En Galicia Hoxe
O noso idioma está enfermo. Dase
o paradoxo de que a mocidade ten un coñecemento da gramática moi superior ás
anteriores xeracions, pero a súa vida diaria desenvólvena en castelán. Isto xa
non sucede só nas cidades; nas vilas e no medio rural son cada vez máis os
xóves que coñecen a lingua mais non a usan. Podemos dicir: pois se ha de morrer,
que morra. Non obstante, temos a obriga de potenciala como lingua viva de uso
cotiá, pois cando desaparece unha fala, a Humanidade queda máis pobre e
ignorante. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade tamén os pobos debemos
asumir a defensa da variedade de linguas e culturas. Mais os nosos gobernantes
non asumen como propia esta obriga. No canto de considerar o idioma propio como
unha riqueza a protexer e potenciar, convertérono nun problema e nun motivo de
confrontación social.
No ámbito sanitario
o galego está practicamente ausente. Nos nosos hospitais a presenza da nosa
fala é residual. Cómpre recuperar o galego na relación asistencial e para
iso é preciso contar coa convicción e o compromiso activo dos sanitarios.
Nestes tempos de tribulación podemos entender que a protección do idioma é unha
cuestión menor. Pero non é así. É certo que están en perigo os servizos
públicos, a decencia e a igualdade, pero o galego tamén está ferido de
gravidade e corre o risco de desaparecer en poucas décadas. Temos que defender
o Estado de benestar para entregarllelo aos nosos descendentes e o mesmo
debemos facer coa propia lingua. É a nosa obriga con eles e coa Humanidade
enteira.
Coa convicción de
que a recuperación do idioma na comunicación sanitaria é mutuamente
enriquecedora, un grupo de sanitarios puxo en marcha, vai xa para tres anos, a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA),
que agrupa a máis dun centenar de profesionais que se comprometen a utilizar a
propia fala no seu labor diario, facendo unha oferta positiva da mesma aos
usuarios dos servizos sanitarios. Este
ano ISAGA celebra a súa Asemblea anual na Coruña o vindeiro trinta de novembro,
na sede de Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. A Coruña é unha das
cidades máis desgaleguizadas nos últimos tempos debido, en gran medida, á
nefasta influenza de Francisco Vázquez, aquel alcalde que, durante tantos anos,
amosou sempre unha actitude de desprezo e desconsideración co noso idioma.
Neste acto vanse
incorporar corenta novos irmandiños e tamén se vai rendir homenaxe ao doutor Fausto Galdo (Viveiro 1944, A
Coruña 2012), ilustre reumatólogo coruñés, falecido hai agora un ano. Este home
grande e de carácter expansivo tiña unha enorme vitalidade e desenvolveu moi
diversas actividades. Foi un dos pioneros da Reumatoloxía en Galicia e
presidente da sociedade galega de dita especialidade. Como xefe de servizo no
Hospital de Coruña, colaborou na formación de trinta promocións de
especialistas. Home culto e gran conversador, adicou moito tempo ao estudo da
hidroloxía, fixo varias publicacións sobre a súa vila natal e foi tamén un
reputado gastrónomo. O seu último libro,
“Abecedario das mantenzas”, foi
publicado postumamente por Xerais. Pero neste acto o que se quere recoñecer,
sobre todo, é a súa traxectoria como
médico humanista e o compromiso co idioma galego. A súa militancia galeguista
expresouna de moitas formas. Foi académico correspondente da Real Academia
Galega e tamén foi o principal impulsor, desde o ano 1995, do grupo de apoio á
lingua galega no hospital coruñés. Eu sei de moitos pacientes que acudían á súa
consulta cada certo tempo como quen vai a Lourdes. Valoraban o seu saber
profesional e a súa persoalidade entusiasta e comunicativa. Mais tamén
eloxiaban a aquel médico que sabía chamarlle ás cousas polo nome e que lles
falaba en galego.