martes, 26 de julio de 2011

O principio activo

En Galicia Hoxe

1. Os conceptos.
O principio activo é o que importa dun fármaco. É o que garante a eficacia terapéutica. Nas farmacias pode haber diferentes marcas comerciais, e na composición dos medicamentos poden variar os excipientes (sustancias que se usan para darlle consistencia ás medicinas) pero nunca o principio activo. O sistema público debe garantir que os pacientes reciban o principio activo axeitado para o tratamento da súa doenza, á marxe do nome que o fármaco teña no envase.
O medicamento xenérico é aquel que ten o mesmo principio activo que o de marca, ten estudos de bioequivalencia co fármaco orixinal e, polo tanto, ten a mesma actividade terapéutica e ofrece a mesma seguridade no seu uso. Só se pode fabricar un fármaco xenérico cando vence a patente do medicamento de marca. O laboratorio que descobre un novo principio activo ten un período de dez anos para comercializalo sen que se poidan facer copias do mesmo. Pasado ese tempo poderán fabricarse os xenéricos, xeralmente máis baratos, que pasan os mesmos controles que o medicamento orixinal para garantir a súa calidade e seguridade. É obvio que os responsables da sanidade pública deben procurar o uso xeralizado destes fármacos pois obteñen os mesmos resultados con menor gasto. 
 
2. A proposta ministerial.
Na última reunión do Consello Interterritorial (que reúne os responsables de sanidade das 17 autonomías) a ministra propuxo xeralizar a todo o Estado a prescripción por principio activo, recomendada desde hai tempo pola OMS e utilizada xa en algúns países europeos (Francia, Reino Unido). En Andalucía hai unha década que implantaron este modelo e o SAS estima que ten aforrado uns 1.000 millóns de euros. Esta medida, moi beneficiosa para a sostibilidade do sistema sanitario, atopa unha forte oposición na industria farmacéutica que ve reducidos os seus ingresos. Deberán baixar o gasto en ´marketing`, pois arredor do 30 % do prezo de venda ao público das medicinas é provocado polas actividades de promoción. A investigación en novos fármacos non debería verse afectada por esta medida. Agora o Ministerio de Sanidade terá que elaborar e aprobar un Real Decreto para implantar a  prescripción por principio activo en todas as comunidades autónomas.
 
3. A polémica.
A conselleira de sanidade de Galicia non acepta a proposta ministerial, que procura obxectivos que ela dí defender. Esta medida, que conta co apoio da maioría das comunidades e xa se aplica en moitas delas con resultados positivos, persigue reducir o gasto farmacéutico e garantir a sostibilidade do sistema público. Máis Pilar Farjas defende o seu ´catálogo` (recurrido desde o ministerio por posible invasión de competencias). Resulta sorprendente esta posición tan radical: Galicia ven ser a única comunidade do PP que critica a receita por principio activo. Tamén é incongruente este furor soberanista -con vulneración do espazo competencial- mentras outros compañeiros de partido  (Aguirre, Valcárcel) desprezan o estado autonómico e ameazan coa devolución de competencias ao goberno central. Porque, se cadra, o único que importa é o ruído e a propaganda. Se procurase o beneficio dos cidadáns e a fortaleza do sistema sanitario público debería amosar unha maior predisposición ao acordo. Máis, neste momento preelectoral, iso non interesa. As propostas políticas non se elaboran para beneficiar aos galegos: a mirada está posta en Madrid.

viernes, 15 de julio de 2011

Catálogo: o que importa é a propaganda

http://galiciaconfidencial.com/nova/8230.html

Vaia por diante unha afirmación rotunda: emprego moito os medicamentos xenéricos na consulta e defendo a diario diante dos pacientes a eficacia e seguridade dos mesmos. Nos anos noventa eu escribía artigos e falaba en público a favor destes fármacos, pero Feijóo (alto cargo na Consellería de Romay) non facía nada por promover o seu uso. Galicia foi sempre a comunidade con menor consumo de xenéricos. Mentras noutras autonomías impulsaban proxectos nese sentido, aquí os sucesivos conselleiros do PP non fixeron nada. Foi o goberno de progreso o que informatizou as consultas, implantou a historia clínica informatica (Ianus) e a receita electrónica, elementos clave para racionalizar o uso dos medicamentos (ferramentas xa utilizadas con éxito noutras comunidades, que non precisaron vulnerar a legalidade nin retar ao goberno central para procurar os seus obxectivos).

Despois de anos de desatención o PP local, agora gobernante, dibuxa un escenario catastrofista, anuncia que o gasto en farmacia pon en risco a sostibilidade do sistema sanitario e saca da manga un Catálogo Priorizado de Productos Farmacéuticos. Aplicouno desde primeiros de ano, sen escoitar as advertencias do Ministerio sobre a invasión de competencias. Esquecen que os gobernantes tamén teñen que respectar as leis e as regras do xogo democrático. Non se cuestiona o obxectivo desta medida, pero sí o procedemento. Impoñer este catálogo restritivo de xeito unilateral só se entende como un xogo desleal de política partidaria que pretende, sobre todo, xenerar problemas co goberno central e procurar o rédito electoral.

De non presentar recurso de inconstitucionalidade o Ministerio estaría admitindo unha norma que xera desequilibrios entre as distintas comunidades (tampouco é bo que existan 17 catálogos diferentes, como sucede co caos do calendario vacinal infantil). Ao recurrir, o Ministerio defende a legalidade vixente, pero é acusado de cómplice da industria farmacéutica. En calquera caso, nesta xogada de xadrez, o PP vese gañador, e tenta aparecer como defensor da racionalidade contra dos “intereses escuros” do goberno de Madrid. Esa é, polo menos, a versión que divulgan os propios interesados coa colaboración entusiasta de La Voz de Galicia, que ten adicado a este tema varias portadas. 

Nestes días pasados o citado xornal celebraba o levantamento da suspensión cautelar que o Tribunal Constitucional (TC) dictara sobre a aplicación do catálogo, e valoraba esta decisión como un triunfo definitivo da Consellería. Máis a victoria non é tal: cesa a suspensión cautelar da norma pero o recurso sigue o seu trámite e pode que, no seu día, o TC decrete a inconstitucionalidade da mesma. En resumo: 

-A Consellería impón desde xaneiro un catálogo restritivo (non priorizado) que exclúe da financiación pública, só en Galicia, determinadas marcas de medicamentos.
-O Ministerio entende que se invaden competencias estatais e recurre ante o TC.
-Este tribunal acepta o recurso e establece a suspensión cautelar do catálogo.
-Esta suspensión cautelar non foi acatada: o aplicativo informático nunca foi desactivado. A Consellería non respectou a decisión do TC.
-Este tribunal, diante da reclamación da Consellería, anula a suspensión cautelar, pero non o recurso, que sigue adiante.
-Ademáis deste, a Consellería terá que enfrontarse a outros tres recursos presentados ante o TSXG contra do catálogo.
Toda esta cerimonia da confusión está deseñada básicamente como un elemento de propaganda. Trátase dun xogo frívolo e irresponsable iniciado polos actuais gobernantes de Galicia e que persigue o deterioro do goberno central. Ese é o obxectivo oculto de todo este monumental enredo. O aforro en fármacos é, neste caso, un obxectivo secundario. En todo caso sempre debería ser perseguido sen vulnerar as leis nin provocar conflictos entre as distintas administracións do Estado.

lunes, 11 de julio de 2011

O “Sunshine Award” 2011


Hai xa uns días que recibín unha misiva do amigo Antonio Reigosa, principal responsable da magnífica web Galicia Encantada,  na que me notificaba a concesión dun premio internacional para o “Pavillón de repouso”, xunto con outros lugares da rede.  De maneira telegráfica decía o seu correo: "Estimado Pablo, a túa leira na internet  ven de ser distinguida co Sunshine Award. Noraboa!" Fiquei sorprendido e admirado de que esta humilde páxina tivese acadado méritos para tan alta distinción. Quixen recabar máis información e reclameina por escrito. 

"Estimado Antonio: Agradezo moito a distinción con este premio inmerecido. Pero eu son novato neste territorio dixital e preciso algunhas instruccións. Que teño que facer agora? Debo conceder eu outras doce distincións? Existe algun criterio ou só teño que indicar a miña predileccion? Faime chegar as túas indicacións, se é posible. Unha aperta e moitas grazas. PD: Tamén estaría ben saber cal é a dotacion económica destes premios...!"

Deseguida me remiteu as instruccións solicitadas. "Amigo Pablo: Comezando polo máis importante, a dotación económica, estando en crise, vai ser asunto de  resgate europeo. O demais é un agasallo, unha brincadeira, que fai circular listaxes de blogs e webs que consideramos interesantes para que os que nos len a cada un de nós, saiban doutros que nós lemos. Unha forma de promoción que ten efectos multiplicadores se o facemos en cadea. Por tanto, obrigas voluntarias e poucas. Dar conta da concesión do premio na propia web ou blog, escoller unha ducia de enderezos web da nosa estima, poñer o seu nome  e comunicarlles aos seus propietarios que lles concedemos esa distinción. Agardar a que a acepten; mágoa que non se lle poida tomar un viño ou unha caña para celebralo…"
Vou tentar, polo tanto, cumplir a miña parte do compromiso. Agradezo de novo a Galicia Encantada esta distinción e paso a sinalar os doce lugares da Rede aos que o “Pavillón de repouso” concede os seus Sunshine Awards, o que será comunicado puntualmente aos interesados:

    viernes, 1 de julio de 2011

    Galicia Hoxe: unha morte anunciada

     http://galiciaconfidencial.com/nova/8150.html

    Acaba de desaparecer Galicia Hoxe (GH) o único diario en galego que se publicaba neste país. Desde 2003 editáronse perto de 3000 números ata que a crise e “o radical recorte das axudas institucionais converten en inviable este proxecto”. Esta nova, temida desde hai algún tempo, produce un grande desconcerto e unha profunda dor. 

    Doen, en primeiro lugar, os traballadores que viñan desenvolvendo un labor noble e necesario para o país e que agora quedan na rúa. Comparto a pena que hoxe sinte Caetano Díaz, o seu director -un bo amigo desde tempos remotos, cando os dous éramos novos, felices e indocumentados-, que adicou algúns dos mellores anos da súa traxectoria profesional a este proxecto que agora fenece. Tamén participo do seu anoxo cando sinala ao actual presidente da Xunta como principal responsable do deceso: “Coa chegada a Monte Pío do ´señor das tesoiras` no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada”. 

    Sinto mágoa porque desaparece un medio de comunicación aberto e plural, un punto de encontro que acollía como casa común a xente moi diversa, con discursos mesmo contrapostos que convivían nestas páxinas en discrepante harmonía. Tiven a fortuna de colaborar tanto en O Correo Galego como en GH e sempre dispuxen de absoluta liberdade para expresar as miñas ideas sen ningunha restricción. 

    Produce desesperanza ver como a sociedade galega deixa esmorecer ata a súa desaparición o único xornal editado na lingua propia, sen que se produza unha reacción colectiva que permita garantir a súa pervivencia. Esta perda ten un profundo significado simbólico. E non é a primeira publicación escrita en galego que desaparece; antes pecharon Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira… Estas ausencias representan un serio revés para a pluralidade informativa, para a saúde democrática e para o futuro do galego.

    Causa estupor observar a actuación dos actuais gobernantes, que amosan unha belixerancia activa contra do idioma e dos medios de comunicación que o utilizan. Algo estamos a facer mal neste país para que ocupe o poder un grupo marcadamente antigalego, instalado no autoodio e no desprezo ao que nos é máis propio. Na vez de situar a defensa e promoción da lingua como unha prioridade social, de entender que o idioma é un dos principais patrimonios dun pobo e da Humanidade, -que debe ser protexido e potenciado desde os poderes públicos-, están a facer todo o contrario: na vida política, no contorno educativo, no mundo editorial e nos medios de comunicación están a desenvolver medidas restritivas que condenan á nosa cultura á morte por asfixia. O señor Núñez Feijóo poderá quedar na Historia como o presidente que actuou deliberadamente desde o poder para aniquilar a cultura e o idioma propio deste país.