calidade asistencial, transparentes e con control democrático e recuperar os dereitos laborais eliminados polo PP.

14. Garantir a formación continuada de todos os traballadores sanitarios de xeito independente e con contidos fundados na medicina baseada na evidencia sen presenza da industria farmacéutica.

15. Desenvolver en todos os niveis e centros do sistema instrumentos e mecanismos para favorecer a participación social e profesional.

Galicia, setembro de 2016.

jueves, 15 de septiembre de 2016

A necesaria restauración da sanidade pública en Galicia


En Nueva Tribuna
En Praza Pública 
En Galicia Confidencial 



A sanidade pública galega, durante os dous mandatos de Núñez Feijoo, foi sometida a un proceso de degradación permanente. Non foi por causa da crise nin provocada pola incompetencia do goberno; pola contra o Partido Popular, desde o poder, foi moi eficaz para aplicar de xeito contundente unha estratexia de desmantelamento dos servizos públicos coa finalidade de crear espazos de negocio favorables aos intereses financeiros e ás empresas afíns, que conseguen beneficios a expensas do erario público.



Desde 2009 ata 2015 reduciron o orzamento sanitario un 18.3%, situando a Galicia como a CCAA que aplicou o recorte máis profundo. Tamén eliminaron nese tempo case 1.800 prazas da sanidade pública -sendo a Atención Primaria o nivel máis afectado-, e suprimiron 450 camas hospitalarias públicas, a pesar do crecemento das listas de espera e da permanente conxestión dos servizos de urxencias. A degradación das condicións laborais chegou a ser alarmante (hai traballadores sanitarios que acumulan máis de cen contratos nun só ano).

Mentres tanto entregaron a mans privadas cada vez máis parcelas de actividade (ambulancias, historia clínica electrónica, telecomunicacións, cita previa, suministro e loxística, mantemento de equipos sanitarios, xestión da limpeza, servizo de catering, teleasistencia...), e teñen en carteira o proxecto de Unidades de Xestión Clínica, co que pretenden privatizar a propia actividade sanitaria nos hospitais e centros de saúde: poderían abrir a porta ao mercado, á xestión privada e á laboralización do persoal. 

Tamén renovaron por dez anos o concerto co hospital privado Povisa de Vigo (75 millóns de euros anuais) e puxeron en mans dunha empresa concesionaria (integrada por construtoras arruinadas e bancos rescatados) a xestión do novo Hospital Álvaro Cunqueiro (70 millóns de euros durante vinte anos). A Administración pública queda cunha severa hipoteca, e a sanidade do sur de Galicia en mans privadas para moito tempo. 

Se a todo isto engadimos o crecemento imparable do gasto farmacéutico (pola apresurada e imprudente incorporación de novos fármacos de uso hospitalario, de utilidade pouco comprobada pero con prezos desmesurados), a entrega da xestión da tecnoloxía sanitaria ás propias empresas (mediante o curioso sistema de contratación do “socio tecnolóxico”), e a cesión de parcelas moi sensibles do sistema (xestión da información, control de datos, investigación, contratación,...) a empresas privadas, podemos concluir que o sistema sanitario público está en risco pois, de non poñer freo á política actual, pode chegar a ser insustentable.

Se o vindeiro 25 de setembro hai un cambio político en Galicia (que eu considero imprescindible) a sanidade pública deberá ser unha das áreas de atención prioritaria para frear o seu deterioro e reverter a situación actual. O novo goberno deberá traballar, coa máxima decisión política e a maior seguridade xurídica, para restaurar o dano causado. Será un camiño longo e dificil (pola escaseza de recursos, as dificultades legais, as resistencias ao cambio e a intensa infiltración que o PP ten nas estruturas centrais e periféricas da sanidade). 

O traballo deberá dirixirse en tres direccións fundamentais: reforzar o sistema público, incrementar a súa capacidade de atención e restaurar a calidade asistencial (incremento progresivo do financiamento e recuperación do persoal restado) para abordar o principal punto negro do sistema, as enormes listas de espera; tamén haberá que recuperar a dignidade profesional (tan degradada nestes anos de goberno do PP) e conseguir unha implicación dos traballadores na mellora dos servizos públicos; e haberá que iniciar un camiño de recuperación das áreas externalizadas para que pasen a ser controladas pola Administración e realizadas por traballadores públicos.

Aínda estamos a tempo. Os defensores da sanidade pública entendemos que a saúde é un dereito dos cidadáns e o sistema sanitario un elemento clave de cohesión social. Non podemos deixar que a convertan nun negocio. Os nosos sucesores deben ter dereito a unha atención sanitaria, cando menos, como a que aínda temos a día de hoxe.