miércoles, 30 de octubre de 2013

A trampa da Xestión Clínica (2)


En Galicia Hoxe
En Nueva Tribuna


O último artigo sobre “A trampa da Xestión Clínica” tivo certo impacto. Seino porque recibín bastantes críticas e menos loanzas. Tentarei explicar máis polo miudo, nesta segunda entrega, a miña lectura dos feitos. O relato que tentei construir é o seguinte:

Estamos gobernados, aquí e en Madrid, por un grupo de liquidadores dos servizos públicos, por unha facción ideolóxica que segue con entusiasmo o credo ultraliberal e que se aplica con dilixencia no desprestixio e desmontaxe do público, coa entrega a mans privadas de parcelas de orzamento cada vez máis cuantiosas. Para este fin empregan, na sanidade, todos os medios posibles: a privatización total dos hospitais (mediante as concesións tipo PFI), a derivación masiva aos centros privados e a externalización crecente de servizos sanitarios e parasanitarios. 


Este grupo dirixente minte e  engana acotío. Romperon todas as promesas da campaña electoral. Unha vez gañadas as eleccións comezaron o seu labor de demolición. Núñez Feijóo xa advertiu que privatizaría todo o que non fose estrictamente sanitario. Pero a conselleira vai máis aló: “no nos queda otra que aplicar fórmulas de colaboración público-privada”. A utilización do BOE para publicar normas (incrustadas en leis referentes a outras materias) é unha táctica tramposa que utilizaron en diversas ocasións. Que empreguen este medio para a creación das Áreas de Xestión Clínica (AXC), coa posibilidade de laboralizar aos sanitarios acollidos ao Estatuto Marco, fai desconfiar das intencións do executivo. Nada bó están a preparar cando pretenden agochalo dese xeito. 



Alí onde  aplicaron as receitas neoliberais (que comezaron hai tres décadas no Reino Unido) as consecuencias foron catastróficas para a sanidade pública e para os seus traballadores. Nas comunidades gobernadas polo PP, onde máis teñen adiantadas as medidas privatizadoras, chegaron a un severo deterioro da calidade asistencial e das condicións laborais, provocando ademáis un incremento no gasto sanitario que sitúa a esas autonomías na quebra. Os gobernantes de Galicia, a pesar das evidencias, seguen o mesmo camiño. As consecuencias para os profesionais son severas: reducción drástica dos orzamentos da sanidade, desartellamento das Xerencias de Atención Primaria, amortización de prazas, precarización do emprego, suspensión da xornada de tarde nos hospitais, exilio dos profesionais novos. Tamén a poboacion sofre as consecuencias no aumento das listas de espera e o desvío masivo cara os centros concertados. A aposta pola privatizacion é rotunda; entregaron a empresas externas a plataforma informática, a renovación tecnolóxica, a central de compras, o subministro de material sanitario etc. A proposta de creacion de AXC non é senon un chanzo máis para privatizar, neste caso, o núcleo duro dos centros sanitarios: o labor asistencial.
Feito este longo preámbulo lembremos o sucedido nestes últimos tempos:

-O goberno de Madrid publica no BOE, con nocturnidade e alevosía, unha norma que promove a creación de AXC e facilita a laboralizacion do persoal sanitario.
-O goberno galego leva ao Parlamento unha proposta para crear AXC en Galicia (que xa viñan impulsando nos últimos meses nos hospitais, sen que existise norma legal algunha). É moi probable que o PP galego impoña en Galicia os criterios propostos deste Madrid. As promesas de soberanía feitas polo seu portavoz ofrecen pouca garantía.
-Rocío Mosquera comparece diante da prensa en compañia dos conselleiros de Valencia e Madrid, máximos expoñentes do furor privatizador do PP. Afirma que é preciso modificar o sistema retributivo para vinculalo ao rendemento (facendo entender que actualmente non existe implicacion no traballo nin se conseguen obxetivos).
-Poucos días despois, en sede parlamentaria, afirma que a Consellería vai impulsar o “autocoidado” e a atención telefónica. En resumo: pechan camas, eliminan servizos, amortizan prazas, suprimen a actividade de tarde e pretenden que os pacientes se coiden a sí mesmos e, cando non cheguen, que chamen por teléfono. 

A estratexia é clara (desprestixio do público, reducción dos orzamentos e da actividade dos centros, e introducción da xestión privada nos hospitais) e os actores están identificados (os actuais mandatarios do PP que, no futuro, poderán pasar, mediante a porta xiratoria, a xestionar as áreas que agora privatizan). Os perdedores desta batalla tamén son coñecidos: os profesionais (que están a perder dereitos laborais de forma acelerada) e os usuarios da sanidade pública (que ven medrar as demoras para recibir a atención e os copagamentos aos que deben facer fronte). 


A forza dos feitos é tan contundente que non podemos permitirnos o luxo de ser inxenuos nin é posible ollar para outro lado. Os partidos da oposición teñen que saír do seu letargo para tentar frear, por todos os medios, esta demolición programada da sanidade pública. As forzas sindicais deben  recuperar a belixerancia de antano  para facer fronte común diante da liquidación dos servizos públicos. De non facelo así, xa e todos xuntos, quedarán na historia como cómplices do maior ataque contra o estado de benestar perpetrado desde o poder.

martes, 29 de octubre de 2013

A trampa da Xestión Clínica


En Galicia Confidencial


Nos últimos días de xullo, coa oposición desactivada e a maioría dos profesionais agardando as necesarias vacacións, o goberno publicou no BOE a Ley 10/2013. Trátase dunha norma aparentemente inocua sobre cuestións de farmacovixilancia. Mais, despois de moitas páxinas, aparece unha disposición final quinta que fai referencia a un asunto de maior calado: posibilita a creación de Áreas de Xestión Clínica (AXC) cun réxime laboral distinto ao estatutario dos traballadores da sanidade pública. Abre a porta á laboralización do persoal sanitario que se integre en ditas unidades, coa perda dos dereitos laborais que hoxe teñen. 

Esta manobra tramposa non é nova. O PP ten usado esta estratexia falaz e vergonzosa noutras ocasións: introducen unha disposición de gran trascendencia nunha lei de escasa relevancia para burlar a vixiancia de sindicatos e oposición. Neste caso a trampa foi descuberta polo sindicato CESM que se opuxo á norma desde o primeiro momento. Se chegase a aplicarse suporía un grave revés para os traballadores e para a sanidade: favorecería a entrada de xestores privados como responsables desas unidades dentro dos hospitais, creando microempresas que competirían entre elas pola concesión pública.


A xestión clínica é outra cousa (potenciacion da atención por procesos, continuidade asistencial, implicación dos profesionais na mellora da calidade, corresponsabilidade na utilización de recursos diagnósticos e terapéuticos etc) e non ten nada que ver coa introducción de intereses empresariais alleos no cerne dos hospitais públicos nin coa supresión do réxime estatutario que hoxe ampara aos sanitarios. O chamado “Foro da Profesión Médica”, integrado por organizacións afíns ao PP, apoia esta estratexia que abre espazos de negocio ás empresas privadas e ao numeroso exército de xestores que viven dos orzamentos públicos –cunha relacion parasitaria escasamente denunciada-, mais perxudicaría aos traballadores e aos usuarios da sanidade que verían encarecidas e limitadas as prestacións coa introducción de criterios de rendibilidade e beneficio económico. Porque, en último extremo, as empresas privadas teñen unha obriga final única: repartir beneficios entre os seus socios.

 No Parlamento Galego veñen de aprobar unha proposta do PP que facilita a creacion de AXC nos nosos hospitais. Tivo o incongruente apoio de BNG e AGE, que aceptaron, ou así parece, a afirmación de Miguel Santalices, portavoz de Sanidade do PP, quen afirmou que “en asistencia sanitaria la comunidad autónoma es soberana y el decreto nacional no es vinculante”.  Mais non é así: os xuristas afirman que unha lei estatal prevalece por enriba dunha autonómica. Así o afirma tamén o PP que dí verse na obriga de introducir o copagamento dos fármacos de dispensación hospitalaria para doentes crónicos, por non poder eludir o mandato da norma aprobada en Madrid. 



Nunha estratexia de propaganda encadeada a conselleira Rocío Mosquera  ven de comparecer ante a prensa cos conselleiros de Madrid e Valencia (compañeiros de viaxe que teñen as súas comunidades na ruína e aos profesionais en pé de guerra contra das súas imposicións políticas). Afirmou con rotundidade que o actual sistema sanitario xa non sirve e que cómpre cambiar o sistema retributivo dos profesionais do Sergas, eliminando o salario fixo para introducir criterios de implicación no traballo e obxectivos cumpridos. Tamén afirmou que  no nos queda otra que aplicar fórmulas de colaboración público-privada”. Estas afirmacións representan unha absoluta falta de respeto para os profesionais da sanidade que -a pesar das reduccións salariais e a precarización laboral-, están a exercer o seu labor coa máxima profesionalidade coa intención de frear o deterioro dos servizos sanitarios. Trátase dunha nova campaña de desprestixio do público para introducir a xestión privada nos centros sanitarios. Xa temos visto os catastróficos resultados que obtiveron en Madrid e Valencia, mais seguen polo camiño trazado a pesar de todas as evidencias.


A sanidade galega está sendo descapitalizada: perdeu 370 millóns de euros do orzamento desde 2009, cando o PP ocupou o poder. As consecuencias comezan a ser visibles: peche de camas e servizos como nunca se fixera, paralización do traballo de tarde, amortización de prazas, precarización das condicións laborais, fuga de profesionais sanitarios etc. Diante desta realidade, que irá a peor con estas políticas, a conselleira teno claro: vai fomentar o “autocoidado” dos propios pacientes e impulsar a telemedicina, porque “la accesibilidad no se mide solo por la proximidad y es posible otra forma de prestar asistencia”. Para eso vai promover a atención telefónica. Semella un sarcarmo, pero estas palabras foron pronunciadas por Rocío Mosquera en sede parlamentaria na súa última comparecencia. Tamén anunciou que van permitir o acceso dos hospitais privados e dos xeriátricos ás historias clínicas informáticas do Sergas. Esta decisión pode ser ilegal (permite o acceso privado a datos moi confidenciais que o Sergas debe tutelar): algo terá que decir a Axencia de Protección de Datos, tan rigorosa noutras materias. 

Diante deste panorama, certamente desalentador, boto de menos unha maior reacción social, politica e sindical. Que máis ten que facer o actual goberno contra dos servizos públicos para que haxa unha accion sindical unitaria e potente contra destas actuacións de destrucción dos servizos públicos desde as mesmas entrañas do poder?


jueves, 17 de octubre de 2013

Os negocios na Sanidade Pública

En Galicia Confidencial
En Nueva Tribuna


O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están a adoptar decisións moi relevantes no terreo sanitario impulsados por dous tipos de motivacións: por razóns ideolóxicas e por afán de lucro.  

O PP está a impoñer medidas –como o RD 16/2012- que nos devolven a unha sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres; aseguramento privado para os poderosos, beneficencia para os máis necesitados) na que sectores da poboación cada vez máis amplos quedarán excluidos da cobertura sanitaria universal, que constitúe un elemento clave para a cohesión social e a equidade. As medidas impostas co desenvolvemento desta lei levan a milleiros de persoas ao borde da pobreza e a exclusión social, mentres os seguros privados están a aumentar o seu mercado de forma progresiva. A ideoloxía clasista  e supremacista dos actuais dirixentes é a que os impulsa a impor estas decisións (incumplindo de forma basta as promesas electorais, ainda tan próximas).  


Mais hai outra razón poderosa para a toma de decisións desde o poder político: a busca de lucro privado a costa do diñeiro público. Lembremos que arredor do corenta por cento do orzamento das Comunidades Autónomas vai destinado aos servizos sanitarios. É moito diñeiro o que move a sanidade pública para que os actuais dirixentes -e os empresarios e financeiros afíns que actúan como lobbys-  o deixen circular, para o beneficio colectivo, sen tentar a súa apropiación.  

O Sistema Nacional de Saúde (SNS) español é un dos máis eficientes do mundo, pois consegue uns excelentes indicadores de saúde cunha inversión do PIB das máis baixas da contorna. Mais con todo, desde a publicación do Informe Abril en 1991, a dereita española repite continuamente as mesmas falacias: o sistema sanitario é insustentable, e faise preciso separar financiación de provisión dos servizos pois a xestión privada é mais eficiente que a pública. 


Os servizos públicos son viables se hai vontade política de apoialos (aumentando os ingresos públicos cunha fiscalidade progresiva), e o sector privado –os chamados mercados-  xa ten probada a súa inoperancia: empresarios e sector financeiro son os responsables da crise que agora castiga aos traballadores. As experiencias noutros países tampouco apoian as medidas externalizadoras: a privatización dos hospitais do Reino Unido, en tempos de Margaret Thacher, provocou un grave deterioro do NHS, ata aquel momento un referente a nivel internacional. Mais, en contra de toda evidencia, o PP impulsa sen desmaio as medidas privatizadoras do SNS. A privatización pode ser completa (mediante a concesión da xestión hospitalaria a unha empresa) ou parcial (por medio das chamadas externalizacións, que poñen en mans privadas aquelas parcelas da actividade sanitaria con máis posibilidades de lles producir beneficios).


-O primeiro hospital privatizado en España foi o de Alzira (Valencia), inaugurado en 1999, xestionado por unha Unión Temporal de Empresas (UTE) mediante unha concesión administrativa: a Generalitat paga un canon anual pola poboación atendida  e a empresa encárgase da xestión completa do hospital. Mais as contas non saían e en 2003 o goberno valenciano rescatou Alzira e incrementou o seu canon. A pesar desta experiencia negativa as privatizacións continuaron e hoxe sabemos o resultado: o 20% da poboación de Valencia recibe asistencia sanitaria mediante este modelo de concesión, a sanidade valenciana está en quebra e a empresa que puxo en marcha Alzira, Ribera Salud, hoxe é un xigante da sanidade, que xestiona numerosos servizos en todo o Estado (sobre todo en Valencia e Madrid).  Sen reparar nas consecuencias negativas desta experiencia, o PP segue a impulsar a privatización completa dos centros sanitarios: en Madrid, en Castela-A Mancha, en Galicia. A intensa contestación social contra destas medidas e o clima de incerteza que vive o sistema financeiro fan que moitos destes proxectos avancen con dificultade ou mesmo estean parados neste momento (como o novo hospital de Vigo, donde a UTE responsable do proxecto non foi capaz de conseguir financiamento para continuar a construcción). Mais os dirixentes do PP teñen un plan B: alí donde non é posible a privatización completa do hospital realizan externalizacións masivas e impulsan experimentos como as Unidades de Xestión Clínica (UXC) que facilitan o camiño da privatización de amplas áreas da actividade sanitaria.


-As externalizacións. En todas as comunidades se realizan, mais en Galicia Núñez Feijóo xa avisou hai tempo: é partidario de privatizar todo o que non sexa o núcleo duro da sanidade. Xa existían tarefas privatizadas  (hostelería, seguridade, limpeza, mantemento, cociña), pero comezou unha carreira contrarreloxio que aínda non rematou. Os servizos de información, a central de chamadas, a plataforma informática,  a central de compras, o centro de almacenamento e suministro etc. Todas estas áreas foron entregadas a mans privadas para a súa xestión.  A última privatización coñecida é a da xestion da alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica. Mediante a figura administrativa do “diálogo competitivo”  o Sergas cede ás empresas privadas do sector o control da renovación tecnolóxica dos seus centros cun contrato que pode chegar aos 200 millóns de euros. A Administración abandoa o seu deber de control e supervisión e concédelle ás empresas a capacidade de decidir a implantación de novas tecnoloxías diagnósticas, moi caras e con problemas técnicos non resoltos, polo que non se utilizan ainda para o diagnóstico clínico (en Europa nin nos EEUU) por non estar debidamente avaliadas  nin contrastada a súa relevancia para a práctica clínica. O Sergas pagará os custes, os pacientes asumirán os riscos –de someterse a exploracións pouco avaliadas-, e as empresas poderán conseguir elevados beneficios. 


-As Unidades de Xestión Clínica. Esta proposta obedece a un propósito. Alí donde non poidan privatizar o hospital enteiro tentarán privatizar determinadas áreas clínicas, sobre todo aquelas que poidan proporcionar máis beneficio económico. Os promotores desta estratexia mezclan, con toda a intención, propostas clinicas e organizativas (integración de Primaria e Especializada, coordinación de niveis,  impulso dos procesos asistenciais) con cuestións xerenciais e laborais que non teñen ningunha relacion. Para promover a coordinación asistencial non é preciso modificar o réxime xurídico do persoal nin a persoalidade xurídica das unidades que a levan a cabo.

O Ministerio de Sanidade e o chamado “Foro da Profesión Médica” acordaron que “se promoverá un marco jurídico específico del profesional médico del SNS y un modelo de retribución voluntario vinculado a la gestión clínica que favorezca los principios de excelencia profesional y de gobernanza del sistema sanitario público”.  Esto supón que o persoal que se integre deberá aceptar a laboralización, coa perda dos dereitos que hoxe ten o persoal estatutario, e as UXC poderán constituirse en empresas autónomas con persoalidade xurídica propia e con participación do sector privado. Esto representa un serio perigo para o futuro dos centros sanitarios e do seu persoal. Poderán crear microempresas dentro dos centros para competir entre sí e coa posibilidade de dar entrada a empresas sanitarias, industria farmacéutica e de tecnoloxía sanitaria na provisión e xestión dos servizos.  Este desorden vai facilitar a prevalencia dos intereses privados sobre os criterios de servizo público. O SNS pode quedar fragmentado en numerosos reinos de taifas, dos que sacarían beneficio o capital privado e os grupos empresariais. O Sergas xa está a promover as UXC nas áreas sanitarias e vai publicar un Decreto para amparar este proxecto. Se non atopa resistencia continuará nesta estratexia privatizadora, que beneficia ás empresas e á pléiade de xerentes que hoxe viven do sistema, mais representa un severo prexuicio para os traballadores sanitarios e os usuarios da sanidade pública.