lunes, 24 de septiembre de 2012

O fracaso do hospital de Vigo

En Galicia Hoxe


A comarca de Vigo -con máis de 600 mil habitantes-  precisa, desde hai tempo, un novo hospital. O actual Hospital Xeral quedou pequeno xa na década dos oitenta. A integración, daquela, na rede asistencial do hospital privado Povisa (que atende a península do Morrazo e parte de cidade), mediante un concerto particular costosísimo, representou un atranco para a construcción do hospital central que a poboación precisa e demanda.

O goberno progresista (2005-2009) dou os pasos precisos, coa participación dos profesionais e da cidadanía, para impulsar a construcción do novo hospital. Foi constituída unha Sociedade Pública de Investimentos (SPI), que sería a encargada de xestionar e financiar o proxecto de construcción, que estaba previsto iniciar en 2009 para concluír en 2013. A viabilidade económico-financeira do proxecto estaba garantida.

Mais cando o Partido Popular ocupou o poder na Xunta paralizou este proxecto e substituíuno por outro que utiliza o modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado). Este sistema de concesión, empregado hai anos no Reino Unido para a construcción e xestión dos hospitais, ten demostrado ser menos eficiente e máis caro que a xestión pública. Provoca o deterioro da calidade asistencial, xera problemas na xestión dos hospitais e representa un paso importante de cara á privatizacion da sanidade. No caso de Vigo, ademáis, ao proxectar un hospital máis pequeno do previsto, reforza a presenza e continuidade de Povisa na rede asistencial como hospital de referencia para unha parte importante da poboación da comarca.

Así pois, o novo hospital de Vigo será máis pequeno, moito máis caro, de peor calidade construtiva e vai significar unha severa carga hipotecaria para a Consellería, que terá que pagar durante dúas décadas. Queda secuestrada unha partida importante do orzamento sanitario e o Sergas fica refén da empresa concesionaria. Unha vez construído o edificio, a empresa cobrará un cánon anual á Administración en función da poboación atendida e explotará os negocios que se crean darredor dun hospital (seguridade, aparcadoiros, limpeza, mantemento, hostelería etc). Os gobernantes de Galicia coñecen, con toda certeza, o nefasto impacto económico e social producido por estas iniciativas en Valencia e Madrid –que teñen a sanidade pública na ruína-. Se, con todo o sabido, seguen o mesmo camiño non poden aducir ignorancia. Saben a donde nos levan pero non desviaron o seu traxecto porque hai intereses cruzados coas empresas concesionarias que ven na sanidade unha oportunidade de negocio.

A UTE (Unión Temporal de Empresas) que obtivo a concesión está integrada por constructoras en bancarrota e bancos arruinados. A Consellería de Sanidade adxudicou o contrato a un consorcio constituido polas constructoras Acciona, Puentes y Calzadas, Altair Ingeniería y Aplicaciones, OCA (Obras, Caminos y Asfaltos) e por Conccesia Cartera na parte financeira (formada polo grupo Ribera Salud, Caja de Ahorros del Mediterráneo e Bancaja –agora integradas en Bankia-). Este banco ven de recibir perto de 24.000 millóns de euros de diñeiro público, o que representa o maior rescate dunha entidade bancaria na historia de España.

O informe técnico necesario para a adxudicación da obra á mencionada UTE  elaborouno a consultora PwC (onde traballou De Guindos como xefe de servizos financeiros despois de abandoar Lehman Brothers, e onde aínda traballa a filla da conselleira). O Sergas pagoulle por este traballo 220.000 euros, aínda que o informe non aparece no expediente completo solicitado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo que os defensores da sanidade pública sospeitan que tal  informe non existe.

Neste tipo de proxectos as empresas adxudicatarias utilizan diversos mecanismos para obter máis beneficios. Un deles é realizar sucesivas modificacións sobre o presuposto inicial. A UTE do novo hospital de Vigo xa deu o primeiro aviso no mes de xuño: despois de facer a cimentación reclamoulle ao Sergas un sobrecuste de 8 millóns de euros por ter que improvisar solucións na obra “ante a falla do estudio xeotécnico do solar”. Entenden que o estudio debía ser facilitado polo Sergas como promotor da obra. 

Pero a maior sorpresa deuse a coñecer a finais do mes de agosto. A prensa dou noticia de que ningún banco accede a prestar diñeiro para o novo hospital. A propia concesionaria confesaba nun escrito que “a día de la fecha -4 de julio-, transcurrido más de un año desde la adjudicación del contrato, el acceso a la financiación bancaria se ha visto cerrado”. A UTE é incapaz de obter nos mercados financeiros os créditos necesarios para continuar a obra que iniciaron co 20% do financiamento previsto, con recursos propios da concesionaria. Así pois, a obra está parada. De feito, no lugar da obra apenas hai actividade. Segundo os sindicatos xa cortaron máis de cincocentos contratos e só quedan alí uns 50 traballadores que se adican a tarefas de mantemento, sen que a construcción avance de ningún xeito.
 
Todo parece indicar que este proxecto xa naufragou, como tantos outros iniciados durante o mandato de Núñez Feijóo. A convulsa situación que viven as entidades bancarias non lles permite participar nun negocio de porvir tan incerto como este. Os partidos da oposición xa reclaman o rescate para a financiación pública da obra e a xestión do novo hospital de Vigo. SOS Sanidade Pública ten feito numerosas manifestacións nese mesmo sentido. Haberá que volver atrás e reiniciar o camiño que se truncou no 2009 coa chegada do Partido Popular ao poder. Pero xa provocaron un dano irreparable á poboación da comarca de Vigo. Perdéronse catro anos por querer convertir a sanidade nun espazo de negocio na vez de procurar o beneficio dos cidadáns. Quen vai pagar este retraso?


domingo, 16 de septiembre de 2012

Os negocios na sanidade galega

En Galicia Confidencial




Os actuais gobernantes de Galicia non cren nos servizos públicos. O seu ideario ultraliberal lévaos a afirmar que a xestión privada é mellor que a pública. Mais no terreo sanitario hai razóns dabondo para afirmar o contrario. A experiencia das Fundacións Sanitarias, impulsada en Galicia por Romay e o seu equipo (Núñez Feijóo, Enrique Castellón) foi un fracaso. O grave endeudamento das mesmas e o descontento xeralizado da poboación e dos profesionais levou ao goberno de Pérez Touriño a integralas na rede do Sergas. A privatización dos hospitais en Valencia e Madrid provocou un severo deterioro da calidade asistencial e un importante incremento do déficit económico destas comunidades. O resultado de todas estas experiencias é de dominio público e ninguén pode alegar descoñecemento das mesmas.
Mais, a pesar de todas as evidencias, o presidente da Xunta insiste na súa intención de privatizar todo o que non sexa o núcleo duro do sistema sanitario. Porque o que realmente buscan non é mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos públicos; o que persiguen é xerar espazos de negocio privado a expensas dos orzamentos públicos. Desde que o Partido Popular tomou o poder na Xunta de Galicia xa se deron moitos pasos nesta dirección. No terreo sanitario os exemplos son numerosos.

-A central de chamadas. Conseguir unha cita para o médico de familia era ben doado: as chamadas telefónicas eran atendidas polo persoal de recepción dos Centros de Saúde. Agora existe un servizo automatizado que require dar correctamente once pasos sucesivos para obter a citación. O resultado xa sabemos cal é: catro de cada dez chamadas non consiguen finalizar o proceso. No medio rural volvemos a ver unha estampa do pasado: as persoas maiores agardando, pola mañán cedo, ás portas do Centro de Saúde. O que debería ser unha mellora convírtese nun atranco para o acceso á atención sanitaria. Este servizo foi adxudicado a unha empresa leonesa, Telemark Spain SL, que non ten ningún empregado en Galicia. A maior parte dos seus traballadores concéntrase en Latinoamérica.

-O centro loxístico, de almacenamento e suministro vai distribuir material sanitario aos centros sanitarios de toda Galicia. Esta tarefa viña sendo realizado nas áreas sanitarias por persoal propio do Sergas, coa máxima eficiencia e sen que houbese ningun problema. Agora esta actividade pasa a mans privadas cun custe de perto de 100 millóns de euros e facilítanlle a unha empresa o control do suministro e o manexo dunha información de enorme interese estratéxico empresarial. Perto de Negreira ergueron, nun tempo record, unha enorme nave na que van centralizar este servizo. A empresa concesionaria é Severiano Gestión SL que, casualmente, xestionaba no ano 2004 o arquivo de historias clínicas dos pacientes do Hospital de Pontevedra, onde se producíu un  incencio que deixou ao hospital sen documentación clínica. Tamén xestionaba en 2005 unha nave que almacenaba material da Consellería de Educación valenciana e que tamén ardeu. No informe policial sinalábase a posibilidade de que o lume fose intencionado. Agora que o as historias clínicas están informatizadas a actual administración concédelle a esta empresa a xestión dun servizo que era realizado de maneira perfecta por persoal propio e sen custe engadido.

-A privatización do servizo de diálise do hospital de Barbanza. A Consellería de Sanidade pretendeu privatizar este servizo, mais a intensa movilización impulsada pola Plataforma en defensa da sanidade pública desta comarca consigueu frear, polo momento, este proceso. A pretensión da Consellería é transferir o servizo de diálise á Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo (FRIAT), entidade privada que xestiona diversos centros de diálise en toda España (tres na provincia de Ourense). Son patronos desta fundación José Manuel Romay Beccaría (actual presidente do Consejo de Estado) e Enrique Castellón  (compañeiro de viaxe de Núñez Feijóo, pois ambos ocuparon altos cargos na Consellería de Sanidade e no Ministerio co citado Romay). Castellón tamén é o promotor dunha sociedade de capital risco (Cross Road Biotech), dedicada á investigación en biomedicina, que conta cunha aportación importante (o 50 por cento) de diñeiro público. Este proxecto foi presentado en A Coruña o pasado mes de xullo, contando coa presenza do presidente da Xunta.

-O hospital privado Povisa. Todos os hospitais privados de Galicia teñen concertos co Sergas, que ven ser o seu principal cliente. Mais a relación do hospital Povisa coa sanidade pública é especial. Desde os anos 80 da cobertura asistencial a uns 140.000 habitantes da cidade de Vigo e da península do Morrazo, sendo o hospital de referencia para esta poboación a todos os efectos, como se fose un hospital público. Por esta actividade ingresa unha cantidade elevada, establecida no seu concerto particular. Este acordo privilexiado permiteulle ao hospital realizar un crecemento espectacular en novos espazos, servizos e renovación tecnolóxica. Sen embargo, o ratio de traballadores por cama está moi lonxe dos hospitais do Sergas, e as enormes listas de espera que provoca constinúen un problema crónico, que sofre a poboación adscrita. Os defensores da sanidade pública levan anos reclamando a suspensión deste concerto con Povisa, e realizaron numerosas denuncias sobre os déficits na atención deste hospital.
O concerto particular que vincula este hospital co Sergas está a ser negociado nos últimos meses. Os seus propietarios e xestores teñen a extraordinaria fortuna de ver no outro lado da mesa a Rocío Mosquera, que foi xerente do sanatorio La Esperanza de Santiago (pertencente ao grupo Nosa Terra, propietario de Povisa) durante moitos anos. Hai un evidente conflito de intereses que debería impedir a esta persoa participar nesta negociación.

-A renovación tecnolóxica.  A Consellería de Sanidade deixa comprometidos 200 millóns de euros para realizar, con xestión privada, a renovación da alta tecnoloxía dos hospitais do Sergas; esta decisión foi moi cuestionada pola oposición e polas organizacións que defenden a sanidade pública. Tamén poderíamos falar da cesión á empresa Indra Sistemas (que realiza numerosos traballos para a Xunta de Galicia) da xestión das tecnoloxías da información do Sergas, incluindo a receita electrónica e o programa Ianus.

Con todo isto non facemos máis que unha breve aproximación aos espazos de negocio que os actuais gobernantes estiveron a crear darredor dos orzamentos sanitarios. Mais o principal negocio previsto polo goberno de Núñez Feijóo é o novo hospital de Vigo. Diso falaremos nunha próxima entrega.