sábado, 22 de octubre de 2011

O galego e a saúde

A relación do médico co paciente non é unha cuestión técnica: é un encontro entre seres humanos. Nese encontro hai unha persoa que sufre e outra que ten recoñecida pola sociedade a capacidade para aliviar os seus males. O principal instrumento terapéutico do sanitario é a palabra. Un acollemento cordial, respectuoso e afectivo ao doente ten, por sí mesmo, capacidade curativa. Nas Facultades de Medicina dáselle moito valor á aprendizaxe da anatomía, da fisioloxía e das técnicas exploratorias; á comunicación humana préstanlle menos atención. A propia sociedade idolatra a tecnoloxía sanitaria; máis, cando a doenza chega, todos nos decatamos da importancia do trato humano.

En Galicia temos dous idiomas: a nosa lingua propia, o galego, e tamén o castelán, que está instalado desde hai moito tempo neste territorio por razóns históricas. O que debería ser considerado unha riqueza (dispor de duas linguas que nos permiten a comunicación con millóns de persoas doutras xeografías) tense convertido nun problema lingüístico que cómpre arranxar. Na vez de celebrar e protexer este agasallo hai certos sectores que desexan a desaparición do galego e que Galicia sexa unha sociedade monolingüe. Nun dos seus libros escribeu Teresa Moure: “As linguas son a primeira e máis importante das manifestacións culturais, o seu exterminio é un atentado contra o patrimonio cultural da Humanidade. A diversidade lingüística é un ben de todos”. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade debe tamén protexerse a diversidade lingüística. Se unha lingua morre empobrécese o planeta.  Cando unha sociedade dispón dunha lingua propia posúe, tamén, unha forma diferente de interpretar a vida. Esto evidenciase de xeito moi notable no terreo da saúde e da enfermidade.
Rio no bosque (Óleo. Albeos)

A coexistencia de dous idiomas condiciona a relación no ámbito sanitario. A persoa que usa o galego a cotío síntese mellor atendida si o profesional lle fala no mesmo idioma. Máis o certo é que o galego na sanidade ten unha presenza residual: somos moi poucos os sanitarios que o empregamos no exercicio da profesión. Dase, a miudo, o fenómeno da ocultación da propia lingua: o paciente diríxise ao profesional en castelán, pois entende que colocarse no seu territorio lingüístico pode facilitar a comunicación. Por eso é tan importante que os profesionais fagamos unha oferta positiva, sendo nós os que falemos en galego desde o primeiro encontro. Esto facilitará a comunicación e a relación terapéutica. 

A recuperación do galego no ámbito sanitario pode ter, ademáis, un efecto positivo para o propio idioma. A consideración social que ten a medicina e o grande número de contactos que se producen a diario co sistema sanitario contribúen a prestixiar o galego, de ser utilizado éste de xeito habitual. Eso é o que pretende un grupo de profesionais que ven de constituir a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que ten como obxectivo principal potenciar o uso do galego na sanidade, por entender que é beneficioso para a relación terapéutica e tamén favorable para a saúde do propio idioma, hoxendía moi precaria.

Esta Irmandade, que nace baixo o paraugas da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, será presentada o vindeiro sábado, 29 de outubro, na Estrada, no transcurso dunha homenaxe ao doutor Manuel Reimóndez Portela, que traballou moitos anos nese concello e deixou relatadas algunhas das súas vivencias no libro “Un médico na aldea”. No transcurso dese acto recibirán un diploma de honra os primeiros 35 membros desta Irmandade; son profesionais de toda Galicia que se teñen distinguido polo compromiso coa língua no seu exercicio profesional


martes, 18 de octubre de 2011

Na defensa da sanidade pública

 En Galicia Hoxe

Cando Núñez Feijóo tomou posesión como presidente da Xunta, en abril de 2009, debuxou un escenario catastrófico, baseado na crise económica, que lle permitiu predicar unha política de austeridade extrema. Afirmou, daquela, que os recortes nunca afectarían á sanidade e á educación, piares do estado do benestar. Mentiu: pasados dous anos os feitos desminten radicalmente as súas verbas: está a desenvolver unha política ultraliberal que provoca un deterioro notable nos servizos sanitarios públicos namentras favorece negocios privados a costa dos orzamentos. Nestes días pasados xa avisou: “O que fixemos en Galicia é o que imos facer en toda España”. E non está só; tamén Ana Pastor afirmou que “o PP recortará un 25% do gasto coa súa reforma sanitaria”. O que non explicou é que servizos deixará de ofrecer a sanidade pública e cales terán que abonar os cidadáns mediante copago. 

A sanidade pública en Galicia experimentou, durante os catro anos de goberno de progreso, un avance extraordinario. O apoio político decidido aos servizos públicos plasmouse en melloras tecnolóxicas e organizativas, na integración na rede do Sergas das arruinadas Fundacións Sanitarias, na creación de novas prazas e a consolidación do emprego dos traballadores. O impulso foi especialmente visible na Atención Primaria (AP) donde se incrementou a carteira de servizos, dotouse de medios aos Centros de Saúde e informatizáronse as consultas, coa posta en marcha da historia clínica e a receita electrónica, que permiten mellorar a calidade da atención sanitaria. Toda esta tarefa puido ser realizada co apoio de moitos profesionais que aportaron o seu esforzo e colaboración. Tamén houbo que superar, daquela, a oposición frontal do PP e de certos axentes sindicais, que puxeron todos os atrancos posibles e provocaron crispación nos centros de traballo para dificultar os avances.

O actual goberno do PP fixo un enorme recorte no orzamento de AP (22% nos últimos dous anos), desmontou o Plan de Mellora e puxo en marcha a xerencia única que fai desaparecer as xerencias de AP e deixa este nivel asistencial como un apéndice dos hospitais. É ben sabido que a mellora na eficiencia dos servizos sanitarios pasa polo fortalecemento dao primeiro nivel asistencial, que debe constituir o eixo do sistema e estar dotado de persoal e medios para ter maior capacidade de resolución. Pero esta Xunta tomou o camiño contrario: aniquila a AP e favorece unha política sanitaria “hospitalocéntrica”, que provoca máis gasto, mais iatroxenia e menos eficiencia.
Diante destes feitos a resposta dos profesionais e das organizacións profesionais foi o silencio. Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública, clamaba nun escrito recente: “É que os profesionais perderon a esperanza nunha AP de calidade? Non hai capacidade de iniciativa na AP? Renunciamos ao futuro?”. Algúns  profesionais, se cadra, están satisfeitos coa situación: a proximidade ideolóxica ao partido gobernante poida que sexa maioritaria. Pero tamén debemos preguntarnos que están a facer as forzas sindicais, noutrora tan belixerantes e intransixentes –algunhas lideradas por os  que agora ocupan postos directivos-; que traballos desenvolven os partidos da oposición, ademáis de lamber nas propias feridas; e cales son as iniciativas das organizacións profesionais para defender o sistema público. Non é preciso preguntar a que se dedican os Colexios de Médicos: son cómplices e compañeiros de viaxe do grupo no poder. 

A nosa sanidade é das mellores e máis eficientes do mundo: o investimento corresponde ao 6% do PIB cando a media na UE é do 9%. A reducción dos orzamentos, a eliminación de servizos e a precarización laboral van provocar a perda de calidade asistencial. De non producirse unha resposta dos cidadáns o deterioro da sanidade continuará sen remedio ata que só teñamos uns servizos de beneficencia para os máis e unha  sanidade privada para a élite económica. A plataforma SOS Sanidade Pública está a convocar mobilizacións contra dos recortes sanitarios: “Míntennos: queren converter a nosa sanidade pública, e o dereito a unha atención sanitaria digna, nun negocio privado”. Se non hai resposta social seguirán a utilizar as tesouras, ata que non haxa xa onde cortar. Se deixamos destruir o sistema sanitario que hoxe temos perderase un elemento fundamental de cohesión social. Cómpre elevar a voz para que saiban que estas políticas de recorte público non son aceptadas pola maioría da poboación. E debemos lembrar que hai un punto de non retorno: chegados a certo nivel de destrucción xa non é posible recuperar o perdido.


lunes, 10 de octubre de 2011

Apple e a obsolescencia programada

En Galicia Confidencial

Un revolucionario da era dixital, un emprendedor sen límites, un líder visionario, un home xenial: non chegan os calificativos para destacar a figura de Steve Jobs,  fundador de Apple (a empresa tecnolóxica que encabeza a valoración bursátil, por diante de IBM e Microsoft), que ven de perder a vida a unha idade moi precoz (56 anos) vítima dun cáncro de páncreas. César Alierta –presidente de Telefónica- afirma, con admiración: “Él era un foco de luz neste ecosistema que entre todos estamos impulsando para mellorar o benestar da sociedade”. O deseñador Mariscal escribeu, conmocionado: “O Mac, Pixar, iPod, iTunes, iPhone, iPad: I love Jobs. Grazas por facerte millonario bendendo intelixencia bela. Adeus”. Ainda que agora o presenten coma un Edison moderno a realidade é que este home non inventou nada relevante; pero soubo crear e vender dispositivos informáticos atractivos e fáciles de usar que cambiaron a forma de relacionarse de millóns de persoas en todo o mundo. De ahí o seu éxito e o seu rápido enriquecemento. 

Máis ninguen recorda que esta empresa, simbolizada por unha mazá, -para dar a imaxe de compromiso coa natureza e a ecoloxía-, foi denunciada en 2003 porque as baterías da primeira xeración de iPods duraban só 18 meses. Ante as demandas dos usuarios, Apple respondía que tiñan que mercar un aparello novo, xa que a empresa non dispuña de baterías de recambio. Foi a abogada Elizabeth Pritzker quen presentou unha demanda colectiva, coñecida como “Westley contra Apple”. Demostraron que a batería estaba deseñada para ter unha vida curta, gañaron o xuizo e Apple tivo que crear un departamento de recambio de baterías e aumentar a garantía do producto a dous anos. 

Máis Apple, en realidade, non precisa para nada desta burda trampa das baterías descargadas. Os constantes cambios dos seus dispositivos provocan unha pronta caducidade dos mesmos, e os seus usuarios vense empuxados a un recambio periódico e compulsivo dos mesmos para dispor das melloras introducidas. Neste terreo sí que foi un auténtico xenio o empresario que ven de fenecer. Esta é unha das maneiras de por en práctica o que se chama obsolescencia programada. Defínese así a planificación do remate da vida útil dun produto, de xeito que quede inútil ou inservible despois dun tempo calculado de antemán polo fabricante. Todos os aparellos informáticos, electrónicos e mesmo os electrodomésticos –que tanto nos facilitan a vida no mundo occidental-, están deseñados para que se deterioren nun determinado período, facendo para o usuario máis fácil a súa substitución que a reparación. 

Esta práctica ten un grande impacto medioambiental. Xera tal cantidade de resíduos que fai imposible a súa reciclaxe e está a envelenar a superficie do planeta. Hai un excelente documental (“Mercar, tirar, mercar” de Cosima Dannoritzer) no que se demostra con imaxes esta práctica perversa. Os aparellos que nós tiramos (móbiles, ordenadores, impresoras) chegan a África. En Ghana, á beira do río Densu, está o vertedoiro tóxico de Agbogbloshie, inmenso territorio nauseabundo donde centos de rapaces revolven entre o lixo buscando restos de cobre ou aluminio. As imaxes resultan impactantes. 
A OCU tamén ven de denunciar a fraude na reciclaxe dos resíduos electrónicos. Colocou emisores GPS en 15 electrodomésticos e levounos a un punto limpo. Só seis foron tratados correctamente; o resto remataron en vertedoiros ilegais, chatarrerías e mesmo en “zonas de sombra”, posiblemente en recipientes para ser exportados. Sábese que moitos productos electrónicos e informáticos chegan ao Terceiro Mundo como axudas para a modernización cando en realidade só se trata de lixo que envelena os rios, destrúe a paisaxe e compromete u futuro.

Neste tempo de crise haberá que replantexar as forma de producción, comercialización e consumo nas que estamos instalados, se non queremos rematar coa vida no planeta convertida nun inferno. O economista Serge Latouche propón a idea do decrecemento para tentar conxugar economía e sostibilidade. De seguir con este consumo compulsivo da última novidade da telefonía móbil, o lixo electrónico, que nós mesmos provocamos, acabará por envelenar a nosa existencia.