domingo, 24 de marzo de 2013

Cada vez máis pobres

En Galicia Hoxe


Ano 2004, no Pazo da Moncloa. O presidente recibe  ao ministro de Cultura e aos directores dos centros Cervantes, que solicitan aumento do presuposto. Zapatero non perde o sorriso: “Hay dinero, hay mucho dinero este año. Y el año que viene habrá más. La economía va como un tiro”. Esta anécdota foi relatada por Muñoz Molina, daquela director do Cervantes de Nova York. Revela ben ás claras a actitude frívola e imprudente do presidente do goberno.  A incompetencia daqueles momentos e as medidas adoptadas ao final do seu mandato, cando tomou decisións severas en contra do seu propio ideario e contra o pobo, deixaron unha penosa herdanza. Amparou a burbulla inmobiliaria, negou a crise e non adoptou medidas contra dela. Deixou medrar a corrupción e que invadise as maquinarias dos partidos e os despachos oficiais. Pagou os seus pecados nas urnas, pero a cidadanía tardará en esquecer.  


Mais os seus sucesores, que recuperaron o poder prometendo o final da crise e o desgoberno, non fan máis que aumentar o sufrimento colectivo. A súa actuación non está guiada pola bisoñez e a incompetencia, senon que teñen un plan perfectamente trazado,  cunha forte base ideolóxica, e que persigue crear áreas de beneficio privado a expensas dos orzamentos. Hai fortes lazos de complicidade coa banca e cos especuladores financeiros. Trátase, en definitiva  -segundo Manuel Rivas-,  dun poder oculto que expolia o diñeiro público e, agora xa, sen necesidade de ocultar a catadura. Reclama unha alianza para facer fronte ao todopoderoso Partido dos Ladróns.

O goberno de Rajoy ten as cousas ben claras. Mariano xa non tiña dúbidas cando era un mozo e defendía  con vehemencia a “desigualdade natural" dos seres humanos.  Dacordo cos seus principios está a facer unha actuación implacable: en pouco máis dun ano fulminou os dereitos laborais, recortou con severidade a sanidade e a educación, reduciu ao mínimo as axudas á dependencia, precarizou a situación dos pensionistas e deixou sen sanidade aos inmigrantes; Mentres tanto as axudas á banca fluiron con total xenerosidade.  Gabriela Cañas denunciaba nun margnífico artigo que “es tal el descaro con el que los dirigentes adoptan sus decisiones en esta carrera por aumentar la desigualdas que ni siquera se toman la molestia de cuidar  las formas”.  Sinalaba tamén que asistimos inermes ao gran expolio, executado desde o poder con total impunidade.  Na última semana de novembro de 2012 o goberno acordou entregar á banca 37.000 millóns de euros. Ao día seguinte decidiu non tocar a inxusta lei hipotecaria que leva a miles de familias á intemperie e tamén deixou a 145.000 coidadores familiares de dependentes sen Seguridade Social. 

Juan José Millás ironizaba nun artigo recente sobre as similitudes entre a mafia e o Estado. Decía que sempre pensou que a mafia aspiraba a ser Estado mentres que, agora, semella que as cousas están do revés:  é o Estado o que actúa a imaxe e semellanza das mafias. As cloacas da corrupción corrompen todo e agora “las tuberías de los albañales y las del agua potable se cruzan, se atraviesan, se abrazan, no sé, el caso es que cuando abres el grifo de la cocina sale mierda”.  Esta imaxe hiperbólica se cadra é algo máis que literatura. Empezamos a sospeitar que ten moito parecido coa  realidade. 

En calquera caso as consecuencias das políticas aplicadas, seguindo o catecismo ultraliberal, están á vista. Podemos velas a diario nos nosos barrios e no noso contorno persoal. Asistimos á privatización da vida, vemos como a incerteza planea sobre o noso futuro e sabemos que nada está garantizado. Os datos tamén son contundentes. O último informe elaborado pola Fundacion Foessa debuxa un escenario pouco prometedor:  en España xa hai tres millóns de persoas en situación de pobreza extrema e un 6,4% dos españois están ao borde da exclusión social. Segundo este estudo o empobrecemento e a inseguridade económica de moitos fogares chegou a un punto de non retorno, e cada vez hai máis diferenciación cidadá no acceso aos dereitos básicos.  Cáritas xa advertiu que a multiplicación de recortes sociais “están sentando las bases para que el impacto de la crisis se cronifique entre los más desfavorecidos”. A desigualdade da poboación medrou de xeito escandaloso: a distancia entre o 20% máis rico e o 20% máis pobre é o máis grande de Europa

Detrás dos números hai persoas que sofren, e que non son os responsables da situación creada. As políticas adoptadas nos últimos tempos non contribúen a diminuir o dano colectivo, pero sí axudan a aumentar os beneficios privados. Semella que os recortes, as privacións e a laminación dos deritos se producen de xeito inexorable e que non existen outras posibilidades. Mais non é certo. O empobrecemento e a desigualdade son provocados e aumentados por  decisións políticas, fundamentadas nunha ideoloxía clasista, e persiguen aumentar a riqueza dos máis ricos a expensas de eliminar a clase media, soporte fundamental do estado de benestar. O sociólogo Antonio Ariño xa advertiu que “estamos caminando hacia una Europa amoral y asocial: alguien tendrá que aplicar otras políticas”. 









martes, 19 de marzo de 2013

Cinco historias breves


En Galicia Confidencial


Unha. Celia é unha muller case centanaria. Vive acollida nunha residencia desde hai tempo, pero os familiares visítana con frecuencia.  O ano pasado estivo ingresada no hospital por un problema cardíaco. Agora utiliza unha cadeira de rodas, pero antes  saía tódalas tardes tomar un café coas súas amizades.  Hai uns días tiven que facer un informe médico acreditando que estaba viva, pois a familia decatouse de que, desde o pasado mes de outubro, deixaron de ingresarlle no banco a súa retribución de pensionista. En algún despacho da Administración decidiron que xa tiña vivido dabondo e suspendéronlle a prestación económica. A responsable da residencia na que vive díxome que non é un caso único: xa lles pasou noutras ocasións con persoas de idade avanzada.

Dúas.  Elvira ten agora sesenta anos. Desde hai cinco, cando perdeu o seu último traballo, adícase en exclusiva a coidar a dous irmans –que superan os cincuenta-, cunha minusvalía psíquica importante, recoñecida oficialmente, que os fai dependentes na vida diaria. Cando deixou de percibir o paro acolleuse como beneficiaria na tarxeta sanitaria dun dos irmáns (pensionista), e tiña dereito á prestación farmacéutica gratuita. A Xunta ven de retirarlle a tarxeta de beneficiaria polo que recupera a condición de activa. A súa situación neste momento é a seguinte: é a coidadora de dous dependentes, cos que convive, non ten prestación económica e debe pagar os medicamentos na farmacia. Cada mes gasta arredor de cincuenta euros: unha auténtica fortuna para quen carece de ingresos e debe sobrevivir coas pensións non contributivas da familia.

 Tres. Rita é unha muller rumana, casada cun galego, co que ten dous fillos. Viven na Coruña desde hai anos. Agora só traballa o marido e ela adícase á crianza dos nenos. A súa nai Olga, que vivía en Rumanía, enviudou hai uns meses, polo que decidiu vir para vivir coa súa filla e os netos. Ten unha doenza cardíaca, é diabética, e atópase afectada psicolóxicamente.  Ao chegar solicitou atención sanitaria pero foille denegada: debe acreditar que leva vivindo na comunidade máis de seis meses de forma continuada. Mentres tanto non poderá acudir ao médico de familia para realizar o necesario control dos seus procesos e terá que pagar íntegramente a medicación. 

Catro. Iván tivo unha infancia feliz, moi protexido e apoiado polos seus país. Na adolescencia fíxose máis rebelde, non conseguíu un rendemento escolar adecuado e chegou, con vinte anos, a sentirse fracasado. Precisou, nun momento dado, de apoio psicolóxico pero, con vintecatro anos comezaba a sentirse satisfeito coa vida cando consigueu traballo e recibiu o primeiro salario. Con esa idade morreu, ao caer desde unha fiestra situada nun quinto piso. Estaba só na casa. Non houbo testigos. Todos quixemos crer que se tratara dun accidente. Pasaron dous anos. Os pais precisaron tratamento psiquiátrico, xa que a dor pola perda foi insoportable. Agora están nunha situación económica difícil despois de que él perderá o traballo. Acudiron ao banco para solicitar o cobro dun seguro de accidentes asinado tempo atrás a nome do fillo morto. Despois de numerosos trámites o banco e a compañía aseguradora denéganlles dita prestación alegando que, dados os antecedentes de Iván, interpretan que se tratou dun suicidio, polo que non terían dereito á indemnización estipulada.

Cinco. Unha muller de 81 anos morreu  a primeiros de marzo no servizo de Urxencias do hospital de Vigo, despois de agardar tres horas para ser atendida.  Os representantes dos traballadores denuncian a política de recortes que provoca un grave incremento das demoras, a saturación continuada das Urxencias e  a sobrecarga dos profesionais, que traballan nunhas condicións que dificultan unha atención adecuada. Núñez Feijóo, cando fixo referencia a este suceso por primeira vez, sinalou aos profesionais: declarou que era necesario indagar “se houbo un erro no diagnóstico previo” da doente e se, polo tanto, se podería ter evitado o deceso.

Epílogo. Cando a propia Administración vulnera a legalidade vixente, cando os responsables públicos dictan normas e elaboran leis que deixan no desamparo e á intemperie a persoas maiores, aos enfermos, aos dependentes e aos máis necesitados, é que algo falla. Cando os bancos e as compañías aseguradoras poden eludir o seu deber de pagar as deudas e mesmo provocar, de xeito impune,  un dano moral irreparable a persoas indefensas, é que a sociedade funciona mal. Temos unha sociedade enferma que non pon os medios para protexer aos máis vulnerables; e temos uns dirixentes que, coas súas decisións e a súa displicencia, axudan a afondar no sufrimento e a provocar máis desamparo. Algo teremos que facer para defendernos de tanta insania.